Enxeñaría do terror: Tres libros sobre os xenocidios do século XX

DIARIO DE LECTURAS (I)

Dous oficiais das SS alemás.

Xesús González Gómez.

8-27 de decembro.–“Eran apuestos, brillantes, inteligentes y cultivados. Fueron responsables de la muerte de varios cientos de miles de personas”. Así empeza un libro que debera ser de lectura obrigatoria: Crear y destruir. Los intelectuales en la máquina de guerra de las SS, de Christian Ingrao, publicado por El Acantilado, 2017. O libro é un estudo polo miúdo dos intelectuais das SS que prepararon os masacres e a eliminación de millóns de eslavos (razas inferiores) e de xudeus e xitanos. Dunha vez por todas, Ingrao bota por terra o mito duns SS brutais e brutalizados, incultos, case analfabetos, salvaxes, etc. Nada diso, a máquina nazi puxérona en marcha, e engraxárona acotío, intelectuais, é dicir, médicos, avogados, enxeñeiros, arquitectos, historiadores, antropólogos, catedráticos de universidade e de instituto, profesores de literatura, de historia, etc. Todos, ou case todos, cun alto nivel académico. Ao longo das páxinas vémolos desfilar, lemos o que lles escriben ás súas familias explicándolles o que facían e o mal que se sentían ao facelo, mais había que facelo, porque eliminar xudeus, xitanos, comunistas, polacos, rusos, homosexuais, etc., non era eliminar persoas, xa que eran peor que animais salvaxes. Os intelectuais das SS xustificaron ideoloxicamente os masacres e matanzas, puxeron en marcha todo o aparato publicitario e executivo para realizar estas matanzas e, cando fixo falta, eles mesmos executaban prisioneiros para lles explicar aos seus subordinados a importancia de realizar ese acto e lles dar exemplo. Finalmente, e máis que un comentario sei que estou a facer publicidade dun libro, Ingrao bota abaixo toda esa ampla bibliografía (e toda unha serie de filmes, maiormente hollywoodenses, mais tamén algún europeo) que edificou a lenda dos nazis como «enfermos mentais».

Outros deses libros de lectura obrigatoria, e estes concretamente para unha esquerda que aínda non entrou no século XXI, serían os dous que lin despois do de Ingrao.

Terror y Utopía. Moscú en 1937, de Karl Schlögel, tamén publicado por El Acantilado, pero no 2014. O libro é un estudo ao detalle do que aconteceu en Moscova en 1937, en todos os aspectos, desde o urbanismo até a literatura e o deporte, pasando polos grandes procesos e as grande fames, etc. 1937 foi a época dos segundos procesos de Moscova, cando o bolxevismo, dirixido por Stalin, se, digamos, “encheu de merda” e acabou por encher deste produto toda a revolución rusa e o que aínda hoxe coñecemos como comunismo.

Schlögel dá conta de todo canto aconteceu naquel ano de 1937 en Moscova, xa que logo, na URSS. Foi o ano do inicio do “gran terror”. Miles e miles de fusilados, e de mortos en condicións infrahumanas en cárceres, campos de concentración, en comisarias ou nos sotos da sede da GPU, sen que eles, os mortos soubesen por que, e mesmo hoxe nós, os lectores dos libros de historia, non saibamos explicarnos o por que deses masacres, á parte do intento, conseguido con creces, da capa dirixente do Partido Comunista de URSS de agachar e tapar nos fracasos consecutivos que ían logrando en diversos campos, sobre todo o económico. Polas páxinas do libros vemos desfilar nomes coñecidos: Bukharin, Babel, Radek, Bulgakhov, Meierhold… Todos, ou case todos, fusilados. Acusados de seren axentes troskistas-xaponeses-alemáns e algunha cousa máis. Inimigos do socialismo, conspiradores de conspiracións imposíbeis, e todas inventadas pola potente policía política (NKWD/GPU). Acusados e fusilados sen probas, xa que as únicas probas foron as súas “confesións” –as dos acusados. E así vemos como nese 1937 (e meses antes e meses despois dese ano) a capa dirixente do PCUS elimina a elite de xeólogos soviéticos, a case todos os xefes responsábeis da industria, do exército, da Internacional (de xaneiro de 1936 a abril de 1938, o aparato da Internacional pasa de 394 membros a 223, 95 destes membros foran fusilados). Mais tamén como son fusiladas, desaparecidas, eliminadas xentes que non saben nin por que as deteñen, que non entenden por que van morrer. Xentes de todas as nacionalidades da URSS, xentes de todas as categorías: de analfabetos a catedráticos de universidade, pasando por xenerais e simples campesiños ou obreiros, etc.

Na páxina 726 Schlögel reproduce as cifras –documentadas, é dicir, tiradas dos arquivos do PCUS– dos fusilados en Butovo entre agosto de 1937 e outubro de 1938. Velaí as cifras:

Agosto 1937: 1.296 execucións

Setembro 1937: 3.165

Outubro 1937: 2.045

Novembro 1937: 1.743

Decembro 1937: 2.376

Xaneiro 1938: 546

Febreiro 1938:2.326

Marzo 1938: 2.335

Abril 1938: 885

Maio1938:1.346

Xuño 1938: 1169

Xullo 1938: 510 execucións

Agosto1938: 780 execucións

Setembro 1938: 119 execucións

Outubro 1938: 126 execucións

Por outra parte, escribe Schlögel, “nos 15 meses, de xullo de 1937 a novembro de 1938, foron vítimas de operacións masivas case un millón e medio de persoas das cales aproximadamente 700.000 foron asasinadas” (p. 728). Alguén pode pensar, 100 anos despois, que a revolución bolxevique pode ser espello para unha futura revolución proletaria? A revolución bolxevique ficou invalidada xa nos inicios dos anos 1930, cando as grandes hambrunas provocadas pola política económica do Partido Comunista da Unión Soviética. A finais dos anos 1920, Panait Istrati denunciou o despotismo do réxime soviético. Algúns militantes comunistas amigos seus dixéronlle que talvez tiña razón, que se cometeran inxustizas na URSS, mais que para facer tortillas había que romper os ovos, ao que Istrati respondeu que estaba de acordo, mais o problema é que el non vía as tortillas (é dicir, a revolución) por parte ningunha e si unha cantidade esaxerada de ovos rompidos (ou sexa, represión) e, xa que logo, botados a perder (é dicir, fusilamentos e mortes). Hoxe, aínda unha parte da esquerda europea soña cunha revolución de tipo bolxevique que non sería senón unha, outra máis, derrota da revolución.

O outro libro altamente recomendábel que lin estes días é La gran hambruna en la China de Mao. Historia de la catástrofe más devastadora de China (1958-1962), de Frank Dikötter, El Acantilado, 2017. O libro céntrase no famoso “salto cara a adiante” propugnado por Mao en 1958. O salto era a ilusión de pasar dunha sociedade rural e campesiña a unha sociedade industrialmente avanzada en poucos anos: evidentemente, as análises marxistas non eran o forte nin de Mao nin da maioría do Partido Comunista chinés, por moito que pensasen e predicasen o contrario os seus futuros propagandistas occidentais: Charles Bettelheim, Rossana Rossanda, Jean Chesneaux, en España o colectivo Inés Galán, etc.

Difícil, e arriscado, sería resumir o libro de Dikötter, mais digamos que polas súas páxinas vemos como as necesidades do “salto cara a adiante” levaron a unha superexplotación tanto do campesiñado como do proletariado chinés, que os métodos de traballo rozaban a escravitude, que a superexplotación das instalacións industriais (que non se renovaban) conduciron á destrución da maioría destas, que os produtos industriais foron abandonados por calidade deficiente ou por non haber lugar onde consumilos ou país ao que venderllos, que no campo (e, xa que logo, nas cidades) sobreveu unha hambruna motivada polas necesidades do Estado de recadar divisas, é dicir, de exportar produtos alimentarios que eran necesarios para a alimentación do pobo chinés: mentres en rexións da China que producían toneladas de trigo os cultivadores morrían de fame, os dirixentes chineses enviaban esas toneladas de trigo, a baixo prezo, á Cuba castrista; ou vendíanlles produtos industriais a países do terceiro mundo por debaixo do prezo de custo, como propaganda, co conseguinte prexuízo para a economía chinesa, etc.

Dikötter calcula que neses catro anos morreron (entre asasinatos, malleiras e de fame) uns 45 millóns de chineses. Polas páxinas do libros vemos as intrigas dentro do PC Chinés, as mentiras dos xefes ou responsábeis das industrias, que falsificaban os informes para “quedar ben” perante o partido, etc. É dicir, todo moi coñecido e sabido que moitos non queren coñecer nin saber. En 1961, detívose o “gran salto cara a adiante”: tres anos despois, ante a inminente perda do poder, Mao e a súa camarilla lanzou o que se coñeceu como “revolución cultural”. Sobre a revolución cultural chinesa dixéronse moitas parvadas, afirmou nun momento ou outro Alain Badiou: o problema é que as maiores parvadas sobre esta suposta “revolución cultural” as dixeron os prochineses occidentais, entre eles Alain Badiou. O “gran salto cara a adiante” e a “revolución cultural” non foron máis que manobras de Mao e a súa camarilla para manterse no poder: o custo en vidas, e non só en vidas, destas dúas manobras (como a anterior, a de 1956), a das “cen flores”, nunca se saberá a non ser que se abran, dunha vez por todas, os arquivos chineses, sobre todos os arquivos do Partido comunista. Hoxe, a China é un dos grande países capitalistas do mundo… dirixido por un partido que se denomina comunista e que ten a Mao como o seu ídolo: todo é un disparate e Zizek atreveuse a escribir que Mao aínda servía…

En fin, tres libros exemplares sobre tres etapas do século XX que aínda nos marcan hoxe e cuxos efectos aínda arrastramos e, talvez, aínda pagamos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s