De como certa crítica mata a diversidade literaria

Lectora. RYOKIO TAJIRI.

Eva Moreda.

Cada vez máis voces sinalan a diversidade literaria e editorial como unha característica que coidar e fomentar e á que aspirar. Non vou entrar aquí en complicacións (que as hai); direi simplemente que esta aspiración me parece lóxica e que coido que debera parecerllo a calquera persoa sensata, xa sexa porque é de xustiza que a diversidade da sociedade se reflicta na literatura, porque coidamos que a diversidade pode ser unha boa estratexia editorial-comercial ou por algunha outra razón. Unha vez postas as cartas sobre a mesa, avanzo o meu argumento: que existe un certo modo de facer crítica literaria, predominante na actualidade, que, baixo a aparencia de fomentar a diversidade, o que fai é matala e, se non a mata, déixaa ben tolleita.

Formalmente, non resulta difícil recoñecer este tipo de crítica. Consiste en facer un esbozo máis ou menos detallado do argumento, a trama e/ou o tema da novela en cuestión, entendendo aquí por “tema” preferentemente algún asunto candente e de actualidade que poida servir para atrapar a atención do lector: a igualdade/desigualdade de xénero, a multiculturalidade, a guerra (calquera guerra), o fascismo (calquera), a crise (calquera), etc. Sobre isto fanse dous tipos de xuízos de valor. O primeiro tipo vén dado pola pertinencia do tema: se se considera que é abondo candente e do noso tempo e se foi tratado de acordo con certos valores sociais, políticos, etc. defendidos polo crítico, pola publicación na que escribe ou pola sociedade en xeral da que forma parte.

Facer crítica desde estes parámetros será todo o problemático que queiramos, pero polo menos neste tipo de xuízos de valor aínda adoitamos ver un certo toma e daca, unha certa argumentación de por que ao crítico non lle gustou tal ou cal cousa. Se nos vamos ao segundo tipo de xuízos de valor dos que estaba a falar, alí si que xa non atopamos nada diso. Este segundo tipo é o dos xuízos de valor puramente literarios, de técnica. Aquí, a argumentación e a análise máis ou menos especializada adoitan ser substituídas por unha colección de adxectivos ou verbos que indican se a novela atrapou ou non o crítico, se é fascinante, se é unha contribución significativa por parte do autor, etc. (na maioría dos casos a resposta é que si a todo): todo isto “porque si”, sen dar explicacións nin a favor nin en contra.

Aquí apresúrome a aclarar que non estou a falar dun problema exclusivo das nosas letras. O escritor español Gonzalo Torné, nun artigo sobre o suposto machismo das novelas de Philip Roth, sinalou hai pouco o errado de centrar toda discusión crítica no tema das obras literarias, e o crítico estadounidense Daniel Green ten comentado decote no seu blog as limitacións do método crítico que el considera que predomina nos medios culturais mainstream do seu país, que vén ser o que describín máis arriba. Aínda así, como con todo, nas nosas letras os síntomas, causas e consecuencias poden adoptar formas particulares nas que non se vai entrar neste artigo.

Este enfoque mata a diversidade porque renuncia, de entrada, a dicir nada sobre a diversidade puramente literaria: a de técnica, de enfoque, de modo narrativo. Resulta significativo que moita desta crítica, cando se ve enfrentada cunha novela que emprega modos narrativos diferentes aos máis manidos, renuncia xa de entrada a dicir algo sobre estes modos (Resumir as técnicas literarias empregadas nesta novela sería imposible e inabarcable. Vaia! Pois non te meteras, entón, nestes fregados). Cómpre lembrar que a diversidade non vén dada unicamente polos temas tratados ou polas características demográficas de quen escribe as novelas: estes temas, estes puntos de vista potencialmente diversos (por estar apoiados en experiencias vitais diferentes aos dos señores brancos, ricos e de clase alta aos que estamos afeitos) deberán atopar a súa técnica literaria (e mesmo xerar técnicas novas) para materializar o seu potencial de diversidade. É mesmo posible que unha análise polo miúdo das técnicas literarias nos convenza de que o xeito en que unha novela trata un determinado tema é máis complexo e ten máis aristas do que en principio poderiamos pensar.

Por outra parte, moitas das novelas formalmente máis ambiciosas ou experimentais (e por tanto, máis diversas con respecto ao mainstream do seu tempo) son case imposibles de reducir a un argumento, unha trama, un tema: estas novelas adoitan estar entre as principais vítimas das estratexias desta crítica. Van as novelas de Virginia Woolf sobre a clase alta británica do seu tempo? Pois, home, algo si, pero non quedes na tona e métete máis para abaixo. Podemos meter nun mesmo caixón Their eyes were watching God, de Zora Neale Hurston, o monumental ciclo Pilgrimage, de Dorothy Richardon, Die Liebhaberinn, de Elfriede Jelinek e a saga Dúas amigas, de Elena Ferrante porque todas elas tratan o mesmo tema (o paso de nena a muller, a xuventude feminina en ambientes pouco amigables para as mulleres)? Por poder, podemos, pero sen máis análise, non sei eu o que habemos gañar se do que se trata é de comprender a diversidade do puramente literario.

Advertisements

4 comentarios en “De como certa crítica mata a diversidade literaria

  1. Coincido en que xulgar unha novela polo seu tema, de maneira que se destaque como o valor principal da obra, para ben ou para mal, non é, na miña opinión, a mellor maneira de facer crítica. Pero quero engadir algo que me parece relevante neste debate con respecto á nosa literatura: penso que moitos autores (que pretender publicar ou xa o fixeron) non teñen a pericia necesaria para contar unha historia controlando o que lle están a transmitir ó lector. Moitas novelas non contan nada máis aló da súa propia sinopse, sen segunda lectura posible. Daquela, se un crítico busca esa segunda lectura o que achará será un remexido dos prexuizos, ideas preconcebidas e tópicos interiorizados polo autor, cousas que se supón que non debían estar aí e das que negará ser responsable.

    Explícome. Imaxina un argumento neutro, sobre calquera cousa, comedia ou aventuras, o que sexa. E o autor vai e introduce algúns personaxes masculinos que, sen ser el consciente nin facelo adrede, son, dito así en xeral, machistas, e uns femininos que son innecesariamente tópicos e ridículos. Daquela, a crítica ten unha fiestra aberta a mencionar iso como algo doblemente negativo e vai influir tamén sobre a percepción do tema da novela, se é que o tivese.

    Por iso penso que, segundo o caso, pode resultar pertinente criticar o -ismo do narrador, das personaxes ou do argumento dunha obra igual que tamén resultan algunhas novelas de denuncia do mesmo -ismo ridiculamente inxenuas e infantís, por moi boas intencións que teñan. Logo xa é traballo do crítico dar os seus motivos de por que sinala esas eivas na obra analizada, para dilucidar por nós mesmos baixo que parámetros foi xulgada a obra.

    Por outra banda estou moi dacordo con esta frase do artigo de Tomé:

    “Una novela que denuncie el capitalismo sin incluir sus atractivos no valdrá un real, y cualquier exploración visionaria pierde fuerza si no podemos intuir las sombras (o la sangre) de su desarrollo y su implantación”.

  2. Penso que é moi pertinente esa aclaración. Ese tipo de novelas que comentas seguramente se darán en todas as literaturas do mundo, porén é posible que na nosa abunden especialmente ou teñan especial resonancia. A miña opinión, que coido que non é moi diferente á túa, é que hai certos pecados aparentemente ideolóxicos que son en realidade (polo menos en parte) pecados literarios, e eses convén sinalalos. Por exemplo, o típico de personaxes femininas simplistas: obviamente isto (o feito de que tendan a ser personaxes femininas e non masculinas as que sexan simplistas, os estereotipos en si que se usen) ten unhas causas sociolóxicas e históricas que convén tamén analizar, pero o que me parecería interesante sinalar desde un punto de vista literario é o feito de que estas personaxes sexan planas e non estean desenvolvidas, e iso nótase moito ao lado de personaxes masculinos perfectamente desenvolvidos e cheos de matices. (Isto ten moitas arestas, por suposto: hai estilos literarios que usan adrede personaxes en apariencia “planas” non porque os seus autores non o saiban facer mellor, senón porque se perseguen certos efectos, etc.).

    Igual que hai certos clichés ou estereotipos machistas (ou racistas, etc.) que, como lectora, me renxen non tanto polo machismo senón polo cliché: a típica historia de home maduro incomprendido pola muller, etc. (que obviamente admite moitos tratamentos e pode salvarse do cliché, pero falo dos casos en que o escritor nin o intenta).

  3. Unha liña de crítica que sistemáticamente analice as obras fixándose no tema tratado pode ter certo valor sociolóxico e mesmo ser moi interesante de ler, pero literariamente vai cargar cun sesgo importante en aras de perseguir o obxectivo marcado pola crítica. Se iso vai matar a diversidade literaria xa non o sei, penso que é conferirlle moito poder, e máis cando falar mal dunha obra -polo tema tratado- tamén é facerlle publidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s