A difícil relación de María Casares cos galegos

María Casares e Albert Camus.

Xesús González Gómez.

A verdade é que as cartas, a maioría, como lle escribía Albert a María, son indixestas. Demasiado mel e ás veces unha sobredose de azucre, polo que, persoalmente, a lectura se me ía facendo cada vez máis penosa. Ler unha e outra vez os mesmos verbos, os mesmos adxectivos e case sempre os mesmos substantivos, é algo que aborrece, de aí que se agradezan as escapadas tanto dun como doutra cara ao exterior. Vaiamos polas de María que son, ao cabo, as que talvez nos interesen máis. (Síntoo polo lector: nunca fun sartreano, pero tampouco camusiano, e son dos que pensa que a obra literaria deste último hoxe non se aguanta nin con imperdíbeis; e sobre a súa obra filosófica, recomendo encarecidamente, a pesar de Lotmann e, sobre todo, de Todd, o panfleto de Jean-Jacques Brochier, Camus, philosophe pour classes terminales, aparecido por vez primeira en 1970 e que coñece diversas edicións. Aínda que cómpre, dunha vez por todas, afirmarmos que a obra literaria, por non falar da filosófica, de Sartre é superior á de Camus: outra cousa son as posicións políticas. Todo isto, a pesar de Tony Judt, máis respectábel, por outra parte, que a maioría dos seus apoloxetas, and company.)

María explícalle a Albert moitas cousas. Desde a morte da nai e do pai até a correspondencia coa irmá ou os problemas co último amante da súa nai ou cos «criados». Desde os problemas da profesión até as relacións coa xente do cine e do teatro (o aborto e Simone Signoret, etc.), así como tamén lle relaciona os seus ensaios, as súas intervencións radiofónicas, as visitas de españois, do Partido Comunista para pedirlle a adhesión para calquera das cousas deste, etc. Aos españois, María Casares infórmalle a Albert Camus que os divide en tres grupos:

«1) Os españois en xeral chámanme María e lémbranse de cando era eu pequena e fálanme da patria, do exilio e de meus país

»2) Os españois que estudaron no Instituto-Escuela chámame María-Victoria ou Casares (a elexir) e falan comigo lembrándome aquí e acolá recordos de infancia xeralmente estraños á miña memoria e falando de profesores e camaradas que nunca coñecín.

»3) Os galegos que veñen cantarme Vitola ou Vitoliña e que fan o meu retrato de cando era “así de alta”. Estes preséntanse sempre en casa sen chamaren antes por teléfono e á hora de comer.

»O obxectivo destas tres categorías é claro e preciso: pedirme algo.»

Tamén, claro, lle explica as súas viaxes ao estranxeiro para representar teatro francés fóra de Francia e como representante ou embaixadora cultural deste país. E entre esas viaxes está a que en 1957 fixo a Hispanoamerica: Brasil, Uruguai, Arxentina, Chile, etc., países en que se viu agasallada polas colonias galegas deses lugares. Cando a prensa española deu noticia da aparición deste volume de cartas, falouse moito da «carga» da Casares contra os galegos exiliados.Vexamos todo o que dí.

«Con efecto, os cariocas son encantadores. Infelizmente, só tratamos coa xente “ben”, esa especie de bárbaros lixeiramente domesticados que falan do mestre como do salvaxe; é curioso, pero un pouco irritante. No xénero, os peores son os franceses e os españois máis brasileiros que os propios gauchos, naturalmente. E os peores dos peores son os galegos. Oh, querido!, cando penso que en Buenos Aires toda a colonia gallega –mais poboada que a propia Galicia– me espera con impaciencia, sinto vertixe. Pero empezo a comprender a irritación de meu pai contra os seus correlixionarios, eses imbéciles que a mil leguas da súa patria se atraven a dicirche que España lles importa un pemento e que eles loitan pola autonomía de Galicia, estes c… que, cando falas español, finxen que non te comprenden e que chegan a xuntar en Cuba 237 clubs independentes gallegos. Intento tranquilizarme, calarme, mais de repente lles confio docemente que a miña morriña é mais por Castela que por Galicia, e a tempestade desencadéase. Á parte disto, trátanme como a súa filla, porque ademais son masóns e continúan a acreditar que meu pai era seriamente masón e que eu son unha pequena masoa, e sorte que non insultan a Vilar por obrigarme a falar francés no escenario no canto de “falar da nosa terra. ¡Ay! ¡Ay! ¡Ay!», carta do 9 de setembro de 1957, desde Rio de Janeiro. (Negar que seu pai era mason é como negar que a auga está composta, principalpemente, de hidróxeno e osíxeno, mais un comprende o amor dunha filla polo seu pai.)

O 22 de setembro chega, ás 6 da mañá, a Montevideo. No porto espéraa un grupo de galegos cunha rapaciña «disfrazada» co traxe rexional. Para no hotel Nogaro «un dos hoteis máis sinistros e máis feos que coñezo». En Montevideo é agasallada pola colonia galega e polos republicanos españois, etc. E por Margarita Xirgu e Josefina Díaz. Tamén engade que pasou unha hora coa familia Somoza: a nai, viúva, a filla e o xenro (está a falar da viúva de Alfredo Somoza). Ante tal vertixe, di que está enferma, e continúa a carta a Camus: «Nunca me sentín tan exiliada como neste país disfrazado de español. Farteime de “chocolate con churros”, de melón español, oio falar e falo a miña lingua, por todas as partes acho pegadas do meu país, de xentes do meu país e nunca me faltou tanto o corazón da miña terra. O reino está en Castela, meu anxo; aquí so encontrei a máscara do exilio». (Anotemos, cando fala da súa lingua está a falar, evidentemente, do castelán.) O 3 de outubro envíalle a Camus a primeira carta desde Buenos Aires. Sobre a estadía nesta cidade, onde foi recibida e agasallada pola colonia galega, véxase as páxinas que lle dedica Maria Lopo no mencionado libro ou a «reportaxe» e fotos publicadas en Galicia Emigrante, lle escribe a Camus 10 días despois, desde Santiago de Chile, onde chegou saturada de homenaxes, de triunfos que superaron os límites permitidos, e emocións de todo tipo, de palabras, de bágoas , etc.: «Meu Deus, que existencia! En dous momentos pensei que algo estoupaba na miña cabeza, que a demencia me axexaba e viame xa, perturbada, correr a través das rúas percibidas en Buenos Aires, disfrazada de bandeira, brandida como o símbolo da España emigrante, como a estrela da Galicia, como a mensaxeira da unión franco-hispánica, como o faro do xenio latino, como a encarnación viva da dignidade e da fidelidade, como o banderín da Nova España, da Nova Xeración, da Liberdade Exiliada deste mundo, que sei eu! […]

»Non me queixo. Levo mostras inesquecíbeis de amizade que non esperaba. No meu innato pesimismo ignoraba que unha certa maneira de ver a vida e de exercer unha profesión podía espertar tal entusiasmo e tal afecto, cando menos durante dez días e levo aínda, como un alento inesquecíbel, a imaxe de tres mil seiscentas persoas, no Teatro Colón, de pé, berrando María e axitando os seus panos brancos.

»Afórroche hoxe o resto. Contareicho todo, pouco a pouco, así como o meu traballiño de embaixador […]».

En fin, máis nada sobre tal viaxe.

Para amantes dos números, digamos que en 1944 Camus envía 21 cartas a María, unha en 1946 (para,como dixemos, lle dar o pésame pola morte da súa nai), e que de de xullo de 1948 a decembro de 1952 (catro anos e medio) contabilízanse un total de 520 de cartas e/ou misivas cruzadas entre os dous amantes. De 1953 (incluído) até o 30 de decembro de 1959 –lembremos que Camus morrerá nun accidente de auto o 4 de xaneiro de 1960–, é dicir sete anos enteiros, o total de cartas cruzadas e/ou misivas será de 323, ben que se lle poden engadir as 8 tarxetas e cartas sen data que van en apéndice.

Acabemos. Un aparatoso volume de correspondencia, unha correspondencia cuxo interese, alén dos casarianos ou dos camusianos, é algo máis que discutíbel. Unha correspondencia monótona, con pouco humor (o pouco humor existente, porén, é sempre é obra e graza de María Casares), con pouca información sobre o mundo exterior, e por parte de Camus pouca información sobre a súa obra, sobre as súas dificultades de creación, sobre nas súas polémicas, sobre as súas ilusións ou sobre os seus desenganos. En fin, unha correspondencia que pouco engade –á parte dos sentimentos de María cara ao, digamos, nacionalismo galego e, talvez, en última instancia, sobre a propia Galicia (o que, por outra parte, no ten importancia ningunha)– ao retrato que os lectores das biografías de Camus e das memorias da actriz se fixeran dos dous personaxes.

María Casares pasara, ou pasou, á historia como o que foi, unha excelente actriz e, tamén, como a muller galega que escribiu o mellor libro de memorias no século XX, aínda que o escribise en francés. Facer, ou intentar facer outra cousa de María Casares, intentar vinculala ao que nunca estivo vinculada, é, nin máis nin menos, que unha forma extrema de «cosmopaletismo».

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s