‘A rifa’ vs ‘Un barco caeu na area’

Iate. TUYDDATYGL/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo A. Lois Z contra Ana Vigo. Tema: Barco sen dono.

A rifa

Lois Z.

A Marela cagou un tiro raso axustado ao poste. Algúns cantaron gol con sorna. “Cinco mil metros de campo e a moinanta foino soltar na portaría”, rían as bancadas. A xente baixou para admirar a bosta. Roi o Cego viu unha salpicadura de merda na súa parcela e sacou a rifa da bulsa. “O iate é meu, o iate é meu! A tomar todos polo cu!”. Acompañou a súa declaración cun xesto obsceno dedicado ao respectable. Os árbitros estudaron o caso e non lle deron a razón. “Ás catorce cero oito o bovino deposita o produto baixo libre albedrío. Queda determinado previa inspección ocular que o emprazamento da defecación corresponde coa fracción pagada por don Xeitoso Mao Posta”.

O cagadoiro non levara máis dun cuarto de hora escaso. Nese tempo o árbitro expulsou a dous pagadores por chamarlle á vaca polo nome e a outro por ofrecerlle verzas desde a banda. Tamén houbo que desaloxar o tenente de alcalde por saltar ao verde con ansia viva de culminar el o traballo que lle correspondía á Marela.

Non caeu nada ben entre o ánimo dos participantes que o ganador fose o dono da vaca. Algúns atrevidos dixeron que a vaca estaba ensinada. Roi o Mudo chamou á revolta contra a autoridade. Os gandeiros botaron peito polo seu compadre. Tras a agarrada decretouse a repetición do partido, o trasacordo foi que o vinte e catro metros de eslora sería para o señor Mao Posta calquera que fose o resultado agás se o animal cagaba en idéntico lugar.

Puxeron a Marela de volta no círculo central. Comezou cuns toques en campo propio, escorouse e cambiou de orientación o xogo cara á esquerda. Paceu a banda ata a liña de fondo, caracoleou paralela á área de castigo e entrou polo bico tras dunha parede na frontal. Ripou algo de herba preto do punto de penalti e meteu os cornos na área pequena. Alí deu media volta e botou a bosta pola madeira abaixo. Fixo todo o mesmiño que a primeira vez. Os árbitros suspenderon o encontro. Houbo invasión de campo, os máis serenos arrincaban as cadeiras do sitio. A vaca durmía ao sol.

…………………………………………………….

Un barco caeu na area

Ana Vigo.

Xurdira da nada, coma un espellismo dos que enganaban os viaxeiros que se aventuraban no deserto. Pero o barco era real.

Dende primeira hora da mañá, os curiosos achegáranse cunha mestura de desconcerto, medo e curiosidade. Non todos os días vivían un fenómeno paranormal coma aquel. Non había mar nin ríos en varias leguas á redonda, e non se explicaban como puidese chegar tan lonxe.

A nova corría de boca en boca, e cada vez acudían máis persoas a contemplar a aparición. Algúns atrevéronse a subir a bordo, sempre en grupo, na procura dalgún navegante que lanzase luz naquel misterio. Pero o barco estaba baleiro.

Algúns comezaron a ceder ante o nerviosismo. Insistían en que aquilo era cousa dos demos, que a solución pasaba por destruír o barco. Outros tentaban pensar unha explicación máis lóxica: sería algunha nova estratexia publicitaria, unha excentricidade do alcalde ou unha obra de arte. Uns poucos sostiñan que un grande animal mariño lanzara con forza a embarcación ata o lugar, e o resto, que era cousa dos extraterrestres.

Os rumores sobre a aparición do barco chegaron ata Shaira. A nena achegouse no luscofusco, cando xa non quedaba ninguén.

Imaxinara unha flamante embarcación nova e resplandecente, pero a que atopara en troques posuía un encanto especial. Ela tamén subiu á cuberta. Acariñou a superficie, curtida polo sol, o salitre e quen sabe que máis.

—De onde vés? —preguntou nun murmurio que non agardaba resposta. Sentou, coas costas apoiadas no pau maior, e pechou os ollos.

Imaxinou que voaba a bordo daquel barco caído do ceo. Os seus veciños trabucáranse; nin viña do espazo nin do inferno nin da imaxinación dun publicista. Coas mans en contacto coa madeira da cuberta, sentiu o perfume do mar. Viaxaba.

Viu como nun afastado país de nome impronunciable fabricaban o barco, e como o preparaban para a súa primeira viaxe. Este, desexoso de sentirse libre, comezara só a travesía, sen agardar por ninguén. Non quixera unha tripulación que dirixise o seu camiño, preferira descubrir o mundo por si só.

O barco percorrera máis de sete mares, e, non contento con iso, pedíralles ás gaivotas que lle aprendesen a voar. Xa instruído, puidera subir aos picos máis altos e internarse nas selvas máis mestas. Coñecera o amor a carón dunha graciosa avioneta, e a dor cando esta se estrelou pola ineptitude do seu piloto. Aquela desgraza afianzárao no seu convencemento de que o mellor era navegar sen seguir ordes. Nunca deixaría que ninguén o tripulase.

Ao amencer, a familia de Shaira e os seus veciños achegáronse con decisión ao lugar. A nena non volvera da súa saída nocturna, e xa tiñan pensado o castigo correspondente. Cando chegaron non había rastro nin de Shaira nin da embarcación. Esvaecéranse sen deixar pegada, rumbo ao descoñecido. A nena pedira viaxar co barco solitario, e este aceptara, persuadido de que ter unha compañeira era moi diferente a ter dono.

Advertisements

18 comentarios en “‘A rifa’ vs ‘Un barco caeu na area’

  1. Gustoume máis “Un barco caeu na area”. Considero que a lectura me pareceu interesante e entretida. Recordoume á Expedición ao Pacífico de Marilar Aleixandre pero iso non é unha eiva, máis ben un aliciente.

  2. Que raio de rifa vai de onde caga unha vaca? E… onde se conseguen boletos? O meu voto vai para “A rifa”. Gustoume moito, paréceme graciosísimo e redondo.
    “Un barco caeu na area” paréceme correcto, pero predecible e non tan fluído.

  3. «A rifa» ten un punto moi gracioso no tratamento da merda, de como a xente se detén para admirar a bosta… Pero, para min, non tivo interese alén desa anecdótica brincadeira.
    O meu voto vai para «Un barco caeu na area», aínda que non me acaba de gustar moito o formato. Gústame o final. Alén disto, penso que hai que revisar a ortotipografía e os empregos da conxunción «e».
    Pode que o tema sexa o que non me atrae desde duelo, mais en fin, hai que votar!

  4. Cando lin que o tema era “Barco sen dono”, automaticamente penso nun barco abandonado. Gústame de entrada como os dous relatos foron moito máis literais. Até en termos xurídicos non é o mesmo o barco abandonado que o barco sen dono, moi finos.

    “A rifa”. Nas dúas primeiras frases, aínda non comprendía que estaba a acontencer e xa me tiña engaiolado. Como cando en Riazor no descanso un dos nenos tira a gol e os blues celebran de broma para que se veña arriba o rapaz, pero cunha cagada de vaca.
    Gústame moito como a partir de aí todo o conto xoga a ter un ton entre futbolístico e xudicial, dous rexistros que no fondo non son tan diferentes. E os dous funcionan xenial para conseguir o ton humorístico por detracción, que fale o absurdo da situación, non fai falla soltar chiste ningún.
    O tema do estilo tamén se relaciona coa estrutura. O ton obriga a ser concreto e exacto, sen recheos, os feitos descritos desde fóra cunha obxectividade divertida. Non lle sobra nada.
    A idea é moi orixinal e ao mesmo tempo é destas cousas que crerías perfectamente que pasou nalgunha aldea se cho contan. Reglas firmes pero abertas ao debate, premio exorbitante.
    Un relato moi logrado, sen grandes pretensións pero que funciona en si mesmo como un reloxo.

    “Un barco caeu na area” parte dunha idea poderosa, a do barco varado no deserto. Non puiden evitar lembrar a película VII de Star Wars con Rei explorando os enormes cruceiros de combate do imperio abandonados no deserto (perdón se non se entende a referencia friki). Porén, aparece a area no título e o deserto na primeira liña, pero a partires de aí parece que o resto do conto podería ocorrer en calquera área residencial, ata o punto de que sen querer desaparece na miña mente a imaxe do cruceiro no deserto e vou imaxinando un pesqueiro chantado nunha rotonda. Entendo que o conto nunca tivo a intención de estar ambientado no Sahara, pero as primeiras liñas, ata o nome da nena Sharia, apuntan cara un entorno máis exótico. As dúas opcións son igual de aceptables, pero eu sentinme un pouco descolocado.
    Se comento isto sobre a épica no conto supoño que é porque en realidade cando penso que volve a atoparse a si mesmo e consigue o seu mellor nivel é nos tres últimos parágrafos, cando decide lanzarse ao ton de aventura e descuberta. Creo que debería ter apostao de maneira máis directa por este plantexamento ao longo de todo o relato e non como clímax final, porque xenera un problema de ritmo, desconectas durante a parte intermedia do conto. Mención especial á última frase, que penso a mellor baza do relato, un peche moi poderoso.

    O meu voto vai para “A rifa”.

  5. Eu non sei se “A rifa” fai trampas. Quero dicir, que non trata o tema. Podían rifar un iate, como podían rifar a boneca “chochona”. O relato está moi ben, divertido, pero o tema non ten nada que ver con barcos sen dono (nin tanxencialmente). O “barco na area” xoga coa fantasía. Outra vez unha nena por protagonista (De ida e volta), o que sempre dá un plus de atención ao lector. Votaría por “a rifa” se non fose por esa sensación de que o relato valería para calquera tema (rifamos unha viaxe, unhas tripas, un reló, unha escalada…).
    O meu voto vai para “Un barco na area”

  6. ás veces custa elixir porque ningún dos dous relatos te atira dabondo, outras por todo o contrario, como agora. Gustei moito dos dous. “A rifa” é moi divertido, pero voto a “Un barco caeu na area”. Comeza con moito cliché, pero é un acerto converter o barco no personaxe protagonista. Non sei por que, lémbrame ao “Principiño”. E outro plus: encaixa mellor no tema proposto que “A rifa”, e iso ten o seu mérito.
    Voto a “Un barco”, pero doulle os parabéns aos dous autores.

  7. A Rifa é un bo relato no que autor aproveita a localización do sorteo por cagada de vaca, para facer unha retransmisión futbolística ata chegar a un último parágrafo xenial. O contrincante é un conto bonito, para todas as idades (se non me engano, non son habituais estas propostas no torneo), que segundo vas lendo gustas de imaxinar as posibles ilustracións. Esa compaña mutua de nena e barco, que non busca dono senón compañeiro, é un acerto. Gústanme os dous.

    A ler os comentarios vexo que algúns votantes consideran que no primeiro relato o autor/a fuxiu do tema proposto. E vaia! podería ser que si. O premio dun iate (24 metros de eslora!) semella desmesurado e collido polos pelos para unhas rifas que adoitan ser para recadar cartos. Pero claro, o propio conto ten algo de desmesura e a realidade supera por veces á ficción. Non teño claro se o tema é tratado de forma tanxencial ou está tanto na periferia que se sae. En todo caso semella que “Un barco caeu na area”, como indica Francisco, encaixa mellor na idea “Barco sen dono”.

    O meu voto vai logo para a segunda historia.

  8. O meu voto vai para “Un barco caeu na área”. Gústame a historia, está ben contada, ben escrita e cun bo estilo.

    “A rifa”… ten a súa graza e pouco máis. Pero dáme a impresión de que o/a autor/a xa tiña escrito o relato e o incrustou aquí a marteladas. Se o tema fose “avión sen dono” o premio da rifa sería un avión?

  9. Ai, que complicado! De “A rifa” gustei moitísimo do dominio da lingua e do ritmo da narración, pero a historia en si deixoume, malia ser orixinal, bastante fría. Pola contra, os feitos de corte fantástico contados en “Un barco caeu na area” conquistáronme. Creo que xs autorxs fixeron en ambos casos un traballo excelente, pero por afinidade temática voto por “Un barco”.

  10. Comento:

    ‘A rifa’: Comparto a idea de que puidera ser que o autor/a deste relato retorcese bastante as regras do torneo para publicar un relato que toca dunha maneira unicamente instrumental o tema. Pero tamén pode ser que nos equivoquemos, que a persoa que escribiu este relato vaia á raíz do tema: o barco sen dono como metáfora do azar. Non é acaso un barco sen dono algo parecido a unha vaca soltando bostas? Coido que ben puido inspirar esta historia esa comparación e morra o conto. Sobre o relato, está moi ben traballada a estrutura e a linguaxe. Coido que necesita puído (bastante) para encontrar nalgúns puntos a auténtica precisión. Pero en xeral é, para min, o mellor relato desta primeira xornada.

    ‘Un barco…’: O título fíxome cantar por Peret un anaquiño. Hai que ter en conta estas cousas porque o que sobran son títulos. Indo ao conto, estou de acordo coa idea de que está moi ben de que no torneo haxa enfoques variados, non só o relato pensado para público adulto (os lectores obxectivos non podemos ser unicamente os participantes do torneo). Esa valentía hai que valorala pero sinto, non vou premiala porque o relato está cheo de frases tópicas e sobreabundancia de adxectivos baleiros.

    O meu voto vai para ‘A rifa’.

    • Pasoume o mesmooooooo! “Ay, en la arena cayó una lágrimaaaa”…
      Hei de dicir que a min pareceume que empregaba o tema moi ben. Non sei por que nos empeñamos tanto en castigar a orixinalidade e a reviravolta. Tamén estou contigo en que hai que procurar máis lector obxectivo que nós mesmas… mais é complicado!

  11. “A rifa”. Fantástico relato de corte humorístico (que difícil é facer rir) que afonda nesta nosa Galicia caníbal máis auténtica (na discoteca de onde vivo sorteaban todos os sábados apeiros de labranza. Non é realismo máxico, é sinxelamente Galiza). A min o do tema con calzador… agardo ver cousas inda máis dispares e disparatadas, non hai límite para o que un poida interpretar. Se me fai rir é está ben escrito, pois amén.

    En un “Un barco caeu na area” o autor centrouse nunha fábula que por momentos está moi ben levada. Lembroume moito a un relato sobre unha balea varada da primeira contenda… creo que era de Duncan. Os dous padeceron para min da mesma eiva, revelar o ton de fábula cara o final, cando xa tes a xente de carne e óso pensada resulta desconcertante vela marchar nun barco.

    O meu VOTO vai pola rifa trucada.

  12. Ambos me gustaron moito. “Un barco caeu na area” resultoume un relato bonito, mais predicible. Lembroume a un conto de Roald Dahl sobre unha tartaruga cativa nunha praia e un meniño moi especial que foxe con ela. Quizabes por iso non me resultase tan fresco como o da vaca de Xeitoso Mao Posta,que, se ben si coñecía este tipo de rifas, nunca lera un relato sobre este tema.

    O meu voto vai para “A rifa”.

  13. Boa tarde. Así de infiltrado, apetéceme darlle os parabéns aos dous autores. Fixéronmo pasar ben.

    No tocante á rifa, todo está no seu lugar, nun territorio tan esvaradío coma o humor. Fíxome rir, polo ‘maxinativo, pola orixinalidade e por reflectir todo este surrealismo rural en que está imbuído o noso país e algunha xente de fóra non o entende. A min pareceume brillante e ben escrito. Especialmente feliz o último parágrafo. 🙂

    No tocante a “Un barco caeu na area” eu vexo que é unha idea moi boa, que comeza frouxa no título, pois non lle serve ao motivo que guía o conto, ao contrario, faille perder certo brillo e despístasnos. En todo caso, eu como lector non xulgo que teña as escrituras de nada, só tento abandoarme ao pracer de ler e o texto é quen de conseguilo. Hai altura poética nas imaxes, nun suceso aparentemente vedado á credulidade. Metendo os fociños onde non me chaman, no último parágrafo penso que se podería tratar doutro xeito máis sutil a personificación do barco; darlle unha volta na linguaxe, é o único que eu modificaría. Claro está, se antes tivera unha idea tan brillante e bonita. Parabéns en todo caso.

    Eu de poder votar, votaría pola Rifa.

  14. Non pensei que fose ter problemas co tema, para min cúmpleo, sen máis. Tamén pasa que eu son laxo xulgando os temas dos duelos, son só un punto de partida para escribir, nada máis.
    O relato escribino especificamente para este duelo, durante os dous dias antes da fin de prazo.

    O final do relato da miña rival era moi potente. Ese barco que non quería ser governado por ninguén foi un acerto. Por “sorte” para min non se artellou ben co inicio nin a relacion coa nena me parece que faga sinerxia coa idea central do relato. Supoño que por eses detalles rematei ganando eu.

    • Para min puntúa máis un relato canto mellor se axusta ao tema, por mérito e dificultade, aínda que tampouco é decisivo. Xa expresei que o outro relato acaía mellor ao tema (proposto por min, casualidades da vida), pero o teu tamén cumpre sen problema.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s