‘Café con ghotas’ vs ‘Torta de queixo ao forno’

Torta de queixo.

Xornada 2. Grupo B. Gabriel Fuentes fronte a Sabela González. Tema: Torta de queixo.

Torta de queixo ao forno

Hainas frías. Esas non me gustan. Levan a marmelada de máscara e o queixo nin se nota. A min gústame comezar a temperatura ambiente para entrar en materia e co forno preparado para a acción, para o recendo, para a subida paulatina da masa, para o relax posterior da superficie dourada. Temos listo o terreo de xogo, metálico, arredondado e xa esvaradío da migalla de manteiga que estendemos coas xemas dos dedos para facilitar as cousas. Logo chegaremos aí. Agora, aquí, é onde convén facer a mestura, pouco a pouco, agarimando queixo crema co azucre até unha húmida confusión. Fariña, non moita. Cric. Crac. Dous ovos que entran ao intenso baile e fan que a masa suba e amarelee. Batemos e a escuma confunde ingredientes, airéase, esponxa, arremuíña até que a nata interrompe a éxtase caendo nunha pintura psicodélica. Tomamos alento mentres a masa cae ben mesturada no molde engraxado e entra ao segredo do forno. 200ºC. Non é incrible que hai nada fosen só ingredientes? Agora confúndense nunha crema amarelenta e suave que vai tomando cor lentamente. Sobe. Burbulla. Dóurase. 45 minutos e o pau sae limpo do centro. Suspiramos a un tempo, lambemos os restos de nós das puntas dos dedos e botámoslle marmelada sen agardar a que arrefríe.

……………………………………….

Café con ghotas

—No se lo voy repitir más, señor.—seguía coa bandexa cargada de vasos e botellas sostida en alto. É que había que ter mala fe… Aquel puto matrimonio de fodechinchos xa o tiña at os collóns.

— Venga, caballero, una última vez. Haga el favor, ande. Dígamelo así, rapidito.— o tipo sorría mirando para a uva pasa de labios rojos que tiña ao lado. É que os cabróns nin tiraran as putas ghafas pa comer, joder. Fijo que lles daba verghonza sacalas porque lles quedou a marca do sol de cando foron ás Cíes.— ¡Y vocalíceme un poquito, que aquí en Galicia tienen la costumbre de no abrir la boca cuando hablan!

Os madrileños soltaron unha risotada falsa, ensinando a dentadura branquiña do trinque. O camareiro bufaba deseguido, aínda coa bandexa ateigada de cousas na man e unha dor de espiñazo insufrible. Na cabeza soáballe a voz de Carmiña. Monchiño, meu amor, cálmateme, por dios bendito.

Até o carallo de estar no furancho do compadre día e noite, sempre a aturar borrachos botando a partida, albañiles apestando a suor, cativos chorando a ghrito pelao… Día si e día tamén. Que ghanas tiña de larghar con Carmiña a un spa de vacacións. Sen traballo, sen fillos, sen soghros… Que puta marabilla, miña nai querida! Parvo era se pensaba que ía saír da aldea alghún día, cando menos fóra da caixa (que o cemiterio téñeno noutra parroquia). Mira que soñou veces con fuxir de alí, montar unha ferraxaría por Vigo ou Redondela e vivir nun pisiño deses modernos; pero os pais sempre o tiveron atado polo pescozo ás vacas, aos porcos e ás ovellas. Cando cría que por fin deixaría de compartir cortello coas bestas e montar unha vida coa súa amada Carmiña, vai o aproveitado e apupado do compadre a pedir cartos e axuda no furancho. Dixera uns meses e xa van cinco anos. O fillo de puta gañando cartos a esgalla e el alí de pailaroco, cobrando catro míseros pesos por compracer a muller. “É que se nos vai anoxar se lle marchamos, Monchiño. Á familia hai que axudala sempre”. Axudala, non meterlle os cartos no peto e quedar a velas vir, cona! Só hai unha cousa que odiase máis que o avaro do seu compadre, e son os madrileños. E tocáballe aturar a un.

—A ver: tenemos flan, tetilla e membrillo, requesón, una peza de fruta, fresas con nata, fresas con vino tinto, nata con fresas, arroz con leche, leche sola, helado de la casa, tocinito del cielo, torta de whiskey y torta de queixo. También café de pota, aguamiel y aguarrás, por si le apetece un chupito.—nin se molestou en mover as comisuras para disimular a súa cara de noxo e desprezo.

O madrileño pediu café con ghotas e a muller torta de queixo. Moncho preparou o café de pota con agarimo e botou dúas boas ghotas do seu mellor cuspe. Coa man graxenta serviu unha boa porción da torta de queixo con varios tabáns pousados. A rañala!

Advertisements

16 comentarios en “‘Café con ghotas’ vs ‘Torta de queixo ao forno’

  1. O meu voto vai para Café con ghotas, paréceme máis pulido que Torta de queixo ao forno, o formato non esta nada mal, pero non me acabou de convencer.

  2. Confeso que sinto debilidade pola literatura gastronómica. Se nunha novela hai unha pausa para contar como un personaxe elabora un prato, gaña moitos puntos. Así, aínda que disfrutei co Café con ghotas, sendo coherente teño que votar polo “Cric. Crac” de “Torta de queixo ao forno”.

  3. «Torta de queixo ao forno»
    Algúns lectores poderíanse cabrear con este texto se despois a persoa que o escribiu decide non convidar.
    Vale, veña, á maraña do que me convoca aquí: sinxelo, pero traballado. Detrás deste relato, noto unha real adoración por esa torta de queixo quente á que lle botar marmelada por riba e comer quente. Esta idea poderíame causar repugnancia (e se o penso entrando na boca, si, dama, agora que o escribo, hahaha), pero o texto está tan ben fiado, tan cronolóxico e tan detallista que só se me ocorre pensar en algo que eu digo moito: os nenos e os avós dementes son poesía pura. Así, vexo aquí a un avó (a unha avoa) podendo contarche como se fixo a torta toda a vida. E que non veñan con caralladas de New York. É dicir, vólveseme un texto moi tenro.
    «Cric. Crac» son os ovos rompendo? É o único que me renxeu e que me fixo determe de todo o texto.
    Lido outra vez, percibo unha confusión no número gramatical. Comeza un eu e remata un nós (que vén desde case o comezo, de feito). Supoño que non o percibín porque entendín que unha cousa é o que me gusta a min e outra cousa é o que pasa na cociña. E o que pasa na cociña e que somos varios a cociñar e por iso, de súpeto, «temos listo o terreo de xogo». Se cadra, habería que mellorar un pouco as frases que veñen antes disto.
    Por certo, bo terreo de xogo para coller noutra batalla. Ummmmh.

    «Café con ghotas»
    Morro da risa co «ripitir», mais nesa mesma frase está mal usada a raia (cousa que sucede outra vez abaixo «debe ser o que sexa –e raia e logo punto e pechas») e comiches un a no «ata os collóns», persoa que escrebe. Ademais, formas unha incongruencia na raia mal posta do inicio e a segunda de «Venga, caballero», que si deixa espazo entre raia e comezo da frase (como debe ser).
    Encántame a expresión «do trinque».
    Volvo morrer da risa co dativo ético de «cálmateme».
    Fáltanme cursivas, mais entendo que se introducen organicamente no texto certos nomes, usos, etc. Un pouco tamén é o punto forte do relato: a linguaxe e o modo de linguaxe e rexistro dela que emprega, xa desde o título.
    «Pailaroco» tamén me encanta. Faime graza xa a palabra en si, non só polo que significa. Soa a: veña, rite.

    O meu voto vai para: «Torta de queixo ao forno».

  4. Torta de queixo ao forno

    As primerias 3 frases son un bo inicio de relato. Tras iso, por moi ben redactada que estea, só hai unha receita… ou non? Poida que haia algo máis, e non me refiro a nada gastronómico. Talvez quen “cociña” non estea na cociña senón na cama e en pelotas. Dádelle unha voltiña.

    Café con ghotas

    O único malo da escena é que o comportamento dos comensais é tan claramente ofensivo co camareiro que o de cuspirlle no café ata se queda en pouco. Funcionaría mellor se el os oise falar, de forma casual, mal dos galegos ou de calquer outra cousa que ó camareiro lle afecte, e como vinganza fixera iso. Sería unha vinganza sutil e oportunista. En cambio, a ofensa é directamente a el, cun descaro tremendo, e agravada pola mala vida que leva o camareiro (se fose máis feliz non lle cuspiría?). O relato está demasiado “preparado”. Non facía falla mostrar a unha persoa frustrada e insultada para rematalo cunha vinganza simbólica (da a sensacion de que a torta se non lla servise a ese matrimonio acabaría sendo para outra persoa).
    Era moito mellor que esa vinganza saise de alguen máis frio, cun tope de frustración máis alto que o de Monchiño, quen empeza o relato xa pasado de voltas. Ou que Moncho perpetrase algo realmente esperpéntico coa torta de queixo, algo digno de ser contado de xeracion en xeracion, que non fose servirlle unha que está pasada.

    Non sei por cal votar. Creo que me vou quedar con “Torta de queixo ó forno”. O dobre sentido dalle un toque especial que na miña opinion o seu rival non da superado.

  5. Voto por “Torta de Queixo ao forno”, pode que demasiado pequeno pero cunha boa descripción. O “Café con ghotas” non acabou de ter esa orixinalidade.

  6. Ah, moi difícil! “Torta de queixo ao forno” é unha delicia, en tódolos sentidos. Non me parece nada doado o que consegue o/a autor/a deste texto, transmitir paixón cunha receita. Bo, moi bo.
    En canto a “Café con ghotas”, é imposible non empatizar co protagonista, e o humor e a fluidez do relato van no seu favor.
    Custou, pero vou votar por “Café con ghotas”. Parabéns aos dous!

  7. “A torta” leva un texto elegante e redondo. O xeito de narrar é evocador nun relato que non gasta todo o crédito de palabras. Teño que valorar tamén ese atrevemento. Para min con ou sen dobre lectura creo que é un dos contiños que logo de acabar o torneo queda na memoria: lembrarei o da torta, o relato curto que tan bo sabor de boca me deixou…

    Café con ghotas tócame preto polo lado dos furanchos e os jodechinchos, atópolle orixinalidade na parte central onde Moncho baralla na súa vida. Logo para min perde neses madrileños malos malosos e o narrador sementando discordia, partidista tan ás claras.

    Voto por torta ao forno

  8. O meu voto vai para “Café con ghotas”. Gústame porque é divertido. Pero é moi predecible e está cheo de lugares comúns. Que teñen que dicir do “gh” os “nazis da ortografía” que hai por “eiquí”? Eu vos convoco! XD (Sen ánimo de ofender, eh?)

    “Torta de queixo ao forno” gústame polo fluido do texto. Se o relato é una metáfora do sexo, moi ben articulado. Se só é unha receita de cociña, pois… xa non me gusta tanto.

    • Síntome convocada por C. Ariza. Contesto, pois. Hahahaha.
      Como xa dixen no meu comentario, penso que hai recursos dabondo no texto para facer rir. A linguaxe oral está ben reflectida, pretendendo ser verosímil para que se poida ler exactamente como falan as personaxes. Talvez, un punto malo é que non contrastar co narrador máis neutral. Por outra banda, unha cousa é querer reflectir como falan as personaxes e outra non marcalo como non aceptado, como manda a norma, cando se escribe. Pero iso é outro tema.
      Á túa cuestión, resumindo: eu trato do mesmo xeito á gheada que a «ripitir».

  9. Teño que confesar que cando lin “Torta de queixo ao forno” por primeira vez (nunca emito nin opinión nin voto ata que levo polo menos un par de lecturas) se me fixo a boca auga. Que delicia esa receita, a intensidade do acto da creación culinaria. Agora, na re-lectura de antes de votar, o comentario de Lois fixo que ollase para este relato con dobres ollos. Que ben casan as cousas do comer coas do foder. Non vos vou contar de que me viñeron ganas agora…

    “Café con ghotas” é outro deses relatos humorísticos martelados do fondo da rocha nai galega que tanto me están a alegrar este torneo. Aparte de que o relato é incriblemente eficaz contando unha historia, os recursos humorísticos funcionan estupendamente. Calquera que (coma min) tivese traballado do outro lado dunha barra pode entender a carraxe ante un mal madrileño ou ante un Xaniño. Por iso este duelo se me fai amargo de votar, para min gañaron os dous.

    Pero se me obrigades a escoller, “Torta de queixo ao forno” é un pouco máis de todo que o seu rival: orixinal, sensitivo, redondo. Así pois leva o meu VOTO.

  10. “Torta de Queixo” é só unha receita escrita literariamente, pero que ben escrita! Sinto o recendo da torta, comezo salivar… Non é xusto! Parabéns.
    Con todo, voto a “Café con ghotas”, é un estupendo relato de humor, e alégranos que os fodechinchos paguen non só a súa mala educación senón todas as frustracións do protagonista. Como hai que elexir entre dous bos textos, “Café…” é máis relato, máis narrativa.

  11. “Torta de queixo ao forno” fíxome vir a fame: só un boísimo relato pode conseguir que nos rechíe o bandullo! Parabéns!
    “Café con ghotas” é outro relato que fala só, cada peza encaixa perfectamente: o ritmo da narración, a elección lexical, os xiros dialectais, a triste realidade familiar e laboral do Moncho e a odiosidade dos clientes madrileños. Bravo!
    O meu voto vai para “Café con ghotas”.

  12. Uf, ler estes dous relatos xusto antes da hora de comer, que mala decisión!

    Tarta de queixo ao forno
    Que divertida proposta, ir tan claramente polo xénero culinario, como de libro de receitas literarias. Eu tamén quedei nunha segunda lectura coa idea de que podería andar pairando por aí unha interpretación sexual (xa vin que outros compañeiros concordan), e a verdade aínda me gustou máis o conto. Transmite moito con pouco e redondea a súa proposta apuntando e suxerindo. Está moi ben contido e ten o mérito de saber que o seu formato ideal non precisaba de todas as palabras dispoñibles. Que fame.

    Café con ghotas
    Un relato moi divertido, no que vexo ademais moitas ferramentas de narrativa empregadas. O uso do español para caracterizar aos madrileños, fenómenos como a gheada, determinados castelanismos ben medidos e outros recursos para simular a fala oral están moi ben introducidos, non se fan pesados nin se nota a súa presenza, engades sen necesidade de facerse notar. Ademais das notas de humor, que están moi ben, penso que o mellor do relato tamén é o parágrafo dedicado a falar da vida do protagonista, baixa a un ton dramático sen romper o ritmo de humor do conxunto do relato, engádelle un matiz de negrura á situación, convertindo a anécdota nalgo máis fondo. Na parte feble é certo o que comentaban algúns compañeiros, atopo certos lugares comúns e o final é un pouco previsible, pola mestura entre narrador e personaxe que fai que sempre vexamos todo desde a mesma perspectiva. Aínda así, un moi bo relato, con moitos puntos fortes.

    O meu voto vai para “Tarta de queixo ao forno”.

  13. Comento:

    ‘Torta…’ é o mellor segundo relato da xornada. Hai que ter moita seguridade para presentar neste torneo unha receita de cociña convertida en relato literario. Xusto na xornada na que os comentarios se caracterizaron por unha liorta sobre a ortodoxia, o autor ou autora vai e lánzase ao baleiro contando como se converten uns poucos ingredientes nunha obra mestra do sabor. Eu, a diferenza dalgúns dos meus compañeiros, non vexo ningunha analoxía sexual. O que hai é un predominio da sensualidade, algo obvio cando falamos de algo que entra pola boca e nos dá pracer.

    ‘Café con…’: Non me interesou o relato. Que si, que o personaxe protagonista ten matices, que representa unha realidade. Todo certo pero ao final só vexo unha restra de tópicos sobre o espírito colonial do turismo madrileño en Galicia. Desde esa irreal falta de respecto (as faltas de respecto dos turistas son máis sutís, tan ofensivas pero moito máis sutís) á resposta do hostaleiro (enmerdar a comida do cliente aborrecido é un recurso demasiado vulgar como para reivindicalo nun relato). Coido que lle faltou altura literaria e quizais algo de imaxinación para que o relato fose algo máis ca unha involuntaria homenaxe a aqueles gags que facían Evaristo Calvo e coido que Isabel Risco no desaparecido ‘Made in Galicia’ na TVG do bipartito.

    Voto por ‘Torta…’

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s