‘Fisterrania’, outra vía para a novela histórica galega

Para a xente que pensamos que a crítica dunha obra literaria debe abordarse intentando xulgar a obra nos seus propios termos[1], é ben acaído que Xerardo Vidal publicase no seu blog unha declaración de intencións referida á novela autoeditada da que me ocupo aquí, Fisterrania. Os termos que establece Vidal para a súa propia obra poden resumirse do seguinte xeito: novela aventureira de camiño e espada pensada principalmente para o entretemento, ecos da novela de quiosco e de serie B cinematográfica sen gran transcendencia, trama lineal, extensión breve, contención narrativa, preocupación non excesiva pola verosimilitude. A novela, ambientada no século XIII, segue as peripecias de Brandán, un home algo brutallán que emprende unha peregrinación ritual a Fisterra despois de que seu pai llo pedise no seu leito de morte. Acompaña a Brandán un amigo da infancia, Roi, agora freire, e úneselles logo unha muller chamada Dosinda.

Capa de ‘Fisterrania’.

Dos criterios que Vidal se marcou a si mesmo, resúltame particularmente interesante a súa actitude frente á cuestión da verosimilitude, particularmente nun contexto en que sistematicamente se xulga como mérito, sen máis xustificar nin debater, que o autor dunha novela histórica acumule grandes cantidades de documentación (ver, por exemplo, o ditame do último premio Xerais). O que adoita pasar en moitos destes casos é que o autor é quen de darche todo tipo de detalles sobre o estilo arquitectónico da época, xeitos de vestir, costumes culinarios, etc., pero logo non lle dá ningún reparo meterche, sen avisar, anacronismos nos xeitos de pensar e de ver o mundo: señores celtas, romanos, medievais ou modernos falando de nación, de lingua e de dereitos humanos tal cal fosen deputados do BNG, vaia. Vidal cae aquí en anacronismos semellantes (non vexo eu un vello labrego do século XIII tendo unha bucket list, unha lista de cousas que querería facer antes de morrer, e aínda menos impoñéndollela aos seus familiares), pero, en comparación cos exemplos aos que aludía antes, aquí non importa porque xa queda establecido desde o principio que non vai disto a novela: o que se pretende é presentar uns personaxes tipo que o lector poida identificar con máis ou menos facilidade, como adoita ser o caso neste tipo de literatura. Houbo, non obstante, algún anacronismo que me renxeu un pouco máis e botei de menos algún detalliño histórico que outro, sen abusar, que nos permitise situar un pouco a escena: nestas novelas importa a trama, por suposto, e aquí é ben interesante e mesmo orixinal, pero importa tamén que o autor nos aguilloe algo a imaxinación.

Interesoume tamén o xeito en que Vidal intenta ofrecer unha lingua funcional, sen moita complicación, con algún coloquialismo e que permita unha lectura rápida. O problema, porén, é que faltou un pouco máis de traballo para que este tipo de estilo fose consistente en toda a novela. Hai partes en que se cae arreo no adxectivo banal e posto como ao chou (unha praga na literatura galega), e os diálogos resultan excesivamente longos ás veces como para manter a tensión narrativa (dúas ou mesmo tres páxinas de diálogo seguidas nunha novela de 109 páxinas). Neste tipo de novelas, o uso da lingua tende tamén a estar orientado a sinalar e identificar ben claramente certas situacións ou personaxes que son importantes estruturalmente e funcionan como gancho para a lectura; este tipo de sinalización sería excesiva e mesmo aliteraria noutros contextos, pero aquí faría falta un pouco máis disto para enganchar o lector e non deixarlle que pouse a novela. Por exemplo, cando Vidal presenta por primeira vez a peregrinación a Fisterra, puidera ter afondado ou ben nas razóns que poden levar a Brandán a aceptar o encargo do pai (e ao pai a facer este encargo) ou ben nos perigos que esta viaxe presenta, ou nas dúas cousas á vez para deixar ben claro que este é un turning point na novela, que hai aí un misterio que non imos descansar ata que desvelemos.

De xeito se cadra lóxico, a novela é debedora de certas técnicas da linguaxe audiovisual. Os capítulos son curtos e moitas veces rematan cun cliff-hanger ou cunha frase lapidaria dunha das personaxes; para isto último Vidal ten moito talento. Non resulta difícil imaxinar estes capítulos como escenas dunha película ou dunha serie. Dá a impresión ás veces, porén, que Vidal se centrou demasiado no audiovisual e esqueceu o literario: hai escenas que resultan pouco comprensibles e precisan dunha relectura (o que neste tipo de literatura non é un mérito). Son escenas que vexo funcionando moi ben no cine ou na televisión se viñesen acompañadas, por exemplo, dun certo tipo de música ou certo movemento de cámara que aclarase a súa intención final. A literatura non ten ao seu alcance ningún destes dous recursos, logo faría falta buscar algunha outra estratexia que as substituíse.

O problema, se cadra, é lembrar que este tipo de literatura tende a encerrar un paradoxo: para que non traballe o lector, antes ten que traballar o escritor. A lectura rápida e sen complicacións que por propia admisión pretende Vidal tropeza ás veces coas pexas que comentei antes. Porén, Vidal apunta aquí varios camiños interesantes para unha narrativa popular galega maxicamente liberada da obriga de achegar tamén comentario político, histórico ou social do que somos ou o que fomos. Considero que só por iso paga a pena descargar a novela, dispoñible na páxina do propio Vidal.

[1] Coido, non obstante, que tamén pode ser función da crítica dilucidar se os termos que establece o autor son os máis adecuados ou non: unha pode xulgar unha novela, digamos, didáctica nos seus propios termos (se consegue que o lector aprenda algo, etc.), pero iso non quita que tamén poida falar de se ten sentido escribir novelas deste tipo nos nosos días.

♦ Fisterrania, de Xerardo Vidal. Edición do autor, 2017. 109 páxinas. ♠5,90€

Eva Moreda.

Advertisements

8 comentarios en “‘Fisterrania’, outra vía para a novela histórica galega

  1. Eu diría, máis ben, valente crítica. Dar o paso de visibilizar propostas alleas ao sistemiña, ben paga un recoñecemento que fago extensible á web http://www.kindlegarten.es de Tomás Rivera, onde (entre outras moitas alfaias culturais) este tipo de iniciativas tamén teñen eco.

    Chamarlle valente á única vía de escape para os narradores ignorados (cando non directamente silenciados por motivos diversos) por ese mesmo sistemiña endogámico e podre… Pois xa me parece moito dicir.
    Se cadra Vidal ou, xaora, eu mesmo, deberiamos poñer un letreiro enriba da porta das nosas casas co lema “A autoedición faravos libres”.

    O que si, os meus parabéns ao autor polo paso dado.

    • A min certos discursos sobre a autoedición lémbranme a certos discursos sobre ser emprendedor. Non hai dúbida ningunha de que algunha xente será máis feliz e terá máis éxito sendo emprendedora que traballando por conta allea, sexa polo tipo de traballo que fai, a súa personalidade, as súas circunstancias, etc., igual que hai autores ou libros para os que o ideal será a autoedición. Pero isto non quita para que eses chamamentos a sermos todos emprendedores sexan, no peor dos casos, neoliberais e, no mellor, miopes, un xustificar ou intentar buscar un parche á precarización progresiva das relacións laborais.

      • A ver, que veñan Riveiro Coello, Reimóndez ou Feijóo (o que escribe, digo) e que decidan autoeditar, pois si me parecería valente.

        Pero virlle chamar valente a alguén a quen as editoriais ignora… Tela aí.

  2. Iso ía dicir, Pablo: que a proba do algodón sería que alguén que pode editar con algunha das dúas grandes optase por autoeditar. Aí coido que si se produciría unha dinámica interesante: ver se recibe reseñas, se entra nos premios ao mellor do ano tipo Premio da Crítica, AELG, etc.

    Tampouco quita que un acabe autoeditando por non ter outras opcións e intente sacarlle o maior proveito posible a unha forma de publicación que se cadra non era a que elexiría en primeiro termo pero que lle reporta certas oportunidades. Paréceme interesante p.ex. o que está a facer Carlos Meixide, aínda que descoñezo se autoedita por falta de posibilidades ou por convicción (non obstante, ter non ten unha traxectoria convencional como os nomes que mencionas ti).

    Tamén sería interesante estudar, agora e no futuro, como se moven certos autores entre a autoedición e a edición convencional: ás veces semella que a autoedición se dá nos comezos da traxectoria dun autor e que en canto se pode se vai pasar a editorial convencional, pero non sempre é así (penso en Alberte Momán p.ex.) e penso o será aínda menos nun futuro. E tamén que as dinámicas da autoedición son diferentes en poesía que en narrativa (se cadra porque en narrativa aínda estamos intentando cadrar o círculo de vendas-prestixio-calidade e os poetas teñen máis claro que estas tres cousas non teñen nada que ver).

    • O problema básico da autoedición está, como xa temos falado os dous, na promoción/distribución. Nese aspecto, Meixide non é representativo por canto, ao seu xeito, xa ten esa problemática bastante cuberta, con todo o meu respecto a Meixide, eh!
      En canto ao premio da crítica ou da AELG… Ben, distraendo un pouco o anterior respecto, coido que arrimándose un ás persoas indicadas, tirando unha foto oportuna ben acompañado… a autoedición pode non ser un atranco.
      Os mesmos que tachan libros en presentacións, xornais e blós, poden abrir a porta a novas posibilidades de edición se se lles baila debidamente a auga. Estou certo de que outra das participantes neste debate non é allea a esta realidá.

  3. Non vou afondar moito nas razóns polas que autoeditei Fisterrania. Direi que non me parece moi atinado mandar facer o mesmo a todo autor, por defecto. Hai un mercado editorial “convencional” que nestes momentos, e desde hai tempo xa, non remata de acadar unha variedade e cantidade razoables coas súas propostas. Sei ben que en boa parte se debe “ós elementos”: o problema de aceptación do idioma, as políticas gobernamentais, etc. Porén, estimo que se poden mellorar moito as condicións actuais á marxe disto último. Eu nada teño contra as editoras, ó contrario, e estaría moi ben traballar con elas no futuro. Polo momento, esta opción da autoedición é tan boa coma calquera outra aquí.

  4. Pingback: Unha existencia lunar – A PEQUENA NOVELA GALEGA

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s