‘O alfaiate portugués’, estampas de Lobeira

Xavier Senín/AELG.

Lois Z.

O alfaiate portugués recolle noventa narracións curtas de Xavier Senín, publicadas desde 1995 na súa columna semanal de El Correo Gallego. Estou seguro de que estas narracións eran un oasis no medio dos artigos de opinión demagóxicos, partidistas e maioritariamente en castelán habituais nos xornais galegos, mais en forma de recompilación non funcionan, polo menos non como produto literario competitivo. Nada ten que ver con isto a extensión dos relatos, taxados a 400 palabras. En 400 palabras pódense escribir narracións memorables.

Senín estrutura as súas historias dunha forma característica. O inicio é áxil, un in media res formal: a primeira palabra de moitas das narracións é un verbo, un adverbio ou unha preposición. Nunhas poucas liñas Senín sitúanos onde a calquera autor lle gustaría ter os seus lectores, ben enganchados no anzol. A continuación o relato remata. Cun final que non é verdadeiramente un final, porque non naceu entrementres ningunha historia á que pórlle fin. Continuando a metáfora do lector-peixe, Senín non nos quere meter no cesto, el practica a pesca con solta. Cada relato é unha reflexión autoconclusiva ―quero dicir que é o autor e non nós quen saca algunha aprendizaxe ou proveito sobre a anécdota contada―, selada cunha frase lapidaria.

Di Vítor Freixanes no limiar que Senín é un magnífico e eficientísimo narrador. Concordo con el, pero Senín non se quixo mostrar en O Alfaiate portugués coma un relatista. Talvez por iso o propio Freixanes cualificou os textos como “estampas”, porque Senín nunca pretendeu na súa sección do Correo contar o que entendemos por unha historia clásica, el ―sabéndoo ou sen sabelo― estábase mostrando a si mesmo. E non hai ningún problema niso en tanto o lector coñeza de antemán o que está a mercar: quen queira pode catar aquí dous dos relatos e xulgar por si mesmo.

As estampas de Senín retratan vivencias e anécdotas ambientadas desde os anos 50 ata a actualidade. Arrincan sempre cun motor argumental de orixe rural e están escritos desde enfoques moi variados. Gran parte deles teñen carácter de recordo persoal, outros, cando Senín exerce de narrador omnisciente, trepan de cheo na ficción realista. Esta multiplicidade instrumental fíxome pensar que Senín non creou Lobeira ―lugar imaxinario onde suceden algúns dos acontecementos do que fala o autor― a modo de aldea mítica, como fixo por exemplo Isidro Novo en O tabú na traslenda.

Falando de Isidro Novo, onde el optara pola utopía fantástica, Senín faino por un pesimismo retranqueiro que non nace da tópica nostalxia romántica de quen cre que calquera tempo pasado foi mellor. O xerme deste toque tristeiro vén de ser consciente de que o mundo no que un viviu xa non existe. A gran maioría dos personaxes de Senín son novos nas primeiras liñas e rematan mortos ou desaparecidos nas derradeiras. En Lobeira ―o nome xa indica algo― as familias sepáranse, os fillos dilapidan as herdanzas, os costumes esquécense, as oportunidades pérdense e as andoriñas xa non volven co bo tempo para colgar os seus niños do teu balcón. Nin se idealiza o pasado nin se censura o presente, o libro é unha crítica ao discorrer do tempo, que vai desfigurando todo o que coñecemos e creamos. O único que nos salva é que inda podemos tomalo con humor.

♦ O alfaiate portugués, de Xavier Senín, Galaxia, 2016. 204 páxinas. ♠14,50€

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s