‘Na saúde e na enfermidade’ vs ‘Puto tumor’

Estetoscopio. JAASLEN KAUR/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo A. César Ariza contra Amador Castro. Tema: Enfermidade

Na saúde e na enfermidade

Amador Castro.

Cando o cura dixo «na saúde e na enfermidade», o Benigno tomouno como unha premonición e procedeu axiña a comprobar o correcto funcionamento do corazón, premendo con disimulo o pulso dunha man co polgar da outra. En canto a riles, fígado, páncreas, bazo ou presión ocular, non había máis remedio que se conformar con certificar a ausencia de dor.

Despois, cos discursos e os risos e as copas e os bailes e o karaoke, esqueceu o tema. Nada lle ía foder o día máis importante da súa vida. Os ollos de améndoa da Samina brillaban de ledicia. Os dos cincocentos convidados… brillaban tamén. O pazo era idílico. Os músicos, bos. A comida… non a probou por precaución. Mais os longos prados de faragullas, apencados por cordilleiras de botellas baleiras, evidenciaban que estivera á altura. «Cartos ben gastados» —pensou.

Xa na suite nupcial, con botella de cava, ramo de rosas e jacuzzi, asistiu tombado no leito á cerimonia de destape que lle ía ofrecer a súa resplandecente dona. «Teño que deixar de dicir destape. Delata a miña idade» —pensou.

Mentres a Samina ceibaba o seu corpo, con dificultade, do vestido branco, dos encaixes brancos, do suxeitador branco, do corpiño branco e deixaba postas as medias e as bragas brancas que tan ben contrastaban coa súa pel canela, o Benigno rememorou todos os días nos que desexou aquel corpo sen se atrever a manifestalo en voz alta. «Por respecto á súa cultura» —pensou―. Nunca lle contaría as veces que se masturbou diante da foto do seu perfil en Meetic. Nin lle falaría das putas, de luxo e con referencias sanitarias, ás que acudira pensando nela.

Brindaron pola primeira noite xuntos. Beberon cava. A Samina mudou en gatiña. Reptou polas sabas demorando o momento de chegar a el. Unha suor fría e un remuíño no estómago transportaron o Benigno a rebolos até o váter. Expeleu unha fervenza de líquidos maior da que nunca maxinou que lle cabía dentro. E sentiuse infinitamente enfermo. «A Samina coidará de min» —pensou.

E coidou. Premeu o botón da cisterna. Axudouno a volver ao leito. Limpoulle a boca cunha toalla. Espiuno. Tombouse no leito canda el. Adentoulle e lambeulle o papo da orella. Acariñoulle o peito e o ventre e os xenitais inanimados…

Pódesme facer un favor? —balbuciu o Benigno.

Obedecendo as instrucións recibidas, a Samina sacou unha maleta pequena do armario. Pousouna na mesa redonda, xunto das rosas e do cava. Abriuna amodo, ollando de esguello pola abertura como unha meniña curiosa. Cando a tivo aberta de todo, ficou queda.

Pásame o aparello da tensión! —ouviu ás costas.

Mentres o brazo soportaba a progresiva inchazón, o Benigno pechou os ollos. Suspirou. Sorriu. «Na saúde e na enfermidade. O carallán do cura tiña razón» —pensou.

Tras un breve rumor de roupas fregando coa pel, as paredes da estancia retumbaron co golpe seco e forte da porta ao pecharse.

………………………………

Puto tumor

 

César Ariza.

Sae do baño cubrindo a cabeza cun pano e non podo evitar pensar no parvo que era cando lle insistía en que cortase a melena. “Co ben que che quedaría o pelo curto” adoitaba dicirlle. Como boto de menos agora abrazala por detrás e recenderlle o cabelo como antes…

Preparo o café. Para dous, aínda sabendo que ela non pode tomalo. Malditos costumes, non me afago a botar menos auga á cafeteira.

—Non tomas nada para almorzar?

—Non, xa comerei algo alí.

A mesma pregunta e a mesma resposta cada catorce días.

Conduzo unha hora ata o hospital. Mentras Trini recibe o “chute”, como ela o chama, eu dou un paseo polo Campus Sur, dando couces ás follas secas que tapizan o chan e pensando sempre no peor. Poderei volver a camiñar polas rúas por onde paseaba con ela? Poderei ir aos mesmos lugares? Poderei volver á casa… ollar para as súas fotos… e non morrer? Cando Trini non estea, poderei erguerme da cama tan sequera?

Outros xa o sufriron antes; estas cousas pasan; hai que seguir para adiante. Iso din. Ademais, prometinlle que ía vivir polos dous se algo saíse mal e ela… E vénme á cabeza a canción aquela de “Promesas que no valen nada” que intento apartar da miña mente sen conseguilo.

De volta ao hospital convénzome de que todo vai saír ben, que hai que ser positivo.

—O médico di que o tumor está minguando. É optimista —dime no coche de volta a casa.

—Pois claro, rula! —respondo—. Imos saír desta, non teño ningunha dúbida.

Aperto a súa man. Trini recóstase no asento e pecha os ollos. O ritmo da súa respiración indícame que quedou durmida e eu podo deixar que saia a bágoa que leva un tempo querendo fuxir das miñas pálpebras.

Aparco o coche á porta de casa, apago o motor e fico un bo intre ollando para ela. Está rendida, que descanse un anaco. Non quero espertala. Teño medo de que non esperte. Puto tumor.

Advertisements

15 comentarios en “‘Na saúde e na enfermidade’ vs ‘Puto tumor’

  1. Penso que a todos nos custou entrar en materia… vou lendo relatos e estame custando ir ao 100% con eles.
    Digo isto aquí porque é o primeiro que comento. Ea, vamos aló!

    Vou escoller neste duelo “Puto tumor” como gañador. Pareceume un relato correcto, sen máis. Fáltalleme unha sorpresa final, pero non vexo por que non pode gañar un relato sinxelo e predicible se lle vexo máis problemas ao outro…

    De “Na saúde e na enfermidade”, se ben me encantou o comezo, non poido con eses “–pensou” un tras outro e mal puntuados. O relato gustoume e divirteume ata que a tal Samina empeza a se espir. Dende aí paréceme un clixé e non “compro” a historia, paréceme apurada e forzada para ter unha sorpresa final.

  2. O meu voto é para “Puto Tumor” porque encara unha das situacións máis difíciles que calquera pode sufrir na súa vida. É a historia que se repite en centos de salas de hospitais. Correcto e ameno.

  3. Polo tema que trata o meu voto vai para Puto Tumor, tamén me gusta o rexistro que emprega. Moitas grazas polo esforzo aos autores.

  4. Encántame como arranca «Na saúde e na enfermidade». É que por que sempre nos poñemos no peor falando da enfermidade cando non existe? Xa virá, se vén. Claro que si! Hahahaha. Encántame este relato, sinceramente. Engancha desde o comezo e continúa aí deixando ao lector pendente (que é o que se pretende nun texto de ata 500 palabras, que todo estea porque ten que estar). O único que me decepcionou foi a frase final… Poderíase ter solucionado dun xeito mellor, penso. E adoro o uso das comiñas latinas (grazas). Tamén quero salientar o uso cromático que se fai da pel e as roupas, como símil dun binomio entre verdade e mentira, razón do cura ou razón da vida. Gústame e voto por este. Gústame moito.
    «Puto tumor» é triste, realista… Gosto da canción. Dáme moita mágoa a historia. Demasiado real. Demasiado triste.

  5. Sinto moita empatía por “Puto tumor”, pero o formato de 500 palabras pésalle moito. Demasiado.

    “Na saúde e na enfermidade” ten sementes de humor negro, pero non chegan a brotar.

    Voto por “Na saúde e na enfermidade”.

  6. “Na saúde e na enfermidade” arrinca ben e desenvólvese con arte, pero non me prestou o final, vexo incongruencias. Non lle vexo en cambio fallo ningún a “Maldito tumor” (se cadra un: o título). Un relato sinxelo, sen final “sorpresa, chis, pún!”, só unha nota sostida, pero moi profunda. Moi triste e fermoso, imposible non empatizar cos protagonistas. Voto para “Maldito tumor”. Parabéns e agradecementos aos dous autores polo esforzo.

  7. Na saúde e na enfermidade

    A idea de escribir un relato cun prota hipocondriaco ten potencial, sen embargo hai algunhas inconsistencias que non me deixan disfrutar do humor do texto. Por exemplo, parece que a parella se acabara de coñecer xusto antes da voda (isto non é irreal de todo, vale), igual que pasa co brote de hipocondría.
    No final outro tanto. Semella que Samina sae da habitación coa idea de anular o matrimonio. É un efectivismo baleiro. E é que se Benigno xa era hipocondriaco antes de casarse, como sabemos polo aparello da tensión que leva enriba, o relato é unha prolongación dun chiste que xa se contou moitas veces antes na súa vida.
    No aspecto positivo destaco os pensamentos intercalados de Benigno, que teñen moita chispa.
    É certo o que di Sabela: se pos a frase entre comiñas logo non se pon raia, senón coma.

    Puto tumor

    ““Co ben que che quedaría o pelo curto” adoitaba dicirlle.”
    unha coma trala cita.

    “Como boto de menos agora abrazala por detrás e recenderlle o cabelo como antes…”
    O “agora” paréceme innecesario.

    “Poderei volver a camiñar polas rúas por onde paseaba con ela? Poderei ir aos mesmos lugares? Poderei volver á casa… ollar para as súas fotos… e non morrer? Cando Trini non estea, poderei erguerme da cama tan sequera?”
    Isto sonoume un pouco frívolo. Creo que sería mellor poñerlle un condicional: poderei facer tal cousa “se non está?”.

    O seguinte parágrafo reincide. Entendo que o que o autor pretende é levar ó extremo o sentimento de tristeza e impotencia do prota, que é lexítimo, pero fíxoo de forma atravesada: fantasea coa morte dela para sentir máis mágoa diante nosa!
    A emoción que máis detecto no relato é unha especie de autocompadecemento finxido, e non estou seguro de que o autor quixese mostrar iso.

    Ningún dos dous relatos me gustou. Quédome con “Na saúde e na enfermidade”, os erros nun relato de humor afectan menos ó texto que nun de corte dramático.

  8. A frescura e o humor de Benigno conquistáronme. Enganchoume e non me deixou marchar…até a última oración! Sobroume moito, creo que engadiu un xiro innecesario que sementou algo de confusión (polo menos a min). Pola outra banda, “Puto tumor” pareceume un relato duro, realista e empático. Temo que o enfoque sexa, aínda que acertado e correcto, pouco novidoso e creativo. Parabéns ós dous autores polo traballo, custoume decidir.

    O meu voto vai para “Na saúde e na enfermidade”, mais por pouco.

  9. De “Na saúde” gustoume o humor que trae. O personaxe de Benigno creo que funciona e o sosteñen os pensamentos que ten. O final si que non me gustou. Prestaríame mellor o final cando ela acha na maleta (eu estaba pensando que sacaría calquera xogueta sexual…) o aparello da tensión!! 🙂

    De “puto tumor” encantoume o principio. E o final é correcto. Pero polo medio hai unha serie de pensamentos tipo autopregunta que nos que creo que a historia perde pé.

    O meu voto para “Na saúde”

  10. “Na saúde e na enfermidade” ten un comezo potente que sabe asentar o ton do resto do relato. A min o Benigno preséntaseme coma un home entrado en anos (“cerimonia de destape”) que casa cunha moza bastante máis nova un pouco por amor, e outro pouco por iso de ter quen te coide de vello. O xeito no que o autor consigue dar toda esa información no relato (diferencia na idade, na procedencia étnico-cultural, etc etc) paréceme moi logrado. Certo, a min tamén me descoloca ese final cortante e abrupto, mais coido que, en conxunto, o conto funciona ben.
    “Puto tumor” é un anaco de vida cotiá (da parte máis dura dela). O tratamento do tema non acaba de ser orixinal, pero claro, estamos a falar de cancro, tema sensible coma poucos. Frases como “Poderei volver a camiñar polas rúas por onde paseaba con ela? Poderei ir aos mesmos lugares?” ben se poderían cambiar por outras máis concretas que expresasen a experiencia única do narrador: pasear non polas rúas (todas sen diferencia), senón por aquela rúa concreta na que etc etc. En “Puto tumor” fáltanme esas referencias específicas que me digan máis sobre os protagonistas.
    Voto por “Na saúde e na enfermidade”.

  11. Neste duelo costoume bastante decidirme, creo que porque son dúas propostas moi diferentes nas que veo méritos e erros moi distintos que non sei ben ponderar.

    En “Na saúde e na enfermidade” o inicio do relato paréceme moi bo. O primeiro parágrafo enfoca perfectamente o ton humorístico e presenta ao protagonista con moito tino. A partir de aí vexo oficio de escritor nos recursos empregados: ese polisíndeton na primeira frase do segundo parágrafo para destacar o día cheo de eventos dunha voda, o cromatismo que xa comentaron por aí arriba, neses brancos repetidos que chocan contra o canela. Durante todo desenvolvemento penso que se describen as situacións e os personaxes de maneiras orixinais, introducindo datos de xeito sutil e interesante. Porén, comparto algunhas das incongruencias que aprecia Lois no relato, que nalgún momento case conseguen sacarme fóra, e sobre todo, o final para min o relato desborda. Desde que el volve do baño, parece que o narrador perde o foco que estaba manexando con moita firmeza e decide encher todo de elipses. Non é que non aprecie eu ese xeito de contar, pero aquí hai un problema de contraste coa maneira en que se contou o resto da historia, coa que eu estaba moi satisfeito, e sen que haxa nada que argumentalmente xustifique ese cambio, decídese pasar só a suxerir. Semella aquí o recurso emprega só con finalidade efectista e non me acabou de gustar, deixando un peor sabor de boca o final nun conto que me estaba gustando moito.

    “Puto tumor” pola contra aposta por unha forma moi limpa e un ton dramático. Ten entre as súas virtudes o feito de que é moi consistente na emoción que quere transmitir, consigue que imaxinemos toda a historia como cun filtro gris. Agora pensando nel imaxinaba todo como nun día moi escuro de inverno, coas dúas personaxes moi abrigadas e aterecidas de frío. Volvendo a ler o relato, o único comentario acerca disto son unhas follas secas de outono ou inverno, o que fala moito de como consegue ambientar só con monólogo interior. Agora ben, acho que é un relato tamén con puntos frouxos. Toda a parte central do conto paréceme moi morna, as preguntas que se fai un tanto xenéricas, as ideas enlazadas simplemente por adición. O relato colleu a miña atención no principio e adquire algo de potencia no final, pero pasou moitas palabra sendo morno e eu case desconectado. Non sei, quizais esa sensación un pouco fría e seca de amargor é acaída para o relato, pero teño a sensación de que vén en certa medida por erros na forma e non por achados no fondo, que sería o que conseguiría facer o relato perdurar.

    Voto por “Na saúde e na enfermidade”.

  12. Comento:

    ‘Na saúde…’ é un relato ben fiado, con algunhas eivas expresivas (especialmente como os pensamentos do Benigno entran no fluxo da narración) pero cunha estrutura sólida. Non me chistou, iso si, a maneira de redactar a derradeira frase.

    ‘Puto tumor’. Con determinados temas hai que evitar o obvio. Este é un relato que busca a naturalidade, certa espontaneidade incluso, do narrador e da situación. Fáiseme vulgar, no entanto. Hai algunha luz, iso si, como a referencia ao cabelo, pero en xeral o título resume demasiado o que imos atopar e a literatura sempre ten que pórse por obxectivo ser máis interesante que a conversa que oímos na sala de espera dun ambulatorio. Ademais, ten razón o Lois Z cando fala de que todo se focaliza nun previsible sentimento futuro do narrador para crear unha empatía que nos resulta finxida.

    O meu voto vai para ‘Na saúde…’

  13. “Na saúde e na enfermidade”. Vai relatiños de humor fresco nos trouxo esta xornada! Gustáronme moitas cousas deste relato, da moita información e ponte en escena con realmente ben pouco. Penso que, como comentan todos, lle ía mellor un final máis épico…

    En “Puto tumor” non me dei centrado, de feito ao principio pensei que o relato ía ir sobre o egoísmo (natural e comprensible) de quen, estando san, sofre os impedimentos que trae a vida cun enfermo… pero ao final non, era algo máis convencional e iso descolocoume un tanto.

    Quédome coa frescura de “Na saúde…” e por iso leva o meu VOTO.

  14. Cun tema así, ten mérito arrincar un sorriso no lector, como consegue ‘Na saúde e a enfermidade’. Pode que si, cara o final falle, pero paréceme destacable a súa orixinalidade fronte a ‘Puto tumor’, ben contado, cru, real… e manido.
    Voto por ‘Na saúde e na enfermidade’.

  15. Bo, agora que rematou o prazo, supoño que xa podo comentar. A verdade é que saín da area menos ferido do que agardaba. Nas gradas erguéronse máis polgares dos que baixaron (cando lin o relato do César non o tiña nada claro). Estou aprendendo moito. E moito é o que vos agradezo. A vosa indulxencia co desastroso final conmoveume. O da puntuación non o sabía e anoteino na cachola para que non se me esqueza outra vez (curiosamente, na primeira versión escribírao con comas e cambieino a raias porque me pareceu máis correcto, ignorante de min).
    Paseino moi ben lendo os relatos. Un magnífico traballo de todas. Tamén coido que os comentarios son unha parte moi importante dos duelos, aínda que non é grato ter que votar. Graciñas a todas por me deixar participar, por me deixar ler e por comentar. Sodes unhas persoas estupendas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s