‘À la maison par la cheminée’ vs ‘O soño de Brais’

Pesadelos. MICHAEL WILECZEK/FLICKR.

Duelo final entre Lois Z e Pablo Fernández Barba ao redor do tema ‘Soños’. Deste “combate” sairá o primeiro campión do torneo de duelistas de Biosbardia.

ACTUALIZACIÓN DO 27 DE DECEMBRO DO 2017: Por motivos que só poderemos desvelar unha vez se coñeza o nome dos autores de cada relato, o texto titulado ‘Singularidade’ deixa de competir na final. O día 2 de xaneiro publicaremos o relato que o substitúe. Pregamos desde Biosbardia aos participantes e “comentaristas” do torneo de duelistas que volvades emitir o voso xuízo crítico e voto entre os días 2 e 6 de xaneiro. Pedímosvos desculpas e agradecemos a vosa comprensión.

ACTUALIZACIÓN DO 3 DE XANEIRO DO 2018: Reiniciamos o período de comentarios e votación da final do torneo. Os participantes teñen até o 10 de xaneiro ás 23h59 para emitirdes os vosos votos.

 


À la maison par la cheminée

Enchoupado en alcol e olor a carne, David deixouse levar por entre a escuridade ata dar coas contras da fiestra da cociña. Podería ter escollido calquera outra para ollar, a da sala, que era máis grande e cómoda, pero coma as outras veces volveu escoller a da cociña. A presenza do forno de leña, pensaba, xustificaba o cheiro a carne asada que carretaba incrustado nas ventas e nos miolos as vinte e catro horas do día, e dalgún xeito dotaba a escena dun realismo maior. Iso, segundo el, facía que o soño durase máis. Malia todo, a esas alturas David estaba xa tan afeito a refuxiarse naquel reduto de paz que nin sequera tivo que pensar que contras abría: limitouse a empurralas para contemplar, quen sabe se por última vez, o patio da que fora a súa casa, e agardou a que comezase a representación á que se vira reducido o sentido da súa existencia macabra.

Non tardou en aparecérselle Eva no lugar de sempre, apoiada contra o marco do portalón do palleiro, co pelo recollido nun pano bordado de flores e o corpo embutido en roupa de faena. Allea á presenza do seu home, pasaba o brazo pola fronte para secar a suor que lle escorrentaba e perdía a mirada nos outeiros do horizonte, co aceno canso dunha xornada de traballo calquera. Daquela, fieis ao guión, Sara e o pequeno Saúl saíron correndo por entre as saias da súa nai cun pau na man, perseguindo unha pava desplumada que fuxía do escenario con paso extravagante, mentres Eva loitaba por lles berrar unha rifa mal disimulada embaixo da gargallada de felicidade que lle enchía a boca e que David non conseguía ouvir. De feito, había meses que esquecera como soaban as súas voces. Por iso organizaba o pase aquel, para non esquecer tamén as súas facianas. Sabía que nada de aquilo era real, sabía que os seus fillos marcharan tras a porta de aceiro do número catro e que a súa dona marcharía por calquera das outras tres, pero así e todo sorría, satisfeito pola certeza de conservar aínda as súas imaxes vivas na cabeza.

Entón, sen aviso previo, as contras da fiestra pecháronse de golpe, a súa familia volveuse converter en cinzas, e o pobre David espertou sobre un montón de sacos de palla húmida, rodeado de botellas baleiras de vodka. «Merda, home, esperta dunha puta vez!», escoitoulle berrar a Iossef segundo loitaba por esquivar as súas patadas, «Érguete, que temos traballo!». Atordado, borracho e incapaz de pórse de pé pola súa conta, David protestou tatexando que el xa rematara a súa quenda mentres o seu compañeiro o arrastraba polo corredor adiante. «Non me amoles, ho, que esta noite chegaron dous convois cheos de húngaros e hoxe dobramos todos. Veña, bule, que xa nos reservei sitio diante do número catro e aínda nolo van quitar». E así, ben que mal, conforme por ter que cargar só cos corpos dos máis pequenos, David entrou de volta no pesadelo.


O soño de Brais

Cada vez que arrastro o carriño polo corredor dos lácteos do Carrefour, a miña peregrinación alimenticia fai unha parada na sección dos queixos de cabra e mesturas. E eu, que non como queixo, remexo a fondo entre o xénero na busca de algo que me recorde o pequeno Brais e o seu soño para poder virarme de súpeto e dicirlle á miña dona: «Mira este queixo, Paloma! É o queixo de Brais!». A escena nunca será tan memorable como me figuro. De seguro que ela, tantos anos despois, xa non se acorda de Brais.

Brais tiña doce anos e estaba en primeiro da ESO. Aquel ano eu dáballe clase de Xeografía e Historia como profesor substituto en Muros. Pero Brais só pensaba nunha cousa, en queixo de cabra. El quería dirixir a máis grande queixería do país. «Para que me serve estudar a democracia ateniense, profe? Eu só quero facer queixo». Ás veces víñame con preguntas así. Eu retrucáballe con que para ser un bo empresario tiña que estudar moito e ir á universidade pero non había quen o movese, el só quería facer queixo. O Doval, o profesor de matemáticas, sabía captar moi ben a súa atención. Sempre metía algunha cabra nos enunciados dos problemas. «A ver, Brais, se tes 150 cabras e queres aumentar a produción nun 50%, cantas cabras máis precisas?», preguntoulle unha vez. Brais respondeu que el sabía aumentar a produción de leite sen mudar o número de animais da explotación, todo dependía do número de crías que tivesen ó ano. O Doval, co seu doutorado en económicas, non sabía nada sobre a industria do queixo.

Brais non facía os deberes, non estudaba e non atendía na clase. Non lle interesaba nada que non fosen os queixos de cabra, tenros, curados ou semicurados. Unha vez conseguín que fixese un traballo de clase e entregou vinte páxinas manuscritas que viñan sendo o plan de empresa da súa futura queixería, incluíndo un estudo de viabilidade económica a cinco anos. Non sei que foi de Brais despois de marchar eu de Muros. O pedagogo quería atrasalo un ano porque o neno non coñecía os contidos básicos das materias do curso. No exame final de Xeografía e Historia eu púxenlle un cinco malia que non respondera ben ningunha pregunta.

Ás veces véñenme arrebatos de desacougo, sáenme do fondo da barriga e chéganme ó peito. Pásame sobre todo cando miro os queixos no Carrefour e non atopo o de Brais. Entón ó chegar a casa vou onda o meu fillo, que ten a idade do Brais cando eu o coñecín, e pregúntolle que quere facer de maior. El encóllese de ombros e continúa cos seus xogos sobre a alfombra. «Non sei, papá, calquera cousa», adoita dicir. Non sabes a tranquilidade que me dan esas palabras.

Advertisements

19 comentarios en “‘À la maison par la cheminée’ vs ‘O soño de Brais’

  1. O meu voto vai para ‘À la maison par la cheminée’. Non gustei nada do outro relato, nin da súa narrativa nin do xogo de empregar algúns dos relatos do certame como retallos para conformar a súa particular saba dos soños. Penso que o resultado final é incoherente. O segundo relato, no entanto, paréceme moi ben narrado, ao nivel dunha final e a historia é fermosa de principio a fin, conxugando á perfección o onírico co real e ilustrando o mundo dos soños co realismo das lembranzas máis intensas. Penso que sería un merecido gañador.

  2. Vaia. Unha continuación para o conto do profesor Lundqvist. Neste caso, como adoita acontecer, creo que me gustou máis a primeira parte. Ese final pode ser un acerto. Pero algúns elementos rechían. A pistola, por exemplo. E algunha parte dos diálogos. Non vexo mal tampouco empregar un relato anterior (ou varios) pero mentres o seguinte funcione só, e creo que un lector que se achegue por vez primeira a este, quedaría algo descolocado. Porén é de agradecer a valentía do autor de intentar facer un quebracabezas e arriscar no derradeiro enfrontamento, aínda que segundo a miña opinión, a imaxe final quedou sen completar.

    Do outro lado hai un texto que nos leva nas últimas letras a un escenario que fai encaixar o que lemos previamente. Moito se ten criticado e rexeitado neste concurso os finais sorpresa… Persoalmente non entendín esta teima. Agora atopamos esta estratexia no derradeiro duelo. “A la maison” xogou con esa baza e levouna ata as últimas consecuencias. Poderíamos ata dicir que a empregou como solución final. Faino ben. Boto en falta unha temática ou un xeito de facer máis orixinal para o gran duelo, pero o autor deste relato controla as trampas onde cae o lector e os puntos que turran da lectura. Tamén hai detalles moi ben encaixados: o uso dos nomes, o cheiro da carne na cociña ou o misterio da porta número 4.

    Quedo con “À la maison”.

    • ‘Moito se ten criticado e rexeitado neste concurso os finais sorpresa… Persoalmente non entendín esta teima.’

      Me lo dises o me lo cuentas?

  3. E velaquí a gran final.

    Outro buraco negro, unha nova singularidade escorrida entre retallos, fogonazos de todo o que foi este torneo. Preguntas. Continuou Barba a historia do seu mestre ou quixo Lois darlle unha homenaxe? Da igual a resposta, quen fose tivo moito peito para facer “isto” neste momento do torneo. Cousas boas. Gústame ver todo o torneo dunha pasada pincelado con sinxelas imaxes. Hai tres ou catro sentencias do pai ao fillo que son brutais. A historia ten pouco pero potente. O tema está mellor tratado, todo o ambiente ten un aire onírico moi forte (nisto voume explicar mellor ao final). Cousas malas. Poida que, como di Marcos, precisemos de toda a metraxe do torneo para ter un concepto máis amplo de relato, inda así eu penso que se sostén perfectamente só. Creo que ao final fáltalle un algo máis para facer do conxunto un ente redondo. O que non sei é o que.

    Pola contra o seu rival foise ao abc da narración. Preséntanos un relato moi ben contado, cun soño en forma de recordo ao que un pobre home se aferra no medio dun pesadelo. Ten razón Marcos cando di que o autor sabe pulsar as cordas precisas. En canto ao debate dos finais sorpresa penso que máis que criticar os mesmos, o que se fixo foi cuestionar certos recursos. A min gústame que me sorprendan a ser posible sen mentirme, se non é posible tampouco me importa sempre e cando o fagan ben. Neste caso o relato funciona plenamente, e o final tamén, porque non hai un escurantismo manifesto co gallo de dar o machetazo. De feito a min non me sorprendeu, nin falta que me fixo. Unha aposta segura, sobria e moi sólida nesta final.

    Que vou votar entón? Non o teño nada claro, malditos. Así que me vou a centrar no tema e para iso vou facer algo de apoloxía do que eu penso que é un soño. Poucos creadores abordan ben o onírico: Lynch, Gaiman, Lovecraft… Para min un soño é algo espontáneo, caótico e sen ningún fío. Eu soño así e penso que a maioría tamén. Sei que existen os soñadores lúcidos, capaces de crear dentro do soño. Eu teñoo feito algunha vez pero o funcionamento segue a ser estraño, porque o que fas e medio-moldear unha marabunta de pezas tentando atopar un fío narrativo. En definitiva, cando leo algo sobre soños gústame máis ver a imaxe dun vaso dos dentes cheo de flores vermellas, a unha sinxela lembranza de tempos mellores.

    É unha boa final esta. Non unha gran final, porque ningún dos dous autores presentou o seu mellor duelo no que vai de torneo. Por iso VOTO por “Singularidade”, porque polo menos o autor arriscou, quixo transgredir e xa de paso retratou mellor un soño. Parabéns aos dous.

    • Poucos creadores abordan ben o onírico: Lynch, Gaiman, Lovecraft…

      ☺️☺️☺️☺️
      O de Gaiman é, ás veces, para matalo (do ben que o fai) e de Lynch… en fin… que vou dicir de Lynch a estas alturas?

  4. O meu voto vai para À la maison par la cheminée.
    A idea de facer un compendio, un relato dun tipo que soña cos relatos que levamos de torneo, pode parecer boa, e hai moita xente que a ten usado ao longo da historia (o meu adoradísimo Dave Mustaine sen ir máis lonxe na canción “Victory” do excelso “Youthanasia”…, pero así como non me convenceu esa canción, tampouco me convence esta “Singularidade”. O arriscado de facelo non compensa o, para min mediocre, resultado final. Se o relato é de Pablo paréceme un erro recuperar as personaxes dun relato anterior que, tal e como estaba, estaba acabado. Se é de Lois, o que me parece é que os ten cadrados… pero a cadratura per se non se merece o meu voto.
    Polo menos, o outro parece que fala de comunistas.

  5. Confeso que para a “grand finale” esperaba dous relatos monstruosos, grandiosos e terribles. Coido que os duelistas chegaron cansos a este punto do torneo e que non deron o mellor de si, especialmente cun tema (Soños) que se presta a tantas variacións. Nisto coincido co que xa apuntou Botana. “À la maison” está ben fiada; “Singularidade”, menos. “À la maison” usa a idea do soño con cautela e contención, dentro duns marxes ben delimitados e comprensibles; “Singularidade” xoga co aparente absurdo que domina no eido onírico e, de paso, lémbrase dos relatos que compuxeron as xornadas deste duelo (gústame pensar que estas historias teñen entidade dabondo para provocar malos soños). E aí estou eu no medio, sen saber cara onde tirar.
    Como hai que elixir un antes de que o Nadal nos arrastre a todxs a unha morte por fartura, votarei por “Singularidade” , xa que, polo menos, xoga cos elementos estraños que son propios dos soños e dos pesadelos. E así, de paso, tamén lle metemos un pouco de tensión á cousa.

  6. Boa tarde. Vou votar por ‘À la maison par la cheminée’. Penso que lin relatos mellores ca estes dous durante o torneo pero en todo caso este está ben contado e gústame este segundo relato; non hai pretensión de acadar a profundidade final en cada liña (entendo que certa levidade é máis efectiva na escrita ca tentar impresionar a cada paso, circunstancia que para min é unha interferencia na lectura e impide entrar na historia; fala ben Italo Calvino desta cuestión nas Leccións Americanas, cando contrapón a levidade á pesadez; parece que paradoxalmente a levidade na escrita permite achegarnos ao fondo do relatado etc…paga a pena revisar estes textos); o recurso do soño no medio do verdadeiro pesadelo non por coñecido deixa de valer; para min o “todo vale”, vale se está ben executado; e para min si que o está. Parabéns.

    No tocante á singularidade do primeiro relato, coido que non é efectiva, malia que di moito do sentido do risco que asume quen o escribiu, o que tamén se agradece; arriscar poucas veces é unha derrota se trascendemos o tempo desta final e pensamos nun período máis amplo de tempo de dedicación á escrita. No risco sempre se pode encontrar algo, incluso os camiños a non repetir. Os argumentos atroces non sempre son garante de atrocidade e parece que este momento do torneo pedíame como lector encontrar algo máis que o que contan as palabras dunha situación dramática; se a isto engadimos un último parágrafo surrealista o drama convírtese en ‘falso drama’ e xa estamos no terreo da comicidade e do humor e así as cousas, a min como relato humorístico tampouco me convence.

    En todo caso, moitos parabéns aos dous autores desta final; pouca importancia ten quen gañe ou que os dous relatos non sexan os seus dous mellores relatos; sabemos que o escrito só é unha sombra do que quen escribe leva dentro. E polo que fomos lendo ao longo do torneo, calquera dos dous agocha unha sombra importante a ter en conta no que a escribir se refire.

    Apertas aos dous, de corazón, e a tod@s! Boas festas.

  7. Antes de todo, felicitar a ambos os dous autores por ter chegado ata aquí. Non esquezamos que este é o seu sexto relato. Seis relatos rompendo a cabeza, pegándose con boísimos escritores, combinando a lectura de moitos outros relatos e os seus respectivos comentarios, e todo mesturado co traballo, cos estudos, coas obrigas familiares, sociais, etcétera. Lois e Pablo, Pablo e Lois, estar nesta final xa é unha proeza. Por suposto que os relatos non teñen o brillo doutros de xornadas pasadas, é lóxico. O raro sería o contrario.

    Logo está o tema. Paréceme horroroso como lector se o tomamos na súa literalidade. Hai algo máis aburrido que cando te contan un soño no medio dunha novela?
    Xa entrando en faena: os dous relatos foron unha lectura dura. O inicio dos dous é moi espesa, non tes claro que estas a ler, especialmente con Singularidade.

    Empezo por este primeiro relato: en efecto, é unha especie de collage de moitos dos relatos deste Torneo. O texto está cheo de referencias, sería un bo exercicio (coma en unha sopa de letras) repasar todas elas.
    Vexo un fillo traumatizado polo pai abusador, un vello no asilo e unhas flores vermellas, unha harmónica, un revólver con solera, incluso temos un gran pelello negro e un saco de patacas. (Por suposto, os meus pobres relatos non foron dignos de cameo, aínda que a referencia da pantasma podería ter algo do meu escéptico morto…)

    Máis aló do labor de encaixe de Camariñas ao fiar todas as referencias deste Torneo, temos un relato que para un lector ocasional sería moi, moi críptico. O texto apoia a súa carga emocional nun axuste de contas entre fillo e pai.

    “Quen as trouxera estaba sentado na cadeira das visitas, que durara virxe vinte e cinco anos.”
    Na primeira lectura non entendín nada. Na segunda, entendín que o fillo tiña alerxia ao sexo. Xa á terceira vexo que significa de xeito poético que o vello científico non tivera unha visita en vinte e cinco anos.

    “O vello sacou un revólver de debaixo da almofada.”
    De onde saíu o revólver? Logo se menciona que está nun asilo (quero pensar que despois do seu paso polo cárcere). Un asilo onde permiten que os internos garden armas debaixo das almofadas?

    “–É un pouco tarde para pórse a tocar esa harmónica, papá.”
    Humor moi negro, tendo en conta que esa harmónica realmente é o cano da arma que ten na boca o vello coa intención do suicidio.
    Unha vez postos en situación, imos á cerna da cuestión:

    “Ou, se cadra, vin mudar a nosa historia. “ “Este cuarto é un deses buracos negros, papá. Só tes que espertar.”
    O vello salta ao pasado, ao momento en que a muller marchou e aínda non se produciu o abuso. Pódese cambiar a historia. A pregunta do fillo-neno de papá que querías ser de maior provoca un colapso no universo onde incluso se crean novas palabras.

    “Foi como dormepestar dun soñadelo, restou párvulo, ramplando a segunda papeldimensión á velocisitude da luz. “
    En lugar de espertar, “dormepestou” e o pesadelo converteuse nun “soñadelo”. A velocidade e verosimilitude funden nunha única palabra e a “segunda papeldimensión” quizais sexa a pantalla na que estamos a ler este relato.

    “O universo colapxiu sobre el coma un saco de patacas cuántico, alí mesmo, diante do neno spaguetizado al dente, nun negro estaurido de felicidade e raios gamma.”
    Vai ti saber que significa o negro estaurido (estoupido e que máis?) pero me suxeriu que é posible cambiar a historia, a historia dun científico coa súa faciana monstruosa e mudar cara a corrixir o seu erro e que o final tráxico remate (xa noutro universo) nun final feliz.

    Conclusión: na primeira lectura non entendín nada. Na segunda, quedei cun collage ben armado. Na terceira vexo significados metaliterarios dos que gustei moito. É un relato moi difícil de valorar pero unha vez lido coa a atención que merece un finalista, o meu balance é moi positivo.

    Agora comento o seu relato rival.

  8. O soño de Brais supera o texto que substitúe e a cousa queda máis parella. Quen puidera saber máis sobre ese gran personaxe que é Brais?… Pero a min no outro conto, non sei se lle pasaría os demais, a artimaña de Eva no palleiro levoume primeiro a unha situación tan diferente do que acontece, nunha xeografía tan distinta (boa culpa téñena o bo uso dos nomes propios), que cando David acorda e cae na realidade eu caio na conta do que acontece como se espertase tamén do soño de David. Así pois, dito o anterior, sigo con “La Maison”.

  9. Non era unha gran final, soamente unha boa final. Agora mesmo isto non sei o que é. A min o anterior relato gustarame máis. Este, sen ser malo, vese que se fixo con cansancio, sen intencionalidade nin espíritu; por cumplir. Así que vou a cambiar o meu VOTO e redirixilo A la Maison. Vaivos tocar a vos, organización, dar unha boa explicación para xustificar este tremendo coitos interruptus que está a convertir unha boa final en algo sen sequera nome.

  10. Co meu comentario anterior perdido pre-moderación, gustaríame aclarar que nel contaba que mesmo se o tema do texto do profesor me gustara máis, tiña algúns erros na narración que non e deixaban concederlle máis eloxios. Pola outra banda, de “Á la maison…”, non me gustou moito a historia, pero concedo que é redonda e está ben narrada. Visto o rematch este, e que a historia de Brais me gustou máis que a outra, por tenra e por ser completa e coherente, e dado que desta volta non teño grandes erros que lle achacar a ese autor, voto por “O soño de Brais”, sen que me pareza unha final para aplaudir, vaia.

  11. Eu sigo votando por “À la maisón…” aínda que este relato de Brais e o queixo me gustou máis que o do vello na cama. Tampouco teño gran cousa que dicir de ningún dos dous, a verdade, simplemente que son dous relatos bos e correctos.
    Así como por aí arriba alguén lle notaba o cansazo aos autores, eu tamén mo atopo en min mesmo, e non só en min mesmo, á hora de comentar. Pero que isto non sirva de escusa para non repetir coa idea do torneo, e que o “coitus interruptus” ese tampouco.
    Despois de todo, a primeira vez non nos saiu ben de todo a ninguén, e non por iso deixamos de facelo… ou si?

  12. À la maison par la cheminée

    (Nota sobre o título: por que en francés? É unha frase feita?)
    Custoume poñerme en situación co primeiro parágrafo. Consciente de que a temática levaba a falar de soños, despois de lelo tres veces e aínda entendendo ben pouco, decidín avanzar la lectura esperando que o crebacabezas acabara por encaixar. E de feito, así foi.
    En canto aparece Eva, faise evidente que David está dentro dun soño do que non quere saír, é máis: quere repetilo unha e outra vez, xa que perdeu muller e fillos (Sara e Saúl, todos son nomes de orixe xudeu, ollo) e ese é o único xeito de rememoralos.
    Ata que chegamos a este punto, que ofrece a clave do relato:

    “Sabía que nada de aquilo era real, sabía que os seus fillos marcharan tras a porta de aceiro do número catro e que a súa dona marcharía por calquera das outras tres, pero así e todo sorría, satisfeito pola certeza de conservar aínda as súas imaxes vivas na cabeza.”

    Entre isto e o título non é difícil saber que acontece: David está nun campo de exterminio nazi e a súa familia xa pasou polo crematorio. De aí o cheiro a carne queimada que non se lle quita, é un deses poucos “privilexiados” que traballaban carretando corpos dos seus compañeiros de desgraza: ser xudeu no peor dos lugares e no peor dos tempos. Como todo o que ten que ver con este tema, as imaxes que me presenta como lector son durísimas.

    O relato flúe ben, é unha narración fiada con oficio. Agora ben, coido que aposta innecesariamente á baza da sorpresa final da porta de aceiro número catro. Un final que non foi tan sorpresa e que cae abrupto. Creo, non obstante, que foi un acerto o xeito de introducir a dicotomía entre o horror do xenocidio máis grave se cabe no caso dos nenos e o feito de preferir traballar cos seus corpos porque pesen menos e o traballo se fai non tan pesado. Mágoa que non fose máis explotada e que non a vexa moi conectada a parte do soño co pesadelo da realidade cotiá de David.

    O tema dos campos nazis está moi traballado por múltiples libros e películas e non teño moi claro de que o autor aportase ningún punto de vista novo ao mesmo, de feito nin sequera cheguei a identificarme como lector cos personaxes, o importante é o horror e ese horror vese algo deslucido porque o tema do holocausto xa foi tratado dende ópticas semellantes.

    Non obstante, o relato vese favorecido polas múltiples lecturas e destacaría máis a propia prosa, áxil, sensitiva que o contido da historia.

    O soño de Brais

    (Nota sobre o título: é simplemente un resumo do tema do relato)
    Este relato aposta polo sentido figurado da palabra “soño” en contraste co relato rival e xa dende a introdución engancha cunha situación tan concreta e cotiá coma unha visita ao Carrefour e todos coñecemos a algún neno no colexio que tiña moi claro que quería ser de maior.

    Estou de acordo con outros comentaristas: é un relato correcto, con poucas complicacións (¿quizais condicionado polas críticas ao relato misteriosamente retirado?) e efectivo: as voltas do protagonista (que non é Brais senón o narrador, o profesor de Historia) ó redor da idea de se o conto da vocación é real ou non é máis ca un mito. Ten máis miga do que parece a simple vista: o protagonista desexa que os soños se realicen (quizais proxecta os seus propios soños en Brais, alguén que xa ten claro as súas aspiracións vitais dende ben pequerrecho). Porén, ao remate síntese aliviado polo feito de que o seu fillo non será como Brais. (Quen o máis probable será que traballe de peón nalgunha obra ou malviva facendo chapuzas).

    Non obstante, coincido con David na valoración de que o relato retirado (e prometo non falar máis del) gustábame máis (de acordo, despois da terceira lectura), parecíame un traballo de verdadeiro encaixe.
    Este relato véxoo pouco arriscado pero ben pechado dentro da súa sinxeleza.

    Despois de moitas dúbidas, vou votar por O soño de Brais. Malia que penso que Cheminée fai un maior esforzo estilístico, foi determinante na miña decisión a maior empatía que teño co personaxe do soño de Brais e que creo que esta historia quedará máis tempo retida na miña memoria.

    Parabéns de novo aos autores por ter chegado ata este derradeiro duelo.

  13. Este cambio de última hora deixoume media aparvada e, despois de ler e reler de novo os dous relatos, quedei como estaba. Os dous relatos son correctos, ben fiados e escritos, mais boto en falta máis risco nas temáticas. En fin, voto por “O soño de Brais”.

  14. Comento:

    ‘A la maison’: paréceme un relato que ten todo para funcionar pero malia todo queda unicamente nun exercicio de estilo correcto sen máis. Penso que hai moitos elementos que xogan en contra do autor. O principal, o tema. O holocausto xudeu é un asunto tan manoseado nos últimos 70 anos que é difícil achegarse desde a periferia con acerto. Non sei se o autor tivo a oportunidade de ler ‘Tres anos na cámara de gas’, de Filip Muller, un supervivente eslovaco de relixión xudía de Auschwitz, que explica xustamente como era ese labor, o dos presos que tiñan que facer o ritual de morte no campo. Paga a pena ler o libro (a recomendación esténdoa a toda a comunidade Biosbardia) aínda que recoñezo que amais do mal estómago, na lectura xa se amorean todos os “falsos recordos” que temos sobre aqueles feitos. O outro problema do relato, ao meu ver, é o ritmo. As frases avanzan así como sen ganas, en base a imaxes nin sempre orixinais e moitas veces a través de frases nas que sobra texto. Pola contra, o relato empeza ben, ten un primeiro parágrafo que apunta a que o autor ben puido saír máis airoso deste duelo.

    ‘O soño…’ coido que é un relato con algúns acertos: contención, economía de recursos, claridade na exposición, evocación, modernidade, diálogo co lector de hoxe que xa sabe moitas claves narrativas que non precisamos recalcar a cada punto e seguido… Pero falta, como Erica Couto comentou xa, risco. É case seguro que o autor, logo do cambio de texto, preferiu unha vía coñecida e cómoda no plano creativo para evitar problemas. Mais si que dá algo de mágoa que a final non dese máis “zume e menos sangue”.

    Contodo, quero agradecerlles aos finalistas o esforzo. Como editor mais tamén como lector de base nesta comunidade. O desenlace do torneo sei que lles chegou nun momento de moitas angueiras e aplaudo o seu compromiso co torneo. Haberá tempo de facer balance mais coido que non haberá quen diga de entre nós que non aprendeu moitas cousas sobre literatura, tamén do que custa sachar no folio cando alguén nos impón a cronometraxe.

    O meu voto vai para ‘A la maison’.

  15. Pois nada, antes de que a discusión comunitaria marche previsiblemente por outros rueiros, aproveito para lle dar aquí tamén as grazas a todo o mundo. Por ler, por votar e, sobre todo, por participar.

    Concretando algo máis gustaríame confesar que a min, persoalmente, este segundo relato de Lois prestoume máis que o meu. Xa sei que soa a frase feita, mais non o é: as súas frases están moito mellor fiadas que as miñas, tara que xa apuntou con moi bo criterio César.
    E xa, que falo de César, agradecerlle a recomendación. Darei cumprida lectura dela. Concordo con el que o tema da Shoah está xa moi visto/leído, ata o punto de se ter convertido nun subxénero literario/cinematográfico propio, mais non con que teña perdido vixencia. Sen ir máis lonxe, a pilícula húngara de 2015 “O fillo de Saúl” resulta toda unha experiencia malia transitar paraxes xa exploradas (non quero xustificar son isto, claro, que o meu relato estea á altura desas paraxes).
    E xa por último, responder a dúbida de Lómeron: o título está tirado dunha conversa que aparece en “Se isto é un home” de Primo Levi que ten lugar en francés (para futuras e inminentes discusións sobre que é unha homenaxe literaria). Un preso do campo dille a outro, para lle dar folgos, que “O ano que vén, á casa”, ao que aquel responde “Si, á casa pola cheminea” [do crematorio].

    Mais nada. Bicos e apertas a repartir entre a parroquia!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s