‘Silvas’ vs ‘O Paso da Canicouba’

Incendio.

Xornada 2. Grupo B. Adrián Feijoo fronte a Marcos López Concepción. Tema: O monte arde.

O Paso da Canicouba

Desde que morrera a nai de Josiño a el nin lle prestaba xogar a partida. Facía a súa quenda de varredor no concello, pedía o menú do día no bar de Gloria, e pola tarde tombábase a dormiñicar no sofá cama. Os coidados que precisara dona Amelia desde que sufrira o ictus, logo dunha convivencia de sesenta anos, acabaran por mudar a súa relación nun algo enfermizo, xa que a pesar de terlle un gran querer, rematou desexando que falecera. Cando o triste feito aconteceu o sentimento de culpa invadiulle a cachola coa idea de que a vida non pagaba a pena e que pronto haberían de xuntarse de novo.

Ese encontro do fillo coa nai aconteceu na vaga de incendios do pasado outubro, cando unha lingua de lume lambeu a comarca de Vigo polos catro costados. Ás once da noite todos os medios estaban desbordados e a descoordinación era absoluta. Pola redes corrían mensaxes alarmantes, unha boa parte eran maledicencias, a outra chamamentos de auxilio para que a veciñanza se mobilizase naqueles puntos nos que as casas ardían.

Nas horas máis tráxicas uns golpes espertaron a Josiño. Desamorriñouse fretando un ollo e foi ver que era. Achou o veciño na porta, Alberte do Forno, que puxaba del dicíndolle mil cousas.

–O que? –preguntou Josiño.

–No Covelo, está Eli coas rapazas. Hostia, Josiño, se tes auga na baldeadora?

–Haberá… está chea.

–Déixame ir alá, por Dios, que se van queimar as nenas.

Josiño acabou por comprender, xa que cando se deitara pola tarde había unhas labaradas nas Coutadas Pequenas, pero agora o Piricoto alumeaba nun anel aberto como o ollo do demo.

–Non sei que dirá o alcalde –obxectou Josiño.

–Xa lle poden dar. Tes as chaves ou que carallo?

–Para. Vou eu tamén.

Josiño moveu o vehículo municipal e rodaron pola provincial. Alberte chamaba pola súa ex, que se desesperaba do outro lado do móbil. Cada pouco colgaba para apresurar a Josiño que co acelerador pisado non superaba os corenta por hora.

–Cago na puta –Alberte movíase adiante e atrás no asentadoiro como un boneco-, di Eli que abaixo no Tombo a policía quixo evacuar pero dúas mulleres quedaron mortas.

Na encrucillada do Confurco os bombeiros tiñan a estrada cortada á espera dunha nova dotación. Facéndose cargo dos motivos polos que teimaban en pasar, quedoulles prohibido avanzar. Dando marcha atrás colleron pola Canicouba. Alí o fume era denso e as muxicas voaban en todas as direccións. A baldeadora saltaba nas fochancas ameazando con virarse. A cincocentos metros de onde querían chegar, o vento levaba as lapas longas dun eucalipto a outro, cruzando a pista, nunha barreira que facía que o aire fervese. Semellaba infranqueable e pararon. Cando Alberte rompeu a chorar, Josiño viu unha vella entre as chamas. Vestía un mandilón e tiña o corpo corcovado. Sorría chamando por el cunha man en alto, nun xesto que recoñeceu.

–É a miña nai –dixo, seguro de que, se a súa nai acenaba para que a seguisen, as cousas haberían saír ben.

………………………………………………

Silvas

–Non vaias, Tareixa. Sabes que che fará mal. Por favor, faime caso por unha vez.

Sabía que o consello do Roque estaba acertado, e que había boa intención detrás. Pero o meu irmán, sempre teimudo en protexerme dos males do mundo, non entendía que eu debía de ir, sen importar como me sentase. Era unha cuestión persoal, unha débeda comigo mesma.

O aspecto da fraga, dúas semanas despois do lume, era de pura desolación. Xa dende o coche vin que arderan algunhas parroquias, e varias hectáreas de monte próximo. Nomes coma Louzao, Viña, Pazos ou Gres, que non oíra dende o final da miña adolescencia, cando mamá morreu en morte e papá en vida.

Lera no xornal que non houbera vítimas mortais pero que centos de terras quedaron calcinadas. Na televisión, un portavoz da Xunta con cara de circunstancias lamentárase das perdas económicas e prometera man dura cos pirómanos e delincuentes medioambientais. Os veciños camiñaban pola estrada con expresión sombría.

Eu non sentía odio cara ao perturbado que gozaba coa visión das chamas devorándoo todo, nin indignación polo vago das promesas institucionais. Tampouco mágoa polos veciños que perderan o traballo de toda unha vida polo lume: pode soar mal, seino. Non tiña nada na testa que non fose a necesidade, constante e asfixiante, de chegar ao meu destino. A miña empatía estaba en horas baixas.

Dous días. Dous días para coller un avión a Dublín. Dous días para comezar unha nova vida lonxe desta terra morta, e comezar cun novo ciclo. Roque volvería a Xenebra, a súa aséptica vida tan diferente da miña. Coas amizades dos tempos de Compostela xa non me falaba dende hai bastantes anos. O meu pai estaría á usma de máis viño co que afogar os seus recordos. Xa nada me ataba aquí, só esa visita pendente.

Aínda quedaba unha camiñada polo outeiro. Era coma pasear pola superficie dun planeta estéril, onde os familiares cens tons de verde deron paso a mil de gris. Os troncos calcinados formaban poses excéntricas, os únicos habitantes erguidos no ermo. As partículas de cinza residuais danzaban no aire, levantándose ao meu paso. Un cheiro intenso impregnaba todo, e por momentos custaba respirar.

A silueta da vella casa foi visible pasados uns minutos. Seguía de pe, aínda que a pedra estaba a xogo co resto do monte, recuberta dunha capa de tisne. Cando estiven máis preto fixeime nas vigas de bidueiro; resistiron durante medio século, pero o lume tivo un efecto o suficientemente adverso para temer polo seu futuro. Os poucos mobles que deixamos quedaron coma caricaturas quebradizas, case sombras.

Estiven nese esqueleto durante hora e media. Pouco permanecía xa do meu paraíso da nenez, do meu refuxio na adolescencia. Tampouco quedaba moito desa nena, de todas as maneiras.

Cando volvía cara ao coche, unha cousa chamou a miña atención, algo que ignorei completamente na miña subida. Por todas partes había pequenos brotes verdes, algúns mesmo nas pegadas do meu ascenso. Piseinos sen darme de conta.

Advertisements

28 comentarios en “‘Silvas’ vs ‘O Paso da Canicouba’

  1. Os dous relatos parécenme que acertan no tratamento do tema, están moi ben escritos e nótase bastante tempo de traballo detrás deles. Gustoume o pulidos que quedan. O meu voto vai para O paso da Canicouba por gusto persoal, encántame o ritmo e o seu final. Moitas grazas aos autores¡

  2. «O paso da Canicouba»
    Hai erros de ortotipografía desde o comezo. Supoño que a persoa que escribiu isto non tivo moito tempo para revisalo (ou que se lle pasou porque o texto, obviamente, nos prazos nos que os escribimos, non teñen tempo a repousar o suficiente como para volver a eles cos ollos limpos e ver certos fallos).
    Entre raia e inicio de diálogo debería haber espazos.
    Paréceme un relato ao que, por desgraza, estamos moi preto todos. Poderíamos ter sido esas personaxes.

    «Silvas»
    Entre raia e inicio de diálogo debería haber espazos.
    Síntome hoxe moi nazi da ortotipografía, en serio, pero non se debe colocar vírgula antes da conxunción «e»…
    Encántame iso de estar/andar á usma. Que bonito iso, no contexto, referido ao pai. Que precioso emprego do substantivo.!
    «Seguía de pé»: fáltalle o acento gráfico ao pé.

    O meu voto vai para «Silvas».

  3. Tema este difícil, os dous relatos decidiron lanzarse sen complexos ao que temos máis recente nas feridas. Aínda así un tema duro, mentalmente para min os dous competían co conto de César da anterior edición, o do limoeiro, e é duro competidor.

    “O paso da Canicouba”
    Gran relato, impactoume. A relación perturbadora entre o fillo e a súa nai anciá, mesturada con toda a tensión dos lumes crea unha atmosfera moi particular de terror entre o real e o imaxinario. Moi logradas as ténicas empregadas para crear tensión durante o conto, primeiro cun parágrafo desde fóra que anuncia a situación de maneira máis obxectiva, despois coa conversa dramática, pero moi viva e agoniante entre Josiño e Alberte e despois de novo o narrador intervindo no penúltimo parágrafo, para que poidamos enlazar de mellor xeito coa imaxe, moi poderosa, final.
    Con iso por diante, un par de apuntes de cousas que se poderían mellorar. Entendo que a idea era enmarcar no primeiro e o último parágrafo a relación de Josiño coa mai. Pero no principio a min fáiseme un chisco artifical, e o xeito de enlazalo no segundo parágrafo “Ese encontro do fillo coa nai tivo lugar…”, non sei, véxolle os fíos. Quizais mesturar toda esa información nun só parágrafo, no que se nos presente a Josiño e a súa nai combinando co relato dos incendios funcionaría mellor. Pero non estou seguro.
    E por último, na última frase, tan demoledora querías que fose que para min hai unha coma que a ralentiza innecesariamente, ten toda a forza ela soa, que flua. Eu deixaríaa en “dixo, seguro de que se a súa nai acenaba para que a seguisen, as cousas haberían saír ben.

    “Silvas”
    Onde o outro relato é tensión e acción, este escolle a tristura dos días despois do incendio. Creo que transmite ben esta idea, chave durante todo o conto, que guía todas as imaxes. Hai algunhas ideas interesantes na maneira de retratar esa paisaxe terrible, que son o maior punto a favor do conto. O xeito de introducir detalles sobre os dous irmáns, mesturados coa narración, conséguese de xeito orgánico, sen atrancos.
    Agora ben, estes puntos a favor tamén fai que sinta o relato un pouco plano. A idea da desolación é moi poderosa e penso que todos conectamos con ela precisamente porque son feitos reais e próximos. Pero o conto non explora moito máis que iso. A idea de que ela en realidade non está arraigada, os seus problemas co pai e o irmao, apenas me parecen apuntados, viven un pouco aparte de toda a temática do incendio.
    Por último en canto ao fondo, o final para min perdeu toda forza por un tema de credibilidade. A natureza renace e os brotes volven, pero en dúas semanas… nun incendio grande, a terra en certo senso, aínda esta ardendo nese lapso de tempo, non nace nada.

    Dous apuntes no tocante á forma.
    Estou con Clara no das vírgulas despois de conxunción “e”. Aquí pasa xusto na segunda liña, despois do diálogo, e descoloca un pouco sobre todo porque aínda non estás metido no relato. Hai outros despois no texto, pero ese é especialmente problemático.
    “Eu non sentía odio cara o perturbado”. Non “ao”. Non me meto a comentar erros de ortografía pero este en particular, si me sacou da lectura.

    O meu voto vai para “O paso da Canicouba”

    • Ese «o», eu tamén o comentara no meu comentario para dicir se sería «ao», pero despois borreino porque pensei que se cadra estaba eu entendendo mal as personaxes.
      É dicir: a min tamén me sacou da lectura e tiven que darlle voltas.

    • Ollo, neste caso a coma antes de conxunción copulativa está mal pero a norma non é absoluta: aplica canto se trata de elementos gramaticalmente equivalentes, pero se houbese un inciso ou unha frase distinta, poderíase poñer.
      No caso do “o” Vs. “ao” penso que tampouco tedes toda a razón. Eu diría “ao”, porque se trata dunha persoa, pero cando o complemento anda aí a cabalo entre directo e indirecto, paréceme difícil de poñer. Por moita persoa que sexa, se é complemento directo, seica se pode poñer sen preposición “a”. A min non me gusta e penso coma vós, pero incorrecto non é.

    • Non pode ser que o que sobre sexa ese “e” e non a vírgula? Pregunto sen ánimo de nada. Porque a min sóame mellor a frase deste xeito: “Sabía que o consello do Roque estaba acertado, que había boa intención detrás”. Non?

  4. Voto por “O paso da Canicouba” pola emoción que me transmitiu, mesmo se “Silvas” me pareceu que tamén está moi ben.
    De “O paso da Canicouba” hei dicir que nada máis ler o título xa pensei que iba ser un abuso de enxebrismos para conquistar corazóns galaicos, pero entroume moi ben o texto, se ben lle daría unha volta para arredondar a historia: impactaría máis deixando no aire a morte de Josiño, penso, ou entrando distinto na primeira parte. “Silvas” está ben resolto pero non me enganchou a súa linguaxe nin o seu fluír.

  5. O relato “Silvas” namoroume, non sei exactamente o por que, quizais porque me recorda a algo persoal meu que aínda non consigo identificar. Noraboa, gustoume, dos que máis, sen desmerecer ao outro. Voto por el.

  6. O Paso da Canicouba

    É estraño, este relato está cheo de eventos con alto potencial emocional e sen embargo non logrei empatizar tanto como deberia co prota. Pode ser porque están moi repartidos, tanto no tempo coma no entre as personaxes (non todas afectan a Josiño).
    Por exemplo, penso que o primeiro parágrafo debeu ser o segundo (cunhas minimas modificacions). Así, entras no relatos sabendo ó que vas, que vai de lumes e dunha aparecida, e logo matizas como era a vida de J antes. Cando lin o 1º parágrafo a 1º vez formeime unha idea del moi distinta do relato: a vida de J trala morte da nai. E o relato non vai diso, de feito o 1º parágrafo é btt prescindible, e iso é un pecado para un 1º parágrafo.

    É posible que o final quixese ser ambiguo, pero non lle vexo maneira. A baldeadora non puido loitar contra iso, non sei se Alberte, Eli e as nenas morreron, pero Josiño obviamente si. É unha escena potente, como a dos 2 na baldeadora. O ideal sería que estivesen mellor conectadas. Por que aparece a nai aí? É o desexo inconsciente e culposo de J de morrer? Vale, pero iso non se relaciona directamente co resto do relato, que pasaría a ser circunstancial. Pudio tirarse por un terraplen calquera día da semana.

    Silvas

    Este relato melloraría moito cunha revisión.

    “o consello do Roque estaba acertado, e que había boa intención detrás.”
    como di Clara, a coma sobra (isto volve repetirse despois). tampouco o verbo “estar” é que combina mellor con “acertado”. E xa postos, non é necesario dicir que hai boas intencións detrás dun consello que é acertado.

    “vítimas mortais”
    entre os variados erros expresivos do relato tamén hai cousas destas, expresións propias do periodismo que non lle acaen nada ben a este texto. “…que non houbera mortos”.

    “con cara de circunstancias”
    sei o que queres transmitir, pero non se fai así. Isto é moi eliminable.

    “das perdas económicas”
    o mesmo de antes. Ou o pos entre comiñas para recalcar que é unha cita ou tes que dicilo con palabras máis humanas.

    A partir do 4º parágrafo a cousa mellora (refírome ó nivel da narración) e imos chegando a un final bastante decente, inda que se basa máis nas descripcions que nos sentimentos e debería ser ó revés.

    Falando do final, hai outro erro importante:
    “Por todas partes había pequenos brotes verdes, algúns mesmo nas pegadas do meu ascenso. Piseinos sen darme de conta.”
    Un narrador en 1º persoa ten que andar con coidado ó dicir que fixo algo sen darse conta. Non podes poñer que viches algo diante túa e a continuacion que o pisaches “sen darte conta”. Aquí, coma en moitas outras frases, penso que tentaches, autor, describir unha escena desde unha perspectiva de 3º persoa en lugar de desde a 1º que estabas usando.
    Poderías poñer: “Pisáraos sen darme conta”, para evitar o problema.

    Voto por “O paso da Canicouba”.

  7. As présas pásannos factura 🙂
    Os dous relatos pecan, no meu particularísimo parecer, de falta de revisión. Con dúas voltas seguro que melloran moito. Aínda que “O paso da Canicouba” consegue recrear a atmósfera abafante dun incendio, non entendín ben a relación coa nai.
    “Silvas” tiven que o ler dúas veces para que me entrase. De cando en vez hai pinceladas bonitas. O dos brotes é unha metáfora da esperanza, aínda que non se correspondan coa realidade dun incendio.
    Voto por “Silvas”.

    • Estou dacordo, Amador, co das revisións; pero mira que pisa esa esperanza que dis que alude. E, xustamente colocado no peche, dubido moito que non teña un significado alén do que simplemente di. Creo que é unha metáfora doutra cousa… E por iso gostei tanto dese peche, para que o que se nos coloca como xestando unha boa acción, unha boa intención de ver o desastre sen culpa e… zas.

      • Segundo Ockham a explicación máis sinxela é a máis probábel. Pode que as pisara, sen máis. Ou pode que non. Agardo unha explicación do autor ao remate das votacións. En todo caso encántame o teu nariz 🙂 🙂 Esa mirada afiada que tés. Pásoo moi ben cos teus comentarios.

    • No relato pon que a prota vai ao monte dúas semanas despois do incendio. En dúas semanas si que dá tempo a que saian brotes verdes.

  8. Tema difícil polo recente que o temos, e enfocado de dúas formas moi diferentes. En “O paso da Canicouba”, o principio pareceume algo atropelado, o primeiro parágrafo, cos precedentes sobre a nai non me convencen de todo. Mellora a continuación, e a imaxe do final gustoume.
    O ton melancólico de “Silvas” gustoume máis, paréceme tamén un texto algo máis traballado (é certo, todos pecamos de falta de revisión, consecuencia inevitable do ritmo do torneo). Creo que é un tratamento menos evidente, e que funciona incluso como simboloxía, o final desa etapa vital da protagonista.
    O meu voto é para “Silvas”.

  9. O meu voto vai para “O paso da Canicouba”. Convenceume a segunda vez que o lin, na primeira lectura non me dixo moito. En xeral está ben narrado, a historia gústame e o final é moi bo.

    Con “Silvas” pasoume o mesmo, só cando o lin a segunda vez lle atopei o “aquel”. Síntome moi identificado coa prota e está ben escrito, pero non é bastante como para que vote por el. Iso de “morrer en morte” encantoume.

  10. Agrádanme os dous. Os dous requiren máis traballo, estilístico e técnico, e seguro que os autores llelo darían se tivesen máis tempo. O tema, doroso e moi recente, convida a escribir, pero o perigo é caer en tópicos, e creo que nin Adrián nin Marcos (ou viceversa) caeron niso. Parabéns.
    “O paso” está moi ben narrado, sobre todo a acción. Pero ese “e que pronto haberían de xuntarse de novo” que remata o primeiro parágrafo xa me di como vai rematar o relato.
    En “Silvas” gostei moito da idea de centrar o relato no “despois” da desfeita, e penso que acada ben a nota de desolación. Só me desgustou a metáfora dos “brotes verdes” (soáronme a Zapatero canda a crise), agroma unha nova vida, un novo comezo… pero logo a prota os pisa? Podía ter un mellor remate.
    O meu voto para “Silvas”, con todo. Parabéns aos dous.
    A Clara: non hai espazo entre o trazo do diálogo e a primeira letra. No meu caso o procesador detecta o diálogo e si que o formatea así, cunha pequena sangría no medio, pero en principio non se fai ese espazo.

  11. “O paso da Canicouba” é un relato que ten unha gran potencia emocional, en varios sentidos. Gústame a persoaxe de Josiño, que con catro chas queda perfectamente definida no imaxinario colectivo galego. Canto tratorista hai nas aldeas así coma o Josiño. Outra cousa que está moi ben é a forma de narrar a acción, cousa na que é fácil esvarar e tirar o relato pola borda, sobre todo cando escribes con presa. Certo é que, coma ao seu rival, a este relato fáltalle unha chisca para estar perfecto penso que por mor do axustado prazo.

    “Silvas” gustoume algo menos. A pesar de ter algunha imaxe moi potente polo medio e de que o final sexa moi correcto, con esa dobre ou tripla significación (marchar a Irlanda, fuxir, poida ser ese pisar os brotes…) non me acaba de chegar coma o drama fantasmagórico do seu rival.

    E si, os dou perden fronte a “Limoeiro”, para min o mellor relato do anterior torneo (bastante disputado con “Remixio e a Madalena”), pero como ese xa gañou algo, agora o meu VOTO vai para o a Canicouba.

  12. Os dous relatos funcionan ben, pero “O Paso da Canicouba” leva mellor o ritmo, paréceme a min. En “O paso”, o autor constrúe un personaxe crible con catro trazos. A conversa que mantén con Alberte mentres o Josiño esperta do sono sirve eficazmente a crear unha atmósfera de irrealidade da que gustei moito.
    En “Silvas” paréceme que esa necesidade emocional de Tareixa por regresar á casa da infancia está presente dunha forma algo diluída na historia.
    Voto por “O Paso da Canicouba”.

  13. Comento:

    ‘O paso…’ é un relato escrito por alguén que domina moi ben o oficio. Non lle treme o pulso en ningún parágrafo, sabe o que quere dicir e cóntao sen amosar nin unha soa debilidade. Paréceme interesante que no torneo tamén apareza de cando en vez o relato do noso tempo. Así que parabéns ao autor por conseguilo con tanta eficiencia. De todos os xeitos, e isto xa é unha cuestión persoal, paréceme que no inicio do conto hai demasiada información, que no miolo a conversa toma demasiado protagonismo e que o final, que é onde en realidade está a forza do relato, é dicir, na parte que lle deixa ao lector, chega xa demasiado tarde, con todas as cartas sobre a mesa. Ao autor faltoulle empatía polo lector, deixalo construír esa decisión de Josiño ao final.

    ‘Silvas’: Un relato de nostalxia onde nada parece demasiado auténtico. A linguaxe administrativa, as pinceladas sobre os personaxes demasiado categóricas, certa incoherencia entre unha protagonista que recoñece o desapego e o seu desacougo polo incendio. Dáme a sensación de que só se buscou epatar e o final quedou de cartón-pedra.

    Voto por ‘O paso…’

  14. Rematado o prazo…

    Felicito a Marcos, xusto vencedor desta contenda.

    Moitas grazas polos votos, e polos comentarios sobre estilo e ortografía: como escritor habitual en castelán, intentei evitar no posible os erros, pero sempre coánseme algúns. Mellorar será cuestión de trabucarme e aprender, supoño.

    Sobre os brotes verdes… a verdade e que o plantexei como pura metáfora, sen reparar na súa verosimilitude. Pode dar pé a un dobre escenario; realismo máxico, ou realidade científica. Cada quen escolla o que queira.

    Un saúdo, e grazas de novo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s