Imaxinando ‘Entre o longo deserto e o mar’, de Alfonsina Storni

Nesta ocasión reproducimos a capa ficticia de Entre o longo deserto e o mar, tradución ao galego da antoloxía de poemas da arxentina Alfonsina Storni. Xa sabes que para votar simplemente por esta proposta tes que premer no botón de ‘Gústame’.

César Lorenzo Gil.

Portada ficticia de ‘Entre o longo deserto e o mar’, de Alfonsina Storni.

De Alfonsina Storni díxose de todo. Que fumaba, que andaba con mulleres, que o seu fillo Alejandro fora concibida mentres exercía a prostitución. Dicíase dela que bailaba a destempo, que bebía e xuraba, que estouraba na máis irreparable rabia e queríase soa.

Que a súa tristura era infinita, que pelexou toda a vida (curta vida de 46 anos) por amar mais nunca foi amada. Que buscaba as ondas do mar para encontrar a calma que o seu desacougado mundo interior lle roubaba a cada hora.

Storni converteuse en lenda. A súa poesía superou todos os límites e hoxe en Arxentina, cando se fala de Alfonsina, non cómpre engadir o Storni. O seu suicidio (foise afogar ao mar) axudouna a ser inmortal. Aínda que se matou para non sufrir as dores dun cancro que a devoraba, outros escritores converteron aquel derradeiro beixo ao mar no máis elevado dos seus versos. Como ocorre sempre que hai un mito, a canción, “Alfonsina y el mar”, composta por Ariel Ramírez e Félix Luna, e popularizada por Mercedes Sosa, Alberto Cortez e incluso Andrés Calamaro ou Dulce Pontes, acabou por convertela nun símbolo da pena irreparable, da soidade e da beleza da morte.

Mais pode soster o mito a poesía de Storni? Que queda hoxe en día de valor nos seus versos?

Storni en efecto é unha escritora coñecida pero pouco lida. Os seus versos amorosos, intimistas, arrebatados de paixón, non se difunden coa mesma forza que os traballos (os menos interesantes) de Pablo Neruda ou Mario Benedetti. Aquí o feito de ser muller quítalle prestixio.

Mais poucos poetas conseguiron ese nivel de sinceridade lírica. Storni respira en cada verso, transparéntase até o exhaustivo o seu xeito de entender e experimentar a vida.

Poeta de transición entre o modernismo e as vangardas, hoxe algúns dos seus poemas lense con candor por certa inxenuidade que repousa na súa métrica clásica. Mais por debaixo desa cuadrícula perfecta, a escritora provoca un soterrado diálogo co máis íntimo, con ese feixe de sentimentos que ninguén puido esquivar por pouco que vivira.

Storni ten agora esta capa en galego. Na verdade non existen traducións da obra da arxentina. E talvez non faga falta, sorte que temos de poder lela na súa lingua orixinal. Mais aínda que sexa como xogo literario, acaso non presta escoitar no noso propio idioma os seus versos?

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s