‘Desquite’ vs ‘Que(é)ixo que tomas(?)!’

Abrazo a un tigre.

Xornada 3. Grupo D. Clara Vidal fronte a Fran Castiñeira. Tema: Queixo.

Desquite

Nunca cho contei, pero de mozo adestrei boxeo, sen chegar pelexar nunca, para manterme en forma. No ximnasio coincidín con Martínez Martelo Naveira, un pacífico mangallón de Monelos que se estaba a facer un nome no ring.

Os seus recursos puxilísticos eran escasos e sinxelos pero esmagadores. Basicamente, encaixar e logo arrear. Recibía seguido coa garda alta para logo, co adversario canso e aborrecido, finta atrás e gancho. Unha pegada seca, demoledora, que remataba co rival. Naveira comentoumo unha vez: “A vida é saber encaixar as hostias… e se podes, devolvelas”.

Tanto progresou que chegou loitar polo Campionato Nacional de Semipesados contra o campión Ochoa. Eu acababa de chegar de Edimburgo e funo ver, lémbroo porque estreaba o meu reloxo Enicar. Xa che falarei del no seu momento, que tamén ten historia.

A xente increpaba o apoucado aspirante: “Vai muxir vacas, pailán!”. Ochoa tiña o carisma e a sona, e no peto o público, a prensa e os árbitros. O campión bombardeou o noso paisano a puñadas, que aturou até sacar o seu martelo de demolición. O favorito comezou a sufrir, o árbitro corrupto axudouno, separando os combatentes cando cumpría. Vendo o tongo moitos comezaron torcer por Naveira, porén deron a Ochoa como vencedor aos puntos. Os dous tiñan a cara feita sangue e o campión, case inconsciente, sentiu por vez primeira os asubíos do público.

Ochoa negoulle o desquite ao galego co pretexto de que pelexaba polo Europeo un mes máis tarde, onde perdería contra Alekhnisov. Axiña comezaría o seu sonado declive de bebedeira, violencia, cárcere e drogas para logo redimirse, xa coñeces a historia da prensa rosa. Naveira deixou o boxeo, perdinlle a pista. Non souben que era mellor, caer desde o cumio ou non dar chegado nunca. A vida case nunca concede desquites.

Pasaron corenta anos, unha vida. Ochoa montou hai pouco un musical benéfico con outros famosiños sobre a súa vida, a beneficio da fundación antidroga e interpretado por el mesmo. Era a véspera do meu derradeiro voo a Edimburgo e ocorréuseme ir velo. Lamenteino. Pareceume esperpéntico, ridículo. Porén, a xente parecía encantada.

A apoteose final consistía en Ochoa pelexando nun ring contra unha alegoría da droga, un bailarín disfrazado de xiringa xigante (xúrocho) con luvas de boxeo. Quedei pampo de todo cando reparei no infeliz do disfrace.

Era Naveira, gordo, vello, sonado dunha vida enteira de golpes. Para algúns non pasa o tempo, a outros pásalles por riba. Nin o propio protagonista o recoñecera.

O guión ditaba que Ochoa debía derrotar a “Droga” e logo erguer os brazos e cantar: “Ti tamén podes vencela”. Pero na vez de pasar iso a Droga, ou sexa, Naveira, fintou atrás e derrubou a Ochoa con dous golpes xordos nas costelas e un gancho impresionante ao maxilar. O público non entendía nada. O ex campión quedou estomballado, mentres Martelo Naveira erguía os brazos en éxtase.

Naveira recoñeceume cando pasou ao meu carón, esposado pola policía. Berroume, exultante: “Rompinlle o queixo! Escacheille o queixo!”. Tivera o seu desquite, o mamalón.

…………………………..

Que(é)ixo que tomas(?)!

Así que nada,

te fuiste

sin dejar más in-formaggio-ne

que aquello que me dejaste es-Kiri-Kiri-to

que decía:

«hemos tocado fondue».

Huele a queso… se a-cabra.

¡Qué agonía más a-Gouda!

Josep Pedrals, fragmento de «Els formatges i l’amor»

–E que che pediu?

–Que a puxera de poutelas e o intentase polo envés.

Tras esa resposta contundente de Inocencio, Aldo enmudeceu. Eran amigos desde pícaros e medraran construíndo as súas vidas dun xeito bastante paralelo: fillos ambos de funcionarios, estudaran as ensinanzas obrigatorias e a universidade nas mesmas aulas, compraran piso na cidade, militaran nas mesmas agrupacións e até casaran no mesmo ano. Aldo tivo o seu primeiro bebé ao pouco de aprobar a oposición. Logo viñeron xémeas. Inocencio, pola contra, dedicara o tempo a traballar ao máximo para mercar un chalé na vila, mais farto de ver os fillos do seu amigo escachizando o xardín, decidiu procurar descendencia.

Unha amoladura entre Inocencio e Felicia entorpecera desde o comezo a relación. Pese a todo o positivo, o intercambio sexual resultaba moi conflitivo e relucía pola súa ausencia. De sempre, Inocencio fora moi sensíbel aos olores e a Felicia cheirábanlle moitísimo os pés a queixo –comparación, aínda que besta, dunha precisa exactitude–. Ao longo dos anos, a tufarada superábase grazas a calcetíns intranspirábeis cos que tiña que durmir ela para que el non lle vomitase enriba. No verán, deitábanse en cuartos separados porque lle suaban os pés ao enfundarse tantas capas. As manifestacións da sexualidade entre eles comportaban o menos importante da parella e, sen dúbida, o máis evitado.

Como o proceso de fornicación triunfal tiña que resolverse axiña, intentábano todo. Anotaban os días máis fértiles e cadraban as horas da ovulación para poder foder rapidiño e listo, pero a teoría esquemática que escribiran no almanaque non funcionaba. Logo de tres meses zumbando en momentos estratéxicos, Felicia non embarazara. Entón, comezaron a probar posturas especiais. Esa mañá, ela lera que a catro patas era moito máis doado quedar preñada. Discutiron moito sobre a posición porque, dun xeito irremediábel, a cara del tería que estar demasiado preto dos pés dela. Inocencio adoitaba ceder.

–Entón, fixéchesllo como quería? –preguntou apesarado Aldo, tras uns segundos de silencio, magoado pola situación do amigo.

–Fixen. Levamos dous anos así. A min xa me doe a gorxa de tantas veces que acabo botando as papas todas no lavabo. O médico di que os meus cabezudos non teñen problemas e ela non se quere ir mirar.

–E que che di túa nai?

–Lémbrame sempre que desde cativo non como queixo e que aos meus soldadiños lles faltará calcio. Que a culpa é miña.

–Síntoo, Inocencio. Mellor cambiamos de tema, que estará a piques de voltar. Onde foi?

–Aí á esquina á farmacia. Acabóuselle onte o Cilest.

–O que, ho?

–Unha pílula ananiña que toma todas as noites. Supoño que está a pasalo mal con todo isto e non concilia o sono. Eu prefiro non lle preguntar. Xa temos abondo.

27 comentarios en “‘Desquite’ vs ‘Que(é)ixo que tomas(?)!’

  1. Noraboa aos dous. Paseino realmente ben lendo os dous relatos!!! Tan ben, que non me decanto por ningún. Así que os deixarei repousar, volvereinos ler máis adiante e emitirei o meu voto. Plas, plas, plas!!!

  2. Encántame Desquite. Voto por el. Sorprendeume co tema é a linguaxe. Paréceme moi conseguido.
    Que(é)ixo que tomas(?)! Gustáronme tanto o título coma a cita. A distribución está ben e o dialogo conseguido. Moitísimas grazas por deixar ler dous relatos moi ben feitos.
    O meu voto vai por Desquite.

  3. Non teñen duda, ningún dos dous… Pero o meu voto vai sen dúbida para “Desquite”.

    “Desquite” gustoume moito, paréceme un relato completo, redondo. Enlaza moi ben, ao meu parecer, coa inspiración do relato do reloxo Enicar. É unha historia fluída, ademais, cun uso da linguaxe que me conquistou. Ademais, as personaxes están logradísimas. Iso si, autor/a, hai veces que a perífrase “verbo + a” é correcta.

    “Que(é)ixo…” non me gustou, pero paréceme que é un relato bastante correcto na súa forma. Realmente o que non me gustou foi a historia: non entendo ese matrimonio, non entendo que facelo a catro patas sexa algo tan estraño, non entendo que con só 3 meses probando a cousa se torne tráxica e moito menos entendo tal falta de comunicación. Sei que hai personaxes e quen sen este tipo de cousas non hai historias, pero éme de máis, síntoo.

      • Eu diría que o Cilest é unha referencia sutil á pílula do día despois dos ollos que non menten. Pode que demasiado sutil, pero quíxeno ver así… Con todo, xa nos dirá a persoa que o escribiu (ou non).

      • Non, non tiña referencias. Eu entendera as bases como que tiñas que usar relato doutra persoa antes de ser botado, polo tanto nas tres primeiras semanas. Despois, alguén díxome que non, que se o usabas ben e que se non tamén, porque nas bases non dicía cando o tiñas que usar; entón, se eras descualificado na terceira semana, non o usabas e punto. Por iso non o usei. Comenteino con César cando mandou a mensaxe de que si que o había que usar (e non só a min, ao parecer). El mirou as bases e dixo que se alguén facía referencia a isto no comentario (pasou neste duelo meu-Fran e noutro máis) por un voto que dependese diso, comentaría ao respecto. Ao final non o fixo, non sei por que, posto que a túa pregunta foi directa, pero xa cho digo eu, Sabela. E non, Amador, non había referencias intencionadamente. Nin sutil. Hahaha.

    • Sabela, penso que non entendiches o meu relato ou que non o liches con atención. Ou será que non o deixei moi claro?
      Non está mal nin é estraño facelo a catro patas. Só era un xeito de reflectir os caracteres: a obsesión dela e a continua aceptación sumisa del, que é o que quere fillos. Decidín usar iso para poder facer que todo sucedese na conversa. A explicación é para situar a conversa, pero a historia realmente é o que acontece nese café mentres agardan á outra. O amigo sabe da situación, el sabe a situación.
      Non torna tráxica en tres meses. En tres meses comezaron a probar posturas e aí comezou a imperar ela. Levan dous anos tratando de ter fillos. Iso aparece no texto e coido qe quedaches co dos tres meses sen ler o seguinte.
      Non hai falta de comunicación, hai un cambio de desexos. Non querían fillos, senón cartos. Despois, el quixo fillos, pero ela non. Non houbo consenso e ela decidiu aproveitarse para foder, porque non fodían. Iso tiña que sobreentenderse, non está. Tamén porque é un xeito de acabar de construír por vós o relato.
      Resumindo: con tan poucas palabras, é complicado crear atmosferas e caracteres. A meirande parte do relato é do que trata. 😉

      • Perdoa, Clara, non recibo os comentarios.
        Veño de relelo e sigo vendo o mesmo, síntoo. Non vexo a túa explicación reflectida no relato. Pero é algo que adoita pasar, tamén varios dos meus relatos non se entenderon como eu pretendía, non é tan doado, non.

  4. Desquite

    Este é un relato fantástico. Que ben utilizado está o narrador. Realmente non sabemos que é o importante e que o accesorio. Ten moito mérito iso e se o consegue é gracias ó alto nivel de enerxía informativa das frases (aí queda iso). Ademais grazas á 1º frase do relato xa sabemos que esta é unha historia xa rematada no momento en que se conta, co cal nos permitimos disfrutala dun xeito mais relaxado que se fose unha improvisacion (un narrador en 1º persoa falando do que lle pasa pola cabeza).

    O final é moi bo. Ata serve para contar a historia das 2 personaxes ó longo de 40 anos.

    Un dos mellores da xornada e do torneo todo.

    Que(é)ixo que tomas(?)!

    Gustoume o video do tipo ese. Hai que pensar ben ata que punto convén enlazar a algo que está mellor que o propio relato. Igual bastaba a cita.

    “Logo viñeron xémeas”
    xémeas?

    Vexo o relato ben narrado, con seguridade e bo facer, pero non logro entrar no seu conflito. O problema dos olores dos pés faiseme extravagante de máis despois de ler un primeiro parágrafo tan formal (obviando o dialogo), e inda peor: logo resulta que o dos pes é irrelevante para o verdadeiro conflito do relato, que é que ela toma anticonceptivos, e el ata sabe a marca e onde os merca. O relato debía ter mais caracter absurdo desde o comezo para poder “entender o chiste” como é debido.

    O meu voto vai para “Desquite”.

  5. A min todo o disparate do cheiro a queixo fíxome sacar un sorriso. É unha situación cómica ben levada. A gran pexa deste conto creo que é o final. No meu parecer o final tiña que ser aínda máis tolo que o que lle precede. “Desquite” ao contrario, queda cun final mellor integrado que fai a historia máis redonda. No Naveira que acaba disfrazado de xiringa hai unha boa descrición do personaxe do perdedor. Gustoume tamén a acepción de queixo empregada 🙂 Voto por Desquite

  6. Bo. Vou votar.
    Como dixen, paseino moi ben lendo os dous relatos. Voto porque é obrigado.
    “Que(é)ixo que tomas(?)!” fíxome rir, non quitei o sorriso dos beizos en toda a lectura. Iso non é nada doado.
    “Desquite” é unha historia clásica dos baixos fondos, ben levada, fácil de ler (tampouco nada doado).
    Pasados os días, quedoume na cabeza unha frase: “Para algúns non pasa o tempo, a outros pásalles por riba“. E todo el lembroume a Harry Quebert dicíndolle a Marcus Goldman: Escribir e boxear seméllanse. Un ponse en guardia, decide lanzarse á batalla, ergue os puños e enfróntase ao adversario.
    É só unha cuestión de matiz. É inxusto. É só unha frase que decanta o fiel a un dos dous lados.
    Doulle o meu voto a “Desquite” malia sobrarme a derradeira frase.
    PS: á autora de “Que(é)ixo que tomas(?)!” só lle podo dicir que son as derrotas as que lle darán mellor sabor ás vitorias.

  7. Dous relatos ben diferentes, aos que lles atopo distintas virtudes. “Que(é)ixo que tomas” ten un punto case absurdo que resulta hilarante, e si, o final fíxome rir aínda máis. Pero á hora de decantarme por un, teño que optar por “Desquite”: a historia ten máis sentido, é un tema orixinal e ben levado, e quedo coa impresión de queo/a autor/a lle deu máis voltas (ademáis da inserción do Enicar, adecuada).
    Vai, polo tanto, o meu voto para “Desquite”.

  8. Que bonitos usos para “Queixo”. Parecía un tema máis planiño e ao final canto xogo dá.

    Que(é)ixo que tomas(?)!
    Non sei moi ben o que, pero hai algo que lle falta ao relato para explotar as súas virtudes mellor. Gústame bastante o seu conxunto, a idea dos pés, o surrealista da situación. Fíxome sacar un sorriso picarón, e o final con esa revelación tamén é un achado interesante. Quizais é porque a posición do narrador é demasiado patética, ou porque non é patética abondo. Comentaron algúns compañeiros que tiña que haber máis absurdo e probablemente o relato conseguiría un ton co que sería máis sinxelo conectar. Pero non sei se sería o mesmo conto, cambiaría algo esencial nel, que é esta sensación rara que teño agora, entre o riso e o triste, polo pobre protagonista.
    A estrutura parecéme un acerto, coa conversa truncada para contar toda a historia, e retomada ao final. Xera unha desas maxias da literatura onde o tempo se para, nós aprendemos cousas, e volve a reanudarse, algo que non se pode facer tan efectivamente con ningunha outra arte. Nada deforma tanto o tempo e o espazo como as palabras.

    Desquite
    Moi bo relato, con moi poucas pegas. Quizais habería algunhas frases nas que pulir o ritmo para xa alcanzar o sobresaínte, pero falamos de nivel de moito detalle. Todo no relato esta deseñado e traballa na mesma dirección. O estilo moi sobrio na redacción fai que todo apareza como informativo, nada sobra, estilo reforzado pola idea do narrador como testemuña dos feitos que conta. A lonxitude curta das frases, dos propios parágrafos, favorece tamén que se nos poidan contar en moi poucas palabras moitas cousas, varias imaxes e un lapso temporal moi amplo. Conséguese empatizar tanto co narrador (ese pobre señor do Enicar hehe), como cos boxeadores protagonistas, a través dunha historia de remorsos e vinganzas anónimas.
    Sei que non pega nada co ton do relato, pero esa última escena da loita contra “Droga”, recordoume moitísimo a un capítulo de Community, a serie de Dan Harmon, onde tamén fan unha representación onde un dos personaxes é droga, e a cousa váiselles das mans. Non sei se o autor/a tiña iso en mente, pero vaia, hai concomitancias.

    • Antes vía Community, o Señor Chang é o máximo, pero non lembro esa escena. Alédome de que che prestara o contiño. Quixen que o relato “homenaxeado” fora o do Enicar, e non parei de darlle voltas ata que o acadei, xa for ben ou mal.

      • Hahaha, parecerse nalgo a Community para min sempre é un eloxio, este Chang. Gústame do asunto do Enicar como cadra esta historia tamén co pequeno crossover que me fixen a min mesmo na historia de Darío Emilio Gurriarán. Cada vez vou sabendo máis cousas dese viaxeiro a Escocia.

  9. O meu voto vai para “Desquite”. Ben escrito e gustoume o estilo co cal se narra.

    “Que(é)ixo que tomas(?)!” é una historia orixinal, pero ten detalles algo confusos que me sacaron do relato.

  10. Comento:

    ‘Desquite’: É un relato ben sostido, construído con firmeza e sabendo moi ben o que se quere expresar. A historia ten un regusto clásico que lle pega ben. O boxeo ten unha gran tradición literaria e todo enriba dun ring xa ten unha especie de aura que lle dá un punto máis. Pero o autor/a soubo lograr superar ese universo e fabricar un conto moi xeitoso. Até podería servir para que se popularizase na tradición oral. Lois Pérez, se ves isto, adáptao para o teu espectáculo!

    ‘Que…’: Non conseguín entrar nesta historia de fedor e foder. Primeiro, os xogos de palabras só me chistan se os fai o Carrabouxo e logo penso que o ton é un tanto pedestre. Até teño para min que o ambiente tosco do diálogo é algo finxido, que o autor/a non tiña claro como escribir esta historia e a vía escollida paréceme algo artificial. O xiro final está ben (tamén serve para adaptalo a un relato oral) pero non me parece verosímil.

    Voto por ‘Desquite’.

  11. Pingback: Torneo Punto e Coma de Duelistas – Francisco Castiñeira

  12. “Desquite” conta unha historia que xa lemos ou vimos mil veces e, aínda así, que ben a conta, con que facilidade nos ensina ese mundo de loitadores que perden e de perdedores que obteñen o seu desquite!
    Custoume máis entrar na historia de “Que(é)eixo”. Coido que lle acaería ben un ritmo máis demencial e esperpéntico. A imaxe do marido que vomita cada vez que se arrexunta coa muller, por exemplo, non me casa con esa idea de parella con chalé, coche, bo traballo, etc etc. Se ten que ser un relato porco, entón que sexa moi porco, diría, esaxerado e visceral. O final fíxome rir moito.
    Voto por “Desquite”.

  13. “Desquite” é un moi bo relato de corte clásica. Moi ben narrado e con tanta pegada coma o prota mangallón (pelexa co mesmo estilo que Homer Simpson, xa por iso merece gañar). Iso si, non me gusta o final, final. Sóbrame que un tipo sonado polos golpes de toda unha vida recoñeza noutro país e no medio do balbordo a un tipo que ía con el ao ximnasio. Tampouco fai falta que explique todo o que xa se le no relato. Inda así moi bo traballo.

    “Que…” O relato é moi afouto no que conta e nas maneiras. Penso que o absurdo da situación da para algo máis. Tal como está non remata de facer ese “click” para tirar na lona a tan rocoso rival. Os áxiles e divertidos golpes amortecen no brando bandullo de esa narrativa exacta, sen que o mangallón se veña abaixo.

    O meu VOTO vai para “Desquite”, que inda así, ten que gañar por puntos.

  14. Como sempre, agradezo moito que lerades o relato e opinárades sobre el, votáradelo ou non. Como sempre, quedoume moi comprimido e apresurado polo formato do torneo, pero ese é o chiste. Posiblemente, a diferenza dos outros dous, o reescriba, liberado deste formato, e para iso terei moi en conta as vosas críticas.

    • …outra cousa: non sei quen o comentou por aí arriba, pero a min tampouco me gusta o final, polo menos a frase final.
      É curioso: interesoume sempre o boxeo como ficción (películas e literatura) pero arrepíame como deporte. Se cadra, polas mesmas razóns.
      Encantoume o relato de Clara, con sinxeleza, lévanos para onde quere. Humor, sordidez e certa tristura.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s