‘As últimas galerías’, unha visita algo distinta ao 1936

Xosé Mª Álvarez Cáccamo. AELG.

Houbo pola volta do 2010 no noso sistema literario un certo ruxe-ruxe que clamaba que xa había demasiadas novelas nosas sobre a Guerra Civil e a posguerra e que así non se podía (curiosamente, algúns dos escritores máis activos neste ruxe-ruxe tiñan escrito novelas de Guerra Civil e posguerra eles mesmos: non sei se a súa actitude se pode cualificar de “política de terra queimada” ou se merece algún outro adxectivo). Non vou entrar a debater se este ruxe-ruxe levaba razón ou non; en realidade, o tema de fondo nestas polémicas non é a literatura, que admite case calquera cousa, senón o marketing editorial: a ver como facemos para vender unha chea de produtos aparentemente iguais e indistinguibles. Si direi que estes debates condicionan, feliz ou infelizmente, o noso xeito de achegarnos a calquera nova publicación que trate o tema, como é o caso d’As últimas galerías, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Galaxia, 2015). Resulta inevitable preguntármonos que hai de novo que non nos teñan ofrecido antes, xa sexa no que se conta ou (máis importante) nas técnicas literarias que se empregan para facelo.

N’As últimas galerías cousas novas hai; tamén (se cadra inevitablemente) cousas vellas, e xa vou anticipar que me parece que as primeiras superan, ou polo menos compensan, as segundas. Entre as primeiras, está o xeito de contar as cousas desde o presente: desde a perspectiva dos fillos dos que fixeron a guerra. Estes fillos, nacidos a finais dos 40 ou principios dos 50, están agora xubilados, como Manuel, o protagonista e narrador da novela. Atopámonos entón coa suxestión (máis insinuada que machacada por Álvarez Cáccamo, o que é un acerto) de que a xeración que fixo a guerra xa non é a dos pais ou dos avós; é a dos bisavós, que estes días agonizan (como Amalia, nai de Manuel e a outra protagonista da novela) en hospitais e residencias varias polo país adiante: a violencia vai, aos poucos, facéndose cousa do pasado sen ter sido nunca posta sobre a mesa para debatela abertamente. Este é o atractivo pero sutil formulamento que atopamos nos dous primeiros capítulos da novela, que se desenvolven no centro de saúde no que se atopa ingresada Amalia e que Álvarez Cáccamo dota dun aquel onírico cunha perspectiva que mestura primeira e segunda persoa. A este escenario e esta perspectiva voltamos, acertadamente, no capítulo final.

O resto da novela, porén, é máis vello e esperable. Parece como se Álvarez Cáccamo quixese crear certa impresión de misterio en torno ao pasado de Amalia e do seu home, Ramón, pero faino de xeito un tanto mecánico e como con desgana (e realmente cabería preguntarse se, cun arranque tan prometedor como os dous primeiros capítulos, facía falta fiar o desenvolvemento da trama a este suposto misterio). Como en moitas novelas recentes de grandes segredos familiares (veñen á memoria Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, e Faneca brava, de Manuel Portas), o único que ten que facer o narrador é atopar a alguén que saiba do segredo (preferentemente unha persoa de idade), insistirlle un pouquichiño e logo sentar comodamente mentres o seu interlocutor lle vai revelando o suposto segredo sen grandes reparos e con moita profusión de detalles e, iso si, facer de cando en vez algunha intervención fáctica (“cónteme máis diso”, “e iso que está dicindo, cando pasou?”, etc.) para que os parlamentos do interlocutor non cheguen a superar as dúas páxinas.

Tampouco son exactamente orixinais a descrición de fotografías antigas para contar o pasado, nin a intercalación de textos escritos polas persoas en cuxa peripecia persoal se está a indagar, neste caso cartas entre Amalia e Ramón durante seu noivado e un diario que Amalia escribe na súa primeira vellez tras a morte do seu home. Así, con todo, estes textos intercalados achegan algunhas das mellores páxinas da novela: a novidade chega aquí de xeito un tanto inesperado. As cartas, escritas nunha linguaxe máis poética ca o resto do libro e mesmo con certo ton surrealista, chegan a conmover polo retrato que proporcionan desta parella moza que intenta, con grandes atrancos, arrincar unha vida en común pola volta de 1945. Pola súa parte, o diario de Amalia, aínda que peque dunha construción ideolóxica típica e un tanto simplista dos personaxes (os bos non pisan a igrexa e len a Lorca, os malos andan todo o tempo en contubernios co cura e a Lorca chámanlle maricón, etc.), contén tamén páxinas desazonadoras nas que se retrata o ocaso dalgúns falanxistas locais moi activos na represión da Guerra Civil e que na posguerra caen rapidamente no alcoholismo e no xogo mentres seguen adiante co acoso ás súas vítimas de antes, agora de xeito desesperado e patético.

♦ As últimas galerías, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo. Galaxia, 2015. 204 páxinas. ♠17€

Eva Moreda.

Advertisements

3 comentarios en “‘As últimas galerías’, unha visita algo distinta ao 1936

  1. Un nivelazo as críticas de Eva Moreda e Lois Z. Argumentadas, sen pedantería, sen prexuizos e con naturalidade. Un gusto.
    E conste, para o lector/a, que non coñezo a ningún dos dous de nada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s