‘Culpable’, apostalo todo ao ritmo

Detalle da capa de ‘Culpable’.

Culpable, de Eli Ríos, gañou o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente, outorgado pola fundación do mesmo nome cuxo principal representante é o Concello de Muxía (sinto non poder dar ningún dato máis pero na edición que teño non aparece extracto ou referencia ningunha á acta do ditame do xurado nin a composición deste).

Supostamente, este libro de poemas pretende subverter as coordenadas da lírica, rachar determinados límites da expresión poética e facer explosión dunha expresividade máis pura, sen edulcorantes. A autora compón os seus poemas como panfletos da linguaxe, versos-puñal que dialogan con outros escritores: Cunqueiro, Rimbaud, Novalis, Mia Couto, Dusan Charles Simic… sempre cunha posición en permanente estado de rebeldía, baixo unha sobreexcitación que se transmite a partir de versos repletos de referencias á linguaxe televisiva, anglicismos (moitos deles neoloxismos relacionados coas novas tecnoloxías da comunicación) e vocabulario técnico (especialmente do ámbito da medicina e da filoloxía).

Digo supostamente porque no fondo este libro non rompe nada. As reflexións sobre poesía, máis alá dun inxenuo comentario dalgúns textos alleos, non teñen o menor percorrido: “O poema non se cimenta na profundidade do oculto”; “O núcleo do habitar poético da humanidade sen artificios, sen enfeites”; “a poesía, tamén, é a dor en doses concentradas”.

Coido que Ríos fixo neste libro algunhas preguntas sobre as posibilidades expresivas da linguaxe poética. Pero son preguntas superficiais, non un cuestionamento cavilado e substancioso. E por iso este Culpable é algo así como unha declaración de intencións, un guión versificado dese suposto libro que porá a poesía “no seu sitio”.

Facer pasar por moderno un texto cuxo principal recurso é algo así como unha mestura entre corrente de pensamento interior e escritura automática é ousado a non ser que esteas a escribir para revista do instituto. Porque esa suposta espontenaidade aparece (como é o caso) como desleixo. A autora opta pola parodia para tirar a poesía desa suposta gravidade na que ela a atopa. Mais para parodiar hai que dominar o obxecto do que se quere facer burla. Ademais, o humor case sempre casa mal co enfado. Este libro en moitas ocasións é simplemente unha requesta a quen se pon a lelo.

É xustamente ese ton de enfado o que conecta esta obra co rap. Mais o rap válese da rima para conseguir os seus obxectivos: manter en alto o ritmo e favorecer que os rapeiros memoricen os versos.

Ríos ten que conseguir ese mesmo ritmo (por veces vertixinoso) sen a rima. E conségueo. A pesar de certos auto-boicots (a diseminación algo aleatoria de determinadas estrofas pola páxina ao xeito vangardista, por exemplo), Culpable é un libro que paga a pena ler polo dominio da musicalidade interna. Aquí neste caso si se nota un dominio dos recursos. Curiosamente, é cando a escritora toma conciencia das técnicas tradicionais da expresión literaria a moitos niveis (desde a aliteración e a repetición á onomatopea) cando máis brilla a súa poesía. Amais, calcula con moita intelixencia onde colocar os efectos da linguaxe para converter algunhas estrofas en elegantes bailes onde as esdrúxulas, as palabras noutra lingua ou a fractura da orde sintáctica debuxan un compás perfecto.

Quero sinalar, como curiosidade, que Xerais presenta Culpable nunha edición diferente. A pesar de que o formato é en aparencia o mesmo de calquera outro título da súa colección de poesía, a composición do texto está feita a dupla páxina, é dicir, hai que ler o libro en horizontal, coas dúas páxinas compoñendo un lenzo. Esta solución (discutible desde o punto de vista estético) consegue un efecto moi coherente co ton do libro: temos a sensación de estarmos a ler os versos no seu orixinal folio, un A-4 disposto para un recital, unha invitación a tirar os versos do papel e pronuncialos en público.

♦ Culpable, de Eli Ríos, Xerais, 2017. 72 páxinas. ♠12,50€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

2 comentarios en “‘Culpable’, apostalo todo ao ritmo

    • Graciñas. Era bo, no entanto, que as editoriais se afixesen a publicaren polo menos o ditame no propio libro, como xa fai acotío a propia Xerais cos libros premiados cos seus galardóns propios.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s