A literatura galega e o grande estilo

Máquina de escribir. SMLP.CO.UK/FLICKR.

Manuel Veiga Taboada.

O grande estilo é o que utilizan os escritores recoñecidos pola Academia. É o modelo de cómo se debe escribir, explicado nos textos escolares. Tamén é a forma dominante nas coleccións de clásicos das grandes editoras.

O grande estilo, como se deduce destas palabras, é unha creación do século XIX, paralelo á pintura que se refuxiaba nos heroes e nos motivos bíblicos. É a eclosión da burguesía que se quere parecer á nobreza.

Como se sabe, as vangardas viñeron para intentar destruír este concepto –pensemos, por exemplo, na escritura automática dos surrealistas–. Se non o lograron de todo, cando menos conseguiron que outros estilos, considerados menores até ese momento, fosen igualmente aceptados.

Pensar no grande estilo remítenos, de por si, a figuras ampulosas aínda que non desmedidas, a frases longas en novelas longas, nas que non se repite nunca unha expresión dentro do mesmo parágrafo e nas que se foxe dos verbos e das palabras de uso máis común.

O grande estilo é un clasicismo que separa a literatura da fala cotiá, sempre mestiza, sempre cambiante, e ese é o seu principal erro.

Pero o grande estilo é necesario como referencia, como medida. Cando existe un grande estilo temos con que compararnos. Podemos disentir, subvertelo. É o que fixo, conscientemente, James Joyce co inglés.

A creación dun grande estilo precisa, por dicilo así, dun imperio, como o que tivo o latín clásico ou o francés decimonónico. Joyce non facía outra cousa que enfrontar a fala dunha criada irlandesa coa elegancia da Inglaterra vitoriana. Valle-Inclán xogou sempre co estilo. Foi unha das súas maiores obsesións. Era un traficante de palabras, traídas de América ou entresacadas da fala das amas de cría dos pazos. Obvio é dicir que Joyce e Valle-Inclán déronlles músculo e flexibilidade ao grande estilo inglés e castelán. O grande estilo que non se moderniza acaba morto.

En galego non existe un grande estilo. Non podería habelo, por razóns que se deducen do escrito até aquí. Pero iso non quere dicir que os escritores galegos non intentemos construílo ou aproximarnos a el. Un grande estilo galego equivalería á nosa independencia artística, unha utopía.

Deixando á marxe a poesía medieval, o máis parecido que temos ao grande estilo é o alento longo de Otero Pedrayo. A poesía dos oitenta deu un gran salto adiante: refinamento léxico, flexións do idioma, temas non costumistas, ambición lírica, detallismo científico.

É sabido con canta conciencia actúan, ás veces, os escritores. Dante, na súa “De vulgari eloquentia”, traballou os dialectos italianos, palabra a palabra, como un fino ebanista ou como un escultor barroco, na busca da futura lingua común. Merece ser observado este esforzo, tanto pola súa minuciosidade, como pola súa expresión do bo gusto.

A medida que a cultura se estende e se difunde entre as clases baixas, o grande estilo debe necesariamente diversificarse. Non só hai protagonistas distintos senón tamén maneiras de ser diferentes. O mundo moderno transforma incluso a velocidade, apura o escritor que debe acelerar o ritmo. Dous drogadictos nun automóbil fan de Medo e noxo en Las Vegas, de Hunter S. Thompson, unha obra de estilo rápido e vibrante.

Suso de Toro, Antón Reixa e Lois Pereiro, e outros antes como Manuel Antonio, déronlle ao galego o que nunca queren darlle os conservacionistas da lingua. Isto é: vitalidade.

O grande estilo hai que telo en conta. E se non existe, dadas as nosas condicións culturais, debemos imaxinalo, debemos telo na cabeza, como unha lei non escrita. A partir de aí cada un pode forzalo, vulneralo ao seu modo, pero conscientemente.

Non serán as tramas, nin sequera as máis amenas, as que lle garantan a permanencia ao galego literario senón a capacidade para construír unha lingua elástica, en sintonía coas nosas mellores ruínas (“deixa a porta franca”, di aínda algún vello) e coas necesidades máis modernas.

A loita dos escritores galegos é a loita polo estilo, polo grande estilo.

Advertisements

7 comentarios en “A literatura galega e o grande estilo

  1. Acertadísimo, como sempre 🙂

    Só un apunte: coido que cando se fala en literatura galega de grande estilo, grandes estilistas, tendemos a pensar sobre todo en grandes estilistas no plano léxico. É dicir, señores (case sempre son señores) que resuciten palabras que hai tempo que non se usan, ou que xeneren cultismos (preferentemente a partir do portugués), etc. Otero Pedrayo viría ser un modelo de escritor galego valorado polas súas calidades de estilista, e mesmo me dá a impresión de que de Cunqueiro e Fole (por poñer dous exemplos, poderían ser outros) se resalta ás veces o léxico, que, ao meu modo de ver non é o máis interesante das súas respectivas técnicas literarias.

    Iso de que se resalte o léxico como principal marca de estilo literario é bastante comprensible, tendo como temos unha lingua que está perdendo boa parte do seu léxico activo (pero realmente é moi diferente isto doutras linguas de países industrializados, sexan ou non minoritarias? Cantas palabras sabería un charro de Salamanca pola volta de 1850 que hoxe a calquera dos escritores xípsters louvados por Jotdown lle sonarían a chinés?). Pero, por outra parte, é unha concepción ben pobre do que é o estilo literario, e penso que tende a levarnos a debates pouco produtivos.

    Secundariamente, tamén se identifica “estilo literario” con escribir ampulosamente, con frases longas e léxico se cadra non enxebre, pero si variado, “difícil” e cultista en xeral. Caneiro (Xosé Carlos, non Mario) viría ser o modelo por excelencia diso. Algo que lle hai que recoñecer a este escritor, xa sexa que nos guste ou non é a vontade de estilo.

    Na miña máis que humilde opinión, as grandes innovacións ou renovacións da prosa galega nos próximos teñen que vir non no terreo do léxico senón do da sintaxe. Moitos dos nosos escritores non pasan neste terreo da redacción escolar correcta; se son moi bos, redacción xornalística correcta.

    • Concordo totalmente con todos eses matices. Desde o que dis do léxico, até o que dis de Caneiro.
      Hai xurados que argumentan o fallo nun léxico rico. Comprensíbel, como ti dis, desde un punto de vista socio-lingüístico, pero literariamente equivocado.
      E o peor é que iso ocorría hai trinta anos e sigue pasando hoxe.
      E para consolarnos un pouco, coincido tamén en que todas as linguas, non só o galego, perden (e ganan) moito léxico. Iso sabíao ben Delibes que escribía en castelán de Valladolid.

    • Pois non sei que che dicir…
      Coido que iso do “estilo” é coma o dos cus: todo o mundo ten un. A meirande parte deses cus son iguais entre si, e non sobresaen na media. Pero hai algúns que chaman a atención, polo que sexa. Supoño que eses cus recoñecibles son os que deberiamos identificar co “estilo”, coa “voz”. Que cando nos vexan por detrás digan “vinche o cu e souben que eras ti”. E iso deberianos prestar. Todos deberiamos estar orgullosos do noso cu se a xente é quen de nolo recoñecer.
      O resto, o sexo dos anxos.

      • Entendo o que dis. Pero non se escribe sen antes ler. Sempre se aprende por imitación, sexa ou non consciente. A voz propia non sae da nada.
        Apertas.

      • Ola!
        Si, si, concordo. Os nosos comentarios cruzáronse. O meu ía dirixido a Eva por canto falaba de estilos léxicos e sintácticos por separado. Para min tanto teñen uns que outros, todos contan: se o discurso é potente, xa é un paso adiante. Se non, de vacas está o millo cheo.

        Aperta!

  2. Si, por suposto que o estilo é o estilo e ás veces é artificial andar separando léxico de sintaxe doutras particularidades. Pero ás veces, en estilos determinados, sobresae máis unha cousa cá outra, e eu o que criticaba é xusto que se ande separando e louvando o léxico a expensas de todo o demais.

  3. Pingback: O galego literario: unha ucronía - Libraría Aira das Letras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s