‘De ida e volta’ vs ‘Anulación’

15 minutos para as 12. JONATHAN ENMANUEL FLORES TARELLO/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo C. César Lorenzo Gil contra Érica Couto. Tema: Viaxe.

De ida e volta

Érica Couto.

Era longa coma a funda dun trombón e negra coma un pecado, co coiro da asa que deixaba ver as vergonzas marróns por debaixo do escuro de tanto que o pai a rozara cos dedos. A nai tíñaa enriba do armario coa roupa boa e un ramiño de lavanda para escorrentar a piolla.

–Déixasma? –preguntaba Marinela.

–E para que a queres, filla? Ou xa pensas en marchar por eses mundos adiante? –ríalle a nai.

A Marinela gustáballe a maleta. Cando non a vían baixábaa e xogaba con ela, e cando os pais estaban preto, contentábase con mirar para ela alá enriba, nas alturas inalcanzables do armario. As poucas veces que ían á vila no autobús e pasaban a Curva do Alto que os lumes do verán limparan do ramallo todo, Marinela sinalaba a ría e dicíalle ó irmán:

–Atento, a ver se vemos un barco. Un grande, que vaia lonxe. Un transatlántico deses.

Tanto devecía a nena por viaxar, que a nai cambalacheou coa tía para que Marinela pasase unha semana na cidade. Ai, cando llo dixeron! Que brincos, que troula, cantas risadas! O primeiro que fixo foi pedir a maleta.

–Mariña –díxolle o pai–, está vella e gastada e non vas poder con ela.

Pero tanto teimou que, ao final, aquela maleta cansa de dar voltas volveu deixar os altos do armario para se poñer en camiño outra vez. A véspera de coller o tren Marinela non durmiu, ergueuse a primeira da casa, e cando os pais espertaron xa estaba vestida, peiteada e co abrigo posto.

–Que guapa estás, nena!– díxolle Lucía cando a veu chegar. A túa tía vai tolear cando te vexa. Dille chau a papá.

Durante a viaxe no tren, Lucía faloulle da cidade, do mozo e da familia na que servía, mentres lle indicaba con precisión as cousas de interese que ían pasando por diante da fiestra: “A praia do Barbín! O faro de Cornulla! A Casa do Xeneral!”. Marinela comía daquilo sen saciarse nunca. Cando chegaron á estación, xa estaban a tía e as curmás agardando por ela na plataforma.

–Dentro dunha semana facemos a viaxe de volta xuntas, vale?

E con isto Lucía marchou correndo coller o tranvía.

 

Pasou a semana e Marinela volveu á casa.

–Que tal na cidade? Gustouche?

Agarrando aínda a maleta, Marinela dicía que si coa cabeza.

–E que fixeches? Onde te levaron?

E Marinela encollía os ombreiros e calaba.

–Muller, conta algo! E logo?

–Fomos ao cine. Paseamos. Comemos xeado.

–Entón? Por que estás tan enfuciñada?

–As casas na cidade son moi pequenas, mamá! E todos teñen présa! E non se pode saír á rúa porque te atropelan! E logo…

–E logo, que?

–Cando chegas a ela, acábase a viaxe.

A nai, que sabía das cousas do mundo e da xente, tiroulle a equipaxe da man.

–Ven, imos gardar a maleta.

……………………………………..

Anulación

César Lorenzo Gil.

Entrou no seu perfil do Booking e anulou todas as reservas. O apartamento lacado en branco de París, o hoteliño cabo da canle de Brugge, a pensión cuberta de grafitis de Amsterdam, a casa rural ás portas de Aquisgrán. Abriu a gabeta, apañou unha caixa de pastillas e agochou a alianza baixo unha rima de tiques de supermercado e autoestrada. Baixou a pantalla do portátil e debruzouse por riba, empurrando cos pulsos as pálpebras como para conter as bágoas. Asustouse do seu propio salouco e cazou coa gorxa aberta todo o ar que quedaba no silencio do salón.

Co estómago anoxado foise botar no sofá mais ao caer chantou a chave do coche no centro do esterno. Incorporouse blasfemando. Retorceuse coa dor. Fixo escuma do seu cuspe co vento dos seus pecados. Xa non volveu sentar. A maleta esperaba no corredor. Coa chaqueta pendurada sobre a asa parecía un humanoide de plástico azul.

Saíu da cidade pola nacional. Foi pasando urbanizacións. Nalgunha só había esqueletes de chalés e pucharcas que sobreviviran a catro meses de seca. Chegou ao antigo núcleo dunha vila, cos seus edificios de catro andares e as súas rotondas adornadas con céspede marrón. Había un cento de anos que non atravesaba por alí. Des que era crianza e cruzaba todas as semanas camiño da aldea, antes de que construísen a circunvalación á que todo o mundo lle chamaba autovía. Reduciu a velocidade e intentou recordar onde estaba a cafetaría na que sempre paraba seu pai para comprar tabaco. A meirande parte dos locais estaban baleiros, en varios permanecía a sombra do rótulo dunha sucursal bancaria, o dispensador automático dun videoclub, o póster a tamaño natural dun salón de peiteado. Mais a cafetaría alí a estaba. Era moito máis pequena do que lembraba. Os asentos de escai cor cereixa seguían brunidos. Atendía a mesma muller de sempre. Recoñeceuna e desexou bicala. Ou pedirlle un paquete de Record. Conformouse cunha coca-cola e quedou a tomala na barra. Co primeiro grolo enviou as pastillas. Na área máis escura do local había rebumbio de fichas de dominó. Na claridade xurdiu un Cristo de vaqueiros axustados e bolsa de lona. Sorriulle coma se fosen íntimos.

Que tomas?, preguntoulle cofeando a melena.

Non tiñan estricnina líquida, contestou levantando o vaso de tubo. Todas as burbullas se concentraron ao redor da roda de limón.

O melenudo tiña os ollos verdes de traidor e a barba infectada de pelos roibos. Sorriu coma un meniño.

Tes tempo? O home da bolsa asentiu. E volveu sorrir coma se acabase de ver gañar o seu equipo.

Queres vir a París comigo? Levo de copilota unha maleta xigante que non dá fala.

Advertisements

14 comentarios en “‘De ida e volta’ vs ‘Anulación’

  1. Gustoume máis “De ida e volta”, porque basicamente identifiqueime con ese sentimento de ver por primeira vez a cidade. Todos somos en parte tan inocentes como Marinela.

    • Para estandarizar un pouco o sistema, por favor facede os comentarios e logo ao final cun punto e á parte poñede O meu voto vai para… ou algo así. A ver se para a xornada 3 temos todo aqueladiño :). Grazas.

  2. O meu voto vai para “Anulación”. Encantoume o principio e paréceme que avanza moi ben… ata o final que non o din entendido e me chocou un chisco. “De ida e volta” paréceme correcto pero apurado, esperado e non me xerou o mesmo efecto. Custoume escoller, todo sexa dito.

  3. Curioso que nos dous relatos sexa a maleta o obxecto escollido que da pé á historia de verdade.
    «De ida e volta» gústame. Paréceme un bo relato… ata que comeza a conversa final. Non me gusta nada o final e faime desmerecer todo o anterior, que me estaba preparando para algo moito mellor no peche.
    En «Anulación» gosto moitísimo do final. Moitísimo. Quen non quere ir a París? As maletas non falan… Neste texto, gosto moitísimo do uso dos adxectivos e do verbo «cofar» para falar da melena. O eu voto vai para este relato, redondo e moi moi moi ben acabado, na miña opinión. Fáltanlle os guións á conversa.

  4. Sempre nos quedará París. Claro que sí. “De ida e volta” é unha historia simpática e efectiva. O importante da viaxe é a viaxe. Unha nena como protagonista sempre ten aquela cousa que nos fai sorrir. Se cadra, o uso do diálogo desloce o relato. “Anulación” é máis canalla. Pero domina os tempos e a linguaxe. Ao final, un relato curto ten que se valorar pola linguaxe e pola economía de medios. Dicir cunha palabra o que outros din con mil.
    O meu voto vai para “Anulación”

  5. Gustáronme os dous, e véxolle eivas aos dous. Ás veces, o tema é tan bo, que deixa de selo, e este gústame tanto que non sabería como enfocalo. En “Anulación” gústame a primeira metade, pero o final atropélase. Quedaría bonito con 1000-1500 palabras e ver a evolución do personaxe e da historia, pero con 500 chegamos ao borde do precipicio axiña de máis.
    Ao gran: inclino a balanza a “De ida e volta”, porque as viaxes máis grandes non o son polos quilómetros.

  6. De ida e volta

    Neste relato a maleta é a protagonista. Non creo que sexa casualidade que a rapaza se chame Marinela (comeza por Ma- e rima con maleta). Esa maleta vella significa tamén viaxes pasados, é unha personaxe co seu propio trasfondo, inda que logo non se explote totalmente.
    A nena xoga coa maleta e mira para os transatlanticos (tamén a xogo co nome), e como é imposible ler un relato sobre maletas, en galego, que non nos faga pensar na emigración, teño que pensar que esta maleta ten doble fondo.
    Foi un acerto omitir a estancia de Mariña na cidade. O importante foi a súa volta, a decepción. É un pouco tópico que a conclusión sexa que o importante é a viaxe e non o destino, pero redescubrilo a través de Marinela aportou algo, que é o importante.

    Anulación

    Gústame como está escrita esta historia de desafogo ou reinventarse a un mesmo. Entendo que o matrimonio fracasa (esconde o anel) e o/a prota (ou moito me despistei ou se ocultou adrede o seu xénero) e anula a viaxe programada, ou mellor dito, as reservas.
    Logo xa me perdo algo. Non polo que fai senón polo que significa o que fai. Marcha a un bar proponlle a un descoñecido ir con el/ela a esa viaxe. A pesar do ben contado que está vexo a historia pouco compacta. Temos un plano moi curto na escena da habitacion, co tema das chaves e todo. E logo unha conducción impulsiva que tampouco remata por significar anda xa que se puxo a falar cun descoñecido co que podía terse atopado perfectamente na cola do súper. Ademais, seguramente o tipo lle diga que non vai ir a París con el/ela. Por que teño que pensar que si? Pareceume un relato de escenas, de calidade, pero conectadas daquela maneira.

    O meu voto é para “De ida e volta”. Ambos relatos están ben, pero De ida e volta está, para min, mais centrado no seu obxectivo e conseguiu que a imaxe que me fixen del tivera máis resolución que a do seu rival.

  7. Custoume moito decidir. Había un debate entre un relato de temática moi próxima e unha prosa moi lograda que debulla unha personaxe frustrada coa vida. Ambos son bos relatos, ben escritos e con moito agarimo detrás. Con todo, en ambos finais sentín un pequeno baleiro, un por ser un tanto previsible de máis e outro por presentarnos un corte seco que custa comprender.

    O meu voto é para “Anulación”, pola construción das imaxes cunha linguaxe creativa e estilosa.

  8. “A véspera de coller o tren Marinela non durmiu, ergueuse a primeira da casa, e cando os pais espertaron xa estaba vestida, peiteada e co abrigo posto.” Ja! Son capaz de imaxinalo. encántame esta nena Marinela que ten a viaxe (máis que chegar a destino) como filosofía da vida. Creo que é un relato redondo, e para o meu gusto o final acáelle ben, con esa nai que xa sabe que ás veces as metas vitais son un chasco cando se chega a elas.

    Anulación ten frases moi boas e a indefinición do xénero do prota é todo un acerto. Pero non me encaixa esa viaxe a vila, ao bar da infancia, sen algún paso intermedio que nolo explique mellor.

    Voto por “De ida e volta”

  9. O meu voto vai para “Anulación”. Gústame ese final aberto, onde quedei coa gana de saber que acontecerá nesa viaxe a París. Segundo ía lendo, íame interesando máis a historia.

    “De ida e volta” é un bo relato pero o final déixame frío; como á familia da nena, eu tamén agardaba máis. Pero ten razón Marinela, o mellor dunha viaxe é a propia viaxe.

  10. “De ida e volta” é o fondo sobre o estilo. Inda que mensaxe sexa tópica, existe. Un relatiño ben redondo.

    “Anulación” é o estilo sobre o fondo. Hai imaxes fortes, ten estilo. Un contrapunto perfecto para un gran duelo.

    VOTO por “De ida e volta”. E marcho que teño que marchar, que a seguinte pelexa non se escribe soa.

  11. Vaia, neste duelo a palabra máxica que coincide non é un caleidoscopio, senón o pecado. Non sei por que me decato destas cousas.

    “De ida e volta”. Un relato que parte dunha historia sinxela e moi clásica, a viaxe de ida e volta e a viaxe en si mesma: “Cando marches para Ítaca, pide que o camiño sexa longo” que dicía Kavafis, pero que consigue o autor dotar dun sabor moi galego, con ese subtexto da emigración da maleta, as referencias directas a uns topónimos (inventados asumo, pero moi evocadores), e sobre todo a visión infantil, que é o seu punto forte e diferenciador. A nivel estilístico consegue ser claro e limpo en todo momento, esa virtude que semella sinxela pero que é das máis difíciles de conseguir. Denota un control e unha capacidade sintetizadora a louvar. A min non me renxen os diálogos finais, toda a escena final paréceme dotada dun ton case fábula que me fai recordar as Cousas de Castelao. Parabéns ao autor.

    “Anulación” tamén me parece un moi bo relato, nunha primeira lectura a densidade do seu estilo e a forza das imaxes que evoca conseguiron deslumbrarme. Hai moitas ferramentas empregadas con habilidade para poder utilizar todas en tan poucas palabras e que non se pisen unhas ás outras, conseguir complexidade sen abafar ao lector. Porén, se no detalle é un relato que me impresiona, cando penso na estrutura, perde un pouco. As ideas están, e podes debruzar os sentidos, pero as relacións entre elas son un pouco difusas. Teño a sensación de que é un relato sen un sentido unitario forte, que consigue destacar polo poder das escenas pero que divaga no sentido da trama. Animo ao autor a que siga pensando nesta historia, quizais agrandala e dotala doutros recantos, porque podería redondear un conto notable.

    O meu voto vai para “De ida e volta”.

  12. ‘De ida e volta’ é unha anécdota divertida e cargada de rszón, pero fáltalle “gancho”. ‘Anulación’ ten moita máis forza, malia non ser redondo de todo, e deixarme coa sensación de que algo lle falta.
    O meu voto vai para ‘Anulación’.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s