Velaquí o Torneo Punto e Coma de Duelistas

Cartaz do filme ‘Unglorious Bastards’, de Quentn Tarantino.

A semana que vén poderemos ler os primeiros relatos do Torneo Punto e Coma de Duelos de Relatos, a segunda edición dunha liga que se estenderá até o verán. 16 autoras e autores na busca da gloria literaria (e un premio ofrecido por Punto e Coma. Mentres preparan os seus primeiros relatos, bótamoslle unha ollada á súa biografía.

 Grupo A

Ana Vigo

Nacida en Pontevedra. Considérase a si mesma “devoradora e creadora de historias dende que teño memoria. Para min, ler, escribir, debuxar e imaxinar son actos tan necesarios como respirar”. Graduada en Comunicación Audiovisual pola USC, actualmente é redactora xefe e coordinadora da sección cultural no diario dixital TimeJust. Autora da novela La búsqueda de los dioses (Luhu Editorial), confesa que ten outro puñado de narrativa aínda no caixón. É autora de relatos curtos dispoñibles en diferentes antoloxías.

Lois Z

Crítico literario. Licenciado en Bioloxía. Ourensán (1981) empadroado en Compostela. Xogador de rol, escritor de relatos e estampador de camisetas.

Amador Castro

Amador Castro Moure naceu en Nandulfe, nas terras de Chantada, criouse e vive en Barcelona desde os poucos meses de vida. Un catalán que escribe en galego porque galego é o que se falou sempre na casa. Por ese motivo, considérase un ser privilexiado: «medrar falando tres linguas é menos difícil do que a xente pensa». Empezou a escribir moi cedo. O desaparecido Diario de Barcelona publicoulle un relato con quince anos. En castelán. Con 16, co apoio dos profesores Isabel-Clara Simó, Àlex Broch e José Carlos Menéndez, editou unha revista de poesía no instituto chamada Sorra (area) na que colaboraron nomes senlleiros da cultura catalá. Pero cando viu impresos cinco poemas seus na “Escolma da poesía galega 1976-1984” de Xosé Lois García, acovardouse. «Deume unha vasca. Acolloeime. Deixar impreso algo para sempre é unha responsabilidade moi grande». Deixou de escribir e dedicouse ao punk fundando o grupo 100.000 Profilácticos. Rematada a etapa de músico e letrista, o deserto literario, a licenciatura en Socioloxía e o traballo no desenvolvemento de aplicacións informáticas. Até que hai pouco o monstro da escritura espertou. Autoeditou a primeira novela, Memorias de antes do encoro, retomando unha actividade literaria que xa non pensa deixar. «A novela funcionou ben. Xa está en moitos sitios de descargas gratuítas. Escribina porque ninguén se lembra da escolma de poesía e xa non me poden relacionar». Colaborou con algúns poemas na recente escolma Ecos dos poetas de Chantada (miscelánea de poemas do século XII ao XXI). «É un honor compartir libro con Xohán de Requeixo. Non sei se el pensaría o mesmo». Edicións do Peirao está a preparar o inminente parto da segunda novela, “Pillabán, pillabán”, un intento de desmitificación da figura de María Castaña, e está traballando a toda máquina na terceira da que non quere desvelar nin o título. Fóra do ámbito literario, é delegado en Catalunya da Asociación Cultural Fillos de Galicia.

César Ariza

Naceu en 1976 en Euskadi. Aínda neno mudouse a unha aldea de Carnota. Agora vive e traballa en Madrid. A súa faceta como escritor comezou cando se puxo a xuntar versos e dar así forma a cancións de rap. Non tardou en darse de conta que para certos temas precisaba de máis palabras e menos rimas, e empezou a escribir relatos breves (e non tan breves) de diversa temática. Trece destes relatos, todos de terror, confluiron nun libro: Contos de soños e sombras (Urco, 2013). Tamén ten publicados outros relatos en diferentes antoloxías: “Contos Estraños. Lendas de Gallaecia” (2013), “Contos Estraños. Segunda Era” (2014), “Contos Estraños. Choque dos mundos” (2015); e en castelán un relato no libro Pop, 10+1 Relatos Musicales (Editorial Café con Leche, 2017). Actualmente segue a escribir máis contos e adapta a guion cinematográfico os seus propios relatos.

Grupo B

Sabela González

Conta de si mesma: “Nacín o mesmo día que a MTV e tres antes que Fernando Alonso, en Burela, aínda que daquela nos ían nacer a Lugo. Gústame dicir que son de Cervo dende que a miña familia se mudou alí pero, dende hai xa abondo anos, son viguesa de adopción. O que máis me gusta do mundo é escribir e debuxar, e espero que algún día me poida dedicar a facelo a todas horas. É autora da triloxía As Crónicas de Landereina, publicada por Galaxia.

Marcos López Concepción

Naceu en Lavadores no 1975. É administrativo de profesión. Publicou dous contos no libro Contos da rúa (Elvira) e o libro infantil Pitusa, a fantástica nena da caca de ouro(Galaxia).

Adrián Feijoo

(Bergondo, 1995). Graduado en Historia, a súa formación literaria iniciouse con Mortadelo, o ‘Golfiño’ e Agustín Fernández Paz. Houbo algúns insensatos que lle publicaron os seus relatos e artigos, como as publicacións Marabunta, Monolito, Compostimes e Noitábrega(foi cofundador desta última). Podédelo atopar nalgúns bares de Compostela falando dos libros que lle apaixonan e recomendando películas sen que ninguén llo pida.

Gabriel Fuentes

Estuda xornalismo en Santiago de Compostela, aínda que é natural de Pazos de Borbén. Practica oratoria no Club Debate Compostela, ten un grupo de hardcore, debuxa historietas humorísticas todos os días nas súas redes e colabora en O Salto Galiza.

Grupo C

Erica Couto

(Pazos de Borbén, 1979). Di de si mesma que reparte o seu tempo entre a investigación, o ensino do sumerio, e a literatura fantástica. Publicou relatos en Contos no nicho (Urco) e en varios volumes de Contos estraños. Escribe e xestiona o blog de rarezas bibliográficas En la lista negra, e constitúe o 50% do podcast de literatura fantástica “Todo tranquilo en Dunwich”. É a autora de Cuerpos. Las otras vidas del cadáver (GasMask Editores, 2017).

 César Lorenzo

Naceu en Cequeliños, Arbo, no 1977. É xornalista e editor. Dirixe Biosbardia. Forma parte do comité de redacción de Luzes.

 Carlos Vega

Naceu en 1997, a 30 dias de que acabase o verán. Comezou a escribir hai anos por celos dos libros de medo que tanto lía. Aos 19 anos buscou e achou fortuna en Inglaterra, sendo case nomeado herdeiro dunha fortuna de procedencia checa, en parte grazas a recoñecer un cadro de Mondrian. Gústanlle as cancións de Johnny Cash e Elton John. Tamén se xacta de coñecer un segredo crítico sobre o príncipe de Gales. Con todo isto xa ten 20 anos e pouco máis sabe escribir. Probou coa bebida pero acabouno deixando seco. Tería deixado de escribir hai tempo, pero por sorte agora podédelo atopar na capital, amando con todos os seus contos a unha persoa.

Natalia Lema

Baíñas, Vimianzo, 1999. Na actualidade estuda un curso de Administración e Finanzas. A súa primeira publicación é na revista Cousas de Nenos con sete anos. Empezou o seu camiño literario cando gañou o concurso Terra de Soneira consecutivamente entre o 2014 e o 2016, tanto en poesía como en narrativa. No 2015 un dos seus textos foi seleccionado nun concurso ACEN. No 2016 participou na colección de libros colectivos Roteiros das Artes e na novela Foron, Somos (de índole histórica) da man do escritor e coordinador José Estévez. En decembro do 2016 gañou o XI Concurso de Postais Terra de Soneira. Nese mesmo mes publicou o seu primeiro libro, Baos, no que fala da diáspora producida polo Encoro da Fervenza. Ademais colabora con diversos xornais dixitais como A Nosa Costa, Adiante Galicia ou DiarioE. Tamén é membro colaboradora de honra do Club Rotary Interact de Fernández, Arxentina, pola súa campaña contra a Polio. No 2017 gañou o 1º Premio de Poesía Avelino Díaz de Lugo. Conta co Premio Terras de Chamoso da súa XI edición, entre outros. O seu último libro, Prevención de Riscos Agrarios na Costa da Morte, é unha guía técnica a prol da conciencia e dos perigos intrínsecos que ten o sector primario.

Grupo D

Clara Vidal

Naceu antes de vir ao mundo, a causa dun dobre amalló umbilical. Aos seis anos, escribiu o seu primeiro poema. Desde entón, non abandonou a poesía nunca. Tamén adoita «falar en verso» e escorregar poemas ou letras de cancións nas conversas cotiás. Ademais, desde o ano 2011 e ligada esta acción ás amizades filolóxicas pertencentes á súa formación, dálle unha oportunidade literaria semanal á súa irrelevante capacidade como contadora de historias en prosa (sempre que a cidade na que viva llo permita, claro). En xeral e como testemuña o seu intento de relatar, domina a súa capacidade de personaxe fracasada no combate que continúa a camiñar. Testuda, meticulosa e amante do mar, insiste en que nunca as mellores historias derivan da vitoria.

David Botana

Dedícase a dar clases particulares “(do-que-sexa)”, confesa, “mentres agardo a que as catro vacas da avoa xunten o esterco dabondo que me obrigue a facer algo de deporte; é unha sorte, podían ser cinco vacas. O pelo da cabeza múdaseme a lugares insospeitados do corpo, corpo xa con forma de fariñenta pera mol, mol pera que me fag… err… que me vou pudrindo; vamos”, conta. “Estou a escribir esta “Bio_Sbardia” miña (haha) cun pé en alto por mor dun ataque de gota aguda; é unha sorte, podía ser cunha embolia. A persoa coa que vivo leva todo o día a dicirme: «Maldito aleixado!» polo meu pé inflamado, curiosamente iso faime rir, faime sentir ben; é unha sorte, a maior de todas”, continúa. “Escribo cousas, polo xeral na cabeza, ás veces en papel. Son cousas variadas, algunhas con feitura de conto, o máis das veces de terror. Varias están publicadas e todo; é unha sorte, podían… podían… É unha sorte”, conclúe.

Fran Castiñeira

Naceu no 1977 en Suíza, fillo da emigración pero criouse na Coruña. Logo emigrou el xa hai once anos a Baviera (Alemaña), sen gran queixa pero devecendo por volver. Gaña a vida como técnico de laboratorio clínico. É pai dende hai só medio ano. Saca tempo para escribir, sobre todo relatos. Publicou dous libros,Seica chove (Baía) e Podería falar de nubes (Redelibros). Participou en compilacións, revistas e publicacións, gañou certames que ninguén lembra e mantén pouco dilixentemente un blog. E aquí está. Que pouca vergonza.

Guillermo Rodicio

Naceu en León no 1990. Estudou Dereito e Filoloxía. Na actualidade é monacal opositor. De todo o que le, algo se lle escapa e acaba intentando escribir. Gañou algúns premios por contos, outras historias súas viron a luz por diferentes vías, a maior parte agardan a súa quenda no caixón. Tamén dirixe un obradoiro literario na Coruña, híbrido de grupo de amigos e burato negro de tramas.

Calendario da fase de grupos

 

Primeira xornada

Grupo A: Ana Vigo-Lois Z (O barco sen dono)

Grupo A: Amador Castro-César Ariza (Enfermidade)

 

Grupo B: Sabela González-Marcos López Concepción (Alpinista)

Grupo B: Adrián Feijoo-Gabriel Fuentes (Tripas)

 

Grupo C: Érica Couto-César Lorenzo Gil (Viaxe)

Grupo C: Carlos Vega-Natalia Lema (soidade no século XXI)

 

Grupo D: Clara Vidal-David Botana (Nazis)

Grupo D: Fran Castiñeira-Guillermo Rodicio (Reloxeiro)

A data límite para entregar o relato desta xornada é o 10 de abril ás 23h59

A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 17 de abril ás 23h59

 

Segunda xornada

Grupo A: Lois Z-Amador Castro (Euxenesia)

Grupo A: César Ariza-Ana Vigo (Segredo de confesión)

 

Grupo B: Marcos López Concepción-Adrián Feijoo (O monte arde)

Grupo B: Gabriel Fuentes-Sabela González (Torta de queixo)

 

Grupo C: César Lorenzo Gil-Carlos Vega (A emigración)

Grupo C: Natalia Lema-Érica Couto (Un acento estranxeiro)

 

Grupo D: David Botana-Fran Castiñeira (A Santa Compaña)

Grupo D: Guillermo Rodicio-Clara Vidal (Coñécete a ti mesmo)

 

A data límite para entregar o relato desta xornada é o 17 de abril ás 23h59

A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 24 de abril ás 23h59

 

Terceira xornada

Grupo A: Ana Vigo-Amador Castro (Personaxes raras do día cotián)

Grupo A: Lois Z-César Ariza (Motor de catro tempos)

 

Grupo B: Sabela González-Adrián Feijoo (Negociación)

Grupo B: Marcos López Concepción-Gabriel Fuentes (O Quixote existiu)

 

Grupo C: Érica Couto-Carlos Vega (Festa)

Grupo C: César Lorenzo Gil-Natalia Lema (Casa queimada)

 

Grupo D: Clara Vidal-Fran Castiñeira (Queixo)

Grupo D: David Botana-Guillermo Rodicio (O poeta millonario)

 

A data límite para entregar o relato desta xornada é o 24 de abril ás 23h59

A data límite para comentar os duelos desta xornada é o 1 de maio ás 23h59

Ana Vigo.

Amador Castro.

César Ariza.

Adrián Feijoo.

Sabela González.

Gabriel Fuentes.

Érica Couto.

Carlos Vega.

Natalia Lema.

Clara Vidal.

Fran Castiñeira.

Guillermo Rodicio.

4 comentarios en “Velaquí o Torneo Punto e Coma de Duelistas

  1. Reblogged this on Francisco Castiñeira and commented:

    A xente de Biosbardia vén de argallar o seu segundo Torneo de Duelistas de relatos, onde varios escritores o pasaremos ben (ou mal) escribindo cada semana, competindo entre nós e lendo e votando. Hai nivelazo, atendendo ás biografías dos participantes. E hai pouco sentidiño, o meu, o de meterme nesta lea. A ver se melloro os rexistros do Anorthosis na liguiña da Champions. E vós, a desfrutar dos relatos que se irán publicando. Eu irei avisando aquí cando saian os meus.

    • Desde que me apuntei non pasou un minuto no que non me arrepentise. Cada mañá teño que me dicir varias veces “é só un divertimento, é só un divertimento”, para non botar a correr e desaparecer no deserto. E iso agardo. Divertírmonos todos e non tomalo moi en serio 🙂

      • Agora me decato, Amador, grazas á túa resposta que cando reblogueo algo deixo no blogue orixinal un comentario. Pois se é un divertimento, divirtámonos: escribindo e lendo. Un saúdo e sorte! 🙂

  2. Pingback: Torneo Punto e Coma de Duelistas – Francisco Castiñeira

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s