Franco Grande, independencia e esperanza

Xosé Luís Franco Grande.

Xosé Luis Franco Grande é un autor consagrado e recoñecido. Os dous poemarios cos que nos ten agasallado ultimamente (Xoguetes do tempo, (Galaxia) e o Libro das Abandonadas, Teófilo) “rescatan” aquel poeta que en boa medida discorría nos últimos tempos polos eidos do ensaio e o xornalismo, a miúdo a contracorrente e facendo gala do que mellor sabe exhibir, a súa independencia e criterio.

Estas dúas novas obras reverdecen aquel Franco de “A miña vida toda” (1967) dos seus trinta anos cumpridos. Pasaron cinco décadas desde entón pero o poeta de Tebra insiste na procura de explicación para o sentido da propia existencia. Coa perspectiva do camiño andado e desa “destrución do tempo” que vai con un, reivindica o ideal da esperanza, xustificada ou non, equilibradora do desasosego fronte ao inevitable, iso que fai “que a nosa vida sexa levadeira”.

A disciplina culta e poética de Franco conxuga elegantemente con esa creatividade que nos é tan familiar nel. A incerteza ante o “derradeiro porto” desvélanos a humanidade do agudo observador dese tempo que “nos crea e nos destrúe”. O cansazo e o alleamento que poboan as longas camiñadas polas rúas do seu Vigo de residencia contrastan coa alegría que espertan os socalcos do seu val máis querido, cheo desa luz que é felicidade e enche “todo canto toca”, ese mundo rural no que adiviña a cada paso “novo alento e folgos” cunha natureza que sempre dá vida.

E volve,  nunha coidada edición de Teófilo, ao Rilke que tanto marcou a toda a súa xeración nun exercicio de diálogo e proximidade; e volve igualmente a Rosalía, outra inevitable ponla de influencia, nunha triloxía feminina co fondo común da paixón e o abandono, unha homenaxe vertebrada de principio a fin coa palabra comprensiva de quen, tamén aquí, aspira aínda a chegar a tempo.

Franco Grande amosa nas dúas obras ese estilo directo que lle é propio, sen rebuscamentos artificiosos, cunha lectura doada pero capaz de transferir maxicamente todo ese universo de profundidades común en quen conversa consigo mesmo de forma incesante. Esa mesmidade da que nos falou Xesús Alonso Montero nalgunha ocasión non impide que o noso autor permaneza escrupulosamente atento a todo canto o rodea. A finura do observador experimentado comprométese aquí de forma natural coa mística dos seus mellores poemas.

A “vida toda” de Franco Grande ten nestes dous poemarios o mesmo devecer por aquel algo que se afasta, aquela insatisfacción que o choeu sempre, en dúbida e meditación permanente; mais coa perspectiva do tempo transcorrido, deu, sen dúbida, co rumbo que o levou até si mesmo.

♦ Xoguetes do tempo (Galaxia, 2015. 120 páxinas. ♠14,20€) Libro das abandonadas (Teófilo, 2017. 20€), de Xosé Luís Franco Grande.

Xulio Ríos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s