‘Cun pouco de amor todo sabe mellor’ vs ‘Asasinado literalmente’

Intestino groso.

Primeira xornada. Grupo B. Adrián Feijoo contra Gabriel Fuentes. Tema: Tripas.

Cun pouco de amor todo sabe mellor

Adrián Feijoo.

O que máis recordo da miña infancia, os momentos polos que sinto maior saudade, son as comidas familiares que faciamos os domingos na aldea.

Recórdoas coma se mirase o pasado cun caleidoscopio. Porque cambiaban as estacións, a cor dos manteis, o aspecto dos comensais, pero sempre estabamos os mesmos: Pai, Nai, Avó, Avoa, Tía, Tío e Eu.

Falabamos moito e riamos. Era moi divertido.

Moitos chistes e historias graciosas.

Avó contábame sempre a mesma, o miña favorita. Ía dun can e unha xirafa. Xa non sei por que me facía sempre tanta graza pero debía de ser moi boa.

Avoa era a mellor cociñeira do mundo mundial.

O mellor eran as tripas. Tripas con patacas e grelos.

Non é un prato fácil. Pai e Tío teñen que levantarse moi, moi cedo para ir a buscalas. Antes tamén ía Avó pero a idade non perdoaba e había que soportar bastante peso. Iso poñíao de mal humor porque lle encantaba participar. Pobre.

Eu quería axudar tamén pero pouco podía facer cando era neno. Cando crecín e tiven forza para cargar, a cousa cambiou.

Cando volvían, xa de noite, Avoa inspeccionaba o resultado: tiña que dar o seu aprobado ou non cociñaba. Sempre foi unha muller teimuda. Bótoa moito de menos.

Hai que ser meticulosos para que as cousas saian. Sempre.

Se as tripas pasaban o control de calidade limpábanse ben. Esa parte facíaa Eu, dende cativo. Era un traballo de moita responsabilidade, non podía quedar nin unha pinga de sangue nin un rastro de merda.

Non soportaban o sangue.

Mentres tanto, Nai pelaba as patacas e Tía cortaba cebolas e falaban entre elas dos meus estudos ou do caradura do veciño, que lles seguía roubando hortalizas. Tamén se queixaban de que cada ano era máis difícil atopar as tripas, e que ían a peor.

A partir de aquí, Avoa tomaba o control. As tripas tiñan que cocerse durante corenta e cinco minutos, nin un máis, nin un menos. E cambiar a auga dúas veces, porque o cheiro era bastante desagradable, “e así saben mellor”, dicía.

A Avoa era moi sabia. Bótoa moito de menos.

Eran incribles, sen esaxerar. Todos repetiamos unha ou dúas veces e reclamabamos máis desas tripas tan ricas, tan saborosas. Telas na boca era como mastigar o ceo. O sabor da cebola xuntábase co da víscera e un non podía deixar de comer,

comer,

comer,

e comer.

Cando lle preguntaba polo seu segredo para que a comida soubese tan ben, a Avoa sorría e non dicía nada. Mirábanos coa súa expresión benigna, de pura dozura.

Nunca tiven unha resposta, pero quero pensar que en realidade era o amor que lle poñía, e as ganas de unirnos a todos arredor dunha boa enchente.

E se non, mellor mellor que quede coma un segredo familiar, non vaia ser que a xente o descubra e xa non sexa algo especial.

…………………………….

Asasinado literalmente

Gabriel Fuentes.

En Vilabiosbardia ninguén dorme. Remata a andaina do sol cara ao luscofusco neste décimo día e un deles dous vai caer. En común teñen a pucha, as gafas, a barba e unha amizade xurdida na noitábrega compostelá. Adrián contra Gabriel. Gabri contra Feijoo.

As súas sombras estarrícanse ao longo da estrada principal de Vilabiosbardia a medida que o sol se agocha no horizonte tras as montañas de libros. Terman de cadanseu bolígrafo letal con forza, estralando os osiños cos xiros de pulso. Vai chegando a hora de enfrontarse e só pode quedar un.

Manteñen a mirada desafiante, cos ollos medios pechos e os beizos apertados, aínda que nisto pode que o alcol teña algo que ver. Adrián Feijoo aperta máis as pálpebras, intenta enfocar a figura estreita do seu rival, pero un mosaico de vidros etilizados aparece nos seus ollos.O viño fixo da vista de Feijoo un caleidoscopio borroso que apenas enfoca o canizo que ten diante. Mal momento, comeza o duelo.

Gabriel bota a correr pola estrada de papel co bolígrafo en alto. É o teu final, amigo! Feijoo reacciona avanzando, indo ao encontro directo. Non miro un carallo pero algo teño que facer.

Ambos chocan violentamente cos bolígrafos. Gabriel aguanta uns instantes, pero Adrián ten máis forza e consegue derrubalo no chan impoluto. Síntoo, camarada, pero esta batalla é miña. Abalánzase co bolígrafo apuntando ao peito do seu miúdo contrincante. Vouche sacar as miudanzas! Gabriel carrouleou a fume de carozo e o bolígrafo de Adrián quedou chantado no papel da rúa. Merda, hostia, merda! Sorprendido e aínda cos ollos de mosca caneca, fica axeonllado e perplexo. Zas! Hostia! Gabriel alcanzou o pescozo de Adrián nun xesto fugaz. Unha fonte de tinta mesta e negra abrolla polo burato da tráquea. Morre, amigo, morre!! Con violencia crava a súa arma letal no bandullo e abre a porta da víscera verbal. Enchoupadas da tinguidura negra pegañenta comezan a saír órganos de verborrea moribunda. Dor, morte, medo, adeus.

Frío, soidade, inquedanza.

Eterna escuridade.

A alma fuxidía e escribidora de Adrián esvaécese coas últimas raiolas que quecen Vilabiosbardia. Nunca imaxinara que morrería asasinado literalmente.

Ata sempre, meu amigo. Escrito queda no papel un conto de tripas en tinta.

Advertisements

17 comentarios en “‘Cun pouco de amor todo sabe mellor’ vs ‘Asasinado literalmente’

  1. “Cun pouco de amor” pareceume un relato correcto. Ten unha historia que chama e unhas imaxes clásicas moi de aldea que é raro que non gusten. O certo é que pensei que iba acabar nalgo máis gore 😀 Está ben. Non me gustaron os “paragrafitos” e a falta de ritmo, vai como a golpes.
    “Asasinado literalmente” gustoume, a verdade é que o lin cun sorriso. É curioso e paréceme exitoso no que pretende, a pesar de que hai incongruencias cos verbos e algunha cousa máis…
    Quedo con “Asasinado literalmente”.

  2. Custoume moito decidirme pero considero que me gustou máis “Asasinado literalmente” polo léxico, pero non polo tema. Foi difícil decidirme máis que nada porque non son adepta a este tipo de dinámicas xa que
    as perspectivas son moi diversas e o criterio de cada escritor é diferente.

  3. Voto sen dúbida por “Asasinado literalmente”; desfrutei moito ao imaxinar aos compañeiros nese enfrontamento difno de western, e considero que está ben narrado, creando o clima apropiado e con ese extra de orixinalidade que son os detalles relativos ao mundo “escritoril”.
    “Cun pouco de amor” non está mal, é unha lembranza coa que moitos nos sentiremos identificados, pero, paradoxalmente, non ten a forza necesaria para permanecer na memoria do lector.

  4. «Cun pouco de amor todo sabe mellor» ten un ton de relato escrito para nenos. Os parágrafos chegan ata ser de unha soa oración. Aínda pretendo que sexa para público infantil, paréceme esaxerado. Comezou con esa inocencia que xa me temía o peor, como apunta por aquí Sabela. Agardaba outro tipo de tripas sobre a mesa, aí en plena xuntanza familiar; porén, non… Acaba moi abaixo, moi no tópico.
    Quero pór en destaque, así e todo, o ingrediente básico das mellores receitas, co que definitivamente coincido. Eu tamén lle boto moito amor a todo e sabe mellor. Hahaha.
    O meu voto vai para «Asasinado literalmente», aínda que gostaría máis do título se fose: «Asasinado literariamente». Este relato dáme que pensar dúas cousas: 1) Vale, podo entender que os participantes neste duelos sexan amigos; 2) Pero escribides aínda con caneta e sobre papel? Que dor, para logo pasalo ao computador igualmente…! Hahaha.

  5. Que curioso que nos dous relatos se empregue a palabra caleidoscopio, a partir do tema das tripas, casualidades máxicas hahaha

    “Cun pouco de amor todo sabe mellor” deixoume coa mel nos beizos. Tíñame rendido para un final cheo de sangue e vísceras de terror. Sei que non é xusto comentar dun relato o que ti quererías que fose, pero é que para min tiña todo disposto para reventar ao final. O ton moi infantil, a premisa aparentemente afable, os elementos perturbadores que se van deixando caer: esas tripas como palabra evocadora, frases como “Pai e Tío teñen que levantarse moi, moi cedo para ir a buscalas” ou ” Tamén se queixaban de que cada ano era máis difícil atopar as tripas, e que ían a peor”. Cando ao final todo resulta ser unha lembranza da infancia, non me acaba de encher.
    De feito, facendo este comentario e volvendo a ler o conto un par de veces, estou máis convencido de que en realidade todo ten un trasfondo escuro totalmente pretendido, pero que o autor quixo deixar aberto. Hahaha non sei se serei eu só imaxinando. Se é así o erro foi probablemente non deixar algunha pistiña máis, aínda que fose pequena, porque é sinxelo ver o conto só como unha doce lembranza da aldea.

    “Asasinado literalmente” (opino como Clara sobre o título, “literariamente” sería aínda mellor) é un relato que parte dunha premisa divertida e intelixente, tendo en conta ademais que nós somos o público albo. Aprecio tamén a escolla de ton, moi formal, moi literario, que se entrelaza co fondo. Pero quizais disto mesmo vén o que máis me renxe do conto, o ritmo e a maneira de describir as imaxes. A maneira de adxectivar e marcar o ritmo das frases fai que ás veces certos pasaxes que deberían funcionar de ponte sexan difíciles de ler, ou mesmo de imaxinar. Penso que se fai máis evidente no parágrafo da acción.

    Atopo cousas moi interesantes en ambos relatos. Creo que vou votar a “Cun pouco de amor todo sabe mellor”, porque me deixa con ganas de atoparlle máis lecturas, e iso non é cousa pequena.

  6. Bos relatos os dous, moi diferentes. Penso que o primeiro atura máis unha segunda lectura, como di outro comentador, ten un fondo escuro. Onde ían buscar as tripas? Buscar, non mercar ou facer matanza do porco. En ningures fala do animal do que veñen. Non creo que sexa un relato nostálxico infantil, apunta algo, pero non dabondo, houbo de afondar máis.
    O segundo relato do duelo, é, “literalmente”, o relato dun duelo. Sorprendeume, que non é pouco, e foi divertido e ben narrado. Supoño que lle faría rir ao adversario. Se é que segue vivo. “Literalmente”.
    Crueldade gorda escoller un. Vaia o voto para “Cun pouco de amor todo sabe mellor’, máis polo que conta, polo que suxire e non conta.

  7. Nun duelo no que non hai mortos (e todos estes o son) hai que dar un relato gañador aos puntos. Moitas veces de maneira inxusta (lectura en diagonal, agardaba outro final, no ten sorpresa, ten sorpresa, unha palabra que me fai renxer os dentes…). De aí que procure facer descansos e non ler todos os relatos de vez. É curioso como un detalle pode facer que te decantes por un ou polo outro. Neste caso, “Asasinado” fíxome rememorar as carreiras de boli que facía na escola (si, teño unha idade) mentres un mestre tentaba ilustrarnos sobre algún feito importantísimo. Apertabas o boli alternativamente sobre o papel, nun circuito debuxado, e deixábalo caer para que fixese unha raia até a seguinte curva. Xa sei que non ten nada que ver, pero gusto das historias capaces de me facer pechar o libro para voar eu só. Con “Asasinado” pasoume un pouco. E só por iso estou obrigado a lle dar o voto.
    O meu voto vai para “Asasinado”.

  8. Cun pouco de amor todo sabe mellor

    “Esa parte facíaa Eu, dende cativo”
    Era necesaria a maiuscula? De feito creo que todo o relato quedaría máis natural sen elas. Por que “Avoa” e non “a avoa”?

    “E se non, mellor mellor”
    Un punto e coma iría ben entre eses dous “mellor”.

    Gustoume o relato, parece máis sinxelo do que é. Como din por aí, un relato correcto que tira das lembranzas do lector. É certo que non fala de cochos explicitamente, pero eu son dos que len o que len, e eu o que lin foi un retrato familiar convencional.

    Asasinado literalmente

    Había tempo que non lía un destes. Normalmente era o recurso do que non atopaba nada sobre o que escribir, algo do que tirar ante o folio en branco: metaliteratura.

    Dito isto, o relato é simpático, pero non me di nada. A pelexa resúltame indiferente, é unha situación emocionalmente estática que ó final non significa máis que que un dos dous quedou en pé. Hai algún xogo de palabras bo, como o do título, e frases ben pensadas, como cando se compara o sangue coa tinta. Supoño que ambos autores se coñecen. Non me queda claro cal dos dous pode ser o autor, asi que non direi nada sobre o anonimato.

    Como di Sabela, hai algún verbo que quedou en pasado no medio da narración ne presente.

    Voto por “Cun pouco de amor todo sabe mellor”. A metaliteratura en “Asasinado…” quedou só na superficie.

  9. O meu voto vai para “Cun pouco de amor todo sabe mellor”. Gústame porque é una historia sinxela; fáltalle quizais, para min, unha “sorpresa” final contando de onde veñen as tripas (cruzo os dedos porque sexan humanas).

    “Asasinado literalmente” tamén me gustou… pero na segunda lectura. A primeira vez que o lin non o puiden desfrutar porque me despistaron os nomes reais. Moi bos os dous relatos.

  10. Pois si, é curioso o da palabra calidoscopio. nin que o fixeran á mantenta (ou quizais si). “Asasinado” pareceume un xogo orixinal pero boto en falta un pouco máis de rodaxe, que non se quedase só na descrición da liorta a morte. “Cun pouco de amor” é sinxelo e agocha o misterio das tripas que turra da imaxinación a unha zona escura no medio dunha lembranza idílica e cargadiña de amor. Voto por “Cun pouco de amor”.

  11. “Cun pouco de amor todo sabe mellor”, porque turrades en coñecer o segredo familiar? xa vos está a dicir o propio narrador ao final (ese final tan), que se volo contasen xa non sería algo especial. Neste relato o autor estame mirando en todo momento mentres leo, deixándome migas para que a miña cabeza, asolagada de estereotipos, turre polo lado máis macabro. Agardo que a dobre lectura fose adrede, porque o meu VOTO vai para el por iso. Senón… vaia sorte amigo!

    Está claro no calidoscopio e na pelexa de “Asasinado literalmente” que os autores se coñecen e o pasaron teta nesta contenda, mola. O relato en si ten algunha pasaxe moi chusquiña e tamén resulta moi divertido en concepto. Pero hai algo que me renxe non sei onde, penso que podía dar máis de si. Non conseguiu quitarme da mente a dobre lectura do primeiro.

  12. Gustei do ton sinxelo e próximo de “Cun pouco de amor”, aínda que o misterio das tripas para min non foi tal (quero dicir que a trama macabra da historia me pareceu evidente). A estratexia de chamar a cada membro da familia co nome do seu estatus familiar (Pai, Nai, etc) gustoume moito. Ó meu ver, enfatiza o carácter paradigmático destas figuras.
    “Asasinado literalmente” é unha brincadeira moi ben escrita pero que, sendo como é unha chiscada de ollo dun amigo a outro amigo, paréceme que deixa ó lector fóra do xogo.
    Despois de darlle moitas voltas, e sen acabar de telo claro, vou votar por “Asasinado literalmente”.

  13. Comento:

    ‘Cun pouco…’: É certo que este relato é curioso porque parece que te leva cara a un final truculento (Duncan, invoco o teu nome onde queira que esteas!) mais ao final quedamos coas ganas. Isto coloca o conto nunha posición curiosa: é en realidade un relato costumista algo naïf ou en realidade fai algo moi difícil na literatura: obrigarnos aos lectores a construír a parte que lle falta a base de silencio puro? É dicir, como lectores, que fai que esteamos lendo unha cousa e pensando que vai pasar outra? E por que esa outra é xusto esa? O debate paréceme interesante e paga a pena. O relato, malia este achado, ten moitas eivas expresivas. O seu autor necesita traballar moito a linguaxe para levantar o texto do chan.

    ‘Asasinado…’: Estou de acordo en que o título acaído acaba en literariamente, non en literalmente. A idea é orixinal e o autor fixo ben explorala xusto na xornada inaugural, cando todo está no aire e se pode arriscar a derrota. A estrutura é sólida e as imaxes, aínda que un tanto obvias, están expresadas con corrección.

    O meu voto vai para ‘Cun pouco…’

    • Hehe, un comentario á altura da ambiguidade do relato. Se non actualizara César o nome dos autores no duelo nin sabería de cal dos dous estás falando.

      • Si señor, unha resposta que só trae máis preguntas, non se lle podía pedir máis ao relato hehe

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s