‘Conquistador’ vs ‘A caída do heroe’

CRISTA DO LEONE. TURISMO LAWAL OUTDOOR/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo B. Marcos López Concepción contra Sabela González. Tema: Alpinista.

Conquistador

Marcos López Concepción.

No masacre de Kampa Gintse, acontecido en 1921, mil urdos armados con mosquetes de mecha acabaron coas pernas segadas polas metralladoras do exército ocupante que por razóns de xeoestratexia franqueou os novos territorios co seu equipo de recoñecemento trigonométrico. Desde o altiplano de Lagma Pa os militares computaron nove curutos por riba dos oito mil metros, e celebraron con foie-gras e champaña Montebello, que o que denominaron como pico XX sería, moi probablemente, o máis alto do mundo.

Só tres días despois desta descuberta o representante sobre o territorio da Geographical Society, o tenente Ruskin Havergal, recibe a orde de posuír a montaña para rexistrar o fito nos libros de historia. Ruskin considérase a si mesmo un romántico e aínda que acepta os mandados con disciplina marcial, aventúrase nas zonas brancas dos mapas como quen entra nas paisaxes que se soñan, porque confía que o Imperio traerá, chegado o momento, a recompensa económica que lle permita escribir poemas á beira dun lago con casa de campo.

Na hora decisiva de enfrontar a escalada o tenente monta nun boi laúdo e manda que o séquito de portadores urdos cargue co material pesado. A foto que anos despois se empregaría para ilustrar esta expedición sería a de Ruskin enriba da besta sinalando co dedo índice unhas montañas que entre os cúmulos deixan entrever a refulxencia dos glaciares, as arestas e as sombras cortantes.

O xeo duro facilita unha ascensión rápida e permite fixar os campamentos. O monzón aparece nos sete mil metros. Ruskin e tres soldados máis aínda roben un treito e arman a tenda para pasaren a noite deixando dous portadores máis abaixo. O vento frío recrúa (menos cincuenta graos) e quedan confinados. Estar dentro da tenda non evita que se lles rechumen orellas, nariz e dedos. Antes de amortecer nun sono doce comen os espaguetes cristalizados das latas Heinz que o fornelo non consegue quentar.

Havegal esperta cunha tose violenta que lle desprende algo das entrañas. Fáltalle osíxeno. Trousa pola boca o que cre un corazón diminuto e xeado. Cheo de pánico sacode os compañeiros pero están tesos e non abren os ollos. Foxe da tenda para descamiñarse na xistra cegadora e só a fortuna o fai topar cun portador saído da nada. No campamento base recíbeno con xúbilo. Turran del os seus dous portadores. Nun exame urxente compróbase que no peito do tenente rexorde un latexar miúdo. Pero son os dedos, tan negros que semellan mollados en tinta, os que hai que cortar nunha operación que non pode ser postergada.

Amaina nos días que seguen. Ruskin recupérase e cando ten ánimo fai chamar polos portadores aos que lles debe a vida. Son apenas dous mozos de miradas feras que o escoitan e marchan sen despegar os beizos. Dilles “O XX vai ser meu”. Quere erguer o furabolos pero cae na conta de que agora que a súa man é un toco xa non pode apuntar cun xesto digno cara á montaña.

………………………………………………………………

A caída do heroe

Sabela González.

Recoñecérono grazas a aquela tatuaxe horrenda. Despois de máis dunha semana buscando nel, esculcando baixo a neve e o xeo a pesar do duro clima, as tetas da bailarina hawaiana que levaba no bíceps foron o que delatou a súa presenza baixo o xeo.

Eu fun a última en achegar o rostro á fenda e chiscar o ollo contrario para ver ben o interior do xeo que o ocultaba. O resto da partida de rescate comezaba xa a baixar da montaña. Foran días esgotadores para todos. Cubriramos unha parte considerable da montaña, a miña montaña, a que tan ben coñecía. Diego tamén a coñecía, a dicir verdade, pero só por fóra. Non respectou os seus segredos, grotas e gretas, non respectou o inverno máis xélido dos últimos anos. Poida que pensase que aqueles bíceps inchados e cubertos con tetas hawaianas o facían invencible. Pensou mal.

Os restos das últimas raiolas do solpor rebotaron na superficie cristalina que cubría as pedras da montaña e alumeárono na súa prisión cunha luz case divina. Detrás miña, unha man procurou o meu ombreiro para me transmitir unha comprensión que non necesitaba.

–E pensar que ti o viches caer, vaia susto debiches levar, miña pobre.

Asentín ao tempo que tragaba con disimulo un lene riso e busquei os ollos baixo o xeo. Estaban aínda abertos, aínda inzados de sorpresa. A man suspiroume e apertoume de novo o ombro con sentimento.

–Diego sempre foi un valente, seguro que sabía de alguén que andaba perdido, seguro que te andaba a buscar…

Baixo o xeo, o cadáver sufrirá aquela boca ridiculamente aberta até que chegue o desxeo. Diego estará sorprendido até a primavera. Logo xa me encargarei eu de sacar o lixo da miña fermosa montaña.

Advertisements

15 comentarios en “‘Conquistador’ vs ‘A caída do heroe’

  1. Os dous relatos amosan o castigo que infrinxe a montaña a quen non a respecta. Un mesmo tema desde dúas ópticas distintas bastante ben levadas. O que fixo decantar o meu voto é só unha cuestión de detalle. O correctivo para o tenente Ruskin, o que quería escribir poemas xunto a un lago, é case poético. O final que lle agarda ao Diego, tratado como lixo, ten bastante mala hostia. Así que o meu voto vai para o “Conquistador” amputado.

  2. O meu voto vai para “Conquistador” porque me gustou máis, tanto en continente como en contido, a maneira de narrar é marabillosa. O segundo relato está ben pero recordoume demasiado a algunhas novelas hispanoamericanas de Luís Sepúlveda, ese recurrente tópico da natureza e do visitante. Un saúdo.

  3. O meu voto vai para «Conquistador». Aínda que hai certos aspectos da forma que non me gustan, gáñame irremediabelmente a exquisita escolla de léxico, que entendo que responde a un traballo de documentación previo. Tamén creo que o ritmo está moi ben medido ao longo de todos os parágrafos (algo no que, desde a miña perspectiva, non sucede en «A caída do heroe») e que a información que se ofrece é a xusta e necesaria (mentres que no outro me faltan cousas).

  4. Eu voto a Conquistador polo ue ensina e como o fai. Os dous son incribles, pero non poddo evitar decantarme por el. Grazas aos autores.

  5. Interesante este cruce. Os dous relatos decidiron perseguir ideas semellantes arredor do tema, pero hai diferencias grandes arredor da forma.

    De “A caída do heroe” aprecio o detalle da tatuaxe e a maneira de integralo, e as frases que lle din á protagonista, moi realistas dentro do seu formalismo, e que axudan a ir traendo o desenlace. Porén, non acabo de entrar de todo coa sorpresa final, non sei moi ben por que. Quizais o uso da primeira persoa, que fai que esteas na cabeza da protagonista desde o principio, non cadra con esa revelación, como que a xenreira debería ser máis vívida desde o principio. Quizais é máis ben un tema de ritmo.

    Sobre “Conquistador” atopo moitos pontos fortes. A temática casa moi ben co léxico escollido e a propia forma, con eses parágrafo introdutorio en pasado e a aventura de Ruskin en presente. Recordoume aos contos de Kipling coas súas historias de soldados da India, como se os transportasen ata Nepal. No miúdo, esta decisión formal dunha narración de sabor moi clásico está levada con moita solidez.

    O meu voto vai para “Conquistador”.

  6. Prestáronme os dous, sendo distintos, teñen a mesma música: a crueldade (aos nosos ollos) da montaña, da natureza, que sega expectativas humanas, moitas veces absurdas. Quedo co contraste do “heroe”, o valente que pensa na gloria (si, parecido ao protagonista do outro conto) e a narradora que entende, e polo tanto non tenta dominar, a “súa” montaña. O meu voto para a “A caída do Heroe”.

  7. O meu voto vai para “Conquistador”. Boa historia, ben escrita, ben narrada, ben en todo… para min o mellor dos 16 relatos.

    “A caída do héroe” gustoume moito, moitísimo. O único fallo que lle vexo é que se tivo que enfrentar a “Conquistador”.

  8. Conquistador

    “do exército ocupante que por razóns de xeoestratexia franqueou os novos territorios co seu equipo de recoñecemento trigonométrico.”
    voto por esta como a frase máis rara da primeira xornada.

    “Havegal”
    o xeo comeulle unha “r”

    O relato predisponnos contra o explorador imperialista, con razón, e ó rematar as súas aventuras podemos burlarnos del a gusto polo contraste entre a súa ambicion narcisista e a súa ridicula imaxe. O relato plasma ben isto cunha xenial narración dos feitos. Por poñerlle un “pero”, a historia en si non me remexou tanto por dentro como debería, ou como esperaba.

    A caída do heroe

    A historia dun asasinato premeditado. Alégrome de que o/a autor/a non xogara coas nosas dúbidas ou tentase descubrilo todo ó final. Fixo o correcto, non enganar ou distraer ó lector con andrómenas. Guillermo, fíxate en que non hai revelación final, o ton da prota nunca oculta que o matou ela. Como mínimo desde a metade do relato xa non caben dúbidas sobre iso.

    Tamén lle acaen ben eses comentarios sobre a montaña, danlle personalidade á prota. A tatuaxe ten un papel similar, presenta a un Diego frívolo, pagado de si mesmo.

    O meu voto vai para “Conquistador”, por unha escasa marxe, porque completa unha ficción moi ben lograda a base de nomes inventados (ou existen de verdade?).

    • Volvín ler “A caída do heroe” e sigo sen telo claro. Estou dacordo en que a prota non engana ao lector, non hai trampa de escritor buscando unha sorpresa final. Pero eu ata o final case do relato, non tiña tan claro que sexa ela que fora a asasina. En particular, na primeira lectura eu comecei a cheirarmo na frase ” mentres tragaba con disimulo un lene riso”, onde si se fai evindete, e cada vez máis ata o último parágrafo. Antes diso o ton de monólogo interior da protagonista a min parecíame máis como dunha compañeira de traballo que non está dacordo cos métodos ou a forma de ser doutro, non necesariamente dunha asasina. Por iso dicía que quizais había botaba en falta quizais máis xenreira desde o principio. Quizais se perdía un pouco a subida climática, pero tampouco penso que sexa o punto forte do relato, porque non pretende ter unha sorpresa final como dis ti Lois, non está construído así.

  9. “Conquistador”. Un bo relato que, como apuntaron xa por aí, ten un sabor a clásico moi conseguido. De feito unha gran parte do encanto dese relato é ese sabor a narración vella con ese final apuntando ao esperpento do heroe. O primeiro parágrafo penso que precisa ser rediseñado. O ritmo é moi preciso a narración flúe que da gusto.

    En “A caída do heroe” encontrámonos algo ben distinto, a pesares de seguir representando os cumios nevados coma o maior arquienemigo dos tolos afoutos e felices. Deste relato gustoume a voz da protagonista e a afouteza na narración, é un texto máis experimental. Así e todo, penso que o resultado é máis irregular que o dos eu contrincante.

    Por iso o meu VOTO vai para “Conquistador”.

  10. De “Conquistador” resaltaría ese inicio potente e gráfico que nos coloca inmediatamente no contexto das exploracións e conquistas territoriais de epoca colonial. É un texto de sabor clásico, no mellor senso.
    Tamén gustei de “A caída do heroe”, especialmente desa imaxe final co cadáver de Diego conxelado en toda a súa estupidez ridícula. Aínda así, tería preferido nalgúns puntos que o autor / autora amosase máis e explicitase menos: por exemplo, na frase “Non respectou os seus segredos, grotas e gretas, non respectou o inverno máis xélido dos últimos anos”. Sería posible amosar isto cunha acción?
    Voto por “Conquistador”.

  11. Comento:

    ‘Conquistador’: Encántanme eses inicios de novela moderna. Ao estilo Patrick Deville. Logo recoñezo que o relato, sen deixar de ter grande altura literaria, vai por un camiño máis tradicional, con certo lugar para a fantasía, unha fantasía que para min non casa ben co arranque. Dito isto, o relato ten unha estrutura perfecta e pouco hai para criticarlle.

    ‘A caída…’: Un bo relato cunha boa estrutura e algo que é difícil de conseguir nun texto tan curto: unha ampla lectura literaria sobre a nosa realidade. O autor/a fixo todo perfecto se descontamos algun adxectivo innecesario.

    O meu voto vai para ‘Conquistador’.

  12. O “Conquistador” non chegou a conectar comigo, non retumbou en min a épica da expedición nin a respirei a xelidez do vento branco. A personaxe non chegou a resultarme odiosa como me agardaba.

    No tocante ao outro relato, debo dicir que empaticei moito coa protagonista de “A caída dun heroe”. O pensamento malicioso, nun ton pícaro e frío (coma a súa amada montaña), foi tecendo unha protagonista carismática que non é a estrela dunha grande historia, pero si a voz dunha macabra e “cómica” traxedia alpina.

    O meu voto é para a “A caída dun heroe”.

  13. Tema similar en ambos casos ben levado. Con todo, quedo con ‘Conquistador’, paréceme máis traballado que o seu digno oponente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s