Álvaro Cunqueiro, franquista (I)

Desde a esquerda: Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carballo Calero.

Xesús González Gómez.

O 28 de xuño de 1936 votábase en Galicia: había que aprobar o Estatuto que convertía o país nunha comunidade autónoma dentro da República española. O gran xornal galego daquel tempo, El Pueblo Gallego, de Vigo, entregado á aprobación do Estatuto, chamou a escribir nas súas páxinas as mellores e máis coñecidas «firmas» galegas. En galego e en español. Unha das firmas era un escritor mozo, dos que naceron, poderiamos afirmar, parafraseando a Manoel-Antonio, ao acougo do Partido Galeguista. O escritor novo publicaba un artigo baixo a rúbrica Por Galiza, e titulado «A vocación pola liberdade. I», que iniciaba desta maneira máis ou menos «quevediana»: «Que se me escoite hoxe falar da miña Patria, cuios muros gardo e cuia lei defendo como calquera». Patria que defende e coa que cumpre as súas «obrigas galegas»: amar, defender e gardala viva para goce e paixón. Galicia é, continúa, o lugar onde «nos erguemos a contemprar o mundo, o cal, ollado dista individual maneira, é falado por nós –expresado, limbado, anosado–, coa nosa lingua singolar. Cada home é unha vida e cada nazón unha historia». E mais adiante: «Agora que chegamos un pouco a ser galegos, xa comezamos un pouco a ser libres. E a liberdade non é soio un principio, que é, e tamén, unha vocación, un sino. Teñamos os galegos a vocación da liberdade». Teñamos esa vocación, porque «si vai a comezar unha nova vida na Galiza» hai que ter en conta que a liberdade leva en si dúas palabras «en cauda trunfal e pesadísima: servicio e virtude». Palabras que valen por «fe e seriedade, condizón sine qua non para que o xusto e necesario señan realizados. Teñamos vocación da liberdade e nela atopemos o valor necesario para cumprir os dereitos coa Patria […], primeiro dos deberes que ganamos con ser libres […]» e chegou a hora, e a pesar de que moitos os que ollan «a desfeita dun mundo» algo quedara en pé: a raíz, que non poderá ser destruída. E Galiza pode ser esa raíz. Mais «Galiza ten que ser, denantes de nada, unha verdade recobrada». E o primeiro paso a dar para «iste recobramento esencial» é votar «Si!».

Como deduciría todo lector, ese escritor mozo era Álvaro Cunqueiro. O que non deduciron os editores dos «Artigos en lingua galega. Prensa e revistas 1930-1980», que recolleron no volume O mundo que teño de meu (Vigo, Galaxia, 2013), é que este non era o último artigo que en galego publicaría no devandito xornal Álvaro Cunqueiro, tal como se dá a entender no citado volume. Non deduciron que o «I» podía implicar unha continuación, porque no referido artigo non aparecía ningunha outra cifra «romana». E evidentemente que tivo continuación: dúas entregas máis: «Por Galiza. Vocación po-la lingua. II» e «Por Galiza. Notas a unhas notas. III», que no citado volume non se recollen, como non se recollen como mínimo dezaseis artigos máis –en galego, claro–, que eu teño no meu arquivo, do Cunqueiro anterior ao 18 de xullo de 1936.

Na segunda entrega, «Vocación pola lingua», o escritor de Mondoñedo di moitas cousas. Enceta afirmando que «Toda vocación precisa –ten– unha linguaxe. […] As vocacións […] son pola linguaxe, pola lingua. […] Teríamos nós, xa que temos a vocación de liberdade, lingua, nome para a nosa liberdade». Temos, continúa, que liberarnos «por ela, con ela ou néla». «Unha lingua val para nascer, vivir e no finar, e quizaves ningunha tan verdade como ista derradeira». Lembra que Erasmo de Rotterdam, que sempre falaba en latín, esquecendo o seu «dialeito bárbaro», o neerlandés, cando lle chegou a morte as súas derradeiras palabras: «Lieve God!» (oh Deus meu) foron no idioma aprendido na infancia. Erasmo, dinos, viviu en europeo e en latín, mais morre en neerlandés. E continúa Cunqueiro: «Fagamos, pola nosa lingua, a vocación da liberdade. […] Se somos galegos, falemos galego, porque a visión, expresión e posesión do mundo que temos os galegos é a lingua: é o noso ben maior». Se existe un medio de «permañecer no coñecimento i-é póla palabra, permañecimos pola nosa lingua: que ela permañeza agora por nós, levándoa á liberdade para que imos».

Se os galegos chegamos ao día de hoxe (xuño 1936) foi porque estivo presente a lingua, porque estivo «en grorias as menos i-en paixóns as mais das veces, con nós. Porque ela nos gardóu para a liberdade. […]». Seremos galegos e saberán que somos galegos pola nosa lingua: «Coñezamonos póla nosa lingua e por ela e con ela i-en ela, comprometámonos no mundo».

Despois de lermos este artigo, dá a impresión de que Álvaro Cunqueiro bebera nas fontes do filósofo alemán J. G. Fichte, sobre todo dos seus Discursos á nación alemá (a pesar das grandes diferenzas que os separan –non sei se o escritor galego citou algunha vez o filósofo alemán). Para Cunqueiro, como para Fichte, a lingua é o que vincula un grupo de individuos, o que os converte nunha comunidade, nunha nación, alá onde está a lingua alemá, a alma alemá existe e subsiste, afirmaba o filósofo: o de Mondoñedo vénnos dicir o mesmo. Grazas á lingua, o galego encontra unha patria: sen a lingua, di, máis ou menos Cunqueiro, non hai patria. Se o alemán non valoraba o pasado do seu país (o de Mondoñedo, na súa mocidade, talvez tampouco: «grorias as menos» as da lingua, xa que logo, as da «Patria»), tamén é certo que para o noso escritor, como para o filósofo alemán, o pasado (que no de Mondoñedo é a lingua) e o elo necesario para erguer a nación, a patria que é, en última instancia, liberdade e a ela debemos levar a nosa lingua.

Tres días despois, como dixemos, aparece a terceira, e xa última, entrega de «Por Galiza»: «Notas a unhas notas». O artigo divídese en dúas partes: I e II. Na primeira, en certo modo, Cunqueiro recúa: as glorias foron as menos, pero o artigo é un chamamento a sermos galegos mais sen esquecermos a tradición: «Nónos inventemos. Xa que fomos, i-eisí como fomos, seremos. E non val nada contra isto e se nos mudamos de i-alma morreremos e si nóla inventamos morreremos mais axiña». Na segunda, predica unha «Unión ou Solidaridade dos galegos». Hai que esquecer as cousas que dividen, «as cousas e probremas que comezan onde se escribe “dereitas” e “ezquerdas”». Para el, «isto de “dereitas” e de “ezquerdas” é un pouco incivil ou incivil de todo. I-o que é, dende logo, é anti-patriótico. Se non coincidimos todos que hai que galeguizar Galiza, se o Estatuto non vai ser un instrumento de galeguización, o día 28 votamos todos en balde». O Estatuto debe ser un instrumento de galeguidade: «Se queremos o será, pro é necesario que o queiramos todos xuntos, que o galeguismo sexa a gran familia que foi noutrora». E, ademais, non hai máis pactos posíbeis que os que se fan coa Patria (así, con maiúsculas: Cunqueiro sempre escribe este substantivo con maiúscula, nestes tres artigos). E os nacionalistas xa tiñan asinado un, precisamente con ela, coa Patria. Acaba afirmando que hai que meditar os días que veñen. E para que sexan mellores, para que sexan nosos, para que sexan «descanso e lecer da i-alma, recontémonos nun soio ser os que somos xurados pola Patria para toda a vida que se nos dóu. E disto aínda máis».

Evidentemente, era un chamamento en certa maneira duplo: aos da Dereita Galeguista para que se incorporasen ao Partido Galeguista e a este para que esquecese certos pactos (xa conseguido o Estatuto) e incorporasen os que se foron: de aí o de considerar a división entre dereitas e esquerdas como incivil e antipatriótica: era o pensamento de Vicente Risco, e Cunqueiro nunca escapou das redes risquiás, todo o contrario. Era o pensamento, como aínda o é hoxe, de toda dereita, auto-noméese nacionalista de esquerdas ou, simplemente, nacionalista: a patria esta por riba das clases sociais, un pensamento que volve…

Dez días despois de ver luz este artigo, unha parte –maioritaria– do exército español sublévase contra a legalidade republicana. Galicia, como sabemos, desde o primeiro momento cae en mans dos sublevados. Foi o inicio de corenta anos de asasinatos, cárceres, paz de cemiterios, humillacións, represións, desprezos, ofensas, etcétera: non é que toda a historia estea contada, mais coñécese bastante ben, aínda que algúns a neguen. Menos se sabe daqueles que cambiaron a chaqueta, daqueles que provindo de raíces republicanas, liberais e democráticas, nacionalistas galegos ou non, acabaron colaborando co franquismo de maneira activa, fondamente activa; ou colaboraron por medo: físico e psíquico ás veces; outras por medo a perderen prebendas e, outras, simplemente, por vaidade: aínda está por facer, como di o meu amigo Enrique Acuña, a historia do «colaboracionismo», que, en moitos casos, algúns quixeron (e queren) eliminar falando de «exilio interior». Exilio interior que só souberon eles (estes exiliados e os seus apoloxistas), e nós, que sufriran cando se descubriron e nos descubriron que eran auto-exiliados. Dándose a casualidade de que se auto-descubriron «exiliados» dous ou tres anos (ou máis) despois de morrer o Caudillo: é dicir, até que non viron as cousas claras.

Un dos casos máis coñecidos entre nós de cambio de chaqueta, co de Vicente Risco, foi o de Álvaro Cunqueiro. (Cando dicimos galegos, dicimos que escribiron en galego). Hai outros, moitos outros. Algúns recuaron anos despois, pero a maioría continuou até o final. Para min, Álvaro Cunqueiro é un grande, grandísimo escritor. Hai quen pensa que o máis grande do século XX en Galicia: nin quito nin poño rei nin axudo a ninguén. Pode que teñan razón, mais non considero a literatura como unha carreira de cabalos nin como un concurso no que elixir o mellor porco da feira. Mais hoxe falamos doutra (?) cousa.

Cando a sublevación dos militares africanistas, coa axuda do capital financeiro español, da Igrexa e dos partidos políticos da dereita, a CEDA, a Lliga Catalana e a extrema dereita, Falange Española y de las JONS, triunfa en Galicia, Cunqueiro estaba na súa casa natal, en Mondoñedo. O 24 de xullo, escríbelle unha carta a Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía), que daquela estaba en Londres, onde era correspondente de La Vanguardia, de Barcelona, e outros xornais. Nesa carta, dada a coñecer por Carlos Fernández en La Voz de Galicia (21 xaneiro 1988) nun artigo titulado «Álvaro Cunqueiro criticó inicialmente el alzamiento militar del 36», entre outras cousas pódese ler: «Entrou un tropel de voces e de armas e non hai que facerlle. Mais cando ista xente non vén de farra, senón a resucitar “el Imperio por la Contra-Reforma”. Eiquí en Lugo temos que andar con cuidado, que o coronel gobernador citou nunha proclama a o Dante…». Despois dunhas frases retranqueiras sobre a Cruz Verde, o Grande Inquisidor, a Contra-Reforma, continúa «[…] ¡probe España! ¡E probes de nós tamén! Eu non sei aínda […] si lle é duro ao home “aguantar” a súa condizón de home, pro anque eisí fora eu amaría sempre, sobor de todo, a miña liberdade, i-as liberdades que os homes tivéramos en común e bon reximento serían por mín sempre amadas e defendidas». Afirma, «até o linde do posibel», ser fillo das catro RRRR: Reforma, Renascemento, Revolución e Romanticismo e «coma Shelley en Eton eu diría: “Xuro ser prudente, xusto e libre en tanto me sexa posibel. Xuro non facerme cómplice, nen mesmo pólo silenzo, dos egoistas i-os poderosos […]». Remata a misiva pedíndolle a Assía que lle escriba e lle envíe xornais ingleses para ir mellorando o seu inglés, declarándose amigo do destinatario e ofrecéndolle a súa casa.

Pouco sabía Cunqueiro que o destinatario se pasara ás forzas sublevadas: como tampouco o sabía a directora recentemente nomeada, en asemblea dos traballadores, de La Vanguardia, María Luz Morales, que chamou por teléfono a Fernández Armesto para confirmalo no seu posto de correspondente en Londres: foi aí cando soubo que o admirado Augusto Assía, que proviña do Partido Comunista de España, se pasara aos sublevados.

Do 18 de xullo até o mes de outubro de 1936 Álvaro Cunqueiro queda na súa casa de Mondoñedo, coa súa familia. En outubro vaise a Ortigueira.

Unha vez en Ortigueira, segundo Armesto Faginas, Cunqueiro: unha biografía (Vigo, Edicións Xerais, 1987), un sacerdote, Jesús Márquez Cortiñas, convencerao para que dirixa un semanario que intentaba sacar o xefe comarcal de Falange Española y de las JONS, Feliciano Crespo Bello. Cunqueiro acepta a «invitación» e o primeiro número deste semanario, Era Azul. Guión de Falange Española de las JONS de Ortigueira, aparecerá o 12 de novembro. Cunqueiro, seica, facía de todo no semanario: editorialista, articulista, de seguro que redactor de noticias, etc., asinando co seu nome, sen asinar e, talvez con pseudónimos, que logo tanto usou. O primeiro dos artigos que publica, co seu nome, neste semanario titúlase  «El destino del hombre». Non é, aínda, un deses artigos, dos que logo argallaría moitos o de Mondoñedo, inzados de retórica falanxista. Como ben afirma Claudio Rodríguez Fer, máis ben son artigos inzados doutra retórica, a do nacional-catolicismo. Nacional-catolicismo que tamén se daba no nacionalismo galego antes de 1936 (lembremos o manifesto de galeguistas católicos en 1931, publicado en Logos, contra unha República laica, que mereceu unha dura resposta de Antón Vilar Ponte). E, ademais, «neste sentido, resulta curioso comprobar que en Era Azul e nas propias colaboracións nela de Cunqueiro alenta a miúdo un pensamento, unha sensibilidade e uns sentimentos máis monárquicos e aristocratizantes que doutrinalmente falanxistas»[1]. Digamos que os artigos e colaboracións máis francamente falanxistas virán despois, a partir do momento en que é chamado por Jesús Suevos, xefe provincial da Falanxe de Pontevedra, e entra a formar parte da redacción de El Pueblo Gallego. Segundo Armesto Faginas, Suevos temía que Cunqueiro non fose a Vigo, xa que en Ortigueira cobraba como profesor da Academia ou Colexio Santa Marta e como director de Era Azul, e en Vigo só cobraría como redactor do xornal. Suevos amañouno axiña: unha vez Cunqueiro estivo en Vigo nomeouno Xefe Provincial do Sindicato Español Universitario (SEU). Pódese afirmar que a partir dese momento é cando o escritor de Mondoñedo, que era xa unha realidade na literatura galega antes do 18 de xullo de 1936, vai converterse nunha promesa que cedo pasará a ser un dos grandes nomes literarios da Falanxe ou do franco-falanxismo.

Ora, antes de entrarmos a falar da súa xeira viguesa, e das posteriores, até 1948, hai dúas preguntas que non sei se se pode facer o lector, mais que eu me fixen. E ás que intentei dar unha resposta. A primeira é a do por que dese cambio ideolóxico de Cunqueiro. Por que acepta dirixir un semanario que é órgano da Falange y de las JONS, por que acepta ir a Vigo, etc? Deixando de lado calquera tipo de explicación psicolóxica, explicación que só sería un exercicio recreativo, penso que Cunqueiro, á parte do medo que puido sentir –que non o sei– pola propia vida, se ben era un nacionalista galego, a pesar de considerarse fillo, como afirmaba na carta a Felipe Fernández Armesto, das catro RRRR, sempre foi, fundamentalmente, un home de dereitas, como se pode deducir doadamente do último artigo publicado en galego en El Pueblo Gallego, «Notas a unhas notas», que glosamos páxinas atrás. (Lembre o lector, «nin de dereitas nin de esquerdas», unha das teimas ideolóxicas do fascismo e… dos nacionalismos, que sempre, queiran ou non, acaban sendo de dereitas, como demostrou a historia ao longo dos últimos dous séculos). Á parte destes, digamos, condicionamentos físicos e ideolóxicos, e a pesar de que nun principio estaba en contra da «nova situación», a partir do 24 de xullo –data da carta a Fernández Armesto–, ou días antes, Cunqueiro era un intelectual perdido e, como tal, toma o camiño deste. O intelectual perdido é aquel que ao non confiar na clase, nin na nación, nin mesmo no clan –a familia de Cunqueiro tomou partido polos sublevados, polo que fica claro que non podía apoiarse nela para manter a súa ideoloxía galeguista: como moito, podía servirlle de amparo ou protección–, adáptase á nova situación e adopta a nova ideoloxía reinante, ás veces cun misticismo que o leva ir alén dos intelectuais que está na base ideolóxica do novo réxime. E, ademais, como escritor, Cunqueiro «estuda», engulipa, integra, adapta e adopta ao pouco tempo a retórica dos intelectuais e escritores do novo réxime (tanto falanxistas como nacional-católicos) usando unha ou outra retórica, ou integrando ambas, a discreción, operando unha «ruptura» estilística –claro que tamén ideolóxica, pero máis matizábel– cos seus escritos anteriores ao 18 de xullo.

Desde ese 24 de xullo até que chega a Ortigueira, pouco se sabe da vida de Cunqueiro. Estaría na casa, en Mondoñedo. Supomos que lendo xornais e escoitando emisoras de radio. Falando (ou non) con xente da súa vila, cos seus familiares. Sabería dos fusilamentos e paseos de moitos amigos e coñecidos seus, do encarceramento doutros, das torturas, dos mortos nas cunetas, etc. Por outra parte, a súa familia tomou partido polos sublevados. Segundo afirman, alguén –membro da súa familia?–lle aconsellou que marchara da súa vila. Así aparece en Santa Marta de Ortigueira, vila á que chega o 10 de outubro dese 1936, para «formar parte do cadro de profesores do colexio Santa Marta» Colexio, ou Academia, no que impartirá aulas de español, francés e latín, fundamentalmente.

A segunda pregunta é a seguinte: como é que un mozo de 24/25 anos non foi mobilizado? Cunqueiro, da quinta do 32, fora exento do servizo militar por «estreito de peito». Así é todo, nun momento de mobilización xeral, como é posíbel que nin sequera o chamasen, por exemplo, para as oficinas militares? Todos os que fixemos o «servizo militar» sabemos, non só como afirmaba Groucho Marx que «intelixencia militar» é unha contradición nas bases, senón que «burocracia militar» é o maior delirio posíbel existente baixo a capa da terra: os militares arrestaban (arrestan aínda?) automóbiles, garitas de vixilancia, mulas e cabalos e todo o que a imaxinación humana é capaz de inventar ou imaxinar. Ora, na milicia (como lles gusta escribir aos militaristas) a xerarquía é a xerarquía, e se os xerarcas afirmaran había catro anos que era «inútil» para o servizo militar, talvez xulgaron que catro anos despois continuaría a ser «inútil»׃ é a única explicación que se me ocorre, mentres non me mostren documentos doutra.

[1] Claudio Rodríguez Fer, «Cunqueiro en Ortigueira e Ortigueira en Cunqueiro», introdución a Álvaro Cunqueiro en Ortigueira, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2001, p. 10 e 11.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s