Lois Z e Pablo F. Barba, final de duelistas

Pablo Fernández Barba (á esquerda) e Lois Z.

César Lorenzo Gil.

Lois Z e Pablo Fernández Barba culminan esta semana o I Torneo de Duelistas Biosbardia. Logo dunha competida fase eliminatoria, os dous son os finalistas. Mediranse entre si mediante o tema “Soños” para ver quen é quen de poñer a súa primeira estreliña de campión na funda do móbil. Dous estilos diferentes para ver de convencer o xurado (o resto de participantes no torneo) de que o seu último relato do 2017 merece o premio do lote de libros galegos.

Pablo Fernández Barba: “Hai unha ducia de relatos deste torneo que xa quixeran para si moitas escolmas editoriais”

Vostede chegou á final tras pasar unha fase de grupos e dúas eliminatorias. En pouco tempo tivo que escribir un feixe de relatos. Está afeito a este alto ritmo de escrita?

Pasar, pasar… pasei dúas eliminatorias, non podo dicir que pasase unha fase de grupos coma o resto de compañeiros. No meu grupo eramos da partida tres duelistas pero na primeira xornada retirouse Tomás González Ahola. O certo é que conciliar traballo, familia e escrita a un tempo sempre resulta complicado, mais tendo esa escrita data límite de entrega como ten, a cousa complícase un chisco.

Chega á final nun torneo no que participaron unha chea de autores publicados. Como valora o nivel deste I Torneo de Duelistas de Biosbardia?

Moi, moi alto. Tanto que me sinto de prestado nesta final. Non me vou referir a ningún relato en concreto, pero véñenme á cabeza uns dez que xa quixeran para si moitas escolmas editoriais.

É a primeira vez que un medio especializado en libro en galego acolle unha competición de narrativa. Segundo o seu punto de vista debería dárselles continuidade aos “Duelistas”?

Ao que se lle debería dar continuidade é ao certame. A este ou a calquera outro polo estilo. Á oportunidade de xuntar un Wild Bunch de perdidos e poñelos a escribir. De seguro que hai unha morea de xente aí fóra á que ninguén do sistemiña lle fixo caso nunca e que ten verdadeiras alfaias que compartir. Se Biosbardia é quen de xuntar ese exército de Pancho Villa, quen sabe se aínda non será demasiado tarde para iniciar unha revolución que ameaza con non chegar nunca.

Gañe ou perda na final, que valores literarios son os que lle gustaría deixar como pegada persoal neste torneo?

Prefiro falar da pegada que deixou o torneo en min. A posibilidade de ler e mesmo baterme con xente de moito talento, a de poder coar os meus propios textos ao carón dos de outra xente que considero moito máis válida ca min. E, sobre todo, a de animarme a probar cun formato, o do relato, que ata hai unhas semanas era para min Terra Incognita.

Fáleme do seu relato favorito do que levamos de torneo. Pode ser do seu rival.

Xa o teño dito antes: calquera dos relatos asinados por Erica Couto ou por Marcos López (quitando o de semifinais, que xa lle valeu ao galgo do tío Alegrías poñerse a mexar cando saltaba a lebre; é dicir, penso que foi o peor da súa serie), “Limoeiro”, de César Lorenzo Gil e “Remixio e Madalena” de Lois Z.

Que modificacións propón vostede para futuras edicións da competición en Biosbardia?

Pois non sei, se cadra un pouco máis de cancha na limitación dos textos e, para evitar anomalías literarias coma esta de terme a min na final, alongar a fase de grupos e reducir o torneo do KO a semifinal e final.

Lois Z: “O torneo debe servir para reivindicar a crítica como método de aprendizaxe”

Vostede chegou á final tras pasar unha fase de grupos e dúas eliminatorias. En pouco tempo tivo que escribir un feixe de relatos. Está afeito a este alto ritmo de escrita?

O certo é que si, teño experiencia en escribir a ritmo semanal e neste formato de 500 palabras. Gustaríame un día aproveitar este adestramento para atacar a escritura dunha novela co mesmo frenesí, pero aínda non me chegou a hora de andar ese camiño.

Chega á final nun torneo no que participaron unha chea de autores publicados. Como valora o nivel deste I Torneo de Duelistas de Biosbardia?

O nivel foi moi alto tendo en conta as limitacións de tempo e tema que impón o torneo. Marcos López Concepción foi o que máis me abraiou, é un escritor de primeira. E aínda así, perdeu un duelo. Esa é unha das cousas que marca o bo nivel do Torneo, que non hai vitorias aseguradas nin o criterio dos votantes está demasiado nesgado como para apostar por un único modelo de relato ganador.

É a primeira vez que un medio especializado en libro en galego acolle unha competición de narrativa. Vostede foi o impulsor deste torneo, de feito. Segundo o seu punto de vista debería dárselles continuidade aos “Duelistas”?

Cando me puxen a recrutar xente para o torneo sorprendeume a boa acollida que tivo a idea. Pensei que moitos dirían “non” por cuestión de tempo, de pouco interese na iniciativa ou mesmo pola simple inercia de non meterse quen sabe onde. Pero foi ao contrario, até os que non podían quedaron laiándose porque realmente non podían apuntarse. E isto logrouse só picando xente entre os meus contactos ou amigos de amigos. Se a convocatoria fose pública e debidamente promocionada as 16 prazas encheríanse en dous días. Á xente que escribimos gústanos este tipo de actividades exhibicionistas –un escribe para que o lean, non?– e xa que houbo a sorte de que Biosbardia tivo a visión de valorar como positivo ser sede do torneo eu coido que a cousa non pode rematar aquí. Ten que haber novas edicións, con novos duelistas tamén, e non só iso, tamén novos eventos e concursos nos que os autores sexan os seus propios xuíces.

Gañe ou perda na final, que valores literarios son os que lle gustaría deixar como pegada persoal neste torneo?

Gustaríame transmitir a idea de que falar con sinceridade das cousas que a un non lle gustaron dun relato é positivo. Que unha crítica non é un ataque a quen escribiu o texto analizado nin busca destruír a súa autoestima nin facerlle cambiar de estilo. Por iso me parece importante que os participantes, como autores que son, valoren os relatos dos demais, que se mollen, que saiban tamén o que é emitir un xuízo que talvez de primeiras non será ben recibido. A través dos comentarios propios un coñécese mellor a si mesmo, o que lle gusta e o que non, e forzándose a explicarllo aos demais aprende a identificar recursos e estruturas que logo poderá usar ou evitar nos seus textos. Non é estraño descubrir como alguén que celebra o ben que está tal relato logo escribe o seu contradicindo os principios que sustentaban a calidade daquel. Estimular o noso “eu” crítico é necesario para conectar o noso “eu” lector, que sabe apreciar a beleza nas obras dos demais, co noso “eu” autor, que tenta creala desde cero mediante calquera medio de expresión. Isto é o que me máis gustaría conseguir co torneo, reivindicar a crítica como método de aprendizaxe.

Fáleme do seu relato favorito do que levamos de torneo. Pode ser do seu rival.

Hai varios que me gustaron moito. Que escolla un ou outro como favorito pode depender do día que mo preguntes. Hoxe elixiría “Limoeiro”, de César Lorenzo Gil. Ten a mestura perfecta de elementos que fan bo un relato curto. Un tema que toca de preto o lector, un inicio potente e directo que dará logo pé a unha intriga, unha resolución máis emocional que física –non se trata só de ver se o limoeiro ardeu–, e todo contado cunha gran técnica baseada na sinxeleza: frases curtas e un par de comparacións tan inesperadas como acertadas que deixan pegada na memoria.

Que modificacións propón vostede para futuras edicións da competición en Biosbardia?

Creo que o modelo do torneo está bastante depurado. Falta regular mellor o que sucede no caso dos empates. Fóra diso, bótase de menos, como xa mencionou algún compañeiro, un lugar en encontro común entre os participantes, onde poder falar do torneo en xeral e de paso coñecernos un pouco máis entre nós. Un grupo de Facebook para os duelistas?

Advertisements

2 comentarios en “Lois Z e Pablo F. Barba, final de duelistas

  1. A pena é que chegaran á final xusto estes dous… os comentarios dese duelo vanse resentir sen Lois largando parrafadas e analizando os relatos palabra por palabra, e tamén sen Pablo, demostrando que non ten nin puta idea (pero nin disto, nin de cine, nin de nada) en cada unha das súas frases.
    En fin, agora xa en serio, boa sorte aos dous e que gane o mellor!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s