As indixestas cartas de amor entre María Casares e Albert Camus

Jean Pommier e María Casares interpretando ‘Os xustos’, de Albert Camus.

Xesús González Gómez.

Comprei o libro hai meses, pero non vía o momento de lle entrar. Despois de dúbidas varias, a finais de febreiro empecei a ler o mamotreto titulado Correspondance 1944-1959, entre María Casares (ou Maria Casarès, como vén na portada) e Albert Camus, publicado pola Gallimard o pasado mes de novembro. O libro leva un pequeno prefacio –tres escasas páxinas– da filla de Camus, Catherine. A edición das cartas e mais as notas estivo a cargo de Bétrice Vaillant. O libro contén 865 datadas máis oito tarxetas e cartas sen datar e anacos de cartas e borradores, un total de 1.300 páxinas, formato 15,5×24 cm e un custo de 32,50 euros. Gallimard publicou o libro co apoio da Fondation La Poste (ou sexa, o servizo de corrreos francés). E como dato «curioso», digamos que na miña bascula de baño dá o peso de un quilo seiscentos gramos.

Tardei case un mes en ler todas as cartas (rematei a inicios da semana santa), aínda que polo medio lin outras cousas, entre elas un libro de poemas –que atopei nun punto verde: lugar amañado polo Concello de Barcelona en que a xente pode deixar desde un frigorífico até libros, para a súa recuperación ou reciclaxe–, Cel subtil, de Vicenç Llorca –aparecido en 1999–, autor do que en galego está traducido o seu libro de ensaio O entusiasmo reflexivo, publicado en 1996 por Espiral Maior. Non é que este libro de poemas, segundo o meu parecer, sexa unha maravilla, pero nel atopo este poema:

San Andrés de Teixido

Travesses tots els arcs:

iris del ulls,

iris dels temples.

I et demanes damunt el pla

com ets dins les esferes:

l’aigua suspesa,

la neu de sal,

el camí tallat per la mar.

No sempre t’és permès

el secret circular de l’atmosfera.

I surts del temple,

i surts de l’ull.

Travesses l’iris de la ment.

Paraula que s’arqueja.

Penso que non paga a pena traducilo, enténdese perfectamente. Lin outros libros á parte deste, claro, mais xa falaremos deles noutra ocasión.

Todo o mundo que leu Residente privilexiada (versión galega, Ed. Trifolium, 2009) sabe que María Casares e Albert Camus se coñeceron en casa de Michel e Louise (coñecida como Zette) Leiris, co gallo da representación da obra teatral de Picasso O desexo atrapado polo rabo (quen non coñeza esta peza, pode ver o que eu digo dela en Teatro e surrealismo, Laiovento, 1999: «Pablo Picasso: o automatismo corporal»), o 19 de marzo de 1944. A esa soirée tamén asistiron, entre outros, Simone de Beauvoir e Jean-Paul Sartre: como afirmaba a primeira, ese foi o seu día de entrada en «sociedade». Camus ofreceulle a María ser a intérprete da súa obra teatral O malentendido. Tratáronse durante os ensaios e o 6 xuño dese ano, o mesmo día que os aliados desembarcaban en Normandía, despois dunha velada na casa do director teatral Charles Dullin, convertéronse en amantes Non imos aquí a describir os amores deles, para iso o lector pode achegarse tanto ás excelentes biografías de Camus publicadas en español (a de Herbert R. Lottman, ed. Taurus –con cortes inexplicábeis–, e a máis completa de Olivier Todd, publicada por Tusquets: se o lector e sartreano, colla as dúas biografías con pinzas) ou Maria Casarès l’étrangere, biografía da Casares escrita a catro mans por Marie-Hélène Carbonel e Javier Figuero, publicada no 2010 polas parisienses Éditions Fayard e sen tradución, que saiba eu, a ningunha das linguas oficiais e/ou cooficiais diso que se chama España. Está tamén a intelixente, mais curta, biografía da actriz escrita por Arantxa Estévez e publicada por Edicións A Nosa Terra no 1999. No 2016 o Consello de Cultura Galega publicou o libro de María Lopo O tempo das mareas. María Casares e Galicia, que está colgado no portal desta institución, etc. Por bibliografía non será, arredemo.

Se María Casares e Albert Camus se fixeron amantes ese 6 de xuño de 1944, foi durante uns meses, logo el volve onda a súa muller, que estaba en Alxeria e se reúne con el París unha vez liberada a cidade da pouta nazi. Durante catro anos nin se ven nin intercambian correspondencia: só unha carta de Camus, en xaneiro de 1946, dándolle o pésame a María pola morte de súa nai, e cada un vive amores pola súa parte. Mais o 6 de xuño de 1948, é dicir, xusto catro anos despois da primeira noite xuntos, María Casares e Albert Camus volven estar xuntos. E o 26 de xullo María escríbelle a primeira das cartas delas que aparece neste volume, xa que das que lle enviou en 1944 non se publica ningunha: perdéronse ou el queimounas. De 1944 a 1948 publicanse, xa que logo, só 22 cartas, todas de Camus. Digamos, con todo, que talvez Camus non conservou as cartas que lle enviaba María porque nese momento el marchara de París escapando da posíbel represión alemá (pertencía á Resistencia) e non era cousa de andar gardando papeis que podían comprometer unha ou outra persoa.

Mais volvamos ao que nos interesa: a correspondencia «amorosa» entre Casares e Camus. Porque se trata dunha correspondencia amorosa, onde Monsieur Camus non é que prefira a súa nai á xustiza, pero digamos que prefire o seu goce sexual ao seu amor louco (e celoso) por María Casares. Non sei quen dixo aquilo de que a Camus lle era imposíbel ser fiel a unha muller. Veremos, polas notas, como entre cartas de amor eterno, Camus se vai entendendo con outras mulleres mentres Casares ou o propio Camus andan de xira por eses mundos de Deus. En fin, que Camus, que non podía berrar moito, xa que nunca se separou da súa muller, feito que María Casares asimilou, e como bo fillo do Mediterráneo, actúa como tal: macho cuase ibérico: os celos son os celos, malia incansábeis declaracións de amor. Declaracións de amor polas dúas bandas: «A felicidade que me dás existindo polo só feito de que existes (preto ou lonxe) é grande, pero debo confesarcho, un pouco vaga, un pouco abstracto (sic), e a abstracción nunca encheu a unha muller, ou cando menos a min. Que queres? Necesito o teu corpo longo, os teus brazos flexíbeis, o teu fermoso rostro, a túa ollada clara que me conmociona, a túa voz, o teu sorriso, o teu nariz, as túas mans, todo» (María a Albert). «Oh, meu amor! Gustaría de ser virxe de corpo e de alma para ti! Gustaría de coñecer unha lingua nunca usada antes para che falar!» (da mesma ao mesmo). «Meu pensamento ten a cor do teu cabelo» (Albert a María) «Ámote.// Meu fermoso amor adorado.// Ámote. Espérote, non te deixo nin unha hora. Vivo en ti; para ti; por ti. Ámote. Béixote» (de María a Albert). «O noso amor non pode sentirse ameazado por nimiedades. É bastante vía crucis, bastante infeliz, desgarrado para que nós engadamos fantasmas de desgraza» (Albert a María). «Ámote: amareite sempre, contra todos, contra todo, contra ti, se é preciso» (da Casares a Camus). «Non esquezas que non te abandono, que te sigo paso a paso, e que vixío para ti e preto de ti», de Camus a Casares, como as que seguen a continuación: «Meu único amor», «Meu amor, soñei e soño unha vida contigo», «Escribo o teu nome na noite, María querida», «Abandónate, como eu me abandono a ti, sen reservas», «A peor das vidas, contigo, non sería unha vida humillada. E mesmo a humillación, contigo, podería vivirse». «Imaxínote. Ámote. Acaríciote. Preto de ti, aínda máis preto… Amo a noite, contigo, os lugares choídos, os campos afastados, as fins do mundo, máis contigo», etc., etc., talvez demasiados etcéteras: non en van nun momento dado Albert Camus escríbelle a María Casares decíndolle: «As túas cartas son tan indixestas como as miñas»…

Hai, claro, escapadas ao exterior, sobre todo por parte de María Casares, que lle explica a Camus as súas lecturas, as suas interpretacións, os seus proxectos, os encontros e/ou problemas con outros actores ou con directores, a morte da nai, do país, a súa amizade con Juan Negrín e a súa dona, as visitas de españois, etc. Por parte del, vagas referencias a amizades ou feitos cotiáns (por non citar nin cita a Pascal Pia, que foi quen lle deu o traballo en Combat e quen,, en certa medida, o colocou en París). Mediante esta correspondencia, pouco se sabería, por exemplo, das polémicas camusianas con Breton e con Sartre e Jeanson (da polémica co primeiro fala máis que da que tivo, máis coñecida, cos dous últimos). Pouco se saberá tamén do drama de Alxeria, e algo da política interior francesa, pero non moi alá. Algo, claro, da política española dos exiliados, polo que ela vai explicando a Albert, que sempre estivo na primeira liña cando se tratou de defender a España republicana e denunciar o franquismo.

En fin, a correspondencia serve para ver, por exemplo, como María Casares vai mellorando o seu francés, até dominalo completamente. Para saber dalgunhas das lecturas da Casares: Tolstoi (Diario, Guerra e paz), Proust, ao que lle vai collendo o «tranquillo» a modiño e nun momento determinado pregúntalle a Camus se Proust era «pederasta», os Pensamentos, de Pascal, Absalon, Absalon, Santuario, Luz de Agosto, de Faulkner, 1984, de Orwell, O adolescente, de Dostoievski, O negro do Narcisus, de Conrad, as obras de Camus, algunha de Sartre e as pezas teatrais que tenque interpretar, etc. A actriz escríbelle ao escritor que non entende a sona que ten o Cardeal de Retz, cuxas memorias está a ler e non lle interesan absolutamente nada. A resposta de Camus é moi camusiana: «No que respecta a Retz, o que me dis sobre el fíxome reflexionar: lino hai moito tempo: amaba nel o cinismo, a implacábel intelixencia. Mais finalmente sei que tiña a alma bastante baixa. A túa reacción directa empúrrame a lelo. Un fracasado! É moi posíbel. Hemingway? Está ben feito para ti. Por que ler eses tramposos sen xenio?». Iso, por que ler a Camus, que tamén é un tramposo sen xenio, cuxas novelas son «ratées», cuxo teatro é tan decimonónico como o de Jacinto Benavente ou Leandro Carré, salvadas as distancias, e cuxa filosofía… para que meternos en lerias!

Advertisements

Un comentario en “As indixestas cartas de amor entre María Casares e Albert Camus

  1. Pingback: Poema (XCVI): «San Andrés de Teixido», de Vicenç Llorca | crebas.gal

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s