Abrimos a inscrición para o II Torneo Punto e Coma de Relatos

Poñemos en marcha a fase de inscricións do II Torneo Punto e Coma de Relatos, cuxa primeira rolda de duelos celebrarase o mércores, 11 de abril. O 5 de abril publicaremos todos os duelos da primeira fase e o calendario e temas de cada xornada. Durante o mes e marzo os autores e autoras interesadas poden solicitar a súa inscrición na liga a través do correo biosbardia@gmail.com indicando no asunto: Torneo Punto e Coma e incluíndo nome completo e un relato de 100 palabras como máximo. De haber máis demanda que postos dispoñibles (16), a preferencia será por orde de solicitude pero incluiremos un factor de corrección para favorecer que polo menos seis participantes sexan mulleres, sempre que sexa posible.

Bases do torneo

1 Convocatoria

O Torneo de Duelistas de Biosbardia é unha competición entre escritores, composta por un conxunto de duelos de relatos curtos, estruturados en base a certas características. A cerna do Torneo son os comentarios ós relatos, non os relatos en si.

2 Relatos

Os relatos deberán ter entre 150 e 500 palabras, sen incluír o título. A organización resérvase o dereito de aceptar algún relato que non cumpra esta norma por unhas poucas palabras, pero farase público este incumprimento para que os votantes teñan en conta isto, se queren, na súa valoración.

O relatos deben ser orixinais e inéditos, e deben tratar o tema proposto para o seu duelo, polo menos de forma tanxencial. Serán os votantes e non a organización quen penalicen, cada un segundo o seu criterio persoal, o cumprimento este apartado.

Nunha das roldas, á escolla de cada autor, o relato escrito deberá recrear obrigatoriamente o universo creativo (con total liberdade e sen límites) de un ou de varios dos relatos que se escribiran até ese momento no II torneo. Os autores homenaxeados aceptan “compartir” o seu universo e personaxes.

Desde a convocatoria dos duelos, os contendentes disporán de sete días para enviar o relato co que se baterán. Cada participante ten dereito a pedir ao longo do Torneo un máximo de dúas prórrogas de dous días para enviar o seu relato. Nese caso o seu rival disporá automaticamente do mesmo tempo de prórroga sen que lle conte como utilizada.

Os relatos enviaranse ao correo biosbardia@gmail.com. Agradécese que cada participante especifique no “asunto” do correo todos ou algún dos seguintes datos: o seu nome, o do seu rival, a xornada á que pertence e o tema do duelo.

O anonimato dos relatos será parcial. Será pública a identidade dos dous duelistas, pero non se revelará ata a fin da xornada de votacións quen é o autor de cada relato.

3 Organización dos duelos

O Torneo componse de dúas fases: unha fase clasificatoria e unha fase eliminatoria.

Na fase clasificatoria estableceranse catro grupos de catro duelistas cada un e xogarase unha liga por grupo. En cada liga enfrontaranse en sucesivos duelos todos os membros de cada grupo. Estes duelos organizaranse por xornadas.

Ao remate da fase clasificatoria calcúlase a posición de cada duelista en función do número de vitorias dentro de cada grupo. En caso de empate pasará diante o autor que gañase o duelo que os enfrontou a ambos. En caso de triplo empate haberá unha rolda e relato exprés, con un só día de tempo para a redacción, cuxo tema será decidido polo cuarto clasificado, esperamos que con toda a malicia do mundo. Os dous primeiros postos de cada grupo darán acceso á fase eliminatoria.

En cada duelo da fase eliminatoria a vitoria dá acceso á seguinte rolda (cuartos de final, semifinal ou final).

O tema de cada duelo será sorteado pola organización entre as enviadas polos participantes no correo de inscrición ao Torneo unha vez escollidos os participantes.Os temas dos duelos da primeira fase coñeceranse simultaneamente á presentación do calendario definitivo.

4 Votacións e resultados

En cada unha das roldas os autores disporán de sete días para ler e valorar os duelos.

Todos os participantes están obrigados a votar de maneira pública en todos os duelos, salvo aqueles nos que participen como duelistas. A votación realizarase nomeando o título do relato que se considere gañador do duelo. A votación deberá ir acompañada dun comentario no que se valoren ambos relatos e se xustifique brevemente a elección dun relato sobre o outro.

Os votantes poden debater libremente durante o período de votación se un relato cumpre ou non cumpre co tema, así como calquera outro aspecto literario que desexen abordar, sobre os relatos ou sobre a valoración doutros votantes, pero sen menosprezar a opinión dos comentaristas nin o traballo dos autores. Cada votante pode empregar o seu propio criterio persoal de valoración, sempre que se axuste a razóns literarias, sexan de forma ou de contido.

O público en xeral tamén pode comentar e opinar, a través dos comentarios da revista ou nos espazos do Twitter e do Facebook de Biosbardia.

5 Premios

O II Torneo de Duelistas está patrocinado por Punto e Coma, rede de tendas de chuladas, libros e obxectos bonitos. O premio para o participante consiste nunha mochila de alta calidade e precioso deseño onde gardar todos os libros que os duelistas deben ler para melloraren a súa técnica.

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s