A Gala do Libro non será televisada

Premiadas na Gala do Libro 2017.

César Lorenzo Gil.

O sábado, 3 de marzo, entregáronse os premios do audiovisual galego (os Mestre Mateo) durante unha gala na Coruña transmitida en directo pola TVG. Aínda estou a recuperarme do discurso de María Bouzas e da banda sonora “espontánea” que soaba cada vez que se entregaba un premio. Neste último termo cheguei á conclusión de que era unha homenaxe aos anuncios de pipas Grefusa.

O caso é que durante unhas horas todo un sector cultural tivo a oportunidade de dispor dunhas boas horas televisivas para reivindicar o seu papel (no económico e no simbólico). Non é unha conquista menor. O horario de maior audiencia potencial da TVG está moi controlado, moi restrinxido a produtos que monopolizan ese acceso desde hai case unha década (Land Rober, Bamboleo, Luar, Larpeiros e as series que producen La Voz de Galicia e Galiwood, principalmente).

Os Mestre Mateo, de feito, coa clara (e necesaria) complicidade da CRTVG, só son útiles como ferramenta de difusión da industria audiviosual feita en Galicia se poden achegarse en condicións óptimas a un mercado potencial que doutra maneira nin sabería que existe. Non é cousa de Galicia. No Estado español, a película máis premiada nos últimos Goya, Handia, era unha completa descoñecida fóra de Euskadi antes da gala televisada. No caso galego a película triunfadora, Dhogs, poderá usar o seu triunfo para garantir maior número de salas na distribución que comeza en próximas datas.

Mais logo de comprobar todo isto, pregúntome por que non se televisa a Gala do Libro, premio equivalente que desde hai uns anos convocan por xunto as principais asociacións galegas de escritores, libreiros e editores. O formato da Gala do Libro, que se vai celebrar o 19 de maio no Teatro Principal de Compostela, é semellante. Hai categorías diversas, finalistas e un duplo sentido na súa celebración: o autorrecoñecemento do sector mais tamén a oportunidade de difundir a industria do libro en galego fóra dos seus habituais marcos, favorecer cos diferentes galardóns que a sociedade galega se achegue, curiosa, ao “mellor” do que se publica en Galicia.

Pero na verdade, a Gala do Libro conseguiu (a medias) só o primeiro obxectivo. Os sectores convocantes si recoñecen o valor dos premios, especialmente se es finalista ou premiado, mais aí acabou até agora a influencia dos premios. Porque a Gala do Libro apenas consegue penetrar no muro de invisibilidade da cultura galega dos medios de comunicación. Non veremos na prensa local o día 20 de maio grandes crónicas nin álbumes fotográficos da entrega de premios. Mais, sobre todo, non o veremos na TVG nin o escoitaremos na Radio Galega.

A cultura do libro nos medios públicos ten claras dificultades para saír da programación temática. Hai excelentes espazos, tanto na televisión coma na radio. Profesionais de gran valía que en programas como Zig Zag DiarioChamando á terra ou o Diario Cultural garanten a información puntual da actualidade editorial galega. Mais se comparamos coas publicacións en castelán, é ben difícil ver ou escoitar sobre libros en galego en programas xeneralistas. No Galicia por Diante ou A Tarde ou A Revista, por exemplo, é moito máis doado que aparezan escritores de expresión castelá. Un caso paradigmático é o dos escritores en castelán nacidos en Galicia. Invito ao estudantado de Xornalismo que faga un traballo sobre a comparativa entre Francisco Narla e Pedro Feixoo, por dar dous nomes que compiten practicamente polo mesmo público na súa ficción.

Televisar a Gala do Libro é de xustiza, igual que o é televisar os Mestre Mateo. E non vale a escusa de que a industria audiovisual ten máis a ver cos medios audiovisuais. A meirande parte dos premiados que vimos na gala da Coruña non aparecen normalmente nos medios. Están por detrás das cámaras. Tampouco que a CRTVG sexa parte interesada nos Mestre Mateo. A súa función supera un labor de “patrocinador cultural”. Os medios públicos en galego deben garantir a normalización non só da lingua senón da cultura no noso idioma. E non hai outra industria á altura da do libro neste labor. A produción de cultura en lingua galega é ben superior no sector editorial que no do cinema ou televisión por xunto. Afortunadamente, na industria do libro ninguén ten que reclamar que se use o galego como si ocorre na audiovisual.

Reivindicar que se televise a Gala do Libro ben podería servir como cabeza de ponte para comprometer os medios públicos na promoción do libro en galego dun xeito máis profundo e constante. Cómprenos un espazo televisivo en bo horario dedicado ao libro en exclusiva e estaría ben espallar a actualidade editorial por toda a grella. Que se fale de libros no Luar sería unha estupenda noticia. Acaso non se difundiron trucos para prender lume dentro dun forno microondas? (neste vídeo a partir do minuto 90).

Mais, con certeza, a Gala do Libro ten que mudar internamente para realmente servir á función de propagación do mellor producido no país. O primeiro, buscar un nome para os premios. Non se pode definir un certame en base a unha perífrase sobre o propio acto de entrega. Unha gala é iso. Que os implicados cavilen. Que lles chamen Xohana Torres, Leliadoura ou Trisquel ou Tinta (prohibido chamarlles Galicia, Rosalía ou Castelao, iso si).

Tamén é necesario que se esclareza o método de escolla dos finalistas. Hai pouco, a propia secretaria da Asociación de Escritoras en Lingua Galega, Mercedes Queixas, explicaba que a propia asociación non tiña nada a ver no premio, que “a decisión era obra dun xurado externo ás propias convocantes”. Isto non é certo e en todo o caso é unha resposta simple a un proceso complexo e con bastantes actores. Para que un premio se consolide e consiga certa lexitimidade (con todos os límites que teñen galardóns deste estilo en calquera lugar do mundo), melloraría a súa percepción fóra do propio sector que houbese unha organización clara, con autoridade e neutralidade que coordinase todo o proceso.

O libro en galego, contra o tópico, foi gañando espazos e atención ano a ano desde a a aprobación do Estatuto do 1981. Dar a coñecer todo o seu valor debe seguir a ser unha das súas principais ocupacións estratéxicas.

 

Advertisements

10 comentarios en “A Gala do Libro non será televisada

  1. Resumindo, César:
    1) Que malia insinuar escurantismo no proceso de voto, pretendes unha gala na que o sistemiña se poida recrear nas súas miserias.
    2) Que pretendes exportar ese café de amigos e amigas que é o Chamando á Terra da RG á tele, pero en horario de máxima audiencia.
    3) Que o libro galego foi gañando espazos pero perdendo lectores de xeito masivo.

    Home, pois mira… Non sei eu se concordo moito coa túa entrada de hoxe, non…

  2. Non sei, pero lidas as opinións de P. Fernández, case o animaría a que convócase unha especie de “Razzies” da literatura galega. Se cadra ao mellor tiña máis posibilidades de ser televisada.

    P.D, Acabo de ler o que escribín e non estou seguro se o dixen con sorna ou non.

    • Hmmm… Razzies na literatura galega? Pois non lle vexo eu sorna ningunha aí.
      Claro que a dicir dunha amiga, non habería moita diferenza entre a lista de candidatos e a de recoñecidos polos lectores(?) hai unhas semanas nunha famosa páxina adicada ao asuntiño.

  3. Pois moi probable que sucedese iso aínda que as dúas listas as elaborasen lectores. Despois de todo, cada un terá a súas explicacións, a literatura galega é como unha reserva india. Que a literatura, quede reducida aos espazos literarios e non xeneralistas, como se comentaba no artigo, sitúaa dalgún xeito fora da sociedade, coma unha peza museística.

    • Non creo que a boa literatura e os produtos de consumo teñan que estar enfrontados.
      Coido que calquera pode ler as obras de Riveiro Coello, Xabier Quiroga ou Eva Moreda sen renunciar por ilo á calidá.

      • Claro que non. Eu falaba de listas, de coñecemento, de fama se queres. De se é posible saír da Reserva India que son os lectores habituais en galego. De se é posible darlle, cando menos un bocado,aínda que sexa, a aquel lectorado que sendo galegofalante, ou cando menos sen prexuizos linguísticos, le normalmente (case exclusivamente) en castelán.

      • Pois non sei eu se a base de listas de amiguetes daremos mordido algo dese biscoito…

  4. Xa meu, pero que as listas acaben por ser, ou non, de amiguetes é outro conto, sería xa, poñéndome repunantiño, un problema de país, ou algo así.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s