‘Fariña’ e o acento galego en Madrid

Protagonistas masculinos de ‘Fariña’.

César Lorenzo Gil.

Fariña, de Nacho Carretero (A Coruña, 1981), editado por Libros del K.O., xa se converteu nun clásico do xornalismo logo de que unha xuíza ordenase o seu secuestro cautelar. Esa decisión, oportunamente publicada na mesma semana na que un rapeiro foi condenado á cadea por “enxalzamento do terrorismo” e unha obra titulada “Presos políticos en España” foi retirada da feira de arte ARCO de Madrid, catapultou as vendas do libro até convertelo no gran best-seller dun mes no que apenas se venden libros.

O fenómeno Fariña xa existía, non obstante. Un libro que é crónica xornalística non ten doado no tempo de hoxe suscitar tanta unanimidade entre lectores, mais se temos en conta que narra uns feitos das décadas do 1980 e 1990, preferentemente. A obra veu saciar, no momento da súa publicación, a sede compulsiva que unha nova xeración tiña por coñecer o mundo do narcotráfico tras o éxito da serie televisiva Narcos. De repente, os que eran nenos cando Baltasar Garzón dirixira a Operación Nécora, tiñan ansia por imaxinaren unha Galicia “romanzo criminale”, gomorrista, con moito hijoeputa. boom do relato narco non se deu unicamente en España. Reparemos en figuras como a de Jhon Jairo Velásquez, sicario colombiano condenado por asasinatos e extorsión baixo as ordes de Pablo Escobar que vive desde hai uns anos unha época doce de fama, con entrevistas, éxitos editoriais, unha serie de TV só para el (Sobreviviendo a Escobar. Alias J.J.) e un proxecto para levar a súa vida a Hollywood.

A ese nivel, Fariña dá o que promete. É un resumo correcto da evolución do contrabando nas Rías Baixas cara ao tráfico de cocaína e haxís. Unha recompilación. Nada máis. En Galicia durante as dúas últimas décadas publicáronse unha chea de bos libros sobre o tema. Houbo ademais toda unha escola de xornalismo (da que bebe Carretero) que se enfrontou á ameaza criminal. O reporteiro Perfecto Conde, por dar un nome, converteuse durante anos na voz incómoda que contaba na prensa de Madrid o que acontecía na Arousa. Mais o libro do xornalista de El País demostrou que había lugar para algo máis, para un narcocorrido audiovisual, unha serie que reverdecese os mitos mafiosos na televisión.

Fariña, a serie, estreouse o 28 de febreiro para aproveitar o boca en boca do secuestro do libro. Antena 3 foi hábil e a xogada funcionou. Na loita polo prime time entre os dous grandes grupos de comunicación españois, Atresmedia superou (21,5% fronte ao 20,8%) a Telecinco e o seu Got Talent nas enquisas de audiencia.

Marta Larralde durante a rodaxe de ‘Fariña’.

A serie está configurada como unha adaptación de Narcos. Incluso a nivel visual e de guión e de diálogos, a serie producida por Bambú ten melloras e nese sentido, toma os acertos da que en realidade é a gran serie sobre Escobar, El patrón del mal (Caracol, Colombia, 2009-2012). Neste caso, a serie producida en Galicia e coa meirande parte do elenco escollido entre galegos, propón un relato de ambición e autorrealización. O Escobar galego é Xosé Ramón Prado Bugallo, alias Sito Miñanco, que se describe na serie como un pescador megalómano que é quen de sacudir o establishment do tradicional contrabando e levalo ao soño de dólares do tráfico de drogas. O actor Xavier Rey lidera, polo tanto, un grupo excepcional de intérpretes que terán unha grave responsabilidade, facer algo que sempre se evitou en Galicia: mitificar os nomes do narcotráfico.

Vai dar igual que os personaxes fagan cousas horribles na serie. Poderían broucarlle cunha tamanca á súa nai anciá ou cuspirlle a un bebé que chora. Os malos, se son protagonistas e están ben construídos como personaxes, son os heroes na ficción. Incluso personalidades tan pouco atractivas como a de Manuel Charlín Gama van acabar por ser atractivas grazas ao labor de Antonio Durán Morris. Durante o debate posterior á estrea en Antena 3 da serie, Carme Avendaño, a que foi líder de Érguete e todo o movemento de repulsa social e denuncia do narcotráfico en Galicia na década do 1980, dicía temer que a serie dese unha imaxe de Galicia irreal, dun país dominado polo narco sen resistencia. Ese perigo coido que non existe porque a serie opta por un pseudorrealismo histórico. Si, a trama e as personaxes están localizados nun ambiente e nunha época pero os escenarios e as motivacións, os atuendos e as matrículas dos coches forman parte dun universo ficticio baseado en tópicos xa non estritamente galegos senón globais: a fascinación polo billete, as ombreiras e as lapelas napolitanas, a violencia, o brillo do ouro e das dentaduras perfectas das mulleres novas e fermosas… É o mundo da mafia de sempre, o de Brian de Palma e Al Pacino en Miami, o de La PiovraVendetta, series italianas da década do 1980 (parece ser que ambos universos eran coñecidos e admirados polos propios narcos galegos).

Entón, que hai de novo en Fariña? Que hai de galego, poderiamos dicir. Porque os creadores da serie souberon que o valor distintitivo desta ficción tiña que ser o factor galego. A galeguidade do proxecto é total e non se esconde. É a primeira vez na historia da televisión española na que un produto pensado para o público estatal está formulado dunha maneira tan característica desde fóra de Madrid. Certo que houbo intentos de facer series valencianas (aproveitando o grande investimento na Ciudad de la Luz) pero ao final só se produciron alí modestas miniseries (varias adaptacións literarias de Blasco Ibáñez, por exemplo), sempre coa sombra das axudas públicas.

Fariña demostra que a industria audiovisual galega ten madurez logo de 30 anos de CRTVG. Hai un elenco de actores de gran talle, de todas as idades, bos guionistas e técnicos e capacidade para contar historias que non ocultan a súa denominación de orixe. De feito, nesta serie esa orixe está moi marcada. É ben pavero ver como algúns actores teñen que finxir o propio acento. Non é que o teñan que finxir, vaia, senón marcalo, adaptalo a unha cadencia oral que non soe rara en Madrid. Neste sentido, a serie apostou pola estandarización dun sotaque que malia todo non é o da Arousa. Agás no caso de Carlos Blanco, que borda a Laureano Oubiña. É lóxica esa reeducación fonética no caso de varios actores que levan tempo en Madrid e que viviron un proceso (consciente ou inconscientemente) de desgaleguización vocal. Non hai demasiado tempo moitos actores galegos ían vivir a inmersión lingüística ao Corredor do Henares para ter mellor acceso profesional. Quizais se Fariña consolida o seu éxito, se reverta a historia.

Outro factor novidoso é que esa identidade non se fai de costas á lingua galega. É lóxico que a serie estea en castelán, pedila en galego con subtítulos amais de inxenuo, sería contraproducente. Por que? Porque o galego oral e vivo non é a koiné das series da Galega. É necesario que na TVG se escoite ese galego (aínda que debera aumentar a presenza dos nosos trazos distintivos comoa gheada e o seseo). Unha das funcións da televisión pública é favorecer a normalización léxica do vocabulario de noso. Mais sexamos realistas. O que se fala na rúa está inzado de castelanismos. De aí que esas pingas de frases en galego que vimos no primeiro capítulo de Fariña quedan ben, danlle naturalidade, igual que o uso de palabras e xiros propios. Se a iso lle sumamos que, por primeira vez en moito tempo na ficción feita aquí, os diálogos son precisos (da escola estadounidense) e non se perden en retórica inútil para atraer o público familiar, o modelo lingüístico é axeitado.

Fariña até pode servir para que autores pouco próximos ao galego, como Iván Ferreiro, que lle pon voz á canción principal da banda sonora, ao escoitarse na pantalla quizais pensen que non está tan mal e se animen con máis proxectos no propio idioma. Pena foi que non se utilizase (aínda pode aparecer na serie) o tema dos Papaqueixos Teknotraficante, cuxa principal virtude foi entender que na complexa construción da identidade galega, curiosamente, a historia do narcotráfico de hai 30 anos axuda a configurar tamén o feito diferencial galego na actualidade. Recordo cando estudaba Xornalismo que as miñas amizades de Cambados vivían unha contradición interesante entre a rabia que lles daba que as relacionasen automaticamente co narcotráfico e un escuro orgullo por viren dunha terra de hábiles pilotos de planeadora que non tiveron medo de querelo todo e querelo xa.

Advertisements

5 comentarios en “‘Fariña’ e o acento galego en Madrid

  1. Pingback: Daños colaterales de la libertad de expresión – Tribuna Liberal

  2. A estrea de fariña creoume sentimentos contrapostos. Alédome polos actores galegos que están magníficos. Tamén me gusta que se empregue o castrapo nos diálogos e se introduzan frases de noso, a retranca en certos comentarios. A ambientación é moi boa e a forma de levar os acontecementos paréceme atinada. Só hai unha cousa que me preocupa, e é que, co devezo de crear vínculos de empatía coa audiencia, se poida crear un relato romántico de certas persoas que, polo que fixeron, non merecen máis que repudio. Sería moi triste ver como ese cancro que foi narco quede no imaxinario colectivo como unha pobre xente que lle tocou vivir naquela época, e que fixo o que fixo porque non tivo máis remedio. Imos ver como vai evoluíndo a serie. Aínda é moi cedo para quitar conclusións. Espero estar equivocado.

  3. Eu lin o libro e non me gustou. Hai moita sintese de libros xa publicados e non citados. Polo demais, é moi diglósico. Os malos, todos teñen alcume, falan galego, son de orixe popular, zafios, iñorantes e babecos obsesionados polo luxo…, os bos, todos falan castelán, teñen boas profesións, xente de orde que forma parte dun mundo que se “espanta” diante do que pasa e non sabía nada. Nada sabía a banca que branqueaba os cartos, nada as clases medias urbanas que consumían e fumaban o Winston de batea, nada a prensa que calou e non investigou, nada os políticos que se financiaban ou ían cos narcos a Andorra e a Ibiza… En fin, paga a pena lelo, mais pouco di que non se soupera.

  4. Logo de ver o derradeiro capítulo de Fariña as dúbidas que expresara ahí arriba ficaron aclaradas. Creo que os artífices da serie trataron de maneira impecable a figura do narco galego. Sen mitificacións nin lavados de imaxe que puidesen servir de exemplo a quen non coñecera aqueles tempos escuros. O doado era caer na tentación de presentar como heróe a quen non o foi, non o fixeron. Un grandísimo traballo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s