O estilo seguro de Antón Dobao

DIARIO DE LECTURAS (e II)

Antón Dobao. AELG.

Xesús González Gómez.

29 de decembro. –Nun comentario a un escrito meu sobre as boas críticas que  non producen bos libros, Lois Z afirmaba que talvez era un chisco “crítico, lector, nihilista” –é dicir, mais ou menos aquel crítico (lector) que afirma que como os nosos contemporáneos non serven ou non nos interesan, dediquémonos aos libros do pasado, etc. A verdade é que case todo cristo é crítico ou lector nihilista pero tamén é verdade que debemos saber que din os nosos contemporáneos, aínda que nin esteamos de acordo con eles nin os entendamos nin, ao final, nos interesen. Mais non debemos esquecer que hoxe, como xa afirmaba Octavio Paz hai máis de cincuenta anos, somos contemporáneos de todos os homes/mulleres do planeta e, polo tanto… talvez sexa unha obriga lelos, aínda que non a todos. Claro que tamén hai que avisar que Osip Mandelstam afirmaba que non era contemporáneo de ninguén: acho que o poeta ruso se equivocaba: era contemporáneo dos centos de miles de homes e mulleres que, coma el, morreron a resultas da represión stalinista. E no que respecta aos escritores do pasado, tamén se pode afirmar que non temos por que lelos e admiralos, mesmo que sexan grandes escritores: Ernst Jünger, K. Hamsun, Céline, etc., escritores importantes, mais elos que se poden desprender da cadea sen que aconteza ningunha traxedia. Pero non nos enredemos.

Este parvo comentario vén dado porque estes días lin un libro dun noso contemporáneo. Libro do que non sabía nada até hai pouco e que, digamos, me sorprendeu agradabelmente. Tratase dun libro de Antón Dobao. Dobao é coñecido, sobre todo, como poeta, tradutor e, mesmo, director de cinema. No 2014, publicado pola editorial Galaxia, deu ao prelo As ilusións estrañas, libro de narracións conformado por trece contos, contos cuxa primeira característica é, para min, que queren configurar unha poética que radica no esforzo dunha retórica sen retórica, o que é, como temos discutido e falado en diversas ocasións, ben difícil. É dicir, para facer unha retórica sen retórica cómpre dominar todos os resortes da retórica, como para facer verso libre hai que saber medir os versos (e, mesmo, rimalos). Noutras palabras, non se pode fuxir da retórica se non a coñeces, se non dominas os seus resortes, de aí que moitos narradores fracasen flagrantemente cando intentan facer unha narrativa que eles chaman, ou consideran, de avanzada e, en realidade, son pura retagarda, é dicir, puro século XIX.

Os contos deste libro gozan todos dun estilo claro, sobrio, seguro; dunha síntese moi axustada e ás veces xogantina. Un léxico que abala entre a pulidez da ortodoxia e a tentación (que non acaba por dominalo, ás veces, acho, infelizmente) de tirar polo dereito, sobre todo cando a norma se converte en postizo.

Os contos, sen querer «intervir» directamente nos problemas cotiáns, en realidade si interveñen: o seu propósito vén sendo, digamos, revelar zonas ocultas da cotidianeidade. Por exemplo, o relato “Rodas sobre o asfalto”, que se pode ler como un relato de, digamos, mal de amores, en realidade é un relato sobre o maltrato á muller no matrimonio. É o final do relato, en certa maneira os relatos de Dobao son debedores do relato denominado clásico, o que empeza en Poe e acaba en Cortázar –esta, digamos, influencia, nótase en relatos como o que abre o libro, “Chocolate”, aínda que o clímax, a atmosfera que vai creando a medida que avanza o relato lle entrega ao lector atento o final–; mais falabamos de “Rodas sobre o asfalto”, que desemboca nun final que obriga o lector a reler o conto. Noutras palabras, Dobao, dentro dunha unidade poética, entrega unha variedade narrativa que vai do conto que antes denominamos clásico ao conto en que o que importa é o clímax que crea o autor, non o final que produce “estupefacción” ou asombro ao lector, polo que me atrevo a dicir que talvez se deba considerar este libro de relatos, o segundo do autor, o primeiro (Incertos, Xerais, 2008) non o coñezo, como un libro de transición. O que quero dicir, e non sei se estou a explicarme ben, que se Dobao continúa un camiño ascendente, e que tardase seis anos en entregar un segundo libro narrativo di moito no seu favor, pode chegar a dar obras moi serias, o que non quere dicir que esta non o sexa, que o é, xa que mostra un escritor, un narrador, en plena madureza creativa. Madureza que lle entrega a consciencia de telo todo controlado, de que nada se lle escapa e que se tensan ao máximo as posibilidades da forma: un autor que quere facer literatura no bo sentido da palabra.

En fin que nos achamos diante un libro de relatos no que cada relato propón, case sempre con acerto (agás o que acho eu máis ideoloxizado de todos e, xa que logo, menos conseguido: “Fragmentos sobre a gran fractura”, ademais da, digamos, rotura de falla do seu fin estético –porque se unha obra literaria non se propón un fin estético adoita non ser literatura–), desenmascarar un anaco da realidade en que nos movemos cada día. De aí, tamén, que como avanzabamos, a linguaxe sexa real concreta, que o autor integre a sinxeleza do cotián en frases elementais, que a técnica sexa flexíbel e cambie dun relato a outro.

Para irmos acabando, hai que anotar no haber do autor que saiba crear uns personaxes que mostran síntomas patolóxicos, demostrativos de personalidades desequilibradas que acaban en situacións de profunda violencia que o autor sabe, moi ben, enmascarar. Porque dá a ver (toda gran literatura –narrativa, poesía, teatro– dá a ver, como ben titulou o seu poemario, Donner à voir, Paul Éluard no seu día) esa fonda violencia sen necesidade de trucos, de “aspaventos”, de berros ou chamadas de atención, senón usando de tal maneira as palabras que o lector pensa, nun primeiro momento, que o personaxe que fala ou que actúa goza dun verdadeiro equilibrio emocional e que controla as situacións; ou, simplemente, que é un melancólico.

Antón Dobao, neste libro de contos, mostrou a posibilidade de creación dunha prosa cinética, móbil, expresada no dinamismo –frescura– das palabras, no ritmo narrativo (aparece como un especialista na forxa da lentitude do crecemento imparábel da tensión) e na capacidade para conducir ao lector a unha situación na que se visualizan os movementos, os xestos e os pensamentos.

Esperamos, esperanzados, novas entregas narrativas de Antón Dobao.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s