O que podemos aprender da poesía galega

Antía Otero (no centro) e Yolanda Castaño recitan durante o IV Festival Internacional de Poesía de Allariz ‘Poemagosto’, en outubro do 2017. ANTÓNIO ALBERTO ALVES

César Lorenzo Gil.

“Se está ben editada, a poesía vende”. Esta sentenza repítea acotío Diego Moreno, director e fundador de Nórdica Libros. Resume moi ben un contratópico que afirma todo o contrario, que a poesía é a irmá marxinada do mercado editorial. Mais pola contra, coas cifras de vendas na man ou a atención xerárquica que a poesía recibe das librarías, ese ditado de Moreno podería parecer inexacto. Coido que a cuestión é o contexto e a proporción.

Por suposto, e agora falo de poesía galega, a lírica é unha literatura para minorías. Pero está claro que é unha minoría activa e até certo punto organizada. Iso dálle un gran valor como nicho de mercado pero tamén, e isto é o máis importante, como motor da creatividade e da innovación literaria.

Sería absurdo dicir que a poesía galega vive unha idade de ouro. Este mantra leva repetíndose desde 1995 e é sinxelamente falso. Non se xustifica afirmando que hoxe (é certo) volve publicarse poesía acotío en editoriais grandes e pequenas, especializadas e xeneralistas, de autores novos mais tamén dos xa consagrados. Non. Publícase boa poesía pero tamén outra cun baixo nivel de autoesixencia. É dicir, o lóxico e normal en calquera campo literario.

E é que a poesía galega non debe vivir acomplexada pola procura desa idade de ouro. Non sei como explicar esa angueira. Supoño que ten a ver co “peso da tradición”, coa herdanza simbólica das e dos poetas que nos precederon. Sempre se queixa Jaureguizar de que Galicia nunca poderá ter unha literatura normalizada mentres os seus referentes sexan poetas. Sen entrar a fondo nese debate, o certo é que a poesía galega ten un equipazo. Compartimos camiseta con Xohana Torres e Uxío Novoneyra. Sería ridículo profundar en todos os grandes nomes das nosas letras.

Mais fóra da espiña dorsal da nosa historia, a poesía demostra que ten vizo máis alá do papel. Sen entrar no detalle da gran cantidade de premios de poesía que convocan diferentes colectivos e institucións, podemos cartografar o país polos festivais de poesía que se celebran. Hai poesía nos catro cantos do país, poesía que sae á rúa, que se recita nos bares e nas prazas; poesía que se le e que se improvisa, poesía que se comparte por xalundes. Se a narrativa e o ensaio son disciplinas do silencio que só se rompe cando o autor, algo solemne, fai presentacións e asina exemplares, a poesía é social, é contacto. Por suposto que hai autores que prefiren a torre ebúrnea (por usar unha frase feita cursi acaída ao caso) pero cada vez máis os e as poetas pisan o asfalto e o prado e conseguen algo moi interesante: manteren a voz propia ao tempo que coñecen o que están a facer os seus contemporáneos.

Esta ágora oral da poesía ten moitas vantaxes. Garante o relevo xeracional. “Deséxovos fillas poetas”, converteu en lema propio a escritora Nuria Vil. Ela forma parte dese grupo de autoras que entende a poesía xa non como unha canle unicamente editorial e non para de producir poesía sen precisar un corpus escrito. Neoneotrobadoras que no entanto son obxecto de desexo de todas as coleccións poéticas. Porque mentres se nota un overbooking de novelas, un efecto funil nos plans editoriais das coleccións de Narrativa, no caso da poesía pasa máis ben o contrario. Non vou dar nomes pero hai incluso autoras inéditas cuxa obra prima van poder publicala directamente onde queira porque ningún editor lles vai dicir que non. “Os editores chámanme para ver se teño algo publicable. É a montaña vindo onda Mahoma”, cóntame unha poeta menor de 30 anos sen obra publicada.

A outra vantaxe é que este magma crea unha comunidade lectora moi fiel. As malas linguas definen o mecanismo comercial da poesía galega como o imposto revolucionario solidario: eu, poeta, cómproche o teu libro a ti, poeta, para que cando eu publique o meu libro ti, poeta, mo compres a min tamén. Sexa como for, ese circuíto favorece a viabilidade da publicación de poesía. O mercado beneficiouse da tecnoloxía dixital que posibilita tiraxes curtas e do efecto multiplicador das presentacións, recitais e encontros poéticos.

O resultado, que a poesía galega actual ten espazo. Non pensemos que é algo tan habitual. Podemos comparar o caso galego co español e decatármonos de que en proporción a presenza da lírica é ben menor. Nos campos literarios máis masivos a poesía vive un proceso de marxinación evidente. Moitas editoriais pertencentes aos grandes grupos xa non publican poesía e incluso é complicado encontrar obra poética nas librarías máis céntricas das grandes capitais do primeiro mundo.

Un comentario en “O que podemos aprender da poesía galega

  1. E tamén a lírica galega volve ter o seu espazo no ensino e entre os adolescentes, os poetas e as poetas conectan con eles e elas a pesar da competencia das redes e unha vez aberta a porta a nosa rapazada demanda máis e máis poesía; iso si hai que lla servir con moito agarimo e ilusión, para conectar cos seus sentimentos non hai xénero mellor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s