‘Os tres de nunca’, novela de guerra de grande altura

Detalle da fotografía da capa de ‘Os tres de nunca’, de Nacho Taibo.

Eva Moreda.

Os tres de nunca (Xerais, 2017), de Nacho Taibo, é unha novela que, infelizmente, non pareceu ter cando se publicou vai aló un ano a acollida que merecía. As causas serán as que sexan, pero dáme a impresión de que algunha nota, algún comentario que apareceu na prensa e redes sociais non lle fixo moitos favores á novela: semellaba que nos atopabamos ante unha especie de saga da Guerra Civil e posguerra, con moita documentación, moita épica, moito fresco epocal, moita fondura emocional, moitas boas intencións e moitas desas cousas todas. En sentido estrito, a novela ten todo isto, pero desde logo que non no sentido que poderiamos imaxinar, nin tampouco son estes os seus aspectos máis salientables. E fáltalle, desde logo, a relación un tanto inxenua coa súa materia literaria que adoitan ter as novelas que van na liña que describín máis arriba.

O que se narra é a historia de tres amigos (Lisardo, o Patacón; Braulio-Isolino, o Milorde, e Teocracio, o Bocoi) de clases sociais e ideoloxías dispares que acaban vivindo a guerra e a primeira posguerra cada un á súa maneira. Isto nárrasenos mediante unha estrutura que chamaremos, para entendernos, de collage: nove partes en orde cronolóxica, cada unha delas compostas de varios fragmentos narrados desde diferentes puntos de vista e, por tanto, diferentes estilos: primeiras persoas (dos tres protagonistas e de algún máis), primeiras persoas de plural (cun punto surrealista moi aquelado), citas textuais traducidas de discursos e outros escritos de personalidades do réxime, terceiras persoas de varios tipos (máis irónicas, máis convencionais: estas últimas se cadra menos atractivas, aínda que seguramente sirvan para poñer un certo punto de referencia realista, digamos, ao collage).

Non estamos, porén, diante dun exercicio de perspectivismo inane nin dun colado pouco orgánico de fragmentos soltos, porque Taibo é ben consciente do que fai, e non me dá a impresión de que pretenda ser o máis moderno do patio. Nin nos deixa perdernos nas elucubracións emocionais dos protagonistas, nin nos pon aos seus pés para que admiremos a súa épica, senón que nos move dun lado para outro. Non hai, por iso, afán totalizador: a guerra de Lisardo é a guerra de Lisardo, como a guerra dos outros dous é a guerra dos outros dous, non a de todo un bando, unha clase social ou un pobo (a historia de Braulio-Isolino, porén, cae contadas veces no tópico, pero acaba mellorando moito, moito), aínda que a medida que avanza a novela vexamos cada vez máis inevitable (case como fatum) a ligame entre os personaxes e o seu contexto, as súas orixes.

Nótase que estamos aquí ante a obra dun narrador experimentado. A relativa nudez da linguaxe e a case perfecta naturalidade da sintaxe, quitando algunha vacilación nos fragmentos iniciais, fan que o fío sexa rápido sen que sexa esta unha novela de acción trepidante. Nin temos nunca a sensación de que o autor quixo verter na novela todo o resultado do proceso de documentación: a novela non pretende reflectir unha época senón que máis ben se imbúe nela desde o mesmo estilo (a asimilación, tan efectiva, do inglés e o alemán nos capítulos cara ao final). Taibo non refire as vicisitudes internas de falanxistas, anarquistas, comunistas e socialistas para informar o pobriño lector ignorante, nin para fardar de que estivo lendo a bibliografía recomendada sobre o tema: el ten, como narrador, unha visión complexa sobre as situación que crea na que é pertinente dar estas informacións e as dá, esperando (moi cabalmente, penso eu) que o lector estea á altura. En boa parte da novela temos a sensación de que Taibo vai sobrado: este é, sen desmerecer aos demais, un dos mellores praceres inesperados que dá este texto.

 

♦ Os tres de nunca, de Nacho Taibo. Xerais, 2017. 568 páxinas. ♠23€

Advertisements

Un comentario en “‘Os tres de nunca’, novela de guerra de grande altura

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s