‘Neo-zanis’ vs ‘Os nazis da gramática’

Botas.

Primeira xornada. Grupo D. Clara Vidal contra David Botana. Tema: Nazis.

Os nazis da gramática

Clara Vidal.

A lectura encarna un xeito moderno de escravitude. Desde o primeiro momento no que alguén entra de cheo na técnica dinámica da conversión de letras en significados, comeza unha secuencia ordenada de agudezas imaxinarias ou de reflexións filosóficas –que moitas veces conclúen na mesma morte–. Da proporción de xente que non lle quere dar pulo á fantasía, son moitos os que acaban converténdose en absolutos nazis da gramática: insurrectos das normas populares; fieis dos monográficos especializados no idioma; incansábeis correctores de todas as grallas da rúa, dos xornais, dos libros ou das bocas; asiduos de simposios, congresos e convencións dedicadas á lingua… Pedantes, en definitiva.

Moitos nazis da gramática conflúen na mesma titulación universitaria: Filoloxía. As facultades dos amantes das palabras adoitan posuír tres características básicas. A primeira é que dispoñen dun repositorio inmenso de libros escritos por outros pedantes máis importantes que os que están aínda formándose para selo. Superan con fartura o resto de establecementos dirixidos para gardar libros. A bibliografía almacénase nun depósito ao que non se pode acceder e cuxa representación real non se manifesta nos andeis situados ao libre acceso do público. A entrada á pedantería tamén é un labor arcano para os que comezan; por iso hai segredos, misterios e corredores longos moi escuros. A segunda particularidade esencial implica que, a pesar de que a dependencia estea repleta de deshumidificadores, endexamais as máquinas logran vencer na loita do fedor húmido e desgastado das neuronas que pululan no ambiente. Isto suponse concordante co cheiro típico do coñecemento en descomposición.

A terceira peculiaridade das bibliotecas filolóxicas resulta moi obvia para calquera visitante: eles. Os nazis da gramática caracterízanse por trazos esenciais que os diferencian do resto dos humanos. Eles non precisan corrixir en voz alta cando escoitan unha violación léxica, unha infracción fonética ou unha transgresión perifrástica. Estes espécimes contan cun globo ocular realmente desenvolvido que lles permite forzar, mediante o impulso do nervio óptico, toda a esclerótica externa para esculcar o feito abominábel e atroz coa máxima perspectiva do noxo. Ás veces, este acto acompáñase da man dereita levada ao peito cun xesto violento e rápido e coa harmoniosa abertura da boca ata o nivel da dor nos cóndilos maxilares.

Debido a estas prácticas extremas, son moitos os que morren por desprendemento da retina ou por crebadura da fóvea. Os estudos que os filólogos critican aseguran que un 132% dos nazis da gramática falecen por esgotamento ocular: «a culpa é que len demasiado». Porén, as organizacións interesadas nas verbas decláranse contra as análises ofrecidas e loitan dun xeito absolutista para abolir tanto estes estudos como ás persoas que os realizan porque «non lle engaden nada á sociedade» e porque, ademais, «as súas achegas carecen de calquera trisco de rigor-rigoris». Alén disto, aseveran que de cada 100 estudos amosados en contra do colectivo lexítimo coas letras, 167 non conteñen críticas sostidas con argumentos claros e o 123% están escritos por nenos, cando desde o propio grupo se facilitaron modelos, coñecendo sobradamente a incompetencia expresiva dos enquisadores.

……………………………………………….

Neo-zanis

David Botana.

A cidade dorme mentres Charli e Torque tatúan os seus muros cos símbolos obscenos dun tempo pasado. Están enfadados, un negro marcoulles un gol. Beber, baterse e mal-foder a alguén non pode xa calmar o que levan dentro. Precisan máis.

A súa presa aparece nun caixeiro, envolta nunha vella parka descansando enriba duns cartóns. Ole a ouriños e a viño barato. Un ovo-podre-sorpresa. Torque desexa unha muller, ao Charli dálle igual mentres leve regalo.

A pirola de Torque sae xiringando do axustado pantalón. Sempre gustou de mexar sobre a xente. Charli observa divertido a escena mentres fuma un pito. Ser o cerebro do grupo esixe manterse distante nos preliminares.

O vulto remóvese, unha cara de home asoma entre o pelo. Torque afina a puntaría mentres ri.

—Espertámoste, merda?

O vulto estrícase, un corpo grande sae da parka. O home olla en fite para eles, sen chistar. Non está asustado. O ovo levaba dentro un tolo, a Charlie encántalle o xoguete.

Ao caer da última pinga, o home relambe o bico.

—Tes o ácido úrico polas nubes.

Charli bótase a rir, este tolo vaille alegrar a noite. Torque comeza o partido dándolle algo de lustre ás súas Martens. O home faise unha bóla para encaixar a malleira. O seus risos entrecrúzanse cos exabruptos rabiosos de Torque. Cando este esgota o alento, o vagabundo xírase cara a Charli. O seu mirar dá medo.

—O seu leite sabe igual de mal que os seus mexados?

A Charli xa non lle gusta o agasallo. Torque perde o control e vai a matar pero o home remóvese como un lóstrego. Semella unha besta. Un escintileo no ar, Torque berrando. Logo dun brutal empurrón, Charli nota unha picada no colo, suficiente para que o seu corpo decida ficar quedo. No chan, Torque chora. O sangue sae a chorros, molla ritmicamente o moble do caixeiro. Apenas pasaron cinco segundos.

—Mírao.

O home dá ordes, o coitelo fai que se cumpran. Charli observa o seu camarada: dor, medo, espasmos, o sangue abrollando máis maino a cada golpe de corazón, a inconsciencia, a nada, o fedor.

—Batestes en óso, meus pobres. Notas o dura que a teño? —O alento do home abafa a viño pero o seu pulso é o dunha estatua. O pavor fai presa de Charli.

—Eu… eu… non quero… por favor…

—Xa o sei, xa o sei. Quen quere?

—Por favor…

—Chist… Tranquilo. Mira, como o teu colega xa me alegrou o día vouche dar unha oportunidade. Vas sacar ese bote que levas no peto e vasme debuxar esa cruz que tanto che gusta. Se queda ben linda déixote ir, senón póñote a durmir coa túa moza. Vale?

Charli colle o bote e comeza ese trazo cruzado que tanto o define. Cando remata mírao e, mentres pensa se a cruz está ao dereito ou ao revés, unha salpicadura do seu sangue completa a brocha gorda a súa última grande obra.

—Máis tonto e non naces. —escoita antes de que a nada o leve onda Torque.

Advertisements

22 comentarios en “‘Neo-zanis’ vs ‘Os nazis da gramática’

  1. Descubrín no torneo anterior que debo de ser a única que pensa que 500 palabras é un máximo ao que non sería desexable chegar, pois creo que o maior reto é contar máis con menos. Dito isto, tócame a moral xulgar relatos de 501 Vs. 499 palabras. E segundo vou comentando nos distintos duelos coido que xa non lle caio ben a ninguén, hahaha.

    Con todo, vai o meu voto para “Nazis da gramática”. Eu pensei que o era, pero vexo que segundo o que di unha porcentaxe elevada dos estudos, non o son, dado que si que corrixo á xente para que non se me desprenda ningunha parte ocular. Gustoume moito este relato e fíxome moita graza. Penso, iso si, que non ten excusa para ser tan longo. Por certo, debo ser nazi de máis cousas porque as porcentaxes esas me doeron bastante XD
    De “Neo-zanis” non me gustou o ritmo nin os paragrafiños. A historia non é das que me conquistan, así que pouco tivo ao seu favor para gañarlle ao meu amor lingüístico.

  2. Uf, que difícil é criticar!!! Ao comezar a ler “Os nazis da gramática” semelloume un ensaio máis que un conto. Co decorrer do texto advertín algo de ironía mais non chegou a me quitar a sensación inicial. “Neo-nazis” coido que podía ser máis dramático. Estamos tan afeitos aos finais de vinganza do cine USA que case que a desexamos.
    Para min non é nada doado votar por un dos dous relatos. Se se puidese dar empate é o que votaría. Pero como supoño que non pode ser, votarei polos “nazis da gramática”. Desde logo, tocouvos un temiña…

  3. Pouco teño que dicir deste duelo, gustoume moito máis “Os nazis da gramática” polo orixinal que é, sen máis. Elocuente e moi ben estructurado. O outro relato tamén está ben pero non ten ese toque diferenciador do outro.Como apuntamento, digo que era o tema máis difícil de desenvolver dende o meu punto de vista.

  4. Quizais os nazis eran un tema complicado, pero deron para dous contos diametralmente diferentes,

    Admito que rin moito con “Nazis da gramática”. É verdade que toca un tema que é próximo para min, pero aínda así o humor non sempre acerta no punto exacto e penso que aquí o fai moi ben. Xoga co ton ensaístico, case xornalístico, para caer cara a ironía mesturando as brincadeiras con frase longa e linguaxe específica e case ténica. Moi orixinal.

    “Neo nazis” aposta por un relato de acción e fondos sucios. Penso que emprega con acerto as ferramentas que decide empregar, a narración é axil e nunca perdes de vista o que está a acontecer. Os diálogos secos, e o ton noxento máis marcado que ningures na boca das personaxes, penso que son o seu punto máis forte. Porén, penso que hau pouca sorpresa porque precisamente esa maneira de narrar era a máis funcional para un relato deste tipo. Nun relato tan curto non coñeces ben a Charli e a Torque, non os odias abondo, sería un narrador máis arriscado o que debería encher ese oco quizais. Na vinganza do vagabundo, entendes o que acontece, pero non deixas de velo un pouco como espectador, non logrei conectar de todo.

    O meu voto vai para “Nazis da gramática”.

  5. Voto por “Os nazis da gramática”, gústame esa volta que lle deu ao concepto “nazi” para crear un texto enxeñoso e divertido. “Neo-zanis” carece desa orixinalidade, e non me di gran cousa, e incluso paréceme menos elaborado que o seu contrincante.

  6. Moi difícil, como tamén les foi difícil aos autores armar algo orixinal con este tema. O de Clara é orixinal, e moi ben levado, pasa de ser unha crítica case xornalística a un colectivo, a poñerse moi irónico. Está estupendamente escrito. O problema? Que para min non é un relato.
    Porén, o de David non chega tan lonxe. O estilo e a narración non teñen ningunha chata, pero a historia non prende, téntase con violencia e un estilo cru, pero non chega. Vino pouco orixinal, pero insisto, é un tema moi difícil para desenvolver. Polo tanto, voto aos “Nazis da gramática”, sen desmerecer nada ao outro.
    Off the record, cando remate a votación que explique David o de “Neo-zanis” na vez de “Nazis” 😉

    • Pero como que «o de Clara» e «o de David», Francisco?
      A ver, arriba podes ver (en todos os duelos) que pon primeira xornada, grupo tal, X VS X, en todos os duelos, pero iso non significa que os textos estean por esa orde. Estarán por orde de recepción ao enderezo electrónico ou sinxelamente como caesen. Son anónimos, polo momento. Só podes saber que un é meu e o outro é de David (e así en cada duelo) porque se di enriba que somos nós a parella deste tema (nazis) e esta semana, pero non significa que os textos se coloquen embaixo en orde respectiva.
      Con todo, a parte do teu comentario na que dedicas tempo a falar de ambos textos é de agradecer porque, sexa eu a Clara que pensas ou o David que non imaxinas, ocupaches tempo no meu texto e no do meu contrincante, así que grazas.
      Xa veremos para a semana se cadran as contas, non queiras destripar de máis!

      • Pois como é o meu primeiro torneo, metín a zoca unha vez máis. Tan só asumín que na liña de presentación a orde era respectiva, primeiro Clara, logo David. A pesar de mencionarvos, e seguramente trabucar autorías, só quería indicar que os nomes non influíron no meu voto, só os textos. Non vos coñezo a ningún de vós personalmente, o cal está moi ben para xulgar os textos con obxectividade.
        Agora non podo editar o comentario nin corrixir o erro, pero o meu voto non cambia, sexa para Clara ou para David. Grazas aos dous por facernos pasar un bo anaco.

  7. Son ben diferentes os dous. Do primeiro gustoume o humor soterrado, a orixinalidade de como trata o tema proposto creando unha fauna nova. O segundo é de lectura áxil e xoga coa anécdota desa foto que se ten visto pola internete dunha cruz gammada mal debuxada (supoño que o título vén por aí), porén a falla é que presenta un personaxe que segundo o meu parecer non queda ben definido: o home do caixeiro. Eu son fan do revenge e teño que confesar que cando matan os malos nunha peli digo cousa como “ala, a tomar polo cu fillos de puta” etc… Pero aquí non me veu ese punto.

    Voto por nazis da gramática (pasando por alto o das porcentaxes)

    • O das porcentaxes a min matoume, tamén! Pero logo pareceume que se esaxeraba a propósito para que se notase que era irónico. Igual era para fastiar a propósito (non como en certos programas da tele, ehem).

  8. Gustoume moito “Nazis da gramática”. Moi ben enfocada a crítica, ben estruturada e traballada. No outro relato o que máis desfrutei foron os diálogos. Ese xiro e ese ritmo tan trepidante no final lembroume un chisco a “Relatos Salvajes” e “Dhogs”, só que nun formato moito máis reducido e menos lucido – o espazo éche ruín-. Así e todo, e pode que polo influxo de ter visto hoxe mesmo o filme de Goteira e ter conversado con el sobre a cultura da violencia, vou quedar con “Neo-zanis”. O retrato da brutalidade máis áspera (a que está lonxe dos espazos máis crueis e tipicamente violentos) sempre foi do meu gusto, e se ben neste caso non me satisfixo tanto como devecía, engarzou co tipo de produto que ando desfrutando máis hogano.

    O meu voto é para “Neo-zanis”.

  9. Os nazis da gramática

    Este relato está moi ben escrito, pero eu son un fan das historias, das ficcións, non dos artigos. Chamádeme clásico. Ou nazi dos relatos.
    Gustoume o último parágrafo, o máis fantasioso, con esas esaxeracións porcentuais que algúns “nazis” nesta sala se puxeron a correxir, hehe. Prefería ver a un nazi da gramática en acción en lugar de que mos describan en 3º persoa.

    Neo-zanis

    O relato púxome en situación de forma moi áxil. Cada frase fai avanzar a historia. Os verbos en presente, combinado coas frases curtas, funcionaron ben. O argumento deixanolo facil (talvez demasiado): dous mangallóns que querían dar unha paliza de morte acábana recibindo. O que me gusta en realidade é como o autor/a viste ese argumento manido con humor negro e cuns bos dialogos. O final fíxome moita graza, cando o vagabundo lle di ó nazi que debuxe unha esvástica correctamente e non é capaz.

    “—Máis tonto e non naces.”
    Sen o punto.

    O meu voto é para “Neo-zanis”. O seu rival, tal como foi deseñado, só tería unha oportunidade para ganar o meu voto contra un relato con máis eivas ca este, que me deixou razonablemente satisfeito.

  10. O meu voto vai para “Neo nazis”. Paréceme un bo relato e agradezo eses retallos de humor e acción. Gústanme os personaxes: o cazador cazado, a vítima verdugo, o psicópata xusticeiro…

    “Os nazis da gramática” fíxoseme un pouco pesado. O último parágrafo non o entendo, quere ser gracioso con esas porcentaxes pero a min non me cadra co ton serio do principio. Así e todo, empatizo co/a autor/a, non aturo a eses pedantes nazis da gramática.

  11. De “Nazis da gramática” gustei da linguaxe de precisión que emprega para crear o ton presuntamente obxectivo propio dun informe oficial, e tamén apreciei as notas de humor flemático do texto. Aínda así, o texto quédame algo lonxe e non acabo de conectar con el.
    No que respecta a “Neo-zanis”: como xa apuntou un compañeiro nos comentarios, a historia dunha vinganza “a paus” non acaba de sorprender. Por desgracia estamos habituados a neonazis que mallan nos indixentes que durmen nos caixeiros e nos portais. Porriba a linguaxe kinki usada nos diálogos non acaba de prestarme (será a velliz). Iso si, o xiro final gustoume moito e dalle un senso novo a historia.
    Voto por “Nazis da gramática”.

  12. Comento:

    ‘Nazis da gramática’: Ten razón o Lois en que parece un artigo. Recordoume de feito a ‘A lingua de Deus’, que se publicou no I Torneo de Duelistas (https://biosbardia.wordpress.com/2017/10/25/a-covardia-do-silencio-vs-a-lingua-de-deus/). Sóache, Lois :P? Eu, a diferenza del, coido que si estamos diante dun relato. Un relato de ficción que usa, iso si, as ferramentas e os rexistros do xornalismo de opinión. Pódese facer un excelente relato baseado na estrutura dunha receita de cociña ou dun manual de instrucións. E coido que estamos nun caso semellante. Neste caso, o autor/a utiliza un xénero para a parodia. Se se sabe facer, é sempre un éxito.

    ‘Neo-zanis’: Non me interesou nada esta historia dun superheroe indixente que se defende duns nazis. Iso si, a autora ou autor consegue crear unha atmosfera consistente. Pero pouco máis. Coido que a escolla argumental foi a primeira que caeu na imaxinación. E xa sabemos que sempre hai que descartar a primeira idea igual que case nunca triunfa o primeiro amor.

    O meu voto é para ‘Nazis da gramática’.

    • Si, claro que me acordei do meu. Collen os dous no mesmo saco. Non o mencionei porque me parecía que era como facer publicidade de min mesmo no duelo doutras persoas. E a ver, tampouco dixen que non fose un relato… só que non ese estilo non soen ser os tipos de relato que me emocionan, ou polo menos este en concreto non o fixo.

  13. Oooohhh… a primeira nos dentes. Maldita sexa! A verdade é que non se me ocorría nada que non estivese demasiado trillado xa nisto das cosas nazis. Logo veume á cachola unha idea complicada sobre un neno, uns bonecos e un irmán-bebé… pero collinlle medo á execución. O título dos zanis ben a conto de que, na miña mesa roleira, estamos a xogar unha trama sobre unha seita nazi e cada vez que debuxo unha esvástica me sae ao revés ante o xúbilo dos meus xogadores (despois morren e quéixanse, claro). De aí que os meus malos na partida sexan zanis no canto de nazis. Unha tontada, vamos. No relato tampouco quería contar nada demasiado complicado, é máis un exercicio de estilo ca outra cousa. Basicamente que ás veces queres matar e non se pode, porque alguén tamén quere matar e mata mellor ca ti. A falta de empatía é premeditada, o do caixeiro é un ente baleiro que goza, coma os zanis, da violencia; negro sobre negro. Nunha historia de violencia a min sempre me sobran os bos.

    Só me resta lamber as feridas e darlle os parabéns a miña rival. O seu artigo de opinión surrealista (ou non) foi quen de prender no corazonciño da maioría dos participantes. Para min faise algo pesado de ler. Para o que aborda penso que lle sobra metraxe e tamén que lle falta algo mais de surrealismo ciscado por todo o corpo do texto, non só ao final. Inda así é un traballo moi coidado que, ao fío dos diversos comentarios da semana, colle moita gracia.

    Saúdos! Vémonos na area!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s