Que actitude teñen os non galeguistas coa literatura en galego?

Imaxe dun outlet de libro en galego celebrado en Pontevedra.

Manuel Veiga Taboada.

En primeiro lugar, creo que os que aquí chamo “non galeguistas” non teñen ningunha actitude negativa a respecto da literatura galega pero tampouco mostran un actitude proteccionista. Poderiamos dicir que son lectores, até certo punto, neutrais.

Aínda así, cómpre facer tres excepcións: Unha parte notábel dese público non se considera, por motivos diversos, capacitada para ler en galego. Polo tanto queda a priori excluída. Outra parte, tamén notábel, carece de información suficiente sobre os libros que se publican en galego, consecuencia tanto do noso sistema comunicativo, coa maioría dos medios afincada en Madrid, como da actitude pouco receptiva dos editados en Galiza.

Por último, excluímos igualmente desta análise o público, reducido pero de certa importancia ocasional, que merca un libro en galego por proximidade xeográfica ou por amizade co autor. Refírome aos que compran unha novela só porque está ambientada na súa vila e fala de personaxes recoñecíbeis ou porque, digamos, o autor foi compañeiro de bacharelato. Non é con todo un público desprezábel, tendo en conta as cifras de vendas en galego. Ás veces son case os únicos compradores dalgúns libros.

Centrémonos, por fin, nos demais, nos que mercan un libro en galego, con maior ou menor frecuencia, e só porque lles interesa. Entre os autores que nos últimos vinte anos saltaron esa fronteira e foron máis alá do público “natural” ou “protector do galego”, encóntranse, por suposto, Manuel Rivas e Suso de Toro. Ambos, sobre todo o primeiro, grazas á súa presenza simultánea como xornalistas ou comentaristas, en medios de comunicación non galegos.

É dicir, é o salto desa fronteira real do castelán, mediante a tradución ou a presenza persoal exterior, a que axuda a superar tamén esa fronteira mental interior que frea o acceso de moitos galegos á literatura en galego. “Se os de fóra o valoran, debe ser bo”, veñen dicir, mostrando así unha suspicacia previa a respecto da literatura en galego, pode que algo de complexo de inferioridade propio, e tamén unha razón obxectiva: as traducións son un baremo válido para testar a calidade de todas as literaturas. Notemos tamén que a primeira causa, a da suspicacia, alude á falta de credibilidade dos publicistas que actúan a prol da literatura en galego e que, na súa opinión, a sobrevaloran, o cal, nalgunha medida, é certo, pois niso consiste a protección ou discriminación positiva, como se diría noutros ámbitos.

Hai un segundo grupo de persoas que acoden espontaneamente a mercar libros en galego cando falan da súa cidade, pero sobre todo cando están escritos de forma áxil e se adscriben ao xénero detectivesco, de moda e líder en vendas en todos os países da nosa contorna. Refírome aos libros de Domingos Villar e Pedro Feixoo, entre outros. É un fenómeno máis recente que mostra o atinado de certas estratexias de venda. “Fagamos libros amenos e de xénero popular para ampliar o público do galego”. Ese é o desideratum neste caso, tanto dos editores como dos propios autores que actúan en plena sintonía e, na medida dos seus recursos, con estratexias de mercado. É esta a parte na que o noso sistema literario se parece máis a un sistema normalizado.

Por último, hai outro tipo de público, o chamado público literario, competente á hora de valorar as obras de máis calidade e que escolle preferentemente obras da literatura universal traducidas ao castelán. Este público, aínda sen opoñerse á lectura en galego, non acode a ela por unha razón de prestixio. Tende a ignorar os autores internacionais traducidos ao galego –impedindo o crecemento dun mercado que si existe, por exemplo, en Cataluña– e ignora tamén os libros escritos en galego que gozan de ambición literaria.

O problema con este grupo deriva de que os mediadores culturais, editores, críticos e publicistas en xeral da literatura galega, veñen centrándose, nos últimos anos, e case en exclusiva, no colectivo anterior, na narrativa de xénero en galego, por chamarlle así, esquecendo que, ademais de vendas inmediatas, a orixinalidade e o prestixio son condicións imprescindíbeis para a subsistencia dunha literatura e polo tanto tamén unha fonte de recursos a medio e longo prazo. Algo que saben moi ben os editores que obteñen unha parte, ás veces importante, das vendas dos seus fondos de clásicos.

Advertisements

11 comentarios en “Que actitude teñen os non galeguistas coa literatura en galego?

  1. O que vexo ao respecto dos tres últimos parágrafos do teu artigo é que se dá unha especie de querer cadrar o círculo con cada libro que se edita ou, máis ben, con cada libro que se lanza e promociona coa idea de que sexa algo dentro do noso sistema. Que eses libros sexan literarios pero á vez populares e entretidos. Temos así novelas basicamente de xénero (detectivescas sobre todo) ás que se lles quere apegar unha especie de comentario social ou identitario-nacional, e temos por outra parte novelas máis literarias ás que se lles apega algunha trama de intriga para facelas máis populares e accesibles (moitas da Guerra Civil entran nesta categoría). Tamén é en grande medida cousa dos sistemas de promoción, recepción e crítica: os premios Xerais dos últimos anos, por exemplo, foron presentados máis ou menos explicitamente como paradigma do que acabo de describir: pase vostede unhas cantas tardes entretido con esta novela de intriga e de paso tamén reflexione sobre temas sociais candentes do noso tempo. Non teño nin idea de se os autores ou autoras correspondentes tiñan esta cadratura do círculo na cabeza cando mandaron as súas novelas ao premio pero o conto é que, unha vez enviadas, estas novelas son “lidas” deste xeito, por parte do xurado, da editora e dun sector da crítica. Se cadra estas novelas tiñan posibles lecturas máis interesantes (se cadra non: eu a algunhas realmente non llela vexo), pero se presentan ao público deste determinado xeito e sería interesante ver cal foi a recepción do público.

    Non vou explicar como si é posible que algunhas novelas, nalgúns momentos, sexan capaces de xuntar entretemento e valor literario; esta é unha aclaración que non precisarán os lectores intelixentes. Pero, sendo realistas, se cadra deberiamos admitir que isto non está ao alcance de todas as novelas, eu diría que se cadra da inmensa maioría das novelas, e sobre todo que querer forzalo pode facer máis mal ca ben.

  2. Os lectores non galeguistas… e os galeguistas tamén.

    Que aquí só quedamos os últimos de Filipinas, Manuel! Que cada vez son máis os lectores (galeguistas) que desertan do invento este! Se ata nos desertaron escritores!!!
    Que tal se, no canto de preguntármonos por que non convencemos ao non galeguista, nos concentramos en non botar ao galeguista? Que tal se afondamos nesa parte do problema? Que tal se tomamos conciencia de que o lector non é parvo? Discriminación positiva? Por suposto, pero a ver como a facemos! A discriminación positiva non creo que pase por subir bostas aos altares, e vendelas a 20€ a bosta: porque a xente ten cousas mellores que facer con eses 20€, si?
    E falando dos 20€, sendo competentes como somos en dúas linguas (hoxe estouche así, positivo), por que vou escoller un autor estranxeiro traducido ao galego a 20€ a peza, cando o teño en castelán a 10€ nunha edición de peto asimilable á edición delús en galego?

    En serio, hai veces que non sei como non nos mandaron a paseo hai tempo.

  3. Eu teño un coñecido, universitario e actualmente profesor de instituto (non de letras), que é de aldea e non fala máis ca galego. Polo que entrevexo no que me ten contado, de literatura galega non está moi ó tanto. Podes preguntarlle sobre rock anglosaxón dos 70 e sobre case calquera cousa. De libros en galego só sabe citar a Manuel Rivas, como faría calquera mesetario. Velaí o que pode ser, ben un desapego, se existiu algún día interese, ben un fracaso do sistema.

    • Algo asín contara eu aquí hai meses. Amigo, galegofalante, galeguista, con estudos superiores, ligado á política (emocional e laboralmente) no arco esquerda/nacionalista.
      Preguntado por alguén que escribise en galego: Rosalía, Blanco Amor e, demandado un nome actual, Manuel Rivas.

      Pero imos demandar a Feijóo un plan de lectura.

  4. Supoño que nada cambiará até que quen se sitúa nos postos de decisión non admita que o sistema empregado até agora non funciona. Alén dos problemas de promoción, económicos, número potencial de lectores… vexo unha gralla que compre solucionar canto antes, e é a carencia de obras que acheguen ao lector potencial que non le en galego á nosa literatura. Hai uns anos contemplei con esperanza como semellaba que iamos entrar nese camiño. Agora penso que volvemos ao sistema que nos afunde, isto é, procurar a excelencia na literatura adulta en lugar de dotar ao mercado dunha literatura de consumo.

    • Home, o de intentar dotar ao mercado dunha literatura de consumo en galego leva facéndose desde polo menos 1984, cando “Crime en Compostela” levou o primeiro premio Xerais, e de feito o debate da literatura de consumo semella reaparecer cada poucos anos. Desde logo, despois de 34 anos e máis dun exemplo exitoso (o propio “Crime”, Villar, Feijoo), penso que xa non se pode falar da literatura de consumo como a grande ausente na nosa literatura: ten xa unha traxectoria o suficientemente consolidada como para que poidamos volvernos preguntar, agora criticamente, se a a literatura de consumo nos vai salvar (secundariamente, outro debate sería se cadra se a literatura de consumo que se fixo, que se fai e que se promociona é realmente de calidade segundo os parámetros de categoría). Sobre o de se a literatura de consumo nos vai salvar eu realmente teño as miñas dúbidas, e por non andar repetindo argumentos que outros fixeron antes deixo aquí un enlace co que concordo no esencial: http://duaszebras.blogspot.com.es/2013/01/best-sellers_24.html . Tamén me dá a impresión de que moitos autores que se cadra se sentirían moi cómodos escribindo literatura de consumo sofren a presión da cadratura do círculo da que falaba antes e acaban metendo con calzador nas súas novelas supostas reflexións sociais ou políticas que non pegan moito e estragan o resultado final.

      • Estás a falar dun libro de 1900 e tal. Un do 2006, outro do 2011 e os de Pedro Feijoó. Cantos libros máis poderías citar como libros consumibles por alguén que non acostuma a ler en galego? Cantos dos libros que se estrean en galego lles recomendarías a unha persoa que non le en galego de cotío?

  5. Este artigo de Manuel Veiga Taboada é honesto, lúcido e moi diplomático (non como certo crítico italiano que aparece no último Babelia). A miña experiencia persoal con este tema ten que ver co derradeiro parágrafo, o que máis me gustou. Son galeguista, e columnista en Galicia Confidencial. Teño escritas catro novelas en galego, pero como o interese nelas foi case nulo (coa excepción de A Nosa Terra e de Toxosoutos) e nunca cheguei a ter un libro publicado, véxome obrigado a escribir actualmente unha novela en castelán, unha obra que é baixo o meu punto de vista innovadora e emocionante. É moi posible que sinxelamente eu non teña talento, pero o instinto de protexerme faime pensar que o problema pode estar no eido da cultura galega. Se houbera máis xente nova e máis representación feminina nas editoriais e nos órganos culturais talvez habería oportunidades para autores coma min. Esperemos que todo mellore, e que se venzan os complexos colectivos de inferioridade.

  6. Exemplos de literatura de consumo hai moitos. “Resistencia” e “O club da calceta” (long-sellers e best-sellers os dous) son, para min, literatura de consumo. Xavier Queiroga, un autor que está tendo éxito agora en castelán, é literatura de consumo. O último premio Xerais é literatura de consumo, igual que o foi o penúltimo, o antepenúltimo e xa non sigo para atrás (tamén se premiou non hai tanto algunha proposta máis arriscada). “O viaxeiro radical”, que reseñei aquí hai pouco, é literatura de consumo, igual que o é “Fontán”, que mencionei na miña reseña. Eu o que vexo é unha predominancia da literatura de consumo no que se edita, no que se promociona e no que se premia. Salvounos? Bueno, non me vou poñer apocalíptica; penso que estamos a ver cousas que hai 30 anos se cadra nin se imaxinaban. Eu métome no Twitter e vexo que arredor desta literatura de consumo se forma unha comunidade lectora, que algúns autores e autoras poden aspirar a conseguir certos ingresos ou certa visibilidade pública con isto, e penso que nos 80 isto debía ser unha especie de quimera, polo menos coa literatura non LIX.

    Podiamos facer varias salvedades.

    Unha, se a literatura de consumo que se escribe en galego podería ser mellor en tanto en canto que literatura de consumo. Aquí habería que dar exemplos concretos, cunha mostra ampla, etc., pero vou dicir que a priori paréceme que dano non faría poñer un pouco máis de esforzo na literatura de consumo que se escribe, traballar un pouco máis para que non traballe o lector para descifrar o que se quere dicir, etc.

    Dúas, se os libros que citei antes ou a literatura de consumo en xeral conseguiron resultados, é dicir, se venderon todos por igual. A resposta seguramente sexa que non, pero é que iso é consubstancial á literatura de consumo. Eu vexo decote libros nas bibliotecas e librerías que a priori, desde un punto de vista puramente literario, non semellan demasiado diferentes de Dan Brown ou Stephanie Meyer. As razóns de por que uns venden máis e outros menos hai que buscalas en motivos non literarios, é dicir: campañas de marketing, tratar algún tema que polo que sexa se pón de moda cando sae o libro, caer en graza cos lectores, etc. Outro tema é que en sistemas máis grandes a unha editora lle resulte viable e rendible sacar dez libros de consumo esperando que un chegue a ser best seller e outros queden polo camiño. Se cadra aquí isto non se pode facer e se cadra tamén calquera libro a priori o ten máis difícil para ser un best seller, polas razóns que xa coñecemos: baixo índice de lectura e aínda máis de lectura en galego, falta de visibilidade da literatura en galego en certos medios, etc.

    Tres, e aquí coido que é onde máis de acordo podo estar contigo. Como dixen antes, a literatura de consumo en Galicia ten certas características particulares: basicamente que se lle intenta dar un toque social, político ou nacional, seguramente na crenza (non equivocada) de que o lector medio en galego lle dá importancia a esas cousas. O conto é preguntarnos se este toque é o que lles impide a outro tipo de lectores achegarse a esta literatura. Eu penso que algo diso pode haber.

    • Haber, si que penso que hai literatura de consumo “canónica”: o que escriben Domingo Villar ou M. A. Fernández, tal vez. É pouca, tamén é verdade.
      Para outro día quedará o asunto do Lector En Galego. Refírome a cando se dicía que non era pertinente aquí a literatura para colección de peto porque o LEG gustaba doutras cousas. Confío en que algún día se supere isto.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s