‘Con boa presenza e don de linguas’ vs ‘Os acentos de dous homes’

Lingua. ALESSIO MICHELINI/FLICKR.

Xornada 2. Grupo C. Natalia Lema fronte a Érica Couto. Tema: Un acento estranxeiro.

Con boa presenza e don de linguas

Sorteando Mercedes e BMWs dispostos en ángulo coma sementes dunha espiga de gran, Mario cruzou a pé o aparcamento que arrodeaba as oficinas centrais da Sanco, SA. Na sala de espera agardou os 10 minutos que o separaban da cita.

–Mario Vergani?

Ergueuse e entrou nun despacho airoso e funcional dominado por unha gran mesa no centro.

–Son Clara Baumann. Colla asento.

–Grazas.

Clara Baumann pasou páxinas adiante e atrás durante uns segundos antes de tomar a palabra. «Fáleme da súa experiencia en Trust Solutions», «Que proxectos desenvolveu en Knödel & Pfanne?», «Goza de dispoñibilidade para viaxar?» preguntoulle sen darlle tempo a respirar. Mario expuxo, argumentou, deu datos, e mesmo se atreveu a avanzar algunhas das estratexias que, pensaba, podían favorecer a compañía se eran implementadas correctamente.

–Escoite, Mario. Podo chamarlle Mario?

Mario dixo que si podía.

–Vostede non ten acento estranxeiro.

Mario agredeceulle o cumprido.

–Sabe? Para nós isto pode ser un problema. Un grave, grave problema.

Sen querer ser irrespectuoso, Mario confesoulle que non entendía como iso podía afectar o correcto desenvolvemento do seu traballo.

–Como seguramente xa sabe, no artigo publicado no último número de Forbes a Sanco, SA figura entre as cinco pimeiras empresas do país. Se o leu con atención saberá, non embargante, que os nosos clientes principais se concentran nas franxas de idade que van dos 35 aos 65 anos. Aí o ten: os produtos da Sanco, SA considéranse seguros, duradeiros, clásicos. Clásicos, entende? Algo para uso de pais e avós. Por esta incomprensible asociación de conceptos existe unha parcela de mercado que escapa ao noso control. En Sanco, SA queremos gañar os clientes máis novos.

Mario aseguroulle que el tiña ideas para facer da Sanco, SA un xigante da economía mundial. Desoíndo estas propostas, Clara Baumann continuou:

–Precisamos persoas que lle dean á nosa empresa unha imaxe vibrante, dinámica, mediterránea, menos férrea, máis aventureira. Expertos que acheguen certas doses de nonchalance. Despreocupados, Mario. Imperfectos. Para que contratar persoal estranxeiro que non pareza tal? Non sería incongruente? Claro que sería incongruente! Para iso xa temos expertos do país.

Mario xuroulle que non sabía que dicir.

–Dareille unha oportunidade, Mario. Diga «Bo día. Son Mario Vergani, director artístico e responsable da última campaña publicitaria da Sanco, SA.».

Mario repetiu a frase sen inflexión ningunha.

–Probe outra vez, Mario. Alongue as palabras, engada vogais ao final. Non se renda. Cambie o ritmo, máis lento. Pense no sol, no mediterráneo, no dolce far niente.

Non houbo maneira de que soase natural e espontáneo. Dez minutos despois, Clara Baumann despedía a Mario asegurándolle que, de practicar abondo, aínda tiña posibilidades de traballar para Sanco.

Mario cruzou o aparcamento desconcertado. «Bo día. Son Mario Vergani», repetía. Parouno un mozo de traxe e maletín. Cun falar normando que namoraba nada máis abrir a boca, preguntou:

–Perdoé. A rrresepsiónnn?

Mario disparou a man aberta contra o peito do francés:

–Ma va’ a morì ammazzato, va’!

…………………..

Os acentos de dous homes

Os acentos, señores, identifícannos. Así sabes que un é da Costa da Morte ou dos confíns das montañas de Lugo polo simple feito de pronunciar dunha forma ou de outra. Isto, tan propio da nosa fala, fainos únicos.

Naquel hotel de Montreux coincidían ducias de homes ao redor da barra, de moitos países e moitas historias. O da dereita, Manolo de Xan, viñera da súa aldea á Suíza, deixando en Galicia a familia para buscar os cartos e comprar a casa. Día tras día só escoitaba na súa cabeza os brúos das vacas, o correr do Río Xallas preto da casa, as campás da igrexa…todo na súa cabeza, por mor da saudade.

O que estaba sentado á súa esquerda, un alemán chamado Arnold, era outro caso. Marchara hai uns anos da súa facenda en Alemaña, logo de mallar na muller por primeira vez despois dunha esmorga. Agora, a bebida xa non lle fai o efecto que debería. Na xuventude e nos primeiros anos de casado, o alcol facíalle esquecer aquela negra infancia que vivira, as noites tremendo e mirando que a porta do seu cuarto non se abrise para dar cabida a un monstro. O Arnold pequeno tiña medo, un medo deses que fan que os esfínteres se relaxen e que aparezas coa cama mollada día tras día. Seu pai roubáralle unha das cousas máis únicas que o ser humano ten, a inocencia. Cando o suplicio chegaba, tan só miraba para o teito, ollando os anacos de pintura que se ían desprendendo coa humidade, co paso do tempo. Mentres, os saloucos de súa nai, consciente da traxedia que se repetía día tras día, resoaban na súa cabeza. Arnold non é máis que un produto daquel neno roto, esnaquizado en anacos, que non sabe conter a forza nin a ira nin a tristura. Por iso marchou, non quería que os seus fillos quedasen baleiros coma el.

Nas obras, eses tugurios cheos de escenas pintorescas e homes garridos, dicían que nunca viran home con tanta forza coma Arnold. Collía as grandes lousas de granito, levábaas ao ombreiro, sen apenas rinchar os dentes e camiñaba con elas o treito que fixese falta, coma se fosen sacos de palla. Ríanse todos pensando que era a bebida, aquel ron agre que bebía tanto, o que lle daba folgos. Mais na súa cabeza a bebida deixaba de bloquear cada vez máis os recordos e volvían as escenas con máis viveza. Había días que o sentían chorar, algúns dicían que da enchente de alpiste pero o de Xan sempre mandaba calar os outros. Algo lle dicía que aquel home había que deixalo en paz, a poder ser.

Coma cada venres volveron coincidir nun tácito silencio, tampouco se entendían demasiado, apenas as expresións básicas de cortesía para saíren dos apuros e poder vivir naquel lugar sempre cheo de neve.

Dous homes, dous acentos e os seus propios medos agochados tras a cortina de fume do cigarro da camareira da barra.

Advertisements

16 comentarios en “‘Con boa presenza e don de linguas’ vs ‘Os acentos de dous homes’

  1. Eu voto por Con boa presenza e don de linguas, paréceme mais considerado co tema e encáixame na actualidade. De odas formas, o escenario de Os acentos de dous homes namoroume, creo que un pouco mais pulido e sería magnifico. Gocei ambos, parabéns ás autoras.

  2. Con boa presenza e don de linguas

    Pareceume este un texto moi simpático. Hai algunhas cousas que quitaría, metería ou trocaría, pero o improtante é que a autora tiña unha idea ben definida na cabeza e soubo expoñela sen fisuras, fíxo crible a súa ficción. Todas as frases vogan na mesma direccion. Se o relato fose un debuxo sería un debuxo ben feito e proporcionado. Ademais gústanme os absurdos e os esperpentos coma este. Mágoa que non entendo ben o sentido da frase final.
    Por buscarlle algun defecto, a preparacion do “chiste final” está tan estirada que logo a resolucion sabe a pouco. E o título. Moi longo tamén.

    Os acentos de dous homes

    O primeiro parágrafo é prescindible de todo. Non, peor ca iso: é dañino para o relato. Non ten nada que ver co que se conta, é unha intrusion violenta do narrador na sua propia historia.

    Logo as historias deses 2 señores son tan diferentes que non sei nin por que se comparan. A historia de Arnold ten forza, pero non chega a “usarse”, só se nos conta, sabemos que Arnold existe e pouco máis. Se me preguntan quen é o prota do relato diría que é o narrador, que se empeña en explicarnos ata no final o que quixo dicir co relato, coma se non tiveramos nós capacidade para interpretalo.

    Non teño dúbidas aquí, o meu voto vai para “Con boa presenza”.

  3. «Con boa presenza e don de linguas»
    Non hai espazo entre raia e diálogo.
    Na metralleta de preguntas que lle fa na entrevista, por que se colocan maiúsculas iniciais, se van separadas as preguntas por vírgulas? E «e mesmo se atreveu a» sóbralle a vírgula antes da conxunción. Falta un acento gráfico en «podían favorecer á compañía».
    Gústame, pero o final non me convence.
    Non me gusta tampouco o título.

    «Os acentos de dous homes»
    Encántame como arranca. O primeiro parágrafo enteiro é moi bo. No segundo, logo dos puntos suspensivos, hai que deixar un espazo. O resultado do roubo, «a inocencia», gañaría moito con dous puntos diante, na miña opinión e considerándoo así moi correcto.
    Non me gusta nada a mestura de parágrafos longos e parágrafos hiper curtos. Nos relatos, non entendo os parágrafos hiper curtos, a excepción de cando ten un poder moi impactante que se busca na lectura e no lector.
    En canto ao contido, penso que é unha situación moi próxima a moitas persoas de Galiza… Falar do cantón alemán de Suíza… Percibo baixo a trama unha mestura de coñecemento adquirido por herdanza e unha dose de fantasía aprehendida nos libros que, a verdade, funciona exquisitamente no texto.
    Penso que o título desmerece ao texto.

    O meu voto vai para «Os acentos de dous homes».

  4. “Con boa presenza e don de linguas”
    Comezar dicindo que a min si que me gusta o título, ten un puntiño xa sarcástico que acompaña moi ben ao conto. Un relato divertido, baseado nun esperpento pero que ao tempo comenta algo sobre lóxicas verdadeiramente tolas das empresas de hoxe en día, unha idea suxerente. A nivel de forma paréceme correcto, manexa o diálogo con soltura e o detalle de que Mario non fale directamente ata o final do conto un gran acerto, de finura.
    O problema que teño eu con este conto é quizais de estrutura. Basicamente hai no relato dous chistes forza. O primeiro, que se lanza coa frase “Sabe? Para nós isto pode ser un problema. Un grave, grave problema.” E por outra banda o final co francés. Ata o primeiro non teño ningún problema, paréceme boa a preparación. Pero todo o que acontece desde “grave problema” ata o final, paréceme excesivamente longo, como se explicase o chiste que case collimos xa ao voo. Entendo que necesita certo contexto, para levarnos cara o final, pero hai no ritmo desta parte do conto algo que non me acaba de convencer. Aínda así, un bo conto.

    “Os acentos de dous homes”
    Estou dacordo co comentario de Lois, paréceme un conto moi pouco estruturado, empeñado en buscarse sentido pero con erros de base. Ao respecto do primeiro parágrafo, é unha sentenza que se fala sobre o galego en particular non creo certa. O noso idioma ten acentos, como calquera do mundo, nin máis nin menos. Se fala sobre todas as falas do mundo, paréceme tan evidente como dicir que a cara nos identifica. Despois veñen as dúas descricións dos homes, unha moito máis curta que a outra, o que parecería estabelecer unha xerarquía entre os dous. Pero non, o conto ao final só nos fala deles para que os comparemos, sentados na barra dun bar. Non sei, non entendo que teñen en común para que aparezan xuntos e comparados. Incídese de novo nos acentos, pero non entendo en que tería cambiado o relato se Arnold e Xan compartisen lingua e acento e sinxelamente non se falasen moito.
    O mellor do conto para mim toda a parte da historia de Arnold, hai potencial aí para unha personaxe interesante, a pesar de que non conectei co conto, si conseguín imaxinarme a ese home duro e perseguido polo seu pasado.

    O meu voto vai para “Con boa presenza de linguas”.

  5. Voto por “Con boa presenza…”. Penso que non lle viña mal unha volta máis, pero paréceme simpático e non está mal na súa sinxeleza. “Os acentos de dous homes” non o entendín moi ben e teño a sensación de que non conta nada, senón que describe a dous homes.

  6. “Con boa presenza e don de linguas” é unha sátira divertidísima, unha moi boa saída ao tema proposto, e ben contada, cun final axeitado.
    En comparación, “Os acentos de dous homes”, ten pouco que facer; quedo coa incómoda sensación de que está incompleto, ou que non logrou transmitir o que pretendía.
    O meu voto é para “Con boa presenza e don de linguas”.

  7. Neste duelo atopei un relato que ten carga de profundidade pero con fallos de estrutura, e outro que se queda nunha brincadeira de superficie moi ben executada.

    Os dous creo que patinan nos títulos.

    Os homes en Suíza (Xan e Arnold) que coinciden en silencio “agochados tras a cortina de fume do cigarro da camareira (moi bo)” fíxome lembrar aquilo que dicían de Romario e Stoichkov que eran capaces de pechar os bares xuntos sen dicirse unha palabra. A min estas parellas diferentes e complementarias que se entenden sen dicir nin mu, parécenme un material de primeira para facer un gran relato. Quédome a medias neste caso porque Arnold é un peso pesado e de Xan pouco sabemos da súa biografía. Tamén ese primeiro parágrafo explicativo, como dixeron outros compañeiros, non axuda nada.

    “Con boa presenza…” ten unha estrutura perfecta e está máis que correctamente escrito. Dá gusto lelo, vamos… Pero deixoume algo frío a broma dos acentos (cousa miña quizais)

    Así e todo para ser xustos e sen acabar de conquistarme ningún dos dous, voto polo primeiro, xa que creo que encaixa mellor no tema proposto.

  8. “Os acentos de dous homes” é un título que daría para un western. Os dous, sentados na barra, fitando para o outro a ver quen saca primeiro (os cartos para pagar, o paquete de cigarros…). Pero para iso habería que perfilar ben aos dous homes e no relato só se perfila un. Tamén me sobra o primeiro parágrafo. O autor non tería que sentar cátedra. Tería que atopar a maneira de facerllo dicir a un personaxe.
    “Con boa presenza…” fíxoseme longo de máis. Pódese dicir o mesmo coa metade de diálogos. Pero consegue transmitir a mensaxe.
    O meu voto vai para “Os acentos de dous homes”

  9. O meu voto vai para “Os acentos de dous homes”. Os personaxes e a ambientación están ben traballados. Ten un estilo sinxelo pero efectivo. Agradézoche a mención ao río Xallas.

    “Con boa presenza e don de linguas” é moi orixinal. Gustoume iso de que na entrevista, Clara fale ela directamente pero é o narrador quen responde por Mario. Non sei se me explico. Bo relato tamén.

  10. “Con boa presenza e don de linguas” moi ben estruturado, con moito humor. A frase final fíxome sorrir, porque aínda que non entendía as palabras, si que empaticei co desconcerto e o anoxo do italiano. O relato dá o que promete e ademais con estilo, para quen busque algo máis…
    O dos dous homes gustoume menos. Son dous personaxes moi distintos, un perfilado con tres palabras e outro co 90% do texto, un emigrante con morriña e pouco máis e outro cunha historia terrible. Non me pega. E ademais, non vin por ningures o tema do “acento estranxeiro”, só vexo estranxeiros que non se entenden, polo idioma, non polos acentos. O primeiro parágrafo é de todo sobrante para a narración, pero o autor meteuno aí para poder xustificar o tema dos acentos. Así non.
    Voto claramente para “Con boa presenza e don de linguas”.

  11. A primeira vez que lin os relatos tiven bastante claro a cal votar. “Con boa presenza e don de linguas é unha brincadeira moi ben armada, a forma de usar os diálogos, o retrato absurdo do novo corporativismo (xa se piden enxeñeiros audaces e arriscados, tócate…) e ese chistaco final. O ritmo do relato é moi bo inda que, poida, lle sobre metraxe. En xeral un relato moi redondo, pero tamén algo descafeinado, que nesa primeira quenda levaría o meu voto de forma clara.

    Porque o que nos atopamos á contra é algo moi oposto. Un relato cun título pouco acaido, con problemas de estrutura e que non ten demasiado claro o que quere contar. Ademais o tema tampouco é que estea demasiado ben abordado (este ía moi ben para morriña, mira ti). Pero despois de relelo descubrín que se me queda máis. A imaxe final dos dous homes sen entenderse, illados, fóra das súas vidas, lembroume moito ao purgatorio que moitas veces foi esa emigración. Ese concepto, así como a forza da personaxe do Arnold (dato curioso é que me imaxinei en todo momento ao Chuache e case non lle voto por iso…sonche raro) van facer que que cambie o meu VOTO de primeira lectura en beneficio dos dous homes.

  12. Comento:

    ‘Con boa…’ paréceme o mellor relato desta rolda. É fresco, está ben escrito, consegue o rexistro idóneo do que está contando, refírese á realidade cotiá pero sen perder ese punto de maxia que ten sempre a boa literatura. Por suposto que non lle viría mal algún amaño, por exemplo cando se encontran os dous aspirantes ao posto. Pero en liñas xerais, a autora do texto só merece parabéns.

    ‘Os acentos…’ é un relato que gañaría sen os parágrafos inicial e final. O miolo é sinxelo pero moi interesante. É realista e intenso. Perfílanse dous personaxes con poucos datos. A autora economizou medios e foi bastante moderna sen abandonar o clasicismo costumista que lle acae ben a unha historia de emigrantes.

    O meu voto vai para ‘Con boa…’

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s