‘Peza a peza’ vs ‘Nota xunto ao reloxo Enicar’

Tripas dun reloxo. DAVID/FLICKR.

Primeira xornada. Grupo D. Guillermo Rodicio contra Fran Castiñeira. Tema: Reloxeiro.

Peza a peza

Fran Castiñeira.

Oficio e perfil: G. E. era ben coñecido no barrio e na cidade. Posuía un modesto negocio de venda e reparación de reloxaría e contaba con sona de traballador, eficiente e honesto coa súa clientela. Tamén de ser algo solitario e retraído, mais non asocial: era amable, bo conversador e educado. Viúvo, sen fillos, doenzas propias da idade (60 anos).

Antecedentes e afección política: A G. E. nunca se lle coñeceron actividades conspiratorias, violentas ou sediciosas até o día dos feitos. Nunca se lle sospeitou desafección ao Noso Líder. Nos círculos de rebeldes e sediciosos, onde temos infiltrados, o seu nome era de todo descoñecido.

Cómplices: por incrible que pareza, estamos certos de que o reloxeiro actuou completamente só. Mercou os explosivos no mercado negro e o mecanismo de reloxaría montouno el mesmo, como se detallará.

Por todo o exposto, a conduta de G.E. nunca espertou sospeitas, nin nas autoridades, nin tampouco entre o seu contorno.

Segundo o persoal da Cervexaría onde o Noso Líder daría o discurso, o reloxeiro G.E. pechaba o seu negocio ás seis da tarde e acudía diariamente a cear ao local, moi próximo. Sentaba só e pedía sempre unha sopa ou unhas salchichas con pan e unha cervexa pequena. Nada salientable.

Os tres meses anteriores á visita o local estivo aberto ao público, pero estreitamente vixiado. É absolutamente imposible que alguén metese unha bomba de tales dimensións sen ser detectado. O reloxeiro G. E. pasou de ser un seareiro esporádico a, como xa dixemos, acudir a diario, nada estraño, xa que o evento aumentou a clientela da cervexaría desde meses antes.

Danos e vítimas: mentres o Noso Guía daba o seu discurso, estourou unha bomba nos baixos da cervexaría. Esboroou medio local, desde o teito até o soto. Contáronse quince mortos, entre eles moitos cargos do Partido, e un cento de feridos. Tristemente, o Noso Líder debátese entre a vida e a morte. O futuro da nosa Patria é escuro e os inimigos están á espreita. Que esta traxedia nos valla de lección.

As sospeitas apuntaron a el decontado, polos seus coñecementos de reloxaría, pero quedaba por saber como introduciu o artefacto. Atopamos un pequeno desparafusador de reloxaría no aseo, cos restos da bomba, e unha inscrición na táboa de madeira, case ilexible pola explosión: “Peza a peza”.

O reloxeiro introduciu a bomba desmontada e peza a peza, unha por día, ás veces, tan pequenas como a cabeza dun alfinete. Logo ía ao baño e ensamblábaas. Catro días antes do discurso deulle corda, foi á súa casa, colleu as maletas e desapareceu da cidade. Posiblemente estea no estranxeiro baixo unha entidade falsa, e probablemente no país dos reloxos, pero non cesaremos na nosa busca.

……………………………………………………………………….

Nota xunto ao reloxo Enicar

Guillermo Rodicio.

Querido fillo. De entre as miñas posesións que ao eu morrer pasarán a ser túas, creo necesario facer algunhas precisións acerca deste reloxo, que leva máis de setenta anos no meu pulso.

Lembro o día que o merquei. Foi no 2010 en Escocia, facía un curso de verán na Universidade de Edimburgo. Paseando polas rúas da cidade, chamou a miña atención unha vella reloxería, no cruce entre Holyrood e St.Mary. No interior, trebellos de todo tipo rebordaban en aparente desorde. Todos os mobles eran negros e nunha esquina dúas grandes teas tamén negras tapaban o que parecían uns expositores abandonados. O reloxeiro, un ancián con mandil de artesán, pulía unha esfera. Encheume o ollo o Enicar, así que preguntei por el. O home contoume que aquel reloxo de corda vendérallo había moitos anos un médico holandés porque deixara de funcionar; el conseguira arranxalo e levaba tanto tempo na tenda que ata lle daba pena despedirse del. Eu nunca levara reloxo, pero decidín compralo aínda que fose como recordo da agradable conversa que aquel velliño me dera.

Volvín a Edimburgo cinco anos despois, cuns amigos ao rematar o mestrado. Co uso, a correa do reloxo estaba nas últimas, así que aproveitei a visita para volver á reloxaría. Dubidaba que seguise aberta, o home semellara moi maior. Pero alí estaba, entre Holyrood e St.Mary. O reloxeiro recoñeceume en canto crucei a porta, o rapazote galego que comprara o Enicar do holandés. Aledoume que seguise activo e cunha memoria portentosa.

Cando casei coa túa mai fomos de lúa de mel a Escocia. Pasamos polo cruzamento de rúas en Edimburgo e a reloxaría permanecía alí. Supuxen que un fillo do reloxeiro collera o negocio do pai e decidín entrar saudalo. Estaba errado. O vello seguía detrás do mostrador, mesmo mandil, mesmo sorriso afable. Chamoume polo nome e xunto á correa que merquei regaloume outra. Hai que coidar os clientes leais.

Tiñas ti once anos cando volvemos a Edimburgo, polo traballo da túa mai. Non sabía se me atrevería a volver pola reloxería e leveite comigo como testemuña da miña lucidez. O reloxeiro mantíñase no sitio, indiferente a cada segundo dos últimos trinta anos. Nesa ocasión había outro ancián, observando tras as teas negras. Non te lembrarás, pero o reloxeiro revolveuche o pelo e comentou que parecía mentira o rápido que pasaba o tempo. Cando saímos da tenda eu tremía sen control.

O día que me xubilei marchei a Edimburgo sen contarllo a ninguén. Era eu xa tan vello como o reloxeiro. Ofreceume unha man e preguntoume se quería pasar a ver a trastenda. Entroume o pánico e escapei correndo.

Meu fillo. Paso hoxe dos noventa e asédiame a enfermidade. Témolle á morte. Non estou certo de a que renunciei, ou de cales eran as condicións. Non che conto nada disto en vida por medo a que penses que estou tolo. Pero cando leas esta nota eu xa non estarei, o Enicar será teu e túa será a decisión de volver á reloxaría de Edimburgo.

Advertisements

30 comentarios en “‘Peza a peza’ vs ‘Nota xunto ao reloxo Enicar’

  1. Como me custou escoller! Encantáronme os dous relatos e son moi parcial a esas imaxes de velliños reloxeiros estraños. E a Escocia, pero quen non é parcial a Escocia.

    Ambas historias me pareceron moi boas e as dúas teñen unha sorpresa posta á medida perfecta. Que difícil, de verdade…

    “Peza a peza” ten deses paragrafiños que tan pouco me gustan, pero desta volta están xustificados. Se cadra hai partes do texto polo medio que non fluén tan ben, coma se houbese 2 tipos de narración e se mesturasen. Sóbrame o final tal cal: “peza a peza” é unha explicación poderosa e, para min, completa. Aínda que me encantou saber como o fixera, como escapara o reloxeiro.

    “Nota xunto…” ten unha historia completa que flúe perfectamente. Chócame se cadra que o pai leve o reloxo ata a súa morte pero que a nota estea a carón do reloxo. Se cadra a carón dunha caixa, pero se non sabe cando ha morrer non pode deixalo preparado, digo eu.

    Voto por “Nota xunto ao reloxo Enicar”, pero tería feito un ex aequo nun momentiño.

  2. Neste duelo, dar un voto resúltame moi complicado.
    Encántame a historia de «Peza a peza», porque me parece moi intelixente o mecanismo imaxinado. Tamén saliento deste relato a orixinalidade do comezo e o xeito de aturar a expectativa para deixar fluidez á lectura dos seguintes parágrafos. Por outra parte, na contra, creo que precisamente isto, se cadra, non é o formato que se pide. Tamén gosto moitísimo de como se integra o título no texto.
    En «Nota xunto ao reloxo Enicar» non me engancha tanto a historia desde o comezo, pero o final si que me conquista. Acho demasiadas repeticións e redundancias que, lendo o resto das escenas, coido que poderían ser pulidas e melloradas perfectamente cunha fase de depuración un pouco máis pausada. Vexo moito potencial no relato.
    Con moito esforzo na escolla, dou o meu voto a «Peza a peza», mais para min aquí hai unhas táboas cantadísimas…!

  3. Pouco que engadir ao que xa dixo a Clara Vidal. “Peza a peza” é un hehehe. “Nota xunto ao reloxo” dáme gañas de ir visitar o cruce entre Holyrood e St.Mary. Tirei unha moeda ao ar. Saiu cara.
    O meu voto é para “peza a peza”.

  4. O meu duelo favorito.

    Peza a peza

    Lido friamente o informe é un pouco artificial, pero na primeira lectura aceptei o que me contaban (axudou a ambientación distópica) e ningunha desas cousiñas me sacou do relato.
    O retrato do reloxeiro ten moita forza. É meritorio que sen aparecer colla tanta personalidade. Coma no caso do relatos dos zanis, tamén é doado empatizar con el porque ataca a un lider presuntamente absolutista que sen coñecelo de nada xa cae mal.

    Nota xunto ao reloxo Enicar

    Este é un deses relatos que parte dunha idea intensa, aparentemente humilde, pero que engrandece ó quedar ben abrigada. O ritmo é lento e está ben medido. Para cando nos damos conta xa temos na cabeza a idea que o autor foi sementando no texto.
    A perspectiva elexida, que o relato sexa unha nota ó fillo tamén me pareceu unha boa decision. Só detectei un pequeno artificio, que consiste en que realmente non fan falla tantas viaxes: coa primeira e a última bastaría. As outras están pensadas para achegar ó lector ás personaxes, o cal non é ningún erro, por suposto.

    Os relatos me gustaron, voto por “Nota xunto ao reloxo Enicar” porque o me parece un relato mais “controlado” polo autor, con menos fisuras a pesar de contar un suceso inexplicable.

  5. O meu voto vai para “Nota xunto o reloxo Enicar”. Inqueda historia e ben contada.

    “Peza a peza” tamén me gusta e tamén está ben escrita, pero atrapoume máis o relato do reloxo Enicar.

    Foi una decisión moi difícil, no Torneo tiña que estar permitido o empate (2 ou 3 puntos a vitoria e 1 o empate).

  6. Repetindo o que outros xa comentaron, os dous relatos creo que están ben. Se cadra quedoume a sensación de que o segundo é máis redondo, e (falando de reloxos) encaixan mellor as pezas. No primeiro o estilo de informe creo que lle resta porque non se profundou nel. Persoalmente quedoume a sensación de que se lle podía sacar maior proveito a certas maneiras que adoitan figurar nese tipo de documentos. En todo caso é unha boa homenaxe á figura de Georg Elser que fallou por poucos minutos 🙂

    Voto polo Enicar

  7. Pouco máis se pode engadir ao xa comentado polos rápidos e exhaustivos comentaristas. Xusto ía dicir o que xa comentou Marcos sobre “Peza a peza”, para min o formato de informe policial non está todo o ben aproveitado que podería, pero claro, con cincocentas palabras de bagaxe gastalo en ambiente… gustaríame relelo refeito sen baldeiras. Encántame cando con dúas palabriñas ben postas un relato te fai voar, neste son Líder e país dos reloxos.

    En “Nota xunto ao reloxo Enicar” atopámonos un relato fantástico de sota, cabalo e rei. Gran traballo que consegue refacer unha idea moi clásica sen perder nada de vixencia. Como xa apuntaron por aí o relato ten a correa ben posta, está fantásticamente contado e resulta moi evocador. Vaime custar (sen ser moi orixinal polo que vexo) decidirme.

    Pero como votar hai que votar, escollo “Peza a peza” como receptor do meu VOTO. Porque sendo tan parellos fai falla algo de lea na lama do ring antes do final. Parabéns aos dous por tan digno duelo, un dos mellores da xornada.

  8. Tamén para min este foi o duelo máis contendido. Ambos relatos funcionan moi ben. Paréceme que “Peza a peza” está moi ben construido, a trama descúbrese ós poucos e isto aumenta progresivamente tanto a tensión coma o interés. Non creo que fose necesario especificar a idea de que o mecanismo de reloxaría se montou “peza a peza”: esa inscripción atopada no baño paréceme redundante.
    De “Nota” agradecín a temática fantástica, que está moi ben levada. Penso (pero iso é opinión persoal e subxetiva) que o inicio da historia do reloxo posúe un ton un chisco literario, “sintético”, de máis. O narrador non deixa de ser un pai que escribe ó seu fillo, por iso eu esperaría un ton e unha perspectiva máis próxima e afectiva. Nembargantes, a medida que avanza a lectura esta sensación miña desaparece. Outra cousa: descolocoume a frase “deste reloxo, que leva máis de setenta anos no meu pulso”. Se o texto corresponde a unha nota deixada cabo do reloxo, entón o ancián que conta a historia xa non o leva, ou?
    Como toca votar, votarei por “Nota xunto ao reloxo Enicar”, pero se se puidese, votaría empate. Parabéns ós dous autores!

    • Couto, o texto corresponde a unha nota que deixa ao carón do reloxo como parte da súa herdanza ao fillo, pero cando escribe a nota está vivo. Do mesmo xeito que ten o reloxo aínda no seu pulso, tamén lembra (en presente), témelle á morte (en presente), etc. Pola contra, casou, viaxou, entrou na reloxaría (e pasado), porque forma parte do recordo.
      Penso que o aspecto temporal nos verbos non está mal traballado neste texto. Coido que se cadra hai demasiadas viaxes para 500 palabras (como apunta Lois Z) ou hai información redundante e que sobra (para ser 500 palabras, insisto) que amosa unha incerteza innecesaria tamén noutros momentos, mais o panorama verbal creo que está ben traballado.

  9. Unha cousa xeral: Que bo era o tema porque posibilitou o duelo máis equilibrado (no positivo) da xornada. A relación cos reloxos da literatura é inacabable.

    Comento:

    ‘Peza a peza’: A estrutura é útil para contar a historia. Na literatura galega hai unha escola de relatos distópicos políticos que arranca con Ferrín e que segue a ter cultivadores hoxe en día. Podemos xunguir este relato a esa corrente sen que iso signifique desmerecelo; ao contrario, é unha gabanza. A tensión está ben conseguida e o relato é fiel á atmosfera da rebelión urbana (isto si que é rebelión, raio!) onde mellor se acomoda. Como dicía Alejo Carpentier, un escritor debe falar con propiedade e coñecer do que fala para resultar verosímil. Neste caso, o autor conségueo.

    ‘Nota xunto…’: Estou de acordo en que o relato quedaría moito máis redondo con dúas, no máximo tres visitas. Tamén en que Edimburgo é un escenario ideal para un relato así e o reloxo a peza perfecta para esta historia. Coido que o escritor fixo moi ben ao ser antes que nada lector, deixarse embebedar pola evocación que lle provocou todo o ambiente. Parabéns.

    O meu voto vai para ‘Nota xunto…’

    • Moitas grazas polo comentario César. So unha pregunta, falando sobre o meu relato. Varios comentades que pensades que funcionaría mellor con dúas máximas tres visitas, pero non entendo como podería ser. Funcionaría mellor se o protagonista chegase de moi maior de novo e atopase a reloxería aberta? Entón como constrúes a tensión? Entendo que as visitas pode parecer un recurso un tanto artificioso (a maior parte das palabras que lle tiven que recortar foron facendo máis evidente o mecanismo), pero non sei como se podería resolver neste caso concreto dunha maneira mellor.

      • Unha posible solución sería, precisamente, rebaixar a tensión. Poderías “fundir” a visita dos once anos do neno coa da xubilacion do pai, e meter aí p.e. que o pai foi alí con el para mercarlle un reloxo polos 18 anos, e só nesta ultima visita dicir que saiu tremendo ou algo similar

        De todos xeitos se o deixas tal como está xa é un moi bo relato.

  10. Xeniais os dous, de verdade. Non sabería con cal quedar, se son sincero. Creo que me vou decantar pola intrigante nota do pai, pero máis polo gusto que lle teño eu a este tipo de tramas que por outra cousa. Ambos merecían puntuar. Moitos Parabéns!

  11. Pouco que engadir ao xa comemtado… Ambos relatos están ben construídos e son efectivos. Por desgraza, hai que escoller. Decàntome tamén por ‘Nota xunto…’ por cuestión de formato.

  12. Rematado o período de votación, en primeiro lugar agradecer a todos os comentarios, que axudan moito a valorar os puntos fortes e febles dos contos.

    En segundo lugar, noraboa a Fran, o seu conto pareceume tamén excelente, dos que máis me gustaron desta primeira xornada aínda que non o puiden comentar. Eu collín a referencia a Elser xa na primeira lectura, coñecía a historia e non puiden evitar un sorriso cando O líder si era eliminado neste universo paralelo (pensei na película de Tarantino dos bastardos, que xusto ilustraba o post inicial do concurso e onde se toma tamén esa vinganza).

    Grazas a todos os que votaron polo meu contiño sobre o reloxeiro escocés. Como nota aparte, gustaríame adxuntar unha foto do meu reloxo Enicar xunto coa nota que o reloxeiro de Holyrood me escribiu a primeira vez que estiven alá. Pena que non se poida adxuntar aos comentarios. Xa non me quedan tantos anos ata a seguinte visita.

  13. Rematado a votación, quería agradecer os vosos votos e críticas, tan amables como atinadas. Eu mesmo non estaba moi satisfeito co meu relato, agradezo que a moitos de vós vos agradara, mesmo a algúns dos que malia todo votaron a Guillermo. Encantoume o do reloxo Enicar, tiven a mala sorte de competir cun dos mellores relatos desta rolda, se non o mellor. Xusto gañador.
    Si, que mellor homenaxe a Elser que “rematar o seu traballo”, polo que deu a vida. Precisamente na cidade onde vivo agora. Pero quedoume apresurado: repetición de adxectivos, erros (“entidade” no canto de “identidade”), e un formato de informe policial que queda a medias. Con todo, espero que o pasarades ben lendo.

    • Cando escribín “agradezo que a moitos de vós vos agradara, mesmo a algúns dos que malia todo votaron a Guillermo”, quería expresar que “malia gustarlles o meu relato, gustaron máis do de Guillermo e votaron por el”. Para evitar malinterpretacións.

  14. Pingback: Velaquí o Torneo Punto e Coma de Duelistas – Francisco Castiñeira

  15. Pingback: Torneo Punto e Coma de Duelistas – Francisco Castiñeira

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s