‘Os ollos nunca menten’ vs ‘Sodoma e Gomorra’

Un predíctor.

Xornada 2. Grupo A. Amador Castro fronte a Lois Z. Tema: Euxenesia.

Sodoma e Gomorra

―O test descartou as trisomías e as síndromes máis comúns ―dixo o doutor con máis frialdade do que ensaiara―. Confirmouse tamén o que vimos na ecografía: é unha nena. ―Sorrisos contidos na cara dos pais―. O feto ten boa saúde, por esa parte non hai ningún problema. ―Deixou esa palabra no aire a mantenta.

―Pero é que hai algún problema, doutor? ―preguntou o pai. Das paredes do despacho colgaban rechamantes títulos académicos. Doutorado en Xenética Molecular pola Universidade do Couto Mixto, Máster en elaboración de perfís xenéticos prenatais por Bemposta.

―O certo é que si. A proba mostrou unha eiva a ter en conta. Durante a infancia é asintomática, xorde de golpe coa madureza e logo xa se arrastra toda a vida. De feito coa vellez agrávase. ―Os pais agardaban en silencio―. A nena vai ser do PP.

―Pero… iso agora opérase, non doutor? ―dixo a nai cando se recuperou do golpe. Aínda non se lle notaba a barriga.

―Si, é operable, pero existe un risco considerable de que o paciente desenvolva tendencias neoliberais tras a intervención.

―Ai oh, érache boa! ―O pai erguérase da cadeira, estaba a carón da fiestra. O día estaba despexado e o mar calmo. Case se avistaba a costa de Irlanda desde aquela altura―. Xa chega ben co que trae. Se lle vai votar a Ciudadanos é mellor afogala nun caldeiro.

―Breo! Non sexas populista, home! Ten que haber un tratamento, unha terapia…

―Moitos pais prefiren ter na casa un galeguismo rancio de copón e sete cruces antes que arriscarse ao desarraigo completo da criatura. Non obstante, no caso da súa filla… ―o especialista achegoulles o informe.

―Capitalista, tradicionalista, católica practicante… ―Conforme pasaba as páxinas Rosalía afundía na cadeira. Até a roupa se lle tornaba negra.

―Unha monxiña. Teu pai estará contento, Rosalía!

―Constitucionalista, diglósicopositiva, madridista…

―Madridista! ―Breogán era socio do Celta.

―Temos unha sala preparada para practicar a interrupción do embarazo agora mesmo se o desexan. É a mellor decisión que poden tomar.

―Miña pobre filliña, como te podemos traer así ao mundo, para que oprimas e colonices? Se inda foses federalista… Naiciña, que desgusto teño…

―Doutor ―fungou Breogán―, está vostede seguro do que pon aquí?

―Os resultados da proba determinística son fiables nun 95%. Son vostedes os que teñen que valorar a calidade de vida que tería a súa filla con estas discapacidades.

―Ai, atende aquí, Breo! ―Rosalía atopara algo na última folla―. Di que vai ser boa e xenerosa. Iso está moi ben, non si?

―Oe, e seica escribirá poesía ―Breogán animárase a refollar a súa copia―, de tal nai tal filla!

―Poeta! Que marabilla! E mira, vai ser de carácter independente!

―Independente! ―A Breogán acendéuselle unha estreliña nos ollos―. A min con iso xa me gañou. Como sabes onde me proe! E darémoslle unha oportunidade, Rosalía?

―Pois… ―Rosalía dubidou―. Ti cres que…?

Volveron mirar os folios impresos.

―Non ―suspiraron os dous a un tempo.

………………………….

Os ollos nunca menten

Cando XX retirou os beizos por primeira vez ao bicala, XY atribuíuno ao frío. Rematara a tempada de paracaidismo e o inverno exhalaba o seu primeiro bafo.

A segunda vez, xusto cando os beizos estoupaban entre si, XX apartou a cara cun lategazo. XY ergueulle as lentes de esquí. Os ollos nunca menten. E aqueles seguían amosando amor.

A terceira vez puido establecer unha pauta: transcorría practicamente un mes entre bico negado e bico negado.

Cando o frío xa non servía de escusa, XY foi visitar o Director de Selección, tres portas máis alá do seu despacho, na procura dunha explicación racional. «Parella e Descendencia fixo un traballo excelente con vós. Tedes herdanzas xenéticas que garanten unha vida longa e unha prole saudábel. Compatíbeis ao cento por cento. Os índices relativos a clase social, educación e procedencia cultural, tamén. Que vas facer? Solicitar outra? Pódeche tardar catro anos… Deixa de cismar, pregúntalle abertamente a XX que lle pasa e despois buscamos un día para ir xogar os catro ao tenis».

Malia a resposta do seu colega, XY decidiu seguir a XX a seguinte vez que lle negou un bico. Viuna entrar nunha farmacia do centro, tan afastada de Carballal Gardens, a urbanización na que vivían, como da perfumaría que ela rexentaba no novo centro comercial. Sería posíbel que XX mantivese relacións cun incertificado de clase baixa? Sería posíbel que, temendo o escándalo dun embarazo mixto, fose mercar a pílula do día despois onde non a puidesen recoñecer?

Vinte e oito días despois, no xardín estoupou o maio. Volvían as fins de semana de saltos. XY gardou un coitelo no peto do mono pensando en manipular o paracaídas de XX. Mais non tivo azos. Durante o ascenso, abrazouna. Xa en altura, bicouna. Ela apartou os beizos. Saltou. Cunha mestura de sentimentos encontrados, XY ollou desde o avión como desaparecía XX baixo unha nube.

Polo serán, matando os restos inacabábeis do domingo, XX lía unha revista na chaise longue branca, xunto á piscina. XY, dentro da casa, tramitaba a solicitude de novas candidatas certificadas na Oficina Virtual da Consellaría de Parella e Descendencia. Mentres dubidaba, remexendo o dedo sobre o botón verde de enviar, entrou pola fiestra o zoar do móbil de XX. «Ola mamá… Está dentro, podo falar… Outra vez as bochas na boca… Como llo vou dicir! Se sabe que son imperfecta, pedirá outra!… Si, fun á farmacia… á que me dixeches… Non, mamá, o ácido hialurónico non me fai nada… Desaparecen soas cando pasa a menstruación… Non sei que máis facer. Na consellaría nin me contestan… Disimular? Non podo disimular! Dóeme! Hoxe, no avión, estaba raro… Ti arránxalo todo con paciencia! E que vai ser de min se me desclasifican?».

Co dedo pendurando aínda sobre a pantalla da Surface, XY, en pé, ollou para XX pola fiestra. Como acontece ás veces, XX correspondeuno erguendo unha mirada húmida, como aquela na pista de esquí. Os ollos nunca menten. E aqueles seguían amosando amor.

22 comentarios en “‘Os ollos nunca menten’ vs ‘Sodoma e Gomorra’

  1. Os dous relatos parécenme moi diferentes. Ambos están traballados e conseguidos pero levan o tema por camiños moi distintos.
    Sodoma e Gomorra tragueino dunha sentada, creo que ten uns diálogos pulidos e fluídos.
    Os ollos nunca menten pareceume fresco e entretidos, aínda así, gustoume mais o camiño que toma o primeiro relato.
    O meu voto vai para Sodoma e Gomorra, encantoume dende o titulo ata o final.

  2. Dúas propostas que me gustaron. “Os ollos nunca menten” entra nun mundo futuro no
    bico dos pés, na liña dun Black Mirror onde basta con facer algúns apuntamentos no
    xeito de mudar as relacións entre as persoas para dar con algo interesante. Aquí está o director de
    selección e a Consellería de Parella, os incertificados, os embarazos mixtos e o medo á
    desclasificación… todo centrifugando unha historia de amor en je! Carballal Gardens. É
    de agradecer que esa relación en aparencia un pouco oca e certificada polos fríos
    estudos de Parella e Descendencia se sosteña ao final no detalle da mirada.

    En “Sodoma e Gomorra” creo que o autor durante todo o relato vai suxeitando as bridas
    e non se lle descontrola a sátira (nótaselle boa man para o uso do humor) salvo no uso
    das siglas políticas na que corre o risco de que as chiscadelas ideolóxicas en bruto,
    resten credibilidade á fábula, e turren de todo o relato para abaixo (por outra parte moi
    ben artellado).

    Creo que quedou máis redondo “Os ollos” e leva neste duelo o meu voto

  3. «Sodoma e gomora»
    No primeiro parágrafo/intervención, a didascalia dos sorrisos, penso que está mal feita. Se se introduce dentro do diálogo, debería estar máis construída, non só pincelada. Por certo, falta espazo entre raias e inicio de oracións (en todas).
    É «á mantenta», con acento gráfico. Esta última indicación está mal feita. Debería ser: «[…] ningún problema –deixou esa palabra no aire á mantenta.».
    O vocativo cando lle pregunta se se opera iso non está marcado coa vírgula correspondente.
    E por que dou a chapa con todo isto? Porque entendo que se escribiu así só con raias de diálogo adrede, mais coido que non é cómodo (en absoluto) para o lector e se cadra é contraproducente nalgúns casos. Así como nalgunhas ocasións está perfectamente ben usado («fungou Breogán», «Rosalía dubidou»), noutras non («Conforme pasaba as páxinas Rosalía afundía na cadeira. Até a roupa se lle tornaba negra.») e eu pérdome.
    En canto ao contido, estaba tan pendente da ortotipografía que tiña que volver atrás, pero entendo que iso é algo moi dunha tara profesional miña. Non entendo moi ben que pasa ao final con esa negativa de peche…

    «Os ollos nunca menten»
    Adoro o verbo «cismar». Grazas.
    Tamén adoro a puntuación deste relato, a corrección nas vírgulas, o uso das comiñas latinas, a fluidez que se consegue grazas a todo isto na acción… En fin. Creo que a persoa que escribiu isto sabe o que se busca nun texto redondo. Por iso ao final volve ao inicio e por iso todo se acurrala no título.
    Quero pór en destaque tamén a imaxinación e ocorrencia na creación de nomes e organismos.
    Penso que xa teño ben cazada á persoa que escribiu isto… Agardo impaciente a semana que vén. Que me traerás?! Hahaha.
    Deixo unha pregunta para cando rematen as votacións: por que a oficina virtual vai en cursiva?

    Voto a: «Os ollos nunca menten».

    • Grazas polo voto e polo comentario. Acertaches co autor? Erraches? 🙂 En xeral xa se nos ve a todas cal é o noso pé rengo. Por iso non miro os nomes das contendentes á hora de votar.
      Para esta semana xa dixen o correspondente “alea jacta est” ao darlle ao “botón verde de enviar” XD As gradas xulgarán, como non pode ser de outra maneira. Tentei de cho poñer difícil para cazar cal é o meu hehe
      En canto ás cursivas, foi unha maneira algo chapuceira de intentar dicir en dúas palabras que se trataba dun acceso en liña reservado para directivos, que a “Oficina Virtual” non é unha oficina pública como a Sé electrónica da Axencia Tributaria (por exemplo e polas datas nas que estamos), que só unha clase social ten acceso á solicitude de parellas certificadas… Bo, ninguén é perfecto 😉

      • Acertei, acertei. De feito, acabo de comprobar se acertara na semana pasada (porque nin sequera o tiña comprobado) e si. Tes razón que xa estamos todos máis ou menos cazados. Eu, polo menos, xa mesmo polos comentarios da primeira semana, xa tiña algúns autores pescadísimos (e iso que non lles lera nada na vida).
        Con todo, coméntoche máis xa que me agradeces o comentario. Cada un ten o seu estilo e a min gústame o que leo en ti. Mides moitísimo as doses que expós nos relatos. Os teus relatos son moi equilibrados. Neste, por exemplo, dás moitísima informaición con moi pouco. Por exemplo (e penso que igual ata dun xeito non intencionado, conséguelo), ese verbo «estoupaban entre si» no segundo parágrafo, cando vés dun parágrafo onde falas de frío. A escolla desde verbo fai escoitar nos beizos que se rozan ese son de cando botas un xeo no té quente: esa mestura de cálido bafo corporal nas bocas co frío exterior. Non funcionaría se tiveses escollido calquera outro verbo. Xa falei de «cismar», por exemplo, pero volvo falar doutro verbo potente que empregas ofrecéndolle moito significado ao que acontece: «estoupou o maio». Si, o maio primaveral, abriuse en flor, como agromando na matriz. O verbo abre o cerebro, como se fosen pétalas. Paréceme, de novo, moi acertado.
        En xeral, insisto, penso que escolles moi ben o que dis e mides moito o que dás.
        Tamén gustei moito da escolla no sistema de determinación de sexo cromosomática. É outra ferramenta que empregas para dicir que os nomes non son o importante. Cando hai nomes, eu fíxome moito nos nomes: Pepiño, por que? Harry, por que? Se os hai, deben significar algo! Estamos xogando con 500 palabras. TODO ten que ser imprescindíbel. E penso que iso ti o sabes ben (refírome, por exemplo, a Benigno e Sabina, nomes que xa daban pistas desde o comezo, no relato da primeira semana, de por onde iría a historia).
        Tamén considero moi acertado o ton que emprega XX cando fala coa nai polo móbil.
        Que tes cousas que me renxen no texto? Si. Penso que non é necesario colocar tres parágrafos iniciais tan curtos. Rompen o ritmo e visualmente entorpecen tamén. As conversas fluirían mellor cunha intervención con guión de diálogo aparte porque son demasiado longas (de seren curtas, paréceme mellor así xa que non hai conversa real, pero son moi longas…) e ao final nótoche canso no que escribes, como que deixas algúns fíos máis soltos. Mais, en xeral, gústame a técnica do teu tecido textual. Paréceme moi meditada, moi pausada. Por iso o abrupto non cabe no texto (mira o comentario de máis abaixo falando do coitelo), pero eu son quen de lelo dun xeito diferente.
        En fin: de nada, foi un pracer. =)

  4. “Sodoma e gomorra”
    Un relato con bo ritmo e que manexa con moita soltura o diálogo. Consegue ser divertido e o seu punto máis forte é precisamente como consigue ir lanzando os chistes como punch de boxeador, sen descanso. En particular o último, con sabor negro negro, está realmente ben. Porén, aínda que a lectura é amena e agradable, despois de rematalo quedo coa sensación de que queda un pouco na superficie, que a idea queda un pouco no insustancial. Como comentaba Marcos, a min as mencións directas ás siglas dos partidos políticos sacáronme un pouco do relato, que acho funcionaría mellor cun ton máis de fábula, máis atemporal, nun futuro neboento. Tamén entendo que algúns chistes serían máis difíciles de facer, pero convertiría no relato nalgo con máis profundidade.

    “Os ollos nunca menten”
    Un conto interesante. Está cheo de detalliños que con moi pouco constrúen moi ben ese futuro de relacións persoais monitorizadas, apenas cos nomes de cuestións burocráticas entendemos moi ben o funcionamento do mundo e algúns apuntan en direccións que quedan nas beiras cun misterio moi suxerente (ese indocumentado). Tamén eu non puiden evitar pensar en Black Mirror. Resultoume tenro o xeito de decatarse do problema, cunha conversa que non debería escoitar, un recurso súper clásico de teatro bizantino coándose nun futuro distópico.De feito esa emoción acompañoume ata o final e fíxome conectar aínda máis co detalliño dos ollos, que de feito no primeiro parágrafo parecérame un pouco ñoño, pero que no final compro totalmente. Como detalliño negativo, todo o parágrafo no que valora matala na práctica de paracaidismo. Non me cadra para nada co resto do relato. Tanto coa personaxe de XY, que me imaxinaba moito máis pausado e meditativo, a pesares de que pense que lle está pondo os cornos, como co mundo en xeral, no que parece todo extremadamente hixienizado e burocratizado, sen que teñan que recorrer a métodos como o asasinato. Aínda así, o resto do conto está tan ben construído que compensa ese pequeno tropezo.

    O meu voto vai para “Os ollos nunca menten”.

  5. Non me gusta o título de “Os ollos nunca menten”, pero debe de ser do pouco quen non me gusta. En non moitas palabras a historia é completísima e redonda. Eu tampouco poñería esas cursivas, que non fan falta, pero Carballal Gardens… por favor, marabilla! É un 1984/Gattaca/Black Mirror estupendo. Vai o meu voto para el!
    Con “Sodoma e Gomorra” rin, e gustoume a idea, pero o relato botoume fóra varias veces, con explicacións innecesarias fóra das intervecións do diálogo, como por exemplo:
    “―Constitucionalista, diglósicopositiva, madridista…
    ―Madridista! ―Breogán era socio do Celta.”
    (quito o espacio entre intervencións porque, de verdade, non fai falta! Mata o ritmo da lectura ter unha liña entre intervencións do mesmo diálogo!)
    E se dixese…?:
    “―Constitucionalista, diglósicopositiva, madridista…
    ―Madridista! Por riba do meu carné do Celta!”
    Ou algo así… non sería abondo?
    O dito, voto por “Os ollos nunca menten”, pero non foi por goleada.

  6. Como son un repugnantiño, teño certo problemas éticos con “Sodoma e Gomorra”, iso de andar abortando a votantes de certo partido político (cuxas accións espertan toda a miña antipatía) faime moi costa arriba empatizar cos personaxes ou verlle o humor. Porque humor ten, e tamén ritmo e chispa. Dixen éticos: problemas literarios non lle vexo.
    “Os ollos nunca menten” é unha frase e un título que de primeiras é un cliché coma un piano, pero que logo de rematar a lectura, resulta crave na historia. Máis que a Black Mirror, a min chéirame ao Mundo Feliz de Huxley, e dígoo como referencia, non como plaxio, dígoo a modo de gabanza. Agrádanme máis este tipo de historias, e iso é máis un defecto subxectivo meu ca dos dous autores, que fixeron un traballo estupendo.
    Xa que hai que votar, vótase: “Os ollos…” leva o meu apoio.

  7. Gustáronme os dous relatos, moi diferentes en estilo, ton e ritmo. “Sodoma e Gomorra” é máis arriscado, e como apuntaron antes, non me parece de todo pertinente mencionar un partido político específico (non entrarei en ideoloxías, non ven ao caso). Porén, o humor ben utilizado para min sempre é un plus, e este relato fíxome rir. En “Os ollos nunca menten” gustoume ese contraste entre a frialdade da sociedade que presenta, e a calidez desa mirada. Non obstante, non me convenceu tanto.
    O meu voto vai para “Sodoma e Gomorra”.

  8. O meu voto vai para “Sodoma e Gomorra”.

    É un relato moi divertido, arríncame un sorriso sempre que o leo. Está moi ben escrito e moi ben escollida cada palabra do relato. Unha dúbida: a filla de Rosalía e Breogán sería a rapaza da que falaba Rajoy?
    Estou totalmente en desacordo co que se comenta sobre o uso das siglas dos partidos políticos… acaso iso non fai máis real o texto? Eu no que menos me centro cando leo ou critico un relato de ficción é se é políticamente correcto ou non; así como tampouco xulgo a comida segundo o color das paredes do restaurante (se me permitides a comparación tan “arizaniana” que me saliu).
    O que non perdoo é que decidan abortar a una poetisa. Ben, si, o perdoo porque é ficción.

    “Os ollos nunca menten” ten un bo final, pero o desenrolo do texto é lento para o meu gusto. Está moi ben escrito e diante de calquera outro relato daríao como gañador, pero comparado con “Sodoma e Gomorra” perde en case todo.

    • Ola César. No meu caso cando falo de que o uso das siglas non me gustaron, non ten nada que ver co politicamente correcto. Na sátira creo que funciona máis o non dicir as cousas a queimarroupa.

      Cando o autor di “―Independente! ―A Breogán acendéuselle unha estreliña nos ollos―. A min con iso xa me gañou. Como sabes onde me proe! E darémoslle unha oportunidade, Rosalía?” todos sabemos de que se está falando e faise de xeito moi intelixente… Breogán, Rosalía, unha estreliña nos ollos…

      Por outra banda o que acontece no conto non é un futurible? iso entendo eu, e empregar cousas que nos cravan dun xeito tan brusco no día de hoxe creo que lle resta credibilidade.

      • Entendo. E concordo contigo en que é preferible suxerir que escribilo directamente. Quizais o autor debeu usar unha perífrase para nomear aos partidos políticos; ou quizais inventar outras siglas (como comenta abaixo Botana); ou quizais non o fixo porque se pasaba do límite de palabras (que non o sei, non contei as palabras). En todo caso non quería polemizar, só dicir que para min o uso das siglas non é algo que me afectara ou me despistara ao ler o relato.

  9. Este está a ser o torneo das gargalladas. Vaia sátira tan hiper-referenciada, áxil, veloz e caralleira que está feita este “Sodoma e Gomorra”. A min o das siglas non me afecta máis alá da perda de poder crear unhas máis disparatadas como a evolución natural distópica das dos nosos partidos contemporáneos (PPPP = Partido Popular Para Portugal, Ciudadanios, PSTEOE, BNJa= Broque Nazionartista Jalapeño). Problemas éticos nunha fábula de escarnio e maldicir? Mira como son as cousas, sentín bastante máis intolerancia respecto ao protagonista de “Os ollos nunca menten” que, a pesar do namorado que está e de que a mensaxe final do relato é a do amor e tal, pense en matar a parella sen chegar sequera a preguntarlle o que lle pasa. Para min é un eiva grande do relato, por como acaba precisamente. Concordo con todos en que o ambiente distópico está xenial e da magoa que ese detalle escureza (para min) o resultado final. Inda que se perda o detalle da mirada, que é moi forte, poida que se o relato rematase co tipo dándolle ao botón, eu votase por este relato.

    Como non foi así, o meu VOTO vai para “Sodoma e Gomorra”.

  10. Hai que ver como batallades, chachos! Grandísimo duelo.
    Os diálogos de “Sodoma e Gomorra” van coma unha seda, son áxiles, a aparente espontaneidade é proba de que o autor traballa fino, e ese final rotundo déixanos, no fondo, unha mensaxe ben amarga. Iso si, coma xa apuntaron xs compañeirxs, esa referencia explícita ó PP rompe o ritmo e, ó meu ver, reduce as implicacións filosóficas (morais, éticas, como lle queirades chamar) do relato. Terei poucas luces, mais pareceume que ó meter as siglas, o relato se transformaba máis nunha mofa ó PP que nunha reflexión sobre os límites da nosa soportación humana (que importancia damos ás ideoloxías, á educación e ás avaliacións científicas na toma de decisións, ata que punto toleramos as diferencias, e mesmo se a diferencia e a oposición de valores e criterios debe respectarse, etc etc etc).
    “Os ollos nunca menten” empeza, para min, de forma morna e algo descafeinada, e remata creando todo un universo fascinante en 500 palabras. E cando digo fascinante, quero dicir que me deixou remoendo sobre ese mundo futuro e esa historia de amor aéreo.
    O meu voto vai para “Os ollos nunca menten”. Parabéns ós dous autores!

  11. Comento:

    ‘Sodoma’ paréceme un relato excelente. Arriscado pero coherente co tema proposto. Seguro que haberá quen o considere excesivo pero para min o autor escribiu o que quixo escribir, aludiu aos tópicos nacionais e nacionalista galegos que quixo e fíxoo con soltura e con humor. Non é este un trato de Socioloxía nin unha tese de Políticas, é un texto humorístico algo “destroyer”. Outra vez risco e outra vez bo resultado, segundo a miña opinión.

    ‘Os ollos…’ coido que tamén é un bo relato. O ritmo é perfecto e a historia de incomunicación baixo un aparente mundo feliz huxleyano (estou de acordo) está moi ben explicada. Sempre se di que a ciencia ficción fala sempre do tempo no que é escrita. E coido que neste texto se cumpre perfectamente tal máxima. Quizais no noso mundo ninguén se considere imperfecto por ter aftas na boca pero si que para protexernos da vulnerabilidade somos quen dos meirandes absurdos. Talvez non precisemos un departamento público para cambiar de parella pero parece máis doado mudar de relación que reparala. Normal na era do usar-e-tirar.

    Voto por ‘Sodoma…’

  12. Noraboa ao Lois pola vitoria. Xusto antes da campá, deume unha estocada e caín na area. Menos mal que levaba o paracaídas 😉
    Grazas, de novo, a todas polos comentarios. Axudan moito a mellorar un chisco cada día.

  13. Outro duelo empatadísimo. Vivimos ó borde do ataque ó corazón.

    Pode que o relato fose mellor aceptado sen as siglas, pero sería outro relato distinto ó que quería escribir.

    Pensade nisto un momento: quen son os que quedan peor no relato? O PP e a súa órbita, ou os pais e o médico, capaces de abortar un feto pola súa presunta ideoloxia? De verdade é necesario cambiar as siglas no relato para que a crítica contida nel sexa válida? Se cambiase o signo político dos pais, sería unha mofa dos naciolaistas… ou daquela mudaría a unha burla dos intolerantes?

    • Hum, interesante. Eu creo que o que me renxe no tema das siglas é precisamente que ata no tempo un relato que quedaría mellor nun ton máis fabulesco, máis intemporal. Sinceramente penso que o relato non deixa para nada mal ao entorno do PP, nin sequera aos conservadores en xeral, é unha pequena piada sobre o intransixentes que poden ser as ideoloxías. Pero mentres que os pais non son do BNG, senón que son nacionalistas galegos en xeral, a nena si que é do PP ou Ciudadanos, non nacionalista española. Ese desequilibrio provocado polas siglas é o que me renxe.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s