O Torneo de Duelistas voltará en abril a Biosbardia

Duelo á sombra.

Haberá unha segunda edición do Torneo de Duelistas de Biosbardia. Comezará en abril, após a Semana Santa, e contará con algunhas novidades. Mais o esencial do formato continuará como na primeira edición. Aqueles autores interesados en participaren no novo torneo poden solicitar a súa inscrición no noso correo: biosbardia@gmail.com.

En marzo informaremos as persoas interesadas o formato definitivo do novo torneo. Tamén publicaremos as bases e o calendario para favorecer o seguimento de cada xornada. Desta volta, ademais, contaremos cun patrocinador.

E mentres chega o segundo torneo, queremos que os lectores de Biosbardia nos axuden a escoller os mellores relatos da primeira edición.

Xusto antes de iniciar a segunda liga, publicaremos unha clasificación dos relatos publicados no primeiro torneo, seguindo a valoración que fagan os propios participantes na primeira edición e mais a escolla dos lectores.

Para participardes, só tendes que votar na enquisa que acompaña esta información.

O misterio da final 

A final do I Torneo de Duelistas foi algo accidentada. Nun primeiro momento participaron dous relatos (‘À la maison par la cheminée’ e ‘Singularidade’). Mais o segundo relato, obra de Lois Z, foi impugnado polo seu rival, Pablo Fernández Barba, que considerou que a utilización de personaxes e situacións dun relato seu publicado durante a fase de grupos creaba confusión entre os lectores e podería considerase plaxio, xa que Lois Z publicara o tal relato coa oposición expresa de Fernández Barba. Na súa defensa, Z afirmou que o relato quería ser unha homenaxe lúdica ao máis destacable do torneo, un xogo literario que afianzase e lle dese coherencia á experiencia compartida pola comunidade Biosbardia. Barba decidiu entón presentar a súa renuncia na final mais ao remate Biosbardia consensou cos participantes un amaño: Lois Z publicaría un novo relato e comezaría de novo a votación. O novo texto titulouse ‘O soño de Brais’. A final gañouna Barba, como é público.

Malia todo, este e outros contratempos do torneo servíronlle á organización para tomar nota e considerar necesario redactar unhas novas bases, de cara á segunda edición, máis claras e que poidan responder a casos de conflito coma este.

Advertisements

9 comentarios en “O Torneo de Duelistas voltará en abril a Biosbardia

  1. Gracias a todos os participantes por escribir e, sobre todo, por ler e dar unha opinión. É difícil sacar algo en limpo do que un escribe nestes tempos de todo a cen onde se le tanto e tan apresa. Xa só porque alguén che de unha opinión sincera isto paga, pero moito, a pena. Non sei os demais, pero eu estou enganchado. Verémonos as caras no seguinte torneo.

    En canto ao da final. Xa lle dei a miña opinión persoal aos contendentes, tentarei centrarme na decisión da organización. É loable, cando menos, que se tentase chegar a un acordo entre as dúas partes nunha situación que parecía insalvable. Mais o resultado final para min quedou nun estraño trampantojo. Orixinouse un relato que non quería existir, nunha final precisamente. O pobre Brais e os seus queixos foron invocados antes de tempo, e todo o mundo o leu inda coa mente posta nese outro que xa non existe (destruímos un relato nada máis e nada menos que nun torneo de relatos, bravo), sen gana. Sen embargo o seu rival ficou aí, derrotando a dous relatos. Se isto é un acordo repítense os dous, non hai outra. Facer o contrario é xerar un culpable. Culpable duns feitos que dependen da subxectividade dun dos contendentes e iso non é un acordo de nada senón unha censura. Non falemos de obrigar á xente a comentar de novo, Lomeron tiña (ten porque de feito segue alí, aludindo a algo que xa non existe) un extenso análise que non serviu de nada. Pero o peor de todo é o anuncio de que para a seguinte as bases serán máis claras. Cancelas. Podo ler a nova base: Ningún relato poderá estar baseado en ningún relato previo. Co cal eu xa rectifico en algo que dixen antes por estes lares, en que vía isto como un taller onde sacarlle punta á miña escrita. Así isto só será un concurso, a secas, e iso da mágoa.

  2. Pois pouco máis que engadir ao que xa lle dixen a David no seu día, mais, por alusións: coido que temos un problema de base se confundimos a censura co respecto polas creacións alleas.

    Se hai algo que me prestou, tanto ou máis que someter os meus textos a xuízo público, foi ler as creacións dos demais. Así, e xa o dixen, houbo xente que cuñou cun selo propio as súas narracións. Xa o dixen máis veces: Marcos, Erica, César, Lois… Cada un deles deixaron a súa pegada inequívoca, e de aí que falase no seu día dunha escolma que xa quererían para si moitas editoriais. Pero coller esas pegadas, apropiarse delas xa non sen permiso, senón coa negativa expresa do seu autor, paréceme dunha gravidade enorme. E isto non ten nada que ver con que isto sexa un concurso. Se fose un relato escrito só para divulgar na sección de creación literaria da páxina diría o mesmo.

    Claro que, agora que o penso, por moi informal que fose, si que era un concurso. Non insinúo nada ao respecto, non lle busquedes voltas. Pero se o espírito non era ofrecer uns textos que poder someter a xuízo, igual habería que mudarlle o nome ao invento. “Obradoiro de escrita Biosbardia” coido que estaría ben. E aínda así: tería alguén tripas abondo para lle coller un relato a un compañeiro e reescribirllo? Continuarllo? Completarllo? Eu podería dar ideas: creo que, penso que, ocorréuseche que. Pero ese relato sería, para min, sagrado.

    Os dereitos de autor deberían comezar polo respecto, para máis entre unha comunidá coma esta.
    Ou non, que as opinións son coma os cus, e todos temos unha. Esta é a miña.

    Saúdos.

    • Censurar é prohibir algo que non che presta, non? Pois iso.

      Non digo que che tivese que parecer ben, só digo que ese non era motivo para montar un cristo e renunciar. Que temos unha idade.

      En canto ao de que estea ben ou mal feito… A min non me parece nada grave, fíxose con respeto e dentro dun marco metaliterario. Falouse máis do relato en si que da historia de Lundqvist. A min gabariame, a ti chegouche. O teu cú é distinto ao meu. No cómic pasa seguido, igual estou máis afeito a velo ou incluso facelo.

      • Esta é boa: o delito de plaxio, agora resulta un ataque á liberdade de expresión.
        Espera que aínda imos reescribir décadas de xurisprudencia internacional aquí nun par de liñas.
        Busca por interné sobre os dereitos morais do autor, verás que risas.

        Pero claro, fun eu, que me deu un aire.

      • Delito… mi madriña! Daquela o relato tombouse nos tribunais da Haya, non? Non teño que mirar moito en internet, tranquilo. Por sorte a rapaza coa que vivo ten bastantes coñecementos ao respecto e, como está a curiosear, pois xa me confirma o que me ditamina o sentido común.

        O plaxio é un delito bastante malo e repunante de demostrar. Como norma aplícanse dous criterios que acostuman a funcionar bastante ben. Primeiro demostrar que existe dolo, ou sexa intención manifesta de conseguir un beneficio ou de prexudicar a alguén. Ti dixéchesme un día que non dubidabas das boas intencións de Lois ao facer o relato, e vese que lucro tampouco ía sacar, penso que podemos prescindir do dolo. Logo está a proba da forma. Como identificar ao pai primeiro dunha idea é difícil (coincidirás comigo que na literatura hai máis viola-fillos que Lundqvist) os xuíces acostúmanse a centrar na calidade (como característica) do autor, na escrita ven a ser basicamente se hai parágrafos mallaos. Penso que este tampouco ía ser o caso. En caso de que o relato de Lois fose un super-vendas de algo (¿?) penso que a demanda non ía pasar nin de trámite. Poderías alegar un delito moral. Que o fixo para insultarte. Pero xa me dixeches que pensabas que non. Non?

        Entón non sei que se gañou con repetilo. Era mellor dicir ao remate do torneo: isto non se publica, vale?

        É o que penso sinceramente, que é bastante parecido ao que xa che dixen por privado. A magoa é estar discutindo isto (que me parece bastante edificante e construtivo por establecer, debater e abordar os límites da propiedade intelectual) sen o relato diante. Diante só temos un relato que non quería ser e ao que ninguén lle fixo xa caso.

        Unha aperta, meu. Falamos cunca cunca diante mellor. (Pagas ti que pa iso gañaches.)

      • Mala intención, mala intención… Non diría eu. Agora, intención capciosa, toda. E o malo é que foi capciosa de cara non a un obradoiro de escrita, senón, mira ti, a un concurso.
        Eu en todo momento defendín a propiedá do relato por riba, precisamente, do concurso: por iso presentei a renuncia indo por riba nas votacións, porque o resultado do mesmo tirábame dun pé.
        O que xa non me tira dun pé é o seguinte: o que levo de aquí. E que levo de aquí? Pois a túa caixa, a muller que perdeu o fillo de Marcos, o limoeiro de César e a cacharela de roupa interior e o almorzo de matanza de Erica. Que me gustaría que levase a xente de min? Pois o solpor na praia e, xaora, o profesor Lundqvist. Pero o mesmo que nin se me pasa pola cabeza que a xente marche relacionándome con ningunha das creacións doutros, tampouco quero que ninguén marche relacionando a outros coas miñas.

        Como ves, ninguén fala aquí de dereitos patrimoniais, senón morais. Estes dereitos, e os motivos que os sosteñen, explicáronselle á outra parte de xeito conciso e claro. Pero nin puto caso. Era máis divertida a ‘emboscada’ Pois moi ben. En serio, sen voltas. Pero digo eu que poderei presentar a miña renuncia e a retirada dos meus textos, non? Ou seica uns poden tirar pola rúa do medio e os demais temos que facernos a un lado?

        Como che dixen aí arriba, unha cousa é a censura, outra o plaxio e outra o respecto. Se non lle deixo aos lambepenicos do sistemiña que me movan os marcos, vounos mover en familia.

        E isto sostéñoo aquí, diante duns cacharros, ou botándoche unha man para saír de embaixo duns ferriños.

  3. Non aceptei a túa primeira negativa porque nese momento nin sequera leras o relato, a pesar de que che ofrecín esa oportunidade antes de envialo ó concurso. Non me parece xusto nin razonable (tentar) impedir que unha obra vexa a luz sen tela valorado primeiro, só porque che dixen que Lundqvist ía ser o protagonista do relato.

    Os dereitos de autor pouco teñen que ver con isto. Uns rapaces van sacar unha pelicula sobre Voldemort e a Warner, que ten os dereitos, non pon impedimentos se non se lucran con ela. Ti querías que non se publicase o relato. Lana del Rey anda con lios por facer unha canción parecida a Creep. Radiohead non pediu a destrucion da cancion, pediu os royalties. Esa teima foi algo personal teu dificil de explicar e de entender. Eu vou seguir facendo o mesmo con outros relatos (excepto cos teus, claro), se me apetece, igual que pode facelo calquera cos meus se lle presta, e máis agora que César dixo que as bases do torneo o permitirán explicitamente, cousa que non me esperaba e que me alegra, porque así non volverá darse no futuro este esperpento.

    • -Non é non, entendes?
      +Na, iso non é xusto nin razoable. Mira, primeiro vouche botar un foguete e despois xa opinas.

      E nada, asín.

      (Porque… Estamos a falar de cartos ou de respecto?)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s