‘A Compaña’ vs ‘Camiño de Arcade’

Negra compaña.

Xornada 2. Grupo D. David Botana enfróntase a Fran Castiñeira. Tema: A Santa Compaña.

A Compaña

Levo centos de anos portando esta cruz. Nin o Noso Señor a carrexou máis dun día. Séculos desde que aquela vella me collera desprevido aquela noite na fraga, “Terma disto”, pedírame. Estaba escuro, collinlle o que crin un mastro ou unha táboa.

O vento comezou a fungarme nas pernas, cheiraba a cera ardendo. Eran os sinais da Compaña, a Estadea, pero eu non os coñecía. Vin que non era un mastro senón unha cruz, a Cruz do Vivo. Estaba condenado a marchar con esa triste procesión, sentín os mortos besbesellar detrás de min. A vella persignouse, debuxou unha cruz no chan e desapareceu nas tebras.

Tentei varias veces escapar, e outras veces mirar atrás, para os defuntos e as súas luces. As súas mans de xeo oprimíronme o corazón sen sequera tocarme, nunca concibira tal sufrimento, tal terror. Comprendín o meu novo cometido: vagar diante deles, nunca mirar atrás e ir onde me dicían. Para a eternidade ou até que outro vivo me substituíse. Sen poder morrer. Tamén o tentei, inutilmente.

Todo este tempo camiñando ata facerme sangue nos pés, marchando para onde me dicían. Leguas e leguas sentindo unicamente o seu cantar monótono e o cheiro a cera dos seus cirios, sen mirar atrás, sen escapar, sen morrer, só camiñando. Só algunha vez puiden enxergar o escintileo das súas velas reflectido nas augas negras dalgún río.

De todos os xeitos, nas últimas décadas decateime de que a cousa non ía ben. A luz eléctrica, os automóbiles, as estradas, as aldeas abandonadas. Cada vez tiñamos máis dificultades, xa non había mestas fragas nin escuros camiños para agacharse ou aparecerse a algún mortal. Para a miña desgraza: así me era imposible atopar a algún incauto que me substituíse na miña amarga encomenda.

Nos últimos anos o borboriñar fúnebre e o cheiro a cera perderon intensidade. Había menos mortos ás miñas costas, a procesión minguaba. Unha vez aparecémonos a un grupo de rapaces de acampada. Non se asustaron, ao contrario, enfrontáronse connosco. Contrarrestaron as luces dos cirios coas faíscas dos seus aparellos, apuntando cara a nós e invocando o seu deus: “Para Stagram”, crin entender no barullo. Nas súas caras había diversión, e non temor, fervor nin arrepentimento. A maioría das ánimas, desconcertadas, dispersáronse, vin as súas luces esmorecer na fraga. Só quedaron unhas poucas comigo. Derrotadas polos adoradores de Stagram, por estes tempos de novos deuses.

Hoxe pásolle a Cruz a este rapaz que atopo polo camiño, sen enganos nin preámbulos. Mira confuso para o estandarte e para min, non sabe que facer con el e a min non me importa. Persígnome e debuxo a cruz no chan, non miro atrás, cumprirei por derradeira vez o rito, mesmo sabendo que non me segue ninguén, vivo ou morto. Nótome marchar, por fin desaparezo. Antes, vexo o novo portador, o primeiro sen Compaña de mortos que o siga, sacar o seu aparello do peto e apuntalo contra si mesmo mentres sostén a cruz, sorrindo como un parvo.

……………………..

Camiño de Arcade

Adelina espertou e soubo de certo que ía morrer. O galo cantara sen que ela acordase, tusira ata tres veces seguidas, tiña frío e, por vez primeira na súa vida, non se quería erguer. Estaba a cerrar os ollos de novo para deixarse ir cando un tirón da colcha a sobresaltou. Ao pé da cama estaba Martiño, seu neto, a única familia que lle quedaba, o único asunto pendente coa terra. Tiña fame, coma sempre.

Logo de meter o pouco que tiñan nunha saqueta, saíron camiño de Arcade. Hoxe era alí o San Tello, habían atopar no traxecto unha boa familia que acollese o neno antes do pasamento da vella.

A morte pesaba nas pernas e no fol de Adelina, o día apuraba o paso máis lixeiro ca o seu andar. O xentío discorría ao seu carón pola verea, uns saudaban, algún que outro daba un pé de leria, mais ningún era bo dabondo para a vella: o de Andrade, mala xente; Isolina, unha beata; os de Xaquina bebían, á Raposa da Ponte cheiráballe o alento… De cando en cando o cativo tiráballe da saia e a avoa sacaba un rocho de pan balorento da saqueta.

A tardiña colleuna repousando aos pés dun loureiro mentres Martiño apañaba silandeiro amorodos. Nestas que pasou María da Fonteculler coa cativa collida da man. Diante delas guiaba o paso un cadeliño pequeno que se parou onda o neno dándolle ao rabo. «Boas tardes, Adelina», dixo María. Inda tiña os peitos inflamados do neno que perdera, seica se andaba a ofrecer de ama para calmar a dor do leite; e o da alma. «Boas», respondeu a vella. Os nenos xogaban co can. Martiño soltou unha gargallada de ledicia, Adelina estrañouse, non lembraba tal son. María sentóuselle ao lado e preguntoulle onde ían. «Camiño de Arcade, ver a familia», mentiu a vella. Logo dun cacho mirando os nenos xogar, a da Fonteculler ergueuse, deixoulles un dos queixos que levaba e seguiu o camiño. Martiño despedíase deles coa man cando súa avoa tirou del. Estaba anoxada, non sabía o porqué.

O camiño ficou deserto, xa toda a xente pasara. Quizais en Arcade alguén querería un meniño famento. Adelina atallou polas fragas tentando adiantar a morte que viña coa noite.

O aire da floresta semellaba máis mesto ca o queixo de María, cada paso alí eran coma tres no camiño. A noite atrapounos na metade da nada. Adelina buscou un clareiro e falou cun fío de voz, «Ven, Martiño, imos cear». Con sorte tería tempo de partir o queixo. Sacou a navalla e comeron baixo a lúa. Despois o rapaz deitóuselle nas pernas e quedou durmido.

Ela acariñáballe o pelo cando os viu chegar en procesión. Eran moitos, fedían a camposanto e a oración. Á fronte deles un pobre diaño suxeitaba unha cruz. «Que fixeches, Adelina?» dixo un, ou poida que todos. «Era meu…», respondeu a vella. Martiño ergueuse e tiroulle da saia, tiña fame, coma sempre.

28 comentarios en “‘A Compaña’ vs ‘Camiño de Arcade’

  1. O tema encantoume, e como o tratan ambos autores gustoume moito. A compaña consegue moi ben o seu cometido, cunha linguaxe coidada. Ambas estruturas están logradas. Aprecio máis ás imaxes que transmite o segundo relato, así como a linguaxe. O meu voto vai para Camiño de Arcade. Moitas grazas aos autores polo bo rato¡

  2. «A Compaña»
    Penso que os puntos máis fortes do relato son as pinceladas sutís de humor. Gústame o de «para Stagram».
    Con todo, o principio gustoume pero foime desmeigando segundo ía lendo… E funlle notando carencia de revisión ao texto, cando noutros puntos adiviñei que se estivo moito sobre eles, así que penso que se cadra non foi falta de tempo…

    «Camiño de Arcade»
    Gosto de como comeza o primeiro parágrafo aínda que ao final a construción das frases fáiseme algo máis pesada. Con todo, saliento a escolla do léxico no relato.
    Encántame a numeración das persoas coas descricións.
    Sóbrame «e o da alma», polo menos introducido tal e como está.
    O de «Ven, Martiño, imos cear», pensó que debería ir precedido de dous puntos e, con todo, ir o uve en minúscula. É do verbo «vir», así que debe ser: «vén». Non? Se non, non o entendo.
    A imaxe de velos chegar en procesión é moi potente, do mesmo xeito que a seguinte escolla para describir o fedor que traían, que me compaxina á perfección coa coidadosa elección de léxico, toponimia e antroponimia. O ambiente, en xeral, de todo o texto, resúltame moi… enxebre.
    Ao final: «dixo un ou pode que todos». Non?

    O meu voto vai para «Camiño de Arcade».

      • Certo, aquí é imperativo. Pfh.
        Estou a cen esta semana. Pídovos desculpas a todos porque ademais isto si que o sabía (non como o das raias). Quérovos nutrir co que eu vexo e comentar todo o que vos poida axudar e estou conseguindo crear confusións e discusións inoportunas, no canto de resultar de axuda.
        Agardo servirvos de máis a semana que vén. Vou tomar un paracetamol para a cabeza, polo momento.

    • Clara, os teus comentarios serían dobremente valiosos se os puideramos ler cada xornada antes de enviarlle os relatos a César. Sucede que case en todos os relatos hai erros ortotipográficos e detalliños a debater, coma os que levas sinalados ata agora. Todos aprendemos cousas diso e é mi bo, porque tamén fai que nos esforcemos máis no seguinte texto. Pero tamén sucede que as normas ortotipográficas son públicas e obxectivas. Se alguén quere deixar impolutos os seus textos pode conseguilo consultando diversas fontes e recursos dispoñibles para todos.
      En cambio, se o que o autor quere ter unha opinión subxectiva doutro ser humano non ten máis remedio que conseguir que ese ser humano lea o seu relato e emita unha opinión. A min gustaríame saber máis da túa opinión subxectiva dos relatos (non falo deste duelo en concreto), e se para iso tes que recortarlle tempo á ortotipografía, pois recórtallo, porque tamén sei por experiencia que ese é un esforzo que se aproveita pouco (excepto se falamos de reglas que semella que o autor descoñece totalmente). A maior parte da xente non abre o documento orixinal do relato para correxir os erros. Nin os ortotipográficos nin os narrativos. Algúns relatos deste Torneo non chegarán a ter xamáis unha versión 2.0. Serán descartados ou quedarán como están, o único cambio que sufrián será que pasarán do escritorio a algunha carpeta de miscelánea no PC de cada quen. Un amigo meu dixo unha vez que o obxectivo dos erros que marcamos nos relatos [de torneos coma este] non é mellorar eses relatos, senón os que escribamos no futuro.

      Comentar 7 duelos cada semana (logo serán menos, por sorte, porque isto come moitisimo tempo) é traballoso e o teu esforzo está por encima da media. Sería unha mágoa que te queimases a medio torneo por culpa de algo que cada un podería facer ben se lle dese a gana. Dígoo polo teu último post.

      • Lois, parécesme moi duro co teu comentario.
        Eu corteime máis a primeira semana porque non sabía como ía o certame, pero lin os vosos comentarios con moita atención e reparei en que si que corrixides todo o que vedes… Iso é o que me pareceu, polo menos. Talvez estea errada. Por iso, quero ofrecer todo o que os meus ollos vexan cando leo. E fágoo coa intención de que entredes no Word e cambiedes o que vos apunte se o considerades necesario ou vedes que é un xeito de mellorar o texto que vai ser gardado nunca se sabe para que ou canto. Aínda que morra, por que non gardalo ben? Así en seis anos, se o atopas, volves a el coa mellor calidade que tiñas nese momento. Eu entendo que se tes que escribir, revisar e ler un texto para mandar en cinco días, obvio que ti vas ler todo xenial, porque o tes na cabeza. Non somos conscientes dos erros moitas veces, neste tipo de textos tan apresurados. É precisamente por iso que o digo. Non me digas que ninguén vai abrir o documento máis, que me deprimes. Eu si que o fago, xente! Corrixide!
        Tamén intento ofrecer a opinión subxectiva como ser humano lector dos relatos, sempre que teña algo que dicir ou pense que vai servir de algo o que diga. Se penso que non, prefiro advertir á persoa que escribiu o relato que se lle colou unha gralla da que non foi consciente. Basicamente, por ser útil en algo. Dáme mágoa que non percibas máis comentarios dos que gostes (a forma de facelos ou as cousas nas que se paran os meus apuntamentos sobre os textos), pero pensa que aquí comentamos 16 persoas (mínimo) e non todas o poden facer como gostes.

      • Vou arriscarme a escribir aquí antes de remate o prazo de votacións, pero ollo, sen dar pistas de cal relato é o meu, porque isto non vai diso. Non te anoxes, César.
        As críticas poden levantar a pel fina de algúns, eu, no meu caso, agradezo moito as correccións ortográficas, literarias, de castelanismos, etc., e creo que tamén a maioría dos autores de aquí. Non digo que estea de acordo con todas, pero si con moitas e acéptoas todas con agrado e boa intención.
        Pero refírome ás criticas aos relatos. Estarmos agora con críticas ás críticas e críticas ás críticas das críticas: paréceme perder o tempo. Se Clara ve erros ortotipográficos e pensa que son importantes, é moi libre de dicilos. Se a Lois lle parece unha perda de tempo, mágoa.
        Non creo que haxa autores decentes que digan que o seu texto, escrito nun prazo de 7 días, está “perfecto” e non merece corrección ningunha se queren facer algo a posteriori con eles (publicalo no seu blog, mandalo a un concurso…). Se é así, mal imos. Outra cousa é que o desboten para un caixón.
        Agradezo a todos os vosos comentarios, sobre todo cando non se limitan ao voto senón que aportan algo. E xa non digo os de Lois e Clara, que lle adican un tempo e paciencia aos relatos alleos que me admira. Bravo, polos dous! E non vos enfadedes, ho…

    • Non teño ningún problema en que corrixas exhaustivamente a ortotipografía dos relatos. Se che falei foi porque te vin algo decaída no último post. Paréceme que te botas enriba un traballo titánico do que ó final os autores sacan pouco rédito (pola súa preguiza, non porque non sea válido o que fas). Sei o traballo que da o que fas porque eu fixen igual en tempos.
      Eu si que fun ó meu word a cambiar algunhas das cousas que me marcaches nestas duas xornadas. Talvez estea equivocado e todos fagan igual. Que falen a ver, se non saberémolo na seguinte xornada: se os relatos se publican cos mesmos erros que xa levantaches é que eses autores non están interesados na ortotipografía. Porque insisto: para manexar ben un narrador cómpre moito entrenamento e ó mellor un nunca o consegue na vida; para puntuar ben os diálogos só compre facer unha búsqueda rápida en internet.
      No anterior foro no que escribía falamos moitas veces de por que a maioría da xente non revisaba nin correxía os relatos cos erros que marcabamos entre todos. Non chegamos a ningunha conclusión firme. Para algúns estaban escritos en pedra e non cambiarían nin unha tilde mal posta, outros dicían que non pagaba a pena. Tamén hai xente que di que iso é traballo unicamente dos editores.

      Non quixen dicir que non me gusta como comentas. O que quería era ver máis de ti, algo máis persoal. Eres das que primeiro comenta, das que mais escribe e das que remata máis rapido de comentar toda a xornada. O que tiñan que facer os outros é aprender de ti, precisamente. Tamén sei que algúns comentaristas prefiren calar antes que dicir que un relato non lles gustou. E eu quero sacárvolo todo como autores e como comentaristas. A alguén que da o seu voto e nin fala dun dos dous relatos duelo, que lle vou pedir? Pícote a ti porque ti si que lle adicas tempo a isto.

      • Acabo de ler os comentarios de Fran e de Lois (non sei se foron publicados agora ou onte, pero vin os dous agora e porque entrei, porque ao correo só me chegou o de Fran). Lera xa o de Amador con ton de avó amansando netos, que me pareceu hiper entrañábel. ❤
        Non rifamos! Eu non considero que rifemos, vaia. Nin me pico, Lois. Síntocho, pero non me pico. Se queres que dea ao máximo (dentro das miñas capacidades moi limitadas no tema) cos teus relatos, fareino en privado cando saiba mellor como tomas o que digo. Cando saiba mellor se tes algo máis dentro que non soubeches dar no texto. Cando saiba ata onde se te pode espremer. Así actúo cos meus colegas escritores e non me importa dicirlles que van ter que re-escribir todo de volta se o considero necesario e vexo que algo (o tema, as imaxes…) é salvábel. Porque coñezo que poden saber máis e porque sei, porque os coñezo, por que o fixeron mal o non de todo ben. Teus, lin dous relatos polo momento. Dáme tempo. E tes razón en que invirto minutos de máis posibelmente para nada, pero quero pensar que si que abrides os Word ao ver os comentarios de cousas como cambiar un p por un o ou borrar un espazo… Con todo, estou escribindo este comentario no meu descanso de traballar e préstame moito máis e é moito más gracioso que un café ou un cigarro. Así que non foi para nada. Gostes ou non dos meus comentarios, como xa che dixen, non vas gostar dos que faga todo o mundo. Cada un ten que comentar como sabe ou como pode ou como quere. Haino que aceptar.
        E non nos cabreamos, Fran. Cabrear vaise cabrear contigo César por comentar aquí. Hahahaha.

  3. Jobaaaaaaa… Vaia dous relatos! Encantáronme os dous e paréceme difícil escoller.
    Os dous parten do megaenxebrismo da nosa cultura, pero van por camiños moi distintos e iso gústame.
    En “A compaña” gustoume moito o avance dende ese momento pasado ata o presente botado a perder, o selfie final é brutal. Paréceme ademais que o estilo se vai modernizando coa historia.
    En “Camiño de Arcade” ata se me puxo mal corpo. Está aí a muller coas tetas a estoupar coa solución que busca e por que non llo deixas, Adelina? Velaí o xiro, a sorpresa… Esto de ser nai fai moito dano hormonal, así que a historia me impactou especialmente. Boísimo tamén o final. Nun texto así agradezo que os diálogos vaian coma pensamentos metidos no texto, así non se sae da acción/descrición.
    Sinceramente, isto vai a moeda. Cara “A compaña”, cruz “Camiño de Arcade”.
    Cruz.
    Voto por “Camiño de Arcade”.

  4. O camiño de Arcade gustoume máis, pero están moi equiparados os dous duelistas. Quizais por subxectividade voto por este. Un saúdo

  5. A Compaña

    O comezo é un pouco redundante. Penso que reducíndoo a 2 parágrafos os 4 primeiros a sería mellor, a proposta collería máis forza. O 4º parágrafo parece un resumo do anterior.

    Logo o tema da modernidade… o humor non rompe de todo, non eclosiona. Por iso era importante pasar rápido polo inicio tamén. Cando chegas á parte dos adoradores de Stagram non tes unha idea clara do que estás lendo. O final está ben, é continuación (case) lóxica do que sucede no parágrafo anterior.
    O interesante aquí é a colisión entre os vellos tempos e os novos. Mágoa que só se toque de paso nun par de frases. O autor preferiu buscar o humor coa descripcion de escenas, como a do campamento. Eu quitaríaa. Tamén hai que ter en conta que o tipo empeza a historia desde o seu presente “levo anos…”, e logo, nese mesmo presente (“hoxe”), resulta que xa non ten a cruz. O relato debería partir dun punto fixo no tempo. Ou leva a cruz durante o relato ou non a leva. Se o tempo avanza mentes conta a historia daquela sería un diario o que estamos lendo. Necesita un bo repaso.

    Camiño de Arcade

    Bo inicio. Xa nos di todo o que necesitamos saber. Temos os protas e a sua situacion perfilada sen recheos.
    O final é un doble xiro, non só vemos que o pobre do rapaz vai rematar como socio da Sta Company senón que enriba semella que foi o egoísmo da avóa quen o sentenciou case adrede. Non quixo deixalo cando tivo a oportunidade. Nin o tentou, en realidade, só se estaba excusando ante si mesma. Na 1º lectura pensei que se unían á Sta de mortos, agora non estou seguro de se é de vivos. Talvez fóra desta web o lector non entenda ben por que o relato remata coa Santa Compaña e non simplemente morrendo os dous no monte. Digoo porque é un elemento de non pouca importancia introducido moi lixeiro nas ultimas liñas do relato.

    Un bo relato, no top3 da xornada. Voto por “Camiño de Arcade”.

  6. Clara e Lois, non rifedes. Eu aprendo moito cos vosos comentarios ortotipográficos, sintácticos, ortográficos, estilográficos e tamén cos filosóficos ou místicos. Mesmo cos literarios. Todas as que andades por aquí sabedes moito e é de agradecer que compartades esa sabeduría cos que, coma min, non temos formación. As autoras somos persoas co texto do relato pegado ao nariz. Cómprenos un agarimoso tirón de orellas de quen ten a ferramenta e a perspectiva. Sentiría unha gran mágoa se deixárades de o facer (vós e a Sabela, os dous Césares, a Ana, o Gabriel, o Marcos, o Adrián, a Érica, a Natalia, o Carlos, o David, o Fran e o Guillermo).
    E agora ao tallo. A Santa Compaña é un tema que leva ao que leva. Semella inevitábel darlle un aire gótico ao relato. Queda, pois, acertar coa ambientación. Ese acerto doullo a “A compaña”. O acerto en artellar unha historia “redonda” doullo a “Camiño de arcade”.
    E como hai que votar, voto por “Camiño de arcade”. O “era meu…” do final, di moito.

  7. espremerlle o zume a Santa Compaña semella difícil pero os autores conseguen sacar adiante dous relatos moi bos cun tema do máis trillado. Parabéns. No primeiro o punto forte é ese enfrontamento entre a tradición e a modernidade, e o seu final. O segundo é perfecto e non lle acho ningún desaxuste. Logo de darlle voltiñas… VOTO por “camiño de Arcade” xa que na Compaña teño a sensación que hai certa repetición de ideas na parte central. Difícil escolla en todo caso.

  8. O meu voto vai para “A compaña”. Gustoume máis a historia e eses retallos de humor lle veñen moi ben ao relato. Penso que debería ter comezado en pasado para pasar a presente ao final, pero en xeral está ben.

    “Camiño de Arcade” ten un final inesperado e moi bo, pero o desenrolo do texto non me gustou tanto.

  9. Gustáronme moito os dous relatos. “A Compaña” contén esa crítica ao desapego da propia cultura, con eses rapaces que nin se decatan do que teñen ante eles, só preocupados por ese deus seu, o tal Stagram. Moi bo o toque humorístico.
    “Camiño de Arcade” vai moito máis alá, colle a premisa da Santa Compaña e mostra unha historia terrible, con moita forza e moi ben levada. Non é predecible, pero ten xusto o final adecuado.
    O meu voto, pois, vai para “Camiño de Arcade”.

  10. Esta segunda xornada duelística estame a resultar difícil, e xa conto cunha terceira apoteósica. Imos ó noso.
    De “A Compaña” apreciei, sobre todo, o contraste entre os vellos tempos e os novos construido en base a unha realidade relixiosa e espiritual moi localizada: iso ten un potencial enorme, e creo que o autor do relato, tendo máis tempo, podería facer marabillas.
    Que podo engadir de novo a “Camiño de Arcade”? Basicamente, nada. Xa xs compañeirxs analizaron todos os puntos salientables. A min é un relato que me levou por onde quixo, crin cada personaxe, cada situación e cada palabra.
    Voto por “Camiño de Arcade”, pero que non se me despiste autor de “A Compaña”, que aí ten material para seguir sacando historias.

  11. Vaia duelo máis bo, por agora o meu favorito da xornada. Xa o tema me parecía moi interesante e saíron dous relatos excelentes.

    A Compaña
    A idea de coller o tema lúgubre de Santa Compaña e volvelo ao humor estaba aí berrando que alguén o fixese hehe. Penso que o relato ten algunhas ideas moi boas (o Stagram e o selfie final en particular). Rinme e ao rematar déronme ganas de volver lelo para repasar os mellores momentos, o que sempre fala ben do relato. Agora ben, estou bastante de acordo con todo o que comenta Lois dos puntos febles do conto. Os primeiros parágrafos dan voltas á mesma idea cando o mellor estaba no final e aí era o sitio para virse arriba e gustarse. Como di Lois coa verba xusta “tarda en eclosionar”. Aínda así, demostrando que o máis importante nun conto é o final, o bo sabor co que remata faime ser moi positivo co conto, e estaría moi preto de levar o meu voto noutro duelo. Pero ah, este era ben competido.

    Camiño de Arcade
    Moi moi bo relato, non lle cambiaría nada. O inicio como xa comentaron por aí arriba está moi ben, introduce o mundo rapida e efectivamente. O estilo de todo o conto para min é o máis acaído para o que se conta, a frase máis longa, a descrición pausada. Moito mérito niso tamén. O evidente é comentar a forza das dúas imaxes centrais. Primeiro a da Adelina rexeitando a opción ante esa muller que perde o leite, que dalgún xeito coloca no horizonte o fatal final aínda que o narrador segue á propia Adelina que aínda non o quere recoñecer. E a final con esas dúas intervencións, a da Santa Compaña con voz de un e de moitos ao mesmo tempo (penso agora no exército dos mortos do Señor dos aneis, que nunca asociara á Santa Compaña e que teñen moito en común) e a resposta de “Era meu…” de Adelina. Na primeira lectura lin ese era meu nun ton un pouco lastimeiro, como se se arrepentise do que ten feito. Porén, na segunda imaxineimo máis desafiante, como se lle dese igual o que pensasen dela. A potencia da imaxe, co neno xogando ao mesmo tempo é tal, que con moi pouco consigue evocar moitísimo. Excelente, moitos parabéns ao autor.

    O meu voto vai para “Camiño de Arcade”

  12. Pingback: Velaquí o Torneo Punto e Coma de Duelistas – Francisco Castiñeira

  13. Pingback: Torneo Punto e Coma de Duelistas – Francisco Castiñeira

  14. Comento:

    ‘A compaña’ é un relato benhumorado e correcto. O achado do stagram é moi divertido e serve para darlle o ton exacto a todo o relato. É unha pena que non tirase por unha vía algo máis disparatada e absurda porque xa a estas alturas facer un relato sobre que os fantasmas os matou a electricidade quizais é tópico de máis.

    ‘Camiño…’ paréceme un relato moi ben armado. Clásico pero intenso, con todas as ferramentas do relato do xénero gótico. Ademais, a Galicia valleinclanesca está ben retratada. Paréceme moi axeitado o ritmo, a escolla léxica, os ambientes…

    Voto por ‘Camiño…’

  15. De novo, unha vez rematada a votación, veño para agradecer as críticas, louvanzas e opinións sobre o meu relato. Despisteime co prazo e tiven que mandalo como está: cunha idea primitiva e moi pouco traballado, agora non me sinto cómodo volvéndoo a ler.
    Non son excusas de mal perdedor. “Camiño de Arcade” é redondo, fortísimo na súa narrativa e xusto gañador. Se chego saír ao 100%, é moi posible que o resultado fose o mesmo. Parabéns, David.

  16. Moitas gracias a todos polos votos e, sobre todo, comentarios. Pode parecer que isto non serve de nada, comentar, pero vouvos resumir así por enriba como xurdiu este relato (polo de agora do que máis orgulloso me sinto no que levo de Torneos…que xa son tres, vaia). Tentei fuxir do accesorio destilar a idea, como remarca Lois; evitei na medida do posible os “miniparrafiños”, para ti, Sabela; quixen que o ambiente se notase ao máximo, como fai Couto; preocupeime do ritmo da narrativa, igual que Marcos; remateino moito antes das cincocentas palabras e só despois adornei algo; Sabela de novo (para que digas que xa che temos manía…); intentei adxectivar coa sinxeleza e luxo coa que o faría o mestre César; para a orto-tipografía… débolle un cento de cañas e media a unha colega que me está a botar unha man nisto dos transitivos e demais ciencia ficción (gracias Klau), porque xa lle teño medo a Clara, hehehehe… Este relato é case tan voso coma meu.

    Todos iso non serviría de nada se idea non tivese forza, aí xa foi sorte, porque as ideas veñen coma as estrelas fugaces, pasan moitas pero poucas se chegan a ver. Sorte que non tivo Fran nestas dúas primeiras roldas, porque foi bater cos mellores relatos que deron artellado os respectivos rivais no que vai de torneo. E iso fode cando presentas un relato tan redondo coma o del. Encantoume o concepto de Stagram, o humor tan ben acaido e sobre todo o final, moi, moi potente. Parabéns! Todo un luxo competir contigo nesta rolda.

    • Home, tan fea non son como para que me temas. E penso que o meu comentario sobre o teu relato nesta rolda era moi moi positivo… Foi así porque, de feito, eu creo tamén que este conto é, sen dúbida, o mellor que escribiches dos catro que levas. Sen dúbida. 😉

      • Xa vin que era un bo comentario, de feito atinaches cun par de construcións que me renxían. Refírome a que o feito de que nos poñas as pilas coa ortografía, a min xa me vale para revisala máis (ou para prometerlle diñeiro ficticio a alguén para que o faga por min). Eu intento sacar algo de cada comentario inda que tamén desbote moitos, porque nunca chove a gusto de todos e iso non me pode limitar ao escribir, que isto, inda que teña regras, non é ciencia. Non che gustou o último relato que fixen? Sabes cal é? ;P (Ata aquí podemos falar nestas canles…)

      • Gústame que saques cousas dos meus comentarios. Iso intento: axudar. Tamén me gusta que lle debas cañas aos colegas. Sempre é bo embeberse con cuestións literarias. De aí saíron boas producións de sempre de toda a vida! Hahaha.
        Si, sei cal é. Claro que sei cal é! E non dixen que non me gustase, senón que este do Arcade é, sen dúbida, o mellor dos catro. Pero xa que preguntas, non, non me gusta. XD Ten cousiñas salvábeis, como todo, pero na miña opinión patinouche a liberdade cerebral un grande chisquiño de máis. Hahaha.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s