‘Morriña’ vs ‘Rataleón’

Ceo azul. HARRION RAYMOND/FLICKR.

Xornada 2. Grupo C. César Lorenzo Gil fronte a Carlos Vega. Tema: A emigración.

Rataleón

Rataleón vén de HomesAltos e acaba de arrepentirse da viaxe. Está en calquera aeroporto. En calquera tempo. Escolleuse a si mesmo por enriba da familia e agora quere verse só. Esta só. Bota as mans aos petos, busca algo que ten na punta da lingua pero que nunca acerta a tatexar. Só sabe que todo o mundo o ten e que el escolleu esquecelo. Rataleón quíxoo así, e non dará volta atrás.

Sempre vai haber alguén coma el e iso é o que non pode aturar. Só quere ser único naquilo. Que o admiren por marchar do seguro á primeira oportunidade que viu. Por dar dabondo. Por autosuficiente.

Rataleón non pode durmir porque non existe mañá. Todas as mañas érguese cedo, coma se intentase sorprenderse nun ataque de sinceridade pero aínda así nunca recorda os seus soños. Sabe que nada vai cambiar até que non dea atopado un obxectivo. Confía en que a viaxe llo dea.

Nunha falsa soberbia, que só lle sae dos ollos, engánase a si mesmo pensando que calquera o compadecería véndoo só alí, naquel día, comendo dunha bolsa. Pero o avión chegou cheo dos da súa clase. Nin así consegue sentirse abraiado, só ten oco para atoparse acompañado nos cen ollos que miran ás portas de embarque. Todos eles teñen algo que contar e iso pensou que o faría sentir incomodo pero marchou ao carón do seguinte avión lonxe deles, acompañado e tranquilo.

Afogaba onde viviu. Sempre se asegura de gardar todo na maleta pero hai algo que se lle escorre entre as pechaduras de velcro dende que escapou por primeira vez. Aquela vez recorda que tiña frío, pero que aquela friaxe o abrigou até estar lonxe dabondo. Recordou que ao buscar as luces alaranxadas dos farois na madrugada, estaba despedíndose do seu reflexo, que pensaba tamén en escapar. Nunca volveu sentirse tan correspondido por esa liberdade que lle amosaba o cristal. El marchou por decisión súa, pero á vez tivo que marchar para sobrevivir.

Rataleón sabe que hai dúas cousas dentro del, as raíces que buscan sosterse e as pólas que queren estirarse sen ver o chan. Hai tempo quixera ter escollido algunha para moverse máis lixeiro pero sempre soubo que as dúas axúdano a seguir adiante.

Cando pensa no que lle agarda diante só pensa na persoa que o deixará durmir unha vez chegue. Non ten outra forma de volver descansar.

Espera sentado o estrondo da nova aterraxe, nese momento cheo de fe busca nos petos e incluso pode imaxinar o fío das chaves que sempre ten na punta da lingua.

……………………

Morriña

Despois do servizo, na comida do equipo: potas industriais cheas de chucrut fumegante, fontes de salchicha, canecos de cervexa loura, barullo de louza e cubertos. tres homes, dúas mulleres, cos seus uniformes brancos de botóns anacarados. Do salón do comedor chega moi leve a musiquiña do fío musical.

«Moi mal, Vítor, esta salsa recórdame aos cultivos microbianos que faciamos no laboratorio», di a moza con lentes violetas ao tempo que vasculla no fondo da salseira metálica o mollo de mostaza.

«Que dura, Marcela!, responde o home cos bigotes requichados. Vítor fixo o seu TFM sobre a salmonella!»

«Che, che, replica Vítor limpando a boca coa servilleta». Ten os dentes moi para fóra. «Concretamente, fixen un estudo sobre un efector dos sistemas de secreción tipo 3 da salmonella entérica coñecida como serovar typhimurium».

«Buah, ese título si que aparenta… e non o meu». Quen fala é unha loura cun brillante adornándolle a súa foxa nasal dereita.

«A ver, Vane, cóntanos, pregúntalle o rapaz do bigote».

«Plan estratéxico da empresa Sacaluga Alimentos, SA, para a elaboración e comercialización de produtos derivados do aguacate no mercado peninsular», contesta a loura.

«A min o título do traballo do máster púxomo a directora, eh, intervén de novo o bigotudo». Para de falar para enviar un anaco de salchicha. «A presenza da descendencia ilexítima na novela galega posterior á Guerra Civil», di. «Eu quería estudar a pulsión estética dos vangardistas galegos por importar á súa literatura as marcas de identidade dar renovación europea do século XX… Pero iso quedará para a tese».

«Ghasús, Miguel», exclama Marcela. «E como se investiga iso?»

«Lendo», responde alterado Miguel. «Non penso que a unha posgraduada haxa que ensinarlle como funciona o método científico?» Sorrí e as puntas engominadas do bigote parece que saúdan con microscópicas mans.

«Xa ves que para me valeu. Aquí gastando as unllas esfregando no aluminio». Marcela amosa as mans.

«Tes unhas mans preciosas», di Vítor. «Seguro que nos volven chamar do CSIC. Voltaremos todos moi pronto».

Faise un falso silencio. Mandíbulas en funcionamento; a música ambiental abusando do saxo e o piano.

«Análise metabolómica de plantas de sorgo modificadas xeneticamente en condicións de estrés…» Fala Marcela. «Ese foi o meu traballo… Saquei un sobresaliente».

«Que é o sorgo?», pregunta Vanesa.

«Un cereal, non?», di Miguel.

«Si. Para darlle de comer ao gando», explica Marcela. «Cando fixen o mestrado dixéranme que estudase sobre os transxénicos, que había moito futuro aí».

«E tiñan razón», intervén Vítor. «O millo que escarrolamos seguro que é dese estresado que ti estudaches».

Rin todos. Incluso Alberte, o xefe de Cociña, que se levantara á cámara frigorífica buscar un iogur.

«Alberte», di Vanesa. «Estás moi calado. De que ía o teu posgrao?»

«Eu non acabei o instituto».

Xa non se sente o fío musical.

Alberte, na derradeira cullerada do iogur, decide que é hora de voltar para a casa.

 

Advertisements

21 comentarios en “‘Morriña’ vs ‘Rataleón’

  1. ‘Rataleón’ es un relato inspirador y excelentemente cohesionado. La disposición y organización de los párrafos resulta idónea para el desarrollo de ideas; consigue transmitir ese silencio, esa visualidad, ese ‘restless’ tan poético del vagabundo que se enfrenta a un viaje que no sabe a dónde le va a llevar.

    Capta mi atención desde la primera frase. ¿Quién es Rataleón? ¿Qué hace que se arrepienta del viaje? ¿Es acaso un artista que se siente obligado a viajar porque cree que esta es la única forma de ‘ser reconocido’? No creo que Rataleón sea un niño que se marcha de casa porque nadie le entiende, creo que viaja porque de una forma u otra, necesita buscarse la vida (o ‘una vida’). Me gusta el hecho de que mencione sus raíces y sus alas sin la necesidad de explicar qué es lo que le hace huir concretamente. Se ajusta al tema, quizá desde un punto un tanto difícil de relacionar, pero lo hace.

    ‘Emigrar’ al fin y al cabo no es más que ‘abandonar su propio país para establecerse en otro extranjero.’ o ‘Abandonar la residencia habitual en busca de mejores medios de vida dentro de su propio país.’ y nuestro querido Rataleón ‘marchou por decisión súa, pero á vez tivo que marchar para sobrevivir.’

    En cuanto a ‘Morriña’, quizá esperaba más. El título me inspira una añoranza que no veo a lo largo del relato. Creo que se abusa de los tecnicismos (tanto que te llevan a desconectar en muchas ocasiones), está claro que los personajes saben de lo que hablan pero, ¿para qué? ¿está tratando de agravar su situación? Si, son jóvenes, han estudiado mucho y aun teniendo una titulación superior, se ven obligados a emigrar para buscar un trabajo que les dé de comer. Bueno, sobraban palabras para algo más, para más melancolía supongo. El punto final me gusta, me dejó buen sabor de boca.

    Es curioso porque aunque probablemente me vea en la situación de los personajes del segundo relato en uno o dos años, no he conseguido empatizar con ellos.

    Mi VOTO va para ‘Rataleón’.

  2. «Rataleón»
    Non se debe colocar vírgula antes de conxunción «e».
    «Todas as mañás», non «mañas». Non?
    Creo que este texto está moi traballado. Percibo un ton moi meditado, unhas pausas de non novo… Unha grande bagaxe de traballo detrás, como se fose unha repetición de algo escrito anteriormente (falo de autoplaxio) que funcionou e que se coñece tan ben que se explota de novo, ata cando as frases, aínda ben construídas e cunha funcionalidade aparente, pérdense se as analizas. Con todo, noto unha intriga, unha sensación de que me perdo algo detrás… Non sei. Algo raro hai aquí que non se chega a dicir de todo.

    «Morriña»
    Non sei ata que punto está ben resolto que se poñan comiñas latinas (que adoro, grazas) no canto de raias conversacionais. Non están introducidas no texto (o que tería sentido), senón como en mini-parágrafos innecesarios. Non o entendo.
    Fáltanme cursivas. Tamén falta un punto antes de «Fala Marcela». Con todo, creo que a persoa que escribiu este texto non tivo moito tempo a revisalo, pero nótaselle coñecemento do que vai construíndo como moi asentado na súa escrita. É máis: vese no final, que quere pechar redondiño, como se fose o seu xeito de acabar os textos, sempre todo impecabelmente fiado. Tamén é certo que o fai dun xeito moi sutil, pero que se entende como propio, como moi mastigado. Non sei… Algo raro hai aquí tamén. Vaia parella de duelistas coas rarezas. =(
    «Xa ves que para me valeu»? «Para que me valeu», será?

    Pfh… O meu voto vai par «Rataleón», pero pufh. Costoume decidirme.

  3. “Rataleón” paréceme que está moi ben escrito, malia algunha gralla, como resalta Clara. É un relato redondo e traballado, aínda que a min me resultou algo intenso de máis (xa sei que iso non debería ser malo, pero unha ten o día que ten).
    “Morriña” ten unha boa idea e unha boa historia, pero paréceme que está mal levada. Non, non se poñen comiñas latinas nos diálogos. Entre esta e outras cantas eivas da ortotipografía e o diálogo en si, que para min non atrapa abondo (se cadra intervén xente de máis?), o meu voto vai a “Rataleón”. Pero qué real, non obstante…

  4. Voto por Rataleón, como di un dos anteriores comentarios, gústame a maneira en que expón e desenvolve o tema, facendo que se empatice. Ao outro diálogo fáltalle outra voltiña, pero a idea é boa.

  5. Rataleón

    A falta de ler o da sta compaña este é o meu duelo favorito da xornada 2.

    O primeiro parágrafo paréceme moi bo. O nome de Rataleón é tamén está ben escollido. Os verbos en presente danlle á historia un carácter atemporal. Rataleón pode ser calquera. As frases do relato deixan espazo para interpretar libremente quen é Rataleón. É unha forma moi interesante de crear unha personaxe, ou de profundar nun esterotipo, de humanizalo. Rataleón é un covarde e un valente. Foxe e avanza na mesma carreira. Coma todo emigrante.

    Morriña

    Creo que era mellor poñer os diálogos con raia. Evitaría cousas coma esta:
    «A ver, Vane, cóntanos, pregúntalle o rapaz do bigote».
    Non podes poñer dentro das comiñas o dialogo e a acotacion. Para iso non poñas xa nin raia nin comiñas. Entendo que foi un despiste porque logo noutras liñas non o fas.

    A idea do relato está ben (inda que non os vexo emigrados) pero, sabes que? Penso que non debiches deixar para o final o golpe de efecto. Tal como deseñaches o relato tes un 90% de texto que é recheo, que mostra os posgraos de cada un pero que non significa nada por si mesmo. E logo un 10% que lle da sentido a ter lido o anterior: sentido ó tempo que o pasaches lendo, digo.
    Se acortases ese 90% a só 0 50, é dicir, unhas 250 palabras, e logo no medio do relato soltas a bomba, que o encargado non rematou o instituto, quédanche outras 250 palabras para deixar que o lector pense e se empape sobre o que ti querías transmitir. Hai que darlle tempo ó lector. Canto antes lle entregues ó lector o miolo do teu relato, mellor. O único que tes que facer antes é prepararlle o camiño, non pospoñelo. Se a túa idea necesita 400 palabras de recheo previo para surtir efecto é que non é unha boa idea. Non poñades o corazón do relato no final.

    O meu voto vai para Rataleón. O mellor da xornada (co permiso dos do ultimo duelo).

  6. “Morriña”, parte dunha idea da emigración moi actual e moi realista. Pero non vexo a morriña por ningún lado. Si un pouco de clasismo. E sóbranme personaxes. A idea captaríase igual con dúas persoas, por exemplo, máis o xefe de cociña. Tamén gostaría dunha internacionalización do relato. Pode haber unha galega, unha italiana, unha siriana… persoas todas que emigran por diferentes motivos que lle darían color á historia. Seméllame un bo proxecto de relato ao que, penso humildemente, habería que lle dar unhas voltas.
    “Rataleón” é máis clásico. Pero, como relato, moito máis redondo. Máis mestre no emprego da linguaxe e das metáforas. Máis preciso na contención necesaria nun relato curto.
    Por iso o meu voto vai para “Rataleón”.

  7. De “Morriña” non me encaixa o título co texto, que penso que si trata o tema proposto, malia non ser o central do relato. Paréceme unha boa idea, que plasma unha realidade habitual relacionada coa migración e a precariedade laboral. Se cadra, necesita algunhas voltas máis.
    “Rataleón” é moito máis redondo; non ten un enfoque tan orixinal, pero si maior calidade narrativa. Calquera emigrante se recoñecerá a si mesmo nesa personaxe, nas súas reflexións e dualismos.
    O meu voto é para “Rataleón”.

  8. O meu voto vai para “Rataleón”. Moi poético e moi traballado. Moi moi boa descripción dun emigrante… ou acaso Rataleón é a “Emigración” feita persoa?

    “Morriña” deixoume un pouco frío. Realista. Sorprendeume o uso de comiñas na vez da raia para os diálogos (pero eu o tomo como unha anécdota, polo pouco habitual, e nada máis). Simpatizo con Alberte e ese “Zas! nos fuciños” aos universitarios.

  9. Non me pidades obxectividade nesta votación. Son emigrante e poño emocionalidade de máis no asunto, pero aquí estamos polo literario.
    Encantáronme os dous, así que resolverei case que por tecnicismos.
    “Rataleón” toma o camiño máis difícil. Na vez de falar de emigrantes, e galegos, opta por un migrante xeral, que se axustaría a calquera do mundo, tanto ten a súa orixe e destino. Sendo a idea arriscada, acádase o obxectivo.
    En “Morriña” é cando me poño subxectivo. A idea é boa, as grallas nos diálogos xa as describiron arriba, e tamén penso que con tres científicos contando as súas penas chegaba ben. Pero ten dous logros argumentais, e aquí fala o emigrante. Primeiro: denunciar o clasismo e o choromicar pola “fuga de cerebros”, os enxeñeiros, científicos con estudos superiores (e si, tamén é unha desgraza) e ignorar a toda a rapazada galega de formación media e básica que marcharon para gañarse a vida. Tanta dignidade teñen uns coma os outros. E segundo: por ese momento do iogur, cando ao emigrante algo lle fai “clic” e decide que ten que regresar.
    Se puidese votar un empate, facíao. Se teño que votar o relato mellor escrito, tería que ser o primeiro. Pero se elixo o que máis me emociona, votaría ao segundo, pero non sería xusto e deberiades descalificarme por parcial.
    Voto a “Rataleón”. E grazas aos dous.

  10. Vamos alá. “Rataleón”, moi bo título. A primeira vez que lin o relato era tarde e penso que non entendín demasiado, inda que si me quedou unha forte impresión do narrado mediante certas metáforas. Este relato sen ter presente en todo momento o tema funciona raro. Coa re-lectura gaña moitísimo. Ten moitas capas, matices e un gran traballo de fondo. Encantoume, si.

    “Morriña” é unha boa idea. Penso que este é outro dos relatos aos que o escaso tempo lles xogou unha mala pasada (lembro aos contendentes que teñen un par de prórrogas dispoñibles). Como xa apuntaron, poida que o título non lle pegue moito pois aí da morriña pouco se fala, máis ben do exilio da xuventude a todos os niveis. Gústame o final pero tamén me sobra algún actor. Estaría ben coñecer algo máis ao Alberte.

    “Rataleón” é unha pequena cebola literaria cun corazón ambiguo e soterrado, por iso leva o meu VOTO.

  11. De Morriña xa se dixeron os seu puntos febles cos que concordo. Quizais gañase con menos espazo para másters e algo máis para Alberte que aparece saído da nada.

    Rataleón (bo título): paréceme un relato con moitas ideas que rompen como no inicio do billar. Algunhas entran nos buracos, chegan o seu destino e gustan. outras quedan dando voltas e fan carambolas que empuxan polas ideas que se fan fortes e transmiten. Entre as frases acertadas e o encriptado das outras ao final queda un texto visceral que é o que me gustou realmente. Voto por Rataleón.

  12. A baza de Rataleón consiste en crear o clima que lle falta ao seu rival, e coido que aí se decidiu o duelo.

    Por certo, animeime a comentar polo tema da puntuación.
    Chámame poderosisísimamente a atención iso de que non se poidan poñer vírgulas antes das conxuncións “e”. A puntuación depende do ritmo, non das normas de estilo. Ben é certo que esas normas son fillas, precisamente, do ritmo, mais sempre que o ritmo sexa axeitado, este manda.
    O mesmo vale para as comiñas, malia que desta volta estean claramente mal empregadas (aproveito aquí para dicir que moita xente prescinde expresamente de calquera destes símbolos de diálogo, e hai a quen lle funciona, e hai quen estraga o texto: de novo, manda o ritmo).
    Nesta liña, afirmacións absolutas como as que teño escoitado en primeira persoa do tipo de “Non se poden escribir frases sen verbo”, son para que nas facultades de filoloxía comecen a darlle unha volta (mesmo unha hélice de varias revolucións, visto o visto) ao tema da puntuación.

    Saúdos.

    • P. Fernández, por suposto que manda o ritmo! O que pasa é que a conxunción «e» xa contén en si mesma unha pausa fónica. Hai que diferenciar o que se escribe do que se le. Lese como se fala, escríbese con economía da linguaxe. Como xa hai pausa fónica, non a hai gráfica. É así de simple. Do mesmo xeito que se recomenda na escrita «ao», mais lerse [o] (aberto). É só un exemplo. Por iso, rénxenos escoitar «ao» e rechía nos ollor ler «Pepe, e eu». Non ten máis ciencia. 🙂

      • Depende.

        “Pepe e mais eu” obviamente non pode levar vírgula. Non sendo que, polo ritmo do parágrafo, se lle queira dar énfase de xeito reiterado a ese “e mais eu”. Velaí o estilo por riba da norma.

        Agora ben, “O Dépor vai de cabeza para segunda por méritos propios, e non hai máis que falar” pide, polo menos, unha vírgula. E se lle poñemos un punto, festa. Porque a pausa fónica da conxunción, á hora de sentar cátedra, resulta insuficiente.

        Cortázar era un artista deixando frases sen rematar. Bernhard non comprendía que eran os parágrafos. Vonnegut tíñalla xurada ao punto e coma. E supoño que a ninguén lle pasaría pola cabeza corrixirlles o estilo.

        Dito isto, se o ritmo e/ou o estilo quedan por baixo da norma, daquela mellor facer os experimentos coa gasosa, claro.

        Saúdos!

  13. Pois a min apetéceme levar a contraria, e non porque “Rataleón” non me pareza un gran relato, ben escrito e cun comezo daqueles que te cravan á pantalla. Non é iso. Ten máis a ver coa maneira de contar esa historia individual que busca narrar o xeral a través do particular: hai unha hiperelaboración do tema que me turba e que me tira fóra da lectura continuamente.
    “Morriña” é moito máis lineal, pero ten unha mensaxe clara e potente que se abre no final. Que hai moito título de máster e de doutoramento polo medio? Claro, porque, brincadeira aparte, eses “cerebros” precisan lembrar (para si e para os demais) que teñen estudios, que fixeron carreiras e que se non están a traballar do deles é por culpa dun sistema inxusto que non premia a excelencia como debería. Hai aí un debate arredor do clasismo dentro da emigración que apreciei moito.
    O meu voto vai para “Morriña”.

  14. Eu creo que as normas están para rompelas. Pero, como xa dixen demasiadas veces, non todo o mundo está preparado para iso. Antes de rompelas cómpre coñecelas.
    As normas xerais están para servir de guía, de base correcta, de ir ó seguro. Logo pode valorarse cada caso individualmente.
    No caso deste relato:
    Rataleón quíxoo así, e non dará volta atrás.
    Imaxinemos que o autor fixera isto:
    Rataleón quíxoo así. E non dará volta atrás.
    Iso non sería incorrecto. Daquela, por que é incorrecto coa coma, se o autor quixo marcar unha pausa menor que a do punto pero maior que a da lectura normal dun “e”? En caso de que se poida interpretar un recurso utilizado correctamente eu creo que hai que dalo por bo.

    No caso de “Pepe, e eu”, non queda marxe a dubidas. Se dis “Fomos Lucía, e eu”, tampouco, porque o “fomos” xa os inclue ós dous, non ten sentido pausar. O uso da coma antes de “e” da uns matices distintos na frase. Non ten por que estar necesariamente mal, na miña opinion.

    Para escribir textos únicos a veces (por non dicir sempre) hai que ir algo máis alá do que marcan as normas, sen que isto signifique que calquera anomalia gramatical vaia resultar nunha boa idea ou no efecto esperado polo autor.

    Insisto tamen en que iso tampouco desautoriza usar puntual e convenientemente as frases tipo “isto asi non se pode facer”. Se estás en primaria non lle vas explicar ós nenos o verso alejandrino. Para ese nivel ben está que saiban distinguir un verbo dun adxectivo, e aí é cando te vas apoiar, precisamente por economia da linguaxe, nas afirmacions absolutas.

  15. Rataleón
    Aprecio o traballo que se lle dedicou a este relato, faise evidente. Hai unha vontade de estilo literario intenso, imaxes potente, perfecto para que todo teña un ton case místico, como se en realidade non se nos estivese contando unha historia, senón máis ben unha historia de historias. É un obxectivo moi ambicioso, que penso que se consegue, polo menos parcialmente. Pasa que precisamente ese obxectivo tan complicado, fai que alcanzar á excelencia sexa moi difícil nun relato como este. Notei demasiado o esforzo, non fun quen de me centrar no texto porque está constantemente esforzándose por impresionar, por estar á altura do que quere ser. Gustoume moito a analoxía que fai Marcos das bolas de billar, porque explica perfectamente o meu problema co texto. Ás veces consegue facer unha carambola e deixarme impresionado “Rataleón sabe que hai dúas cousas dentro del, as raíces que buscan sosterse e as pólas que queren estirarse sen ver o chan.” Esa frase é moi moi boa. Pero no xeral, non consigo conectar de todo con el. Aínda así, é un relato notable.

    Morriña
    Antes de nada, vin unha pequena erra moi fácil de corrixir. “á súa literatura as marcas de identidade dar renovación europea do século XX”, entendo que é “da renovación europea”
    Creo que o resto de compañeiros teñen comentado xa os problemas que eu teño con este relato. En realidade non creo que sexa tanto un problema de estrutura. Podería falar de todos os másters, ir creando unha expectativa cara ese momento amargo do final coa revelación de Alberte. Tampouco creo que necesariamente teñamos que saber máis de Alberte, o seu papel no conto é o de ser esa voz silenciosa e o personaxe que se define nunha soa frase. O problema en realidade é que o autor non consegue escapar do odioso “e entón…” Vésenlle as costuras á estrutura porque somos moi conscientes de que só se foron acumulando os másteres e os personaxes como función narrativa. Se fose posible integralos de maneira máis orgánica, que dedicases algo máis de tempo e fosen aparecendo por algunha razón máis que simple adición, funcionaría moito mellor.

    Os dous penso que son bos relatos. Voto por “Rataleón”.

  16. Relatazo te mandaches, Carlos. Un dos que máis me gustou do que levamos de torneo. Non estaba mal facer cada autor un top3 a ver se hai consenso ou non sobre os que consideramos os mellores.
    Os meus (por orde cronoloxica): Nota xunto ó reloxo, Rataleon e Desquite.

    • Mil grazas¡ Sería moi interesante facer ese top, eu tamén concordo con Nota xunto ó reloxo. Vaia peza¡
      Outra vez, mil grazas pola opinión e aquí o seu humilde servidor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s