‘Nosce te ipsum’ vs ‘Coñécete a ti mesma’

Ruínas do templo de Apolo en Delfos. ALEXANDRE ARIAS/FLICKR.

Xornada 2. Grupo D. Guillermo Rodicio fronte a Clara Vidal. Tema: Coñécete a ti mesmo.

Nosce te ipsum

Declareime a ela en Delfos alá polo 1987. Concordei que o seu corpo era un verdadeiro patrimonio da humanidade para todos os sentidos: a oniria personificada en puzzle da perfección. Xacendo nunha nube, ela ensinárame o máis valioso que aprendín na vida e que non debera ter ignorado tantos anos: saberme a min mesmo. Estudando demasiada historia na carreira, esquecinme da miña. Agardei toda a vida a alguén que me obrigase a afundir as xemas dos dedos no organismo até coñecerme de verdade. Eu devecía por sabela a ela, pero non puido suceder.

Marchou do meu lado sen darme máis explicacións que a propia descrición analítica da nosa relación alicerzada na aprendizaxe do afastamento. Como se non lle tivese importado nada en absoluto, desapareceu: fría, desapegada, invisíbel. Eu fiquei como un tronco vello e groso que resiste todos os temporais do inverno, que soporta as inscricións do amor adolescente no seu corpo áspero, que non se rende. Cando me decatei de que me abandonaba, xa non estaba alí. Xa non estaba alí. Xa non volvería estar alí nunca. Non podería agradecerlle todo o que me aprendera. Sentíame embebido e enfermo, perseguindo a alguén nunha estrada eterna sen ver nunca luces advertindo de que algo se aproxima.

Transcorría o tempo ao ralentí. Estaba senlleiro. Entón, tentei non pensar máis nela e comecei a escoitar unha canción en bucle. A letra falaba dunha substancia hipnótica que ao pairar no ambiente derrubaba os valados que custodiaba outra persoa. Do mesmo xeito que ela fixera coa miña pel para atravesarme e coñecerme, coido que esa canción antiga latricaba dun xeito atropelado sobre nós. Daquela, xa coa melodía atragoada no cerebro, entendín que a elección dese tema non fora necesariamente azarosa e fun consciente de que todo me conducía intencionadamente a ela. Estaba perdido. Talvez, namorado. Conservaba nos versos unha mestura de vivencia e desexo que me resultaba familiar, pero non era quen de acharnos. Ela chegara a min insospeitabelmente, sen aviso, coa personalidade construída, sen eivas, sen pasado. Así tamén partía.

De súpeto, acordo na conciencia. Aterro no presente. Comeza a tremerme o mundo.

Estou deitado. Intento lembrar o momento no que a coñecín, mais o primeiro recordo que teño dela lévame a unha captura fotográfica co mar grego de fondo. Esvaécenseme as imaxes. Rememoro, desorientado, noites de verán tombados no prado a falar sobre a forma das follas das árbores, pero non a localizo. Medito, confundindo odio e amor na mesma taquicardia inqueda e despistada. Axiña chega o medo, porque non sei onde estou, porque non sei de onde veño, porque estou facendo moita forza para moverme e o corpo non responde. Só vexo na parede aos meus pés un cadro dunha paisaxe de mar, que non recoñezo exactamente, xunto a outra dunha herbeira. Non sei se ela existe. Hai moita luz. Aceléranse alarmas soando ao ritmo da miña inquietude. Escoito voces berrando sobre un código azul na 1.987. Entra xente ás présas contendo o espasmo no cute. Non me recoñezo.

………………………………………………..

Coñecerme a min mesma

Quen podería ter adiviñado que a frase no oráculo de Delfos Coñécete a ti mesmo non era unha orde filosófica senón unha invitación lúgubre de cirurxián? Case a poderían tallar aquí mesmo, como reclamo no lintel da porta do quirófano.

Nunca desexei un corazón coma o teu. Nunca sentín un desexo coma este. Atopan, onde sempre souberon que estaba, o meu. Non funciona. Chega nunha caixa e ve a luz conservado como corpo consagrado, o teu. Para que só eu o desfrute.

É a nosa unha danza amorosa? Entrarás coidadosa no meu peito? Temín durante meses que non foses máis que unha esperanza fuxidía que me obrigaba a navegar para acabar desmembrada igualmente contra as rochas. Vés rondarme con cantos de serea? Podo extraer das cancións de amor máis terribles os versos que expresan o que sinto por ti. Pero non te quero. Quero algo de ti. Quérote a ti.

O corte divide en dous unha mancha no centro do esterno. Sei de memoria todos os lunares do meu corpo, a súa posición, grosor, daqueles aos que chego coa lingua, o seu sabor. Supúñase que había que sabelo, que te protexías da enfermidade, que o coñecemento se convertía en talismán. Abren un oco. Crinme dona de todo cando apenas explorei os vales máis amplos abertos ao ceo. Agora nas fonduras mesturan o sangue, a ría encontra o mar. Sempre me imaxinei morrendo de cancro, como a miña nai. Non vallo moito como sibila.

Transplantan. Prenderá a cerdeira en herdade allea? E se o fai, sentirá a terra eses froitos como seus? Se saio de aquí e nunha noite bailando frenética unha canción, seguindo un ritmo visceral, acaban acompasados co seu bater os meus pés e os meus ollos, o meu pelo e o meu sexo, os meus pulmóns e todas e cada unha das miñas cicatrices; bailarás comigo? Un latir cheo de pena e de furia. Quizais esperarás a vingarte dentro de min de aquí a uns anos, cando teña esquecido que non es máis que un préstamo, cando menos mo espere.

Paro cardíaco. Compites comigo, quéresme matar? Convócase a escuridade e aparéceseme a imaxe do teu corpo nu e baleiro nunha cama xemelga a esta, pero sen luces nin xente ao redor, mirándome con ollos recendentes de flores.

Non vou seguir. Non vou seguir. Non vou seguir, non vou seguir, non vou seguir. Non quero seguir? Quero. Impulso eléctrico. Nunca desexei un corpo como desexo o meu.

Volve o pulso. O meu pulso. Coñecerme a min mesma.

24 comentarios en “‘Nosce te ipsum’ vs ‘Coñécete a ti mesma’

  1. A pesar de que non me convenceu moito o título, meu voto vai para Coñécete a ti mesma. Paréceme unha historia moi ben contada, que me sorprendeu con cada paragrafo.
    Nocse te ipsum pareceume un estilo precioso, unha narración que en ningún momento cansa ou resulta incomoda e admiro iso. Gústame como ambos relatos tratan o tema proposto. Mil grazas polo bo rato¡

  2. Nosce te ipsum

    “Xa non estaba alí. Xa non volvería estar alí nunca. Non podería agradecerlle todo o que me aprendera”
    Non me parece necesario redundar nisto.

    “De súpeto, acordo na conciencia. Aterro no presente. Comeza a tremerme o mundo.”
    Un pouco heavy este salto ó presente. Non o tomo como un erro porque está feito a propósito, pero tampouco estou seguro de que o recurso lle favoreza ó texto.

    “Escoito voces berrando sobre un código azul na 1.987.”
    Un código azul é, no argot hospitalario, un (intento de) resucitamento. Parece que o prota sufriu unha parada e foi necesario reanimalo. A primeira parte do texto, en pasado, debe “suceder” nese estado de morte. O seguinte sería a resurrección. Dito isto, non sabería explicar que ocorre realmente. A parte en pasado é un delirio basado nos cadros (cadros? en serio?) que ten diante? Cambiou a experiencia cercana á morte a súa personalidade? Acaso a “alma” (eu non creo nas almas) que volveu a ese corpo resucitado é distinta da que o habitaba?
    Está na habitación 1987 (xa son moitos pisos de hospital) e fala do ano 1987, así que me decantarei polo delirio autoinducido. Coma se fose un soño.

    Como sexa, non me convenceu. O sentido que lle atopo non me leva a ningures e se o xulgo de forma non-racional (sen buscarlle unha explicacion) pois tampouco me emociona máis alá de que está ben escrito.
    pd: o último parágrafo é descriptivo de máis, obligado o autor pola necesidade de que darnos pistas sen decirnos directamente o que pasa. Iso sempre pasa factura.

    Coñecerme a min mesma

    É curioso o relacionados que están ambos relatos. A pesar do revirado da prosa conseguín discernir que se falaba dun transplante de corazón. As preguntas retóricas tampouco axudan a que o texto me caia simpático. Coma o do seu rival, está ben redactado, inda que aquí se usou a 1º persoa dunha forma demasiado teatral para o meu gusto.
    O que si lle axuda ó relato é o final: hai un xiro, un conflito e unha resolución coherentes coa historia.

    Ningún dos dous vai ser o meu favorito da xornada. Voto por Coñecerme a min mesma porque o final crea un relato máis sólido que o do seu rival. O primeiro ten un mellor inicio que non logra aproveitar porque a historia vai por outro camiño.

  3. “Nosce te ipsum” enganchoume ao comezo para ir afrouxando paulatinamente até o parágrafo final. Tiven que o ler varias veces. Tiven que buscar o “código azul”. Coido que o relato podía rematar perfectamente con “Así tamén partía”. Un relato de desamor que deixa pouso no protagonista.
    “Coñecerme a min mesma” creo que resolve mellor o tema da parada da prota porque non tenta enganar desde o principio. Temos toda a información no segundo parágrafo.
    O meu voto é para “Coñecerme a min mesma”.

    • creo que “Nosce” non merece que digamos que nos engana. Suponse que nin o prota sabe o que lle está pasando. sería un engano se o narrador fose un 3º persoa que nos conta unhas cousas si e outras non. neste caso o recurso pode ser mais ou menos efectivo, pero na miña opinion non engana ó lector.
      Tamén aqui quero facer a diferencia entre narrador e autor. O narrador pode ser honesto ou deshonesto, o autor sempre é (sempre somos) un mentirán. E mira que a min me fastidia mil cando un narrador me engana.

  4. Vai o meu voto para “Coñecerme a min mesma”. Non me encantou o título e recoñezo que me fixeron falta dúas lecturas para entender de que ía, pero unha vez que o entendín flueu marabillosamente e gustoume o seu lirismo, as imaxes… Con “Nosce te ipsum” non din entrado, nin con dúas lecturas entendín ben e non me enganchou.

  5. “Coñecerme a min mesma” gustoume máis, pareceume que encaixaba máis no tema e que lle dou un xiro interesante. O meu voto é para este relato.

  6. O meu voto vai para “Nosce te ipsum”. Vese que está traballado. A historia é un pouco escura pero está ben escrita.

    “Coñécete a ti mesma” ten un estilo máis directo. Flue, pero a historia non me gustou tanto como a outra.

    Quen foi o que escolleu un tema tan difícil?

  7. “Nosce te ipsum” fíxoseme costa arriba, a verdade, e non acabo de entender o xiro do final; máis que sorpresivo, resulta decepcionante.
    “Coñecerme a min mesma” gustoume, a proposta paréceme máis orixinal. Está ben artellada, ben contada e non lle sobra nada.
    O meu voto é para “Coñecerme a min mesma”.

  8. Semella que un tema tan íntimo e persoal como este fixo que os contendentes se decidisen por uns relatos cheos de imaxes potentes, ambiguas e etéreas. Dade gracias que non me tocou a min que vos ía votar enriba a porcallada onanista máxima. En “Nosce te ipsum” (bo título) o autor/a xerou unha sucesión de elaboradas metáforas e imaxes moi potentes. O malo é que o fío é malos de seguir, deume a sensación de que hai potencia (está fantasticamente escrito) sen control.

    O seu rival trae algo máis de estabilidade á palestra (e mira que é un quirófano). Esa operación a corpo aberto posúe algunha metáfora tamén moi boa, o relato está tamén moi ben executado inda que para min, e como xa sinalaron por aí, abuse algo das preguntas retóricas (cada vez que leo unha pregunta ao aire respondo erguendo os ombreiros). Sen apasionarme ningún dos dous, a pesar da brillantez de certas zonas, decántome co meu VOTO por “Coñecerme a min mesma” porque é algo máis conto que o seu rival.

  9. Escolla difícil. Dous relatos con puntos en común (hospitais, primeira persoa…), un tema moi rabudo, eu non sei que daría feito.
    “Nosce” ten un bonito estilo. Demasiado. Está ben, é case obrigado, ter un grande vocabulario e recursos estilísticos, pero non é preciso botalos todos en cada parágrafo. A historia fáiseme escura, cústame. “Coñécete”, en cambio, ten un argumento claro e levado con bo ritmo, pero a historia tampouco me engancha.
    Penso que os relatos están ben, pero con outro tema e máis tempo os autores farían textos máis redondos e interesantes. Pero isto é o que é. Voto a “Coñecerme a min mesma”, porque me parece mellor narrada.

  10. Custa entrar en Nosce. Unha vez dentro, seguindo a ese amor efémero que tanto lle dá ao protagonista, esperando un desenlace catártico, pasamos a un presente que nos leva a unha reanimación cardíaca dunha persoa que soña ou desvaría. A min pasoume con este relato que a primeira parte tan ben escrita é moi cerebral. Nin emotiva para ser a lembranza soñada que marcou a vida de quen o conta, nin tan desabrochada como precisa un desvarío. Non polo tema, pero si pola estrutura e o que intenta, fíxome lembrar o texto que gañou o anterior torneo.

    É máis fácil entrar no seu rival “Coñecerme a min mesma”. Vai máis suave. hai frases que me gustaron especialmente pola forma de contar o que acontece dun xeito ben orixinal. “Prenderá a cerdeira en herdade allea? E se o fai, sentirá a terra eses froitos como seus?” Acertado que o título lle dea volta en feminino ao lema do asunto. Non tanto me gustou que apareza repetido ao final do relato sen ancoraxe ningunha. Voto por “Coñecerme a min mesma”

  11. Vouvos vella, porque a centralidade aplastante das imaxes e metáforas nos dous contos cansoume un pouco. É interesante que os dous relatos entendan a idea do “coñecerse a un mesmo” a través do elemento alleo, do outro (a persoa que se ama, a persoa que se fai doante). Hai parágrafos e frases dun e doutro que me gustaron (o primero parágrafo de “Nosce”, os “cantos de serea” de “Coñecerme”), pero a escolla váiseme facer costa arriba.
    Veña, voto por “Nosce te ipsum”.

  12. Comento:

    ‘Nosce’: Demasiados adxectivos, demasiado regusto por literaturizar unha experiencia que ao final non sabemos en que consiste. Interesoume a descrición do desgaste do amor pero penso que o autor/a non tiña claro como enfocar o tema e deixouse engaiolar pola “palabrería”. É curioso o intento por “enxebrizar” o texto. No rexistro case fantasmagórico do relato non casan termos como latricar e senlleiro.

    ‘Coñécete’: Pásalle un pouco o mesmo. Hai tal busca da gravidade que o esencial queda oculto por unha montaña de convencionalismos narrativos algo inmaturos. Supoño que o tema levou o autor/a a unha busca da trascendencia que desta volta queda finxida. Mais recoñezo que é interesante enfrontarse a un relato sobre o transplante. De feito, case nunca aparece como tema narrativo esta relación entre unha mente e un corpo que de repente deixa de ser o corpo noso por completo.

    Voto por ‘Coñécete…’

    • Non intentei enxebrizar o texto para nada. Intentei dar unha ambiente diferente ao espazo da canción. Pensaba nunha canción concreta que me leva obsesionando xa unha tempada e que non podo parar de cantar e escoitar en bucle. Estouno a pasar mal xa. 😛
      Pero entendo que se vexa como un intento forzado do uso do léxico. Mirareino máis para futuras ocasións (que se o que quero é facelo adrede, que se note o porqué e, se non, non o facer porque confunde). Grazas.

  13. Rematado o período de votacións, quérovos contar a todos algo.
    Guillermo e máis eu somos amigos. Cando soubemos que tiñamos que cruzarnos neste duelo e con este tema, non comentamos entre nós nin nos ensinamos os textos, aínda que non tiñamos que votarnos. Parece xusto que así sexa. Ben, cando eu lin o texto seu o xoves pola noite, case infarto. El comentárame que, ao ir de parella comigo, intentara ser máis poético, máis eu. Porque eu non son de relato, xa o sabedes todos que estamos na terceira semana…! Hahahaha. Pois cando o lin, buah, flipei. É eu! É eu! O léxico, as cousas que se detén a describir… Todo. É que é eu! As miñas teimas, as miñas obsesións. Deume medo lerlle o relato polo ben que fixo de min (dito así non soa moi ben, pero xa me entendedes), pero a diferenza é que eu non tería narrado tanto (e aí está a razón da xustísima vitoria). Pero vaia, que eu collo ese texto seu, bórrolle algunhas cousas, fágoo versos e asino co meu nome e cola. Brutal exercicio que fixo aquí o meu narrador amigo por competir comigo. Se lle toca este mesmo tema con calquera de vós, asegúrovos que non tería feito nada semellante e todas esas cousas que dicides do seu relato non se poderían dicir: estaría ben medido, habería narración lóxica, non habería moito que comentarlle da forma. Adoita escribir cousas moi diferentes (e moito máis narrativas), pero fixo un exercicio máis do que se pedía. Eu non podería imitar o seu estilo tan ben nin tendo o dobre de prazo para preparar o texto. Só podo flipar polo que fixo con este tema por ser eu a outra persoa que o traballaba.
    A cousa é que vos quería contar que el escribiu este relato ao desbotar a primeira idea (que non sei cal era).
    Eu escribín este relato e despois tiven outra idea, que desbotei porque non tiña tempo nin ganas de escribir un segundo relato (con cero posibilidades de gañar porque confiaba moito no relato do meu contrincante e sabía que escribise o que escribise ía gañar el). Quedei co primeiro e menos mal, pois a miña segunda idea era (TATATACHÁN-TACHÁÁÁN): unha operación a corazón aberto! Podédesvos imaxinar máis coincidencias? Aínda que o que eu tiña pensado era un relato moito máis visceral que o que escribiu Guillermo («visceral»: palabra moi miña que el empregou no seu relato, para que vexades).Teriades pensado en trampa clarísima pola nosa parte se se me ocorre escribir o segundo relato que pensei (que ía ser menos críptico, polo menos iso tiña pensado) e estariades totalmente errados. Hahaha. Por sorte, non o fixen.
    Xa me parecen moitas coincidencias as que tivemos aquí: repeticións, Delfos, parada ao final, o mesmo puto título (por sorte eu en latín, se non serían difíciles de votar)…

    Por certo, Lois, o código (para o persoal sanitario) actívase con PCR e, como isto é ficción, resulta plausíbel a idea de que no canto de producir unha parálise doutro tipo, produza esa ao espertar. É así de simple. Mais entendo que non foi ben contada e que por iso ninguén entendeu que a personaxe principal estaba en coma, escoitando todo e vendo o que lle permitían os contrastes retianais nas exploracións, etc. Culpa miña, por suposto, non amosar mellor que era un historiador confundido e as visitas médicas (pero non tiña palabras para tanto e agardaba máis de vós, sen deixar suficientes pistas, intuíndo que iades comprender así sen axudas).
    Perdoade todos se fixestes unha segunda lectura con azos de comprensión e esta foi frustrada. Culpa miña, insisto. Para que vexades que podedes ler algo nun idioma que supostamente comprendedes e non entender nada. Hahahahaha.
    Era todo un estudo de campo na exploración dos límites da linguaxe… 😛 Toooodo intencionado. Hahahaha.

    • No outro foro onde escribía tiñamos unha expresión para isto: “Mente colmea”.
      Inda que vos puxerades dacordo nos argumentos dos relatos ou falarades deles para concordar algo para min non sería trampa.

      • O máis gracioso (e o que vos conto) é que teríamos coincidido no mesmo tema e case case no mesmo tratamento sen ter falado en absoluto sobre iso. Hahahahaha. Paréceme alucinante iso, cando somos tan diferentes.
        Un pouco para salientar que a súa liña de propostas non son así, como veredes, pero que neste caso estaba xustificada (aínda que só o entendín eu, por razóns obvias).
        😉
        Tamén por resultados así prefiro non falar, Lois. Non sabes a sorpresa que levei cando o lin! En serio. Case morro dun ataque de que non me podía crer o que lía. Pensaba: «isto é meu? Escribino hai tempo e o tiña el e agora o usa?». Hahahaha.

      • Xa veu clara a contar todo o que pasou tras as bambalinas dos contos. Pouco teño que engadir ao que ela tan ben explicou. Apenas subliñar o moito que desfrutei escribindo o relato coa idea de confundir aos lectores, moi divertido para min non só escribir un conto que me gusta (a pesares de que concordo en case todas as críticas que se lle fixeron), senón que tiña moito de exercicio estilístico.

        Por se a alguén lle interesa, o conto está baseado un pouco nesta canción de Maria Arnal y Marcel Bagès, titulado xa de maneira bastante indiciaria “No he desitjat mai cap cos com el teu”. Deixo o enlace por se alguén quere escoitala, ademais de porque é preciosa, porque idealmente para min o relato debería sempre lerse con esa canción de fondo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s