‘Kübler-Ross’ vs ‘Merecidas vacacións no spa’

Vistas ao mar.

Xornada 3. Grupo B. Sabela González fronte a Adrián Feijoo. Tema: Negociación’

Merecidas vacacións no spa

–No, primeiro á piscina.

Moncho pousou a maleta con forza e negou coa cabeza. Falara con contundencia, cos brazos cruzados e o morro torcido. Carmiña mirou para o teito e suspirou antes de falar.

–Pero podemos ir nun anaquiño, por que non paramos… –mirou en derredor e baixou a voz ata un murmurio mesmo se ninguén había alí para a oír– … darnos uns mimiños.

–Pa mimiños estou eu –Moncho estaba xa medio espido e subía unhas bermudas fosforitas polas pernas–. Eu quero ir á piscina. A ver pa que carallo viñemos ao spa se non aproveitamos a piscina.

–Logo, logo imos ao balneario, meu amor, pero por que non nos damos antes… uns chuchiños?

Carmiña arroibouse, máis por frustración que por vergoña.

–Unhos chuchiños?

–Ai, Moncho, a ver! Si cando non queres entender… Vamos follar, oh! Ai, que cona de Dios!

Moncho mirou para Carmiña e dubidou un intre antes de dar por rematada a negociación. Non lles sobraban as ocasións de relax privado, certo era, mais…

–Pero ti sabes o que custa a piscina esta? E hai moitas distintas con chorros e as de Dios e hai que amortizalo, Carmiña! A cama amortizámola despois, xa verás.

Moncho chiscou un ollo e Carmiña rendeuse. Aquel home sempre fora un exercicio de paciencia.

Percorreron o edificio estudando cada recuncho, pero esforzándose moito en poñer cara de coñecer ben o sitio. Mesmo se aquilo non era o que pensaran, querían parecer xente de cartos, de tempo, da que vai ao spa cando lle peta. Mais non pasar vergoña era cousa difícil, cunhas chanclas esperpénticas, un albornoz de talle único e longos corredores que levaban a, supuñan, un balneario no que nada tiña un nome normal.

–A min as cháncoras estas vanme moi grandes, Moncho. E o albornoz tamén.

–Cala que peor imos sen el, co esbrancuxados que estamos…

–Eu iría máis contenta se viñera recén…

–Has parar co de chimpar antes de baixar á pía?

–Esta non se chama pía, son piscinas e circuítos termais.

–Que carallo é un circuíto termal?

Carmiña sinalou un letreiro grande que os animaba a comezar a súa visita ao balneario cun percorrido por un circuíto termal celta. Cheos de curiosidade, avanzaron polo corredor e asomaron o fociño en cada unha das salas recomendadas sen entrar en ningunha. Na última, baleira, decidiron que terían que aparentar. Ducharónse e asomáronse á sala de vapor para coller un golpe de suor. Puxeron a súa mellor cara de satisfacción e desataron os albornoces para entrar todo o triunfais que sabían, coa barriga ben metida para dentro, na piscina grande. Somerxéronse e suspiraron. Olláronse de esgueira e escacharon a rir.

–Tanta hostia pa poder amolecer en augha un anaco… –murmurou Moncho.

–Si, oh. Tanta hostia pa poder botar un polvo! –bisbou Carmiña.

………………………………………

Kübler-Ross

 

Asunto: Xestións

Data: 11/04/2017

Destinatario: alasdairpotrer@gmail.com

Autor: inmobiliarialogos@logos.com

Estimado sr. Julian H.,

en primeiro lugar, quero agradecerlle de novo a confianza depositada en nós para xestionar a súa mudanza, e o manexo de todos os trámites estipulados na operación. Durante dúas décadas, Logos Inmobiliaria liderou a compra-venda de inmobles e bens raíces a nivel galego, español e, coma neste caso, europeo. Temos un longo currículo de clientes satisfeitos, que constatan a nosa perseveranza en ofrecer un bo servizo, sen esquecernos do respecto por toda clase de preferencias e desexos persoais.

Unha vez dito isto, e lembrándolle de novo que a consideración respecto as súas demandas é absoluta, hai un par delas que precisan revisión. O noso equipo non encontrou ningunha “mansión de dous pisos á beira do mar, co cheiro dos vellos libros, e os cimentos bicándose coas ondas”. Saberá vostede que no marco da actual Lei de Costas (2/2013) sería ilegal edificar, comprar ou vender unha casa desas características, amén de que o noso perito Xaquín L. confirmounos que un impacto constante do mar nos piares dun edificio así provocarían un derrubamento nun prazo non superior a dous anos.

Sentimos comunicarlle entón que non atopamos ningunha vivenda coa descrición solicitada. Non obstante, neste correo achegamos un PDF con posibles alternativas.

Un cordial saúdo,

Xosé P.

Logos Inmobiliaria, CEO.

 

Transcrición dunha conversa vía PlumeChat do 13/04/2017 entre o CEO de Logos Inmobiliaria, Xosé P., e o sr. Julian H.

00:32 […]

00:40 Comprendo o seu enfado, señor H. Pero do mesmo xeito, comprenda vostede que coas referencias achegadas non era posible atopar unha vivenda que encaixase no perfil que desexaba. Isto funciona mediante tendencias, modelos, e sen a información adecuada dificilmente faise un bo traballo…

00:45 […]

00: 47 Eu non insinúo nada.

00:50 […]

00:52 Pois mire, xa o informo eu: en ningunha inmobiliaria da Costa da Morte ou das Rías Baixas vai atopar algo coma, e cito literalmente do seu correo:

00:53 “Un cemiterio dos suspiros atlánticos”,

00:53 “Un refuxio para as poesías cálidas”,

00:54 ou

00:54 “Un palpitar do mar fundíndose coa respiración das fragas”.

00:54 Somos unha inmobiliaria, non un premio de poesía.

00:55 Por non falar de que non recibimos a documentación solicitada pola súa mansión en Oxford. E é un trámite obrigatorio.

00:55 […]

00:57 Non é unha cuestión de cartos, señor H. É mais ben non facernos perder o tempo con descricións vagas, e metáforas parvas.

00:57 Repítolle que non é unha cuestión de cartos. Boas noites.

00:58 […]

01:32 […]

02:47 […]

[Contacto bloqueado]

 

CONSULADO DO REINO UNIDO DE GRAN BRETAÑA E IRLANDA DO NORTE

R/Tagen Ata, 6

Teo, A Coruña

Estimado señor Julian H.,

en canto á súa petición dunha “invasión da Galiza cunha armada de buques fantasma” por “depresión aguda, inxurias e ofensas varias á miña imaxinación”, a postura oficial do goberno da Súa Maxestade é a mesma que se lle comunicou en anteriores misivas: deixe de mandarnos cartas.

Un cordial saúdo,

Drake Vernon

Cónsul británico en Teo.

16 comentarios en “‘Kübler-Ross’ vs ‘Merecidas vacacións no spa’

  1. «Merecidas vacacións no spa»
    A primeira palabra é negación? «Non».
    «Unhos»?! Entendo que se transcribe a oralidade nos diálogos («pah», «vamos»), mais «unhos»? Mmm… non vexo necesaria esa tortura na córnea. Serei eu.
    Ai, que graza o de esforzarse por poñer cara de que coñecen o sitio. Hahahaha. HAHAHAHAHAHA. Con todo, entendino tan ben que a frase seguinte sobra. Xa entendía o que querían parecer simulando esa cara de coñecer o lugar. Os lectores non son parvos, non lles hai que mastigar todo (penso eu).
    Sublime: «para entrar todo o triunfais que sabían, coa barriga ben metida para dentro, na piscina grande».
    Cando di que se ollaron «de esgueira», significa como mirar de esguello? Pregunto por ignorancia.
    No contido, o texto paréceme pesado ata que comeza Moncho a dicirlle que se sabe o que custa a piscina esa (é dicir, a primeira metade sóbrame). Despois, cada vez gústame máis, métome nas personaxes, vexo con claridade o que quere cada unha, as motivacións da visita á piscina… O que non entendo é (refírome ao título) por que eran tan merecidas as vacacións alí se un só se preocupa polos cartos e outra só por foder. A cuestión era aparentar? Nada máis? Mmm… non sei. Con todo, supoño que gañou o Moncho. A verdade é que me agardaba un final apoteósico de sexo salvaxe na piscina de chorros, pero ben ben. A segunda parte do relato ben. De feito, tiven que tirar da primeira parte do relato para poder determinar o meu voto, porque dubidaba moito entre cal escoller das dúas propostas.

    «Kübler-Ross»
    Penso que hai que revisar a ortotipografía, mesmo tendo licenzas por imitar un formato electrónico.
    O parágrafo que coma por «Unha vez dito isto» encántame. Encántame. Pártome. Non sei se a lei de costas esa é inventada, non o vou mirra, pero funciona moi ben. Paréceme a hostia o tipo pedindo algo así. Vaia imaxinación a persoa que escribiu isto! Logo nas conversas en Plume, tamén admiro moito as tres descricións do tipo de vivenda que el procuraba. Paréceme, pola contra, inverosímil que unha mobiliaria chegue a dicirlle que non son un certame de poesía e que as súas peticións son «metáforas parvas». Penso que aí fóiselle un pouco o fío á persoa que escribiu isto.
    O título vai por Elisabeth Kübler Ross? Non entendo o que pinta aquí, a verdade. Solicito explicacións cando remate o período de votacións.
    En canto ao formato, entendo que foi necesario incluír primeiro un correo electrónico e despois xa un fluír máis natural no Plume. Nunha primeira lectura vin forzado isto, pero dándolle voltas penso que está moi ben levado e metido.

    O meu voto vai para «Kübler-Ross».

  2. O meu voto vai para Merecidas vacacións no spa. Ambos relatos conseguen o tema.
    Kubles-Ross, con bo título, leva un bo camiño dende o principio ao final, manexando ben os recursos e chegando a un final que me encantou. Ten unha imaxe moi romántica e goceino moito.
    Admiro o uso dos diálogos en Merecidas vacacións no spa, sinxelo, encáixame mellor no tema, por iso meu voto vai para el.
    Moitas grazas a ambos autores polo bo rato lendo¡

  3. Bos relatos os dous. Eu tamén agardaba un final apoteósico na piscina. Mais tento non xulgar polas miñas espectativas (tarefa pouco doada) senón pola proposta da autora (da persoa autora para quen lle rinche o feminino). E a proposta do spá é coherente: cada un vai coa súa teima, pero coñécense tanto que estoupan a rir.
    Cando vin que Kübler-Ross comezaba cun correo electrónico enrruguei o nariz. Despois lembrei que había que coller “algo” doutros relatos (vaia putada recibir o correo do César o día antes da entrega, eu nin me lembraba). Despois vin que o correo estaba ben “metido” no texto. Máis tarde desfíxenme nun cemiterio de suspiros atlánticos cos desexos do Julian H. Ao final escachei a rir maxinando a cara dos responsábeis do Consulado e máis dos axentes inmobiliarios ao ler a lista de desexos. Acaso é tan difícil atopar un lugar cun “palpitar do mar fundíndose coa respiración das fragas”? Na Galiza, desde logo, non.
    Síntoo porque á autora das vacacións ben merecidas lle tocase este rival, pero teño que votar e o meu voto vai para Kübler-Ross.

  4. Merecidas vacacións no spa

    O humor neste relato só funciona a medias. Por exemplo, o primeiro diálogo é moi longo para o que realmente se quere mostrar nel. Penso que se a graza está na situacion creada basta con plasmala co menor número de palabras posibles e logo pasar a outra cousa, sobre todo nun relato curto. Ó final da a sensacion de ser unha escena con potencial pero estirada. As ansias de Carmiña debían ser un elemento util do relato, fíxate que todos os comentaristas pensaban que ían eclosionar en algo. e qeudan só como ambientacion, un ruido de fondo que non significa mais na ultima liña do relato que na primeira.
    As boas intencions do relato, que se aprecian nos parágrafos en prosa, quedan desabrigadas sen ese sentido de finalidade que lle falta. Xa o propio título nos adianta que a anécdota trae con pouco percorrido.

    Kübler-Ross

    Penso que o título se refire ás fases do duelo.

    A idea deste relato pareceume xenial, como idea e como spinoff, e algunhas partes son dignas de plaxio (perdoade a expresión tan fea). Para ser perfecto só lle faltou aproveitarse mellor a si mesmo. Por exemplo, o 1º parágrafo é demasiado formal, bastarían 2 frases para dar esa mesma sensacion, porque é un parágrafo que non transmite nada mais ca 1 idea: darlle un aire de pomposa verosimilitude ós correos da inmobiliaria. E iso case nos ven de serie. Eu poría 2 liñas máximo e despois xa o segundo parágrafo: canto antes se empece co bo, mellor.

    Xa postos, tamén cambiaría este “dunha”:

    Transcrición dunha conversa vía PlumeChat

    por “da”. Está claro que non é unha conversa ó chou, é a conversa que o lector debe coñecer tras ler o mail anterior. Podería valer “dunha” se o relato empezase aquí.

    Foi boa idea non meter as partes de Julian.

    O final, apelando ó consul britanico en Teo é un xiro que encaixa fenomenal coa traxectoria de mister H. O lector atópase cada vez con algo novo no relato, así é como se fai.

    O meu voto é para Kübler-Ross, un dos mellores da xornada.

  5. Estase a ver moito humor nestes nosos relatos. Neste duelo hai dúas moi boas mostras. Porén, en “Merecidas…” o relato non está moi ben logrado, aínda que ten momentos moi bos. “Kübler…” é máis redondo, opta polo formato dun e-mail e un chat e non naufraga (como di Lois, boa idea a de omitir a parte do chat do inglés). O do Cónsul británico en Teo matoume. Voto a “Kübler-Ross”.
    Busco que é iso de Kübler-Ross e atopo as famosas fases do dó despois dunha morte. Ten que ver este relato coa fase de “negociación”, que ademáis é o tema obrigatorio do relato? A ver se o aclara o autor, unha vez rematada a fase de votación.
    https://es.wikipedia.org/wiki/Modelo_de_K%C3%BCbler-Ross

  6. Como xa apuntaron outros compañeiros antes, neste torneo hai humor a esgalla. Agora dous estilos moi diferentes.

    O primeiro lembroume, e non o digo como un demérito, á parella de Manolo e Concha de Land Rober… hehehehe… igual a autor/a non lle acomoda a comparación, pero paseino moi ben. foi divertido. Son moi capaz de imaxinar a este matrimonio perfectamente retratado negociando spa ou caldo de nabicol. Eu pola contra do que outros comentades, estaba esperando que o cume da historia non fose un polvo. Pensei que se o conto nos levaba ata aí, ía perder… As frases de remate, o zasca final, cumpriron as miñas expectativas.

    No seu rival o humor vai por outro vieiro. Bo uso de correos e anacos de conversa sacados de diferentes xeitos de comunicarse. A forma impecable. As brincadeiras máis finas. O Julian retratado de 10 sen dicir nada de nada…

    Moi difícil decidir. Os dous moi apegados no tema. Por un chisco, porque me quedou máis na cachola, voto por “Merecidas vacacións”.

  7. Que divertidos! Eu non penso que en “Merecidas vacacións” a teima de Carmiña esté desaproveitada, é como dicir que cada un anda a pensar no seu. Un retrato moi crible e ameno.
    En “Kübler-Ross” hai dous aspectos que destaco: o bo uso do formato email, o cal non me parece nada doado, e o tipo de humor, máis fino que o do contrincante. Iso si, coincido en que algunhas expresións no correo da inmobiliaria non son de todo cribles, gañaría máis se mantivesen esa corrección e impersonalidade que se presupón adecuada.
    Decántome por “Kübler-Ross”, por moi pouco. Parabéns aos dous!

  8. O meu voto vai para “Merecidas vacacións no spa”. Encantoume, fíxome rir e é una boa historia.

    “Kübler-Ross” é un relato moi orixinal, moi ben escrito e tamén divertido… pero non puiden entrar na historia.

  9. Comento:

    ‘Merecidas vacacións…’ é un relato humorístico correcto, un diálogo simpático con algunha reviravolta que aumentan o seu valor. Pero estrañei algo máis de risco, algo máis de literatura. O costumismo por si só sempre me deixa coas ganas.

    ‘Kübler-Ross’ é un relato humorístico tamén pero moi diferente. Xustamente destaca polo risco e polo compomiso literario. Coido que está moi ben conseguido o seu obxectivo. O último fragmento é sinxelamente xenial.

    Voto por ‘Klüber-Ross’.

  10. A min tamén me custou ler o arranque de “Merecidas vacacións” e, como xa apuntou alguén máis arriba, creo que reducindo esa primeira parte o relato gañaría en ritmo. Polo demais, a historia funciona ben e ten un tono divertido que agradezo.
    “Kübler-Ross” sabe aproveitar moi ben o relato no que se inspira. O que xa cheirábamos do tal Aleister / Julian en “Electrosó” verifícase aquí con forza.
    Voto por “Kübler-Ross”.

  11. “Merecidas vacacións” é un relato, fresco divertido e cun diálogo moi fluído e natural. As personaxes quedan perfectamente pinceladas con catro cousiñas.

    “Kübler-Ross” presenta un formato ben distinto con moito éxito tamén. Este duelo está moi parello. O formato de correo abordado con moito enxeño, da gusto imaxinarse as misivas do lord, poeta inglés. (Este relatiño valía ben para outro difícil tema presentado esta semana).

    O meu VOTO vai para Kübler-Ross, pero por pouquiño. Parabéns aos dous autores.

  12. Merecidas vacacións no spa
    Un bo relato, con ferramentas ben empregadas e que deixa un sorriso na cara. Penso que emprega moi ben a ferramenta fundamental que ten, o costumismo, sobre todo nos diálogos (aínda que eu tamen cambiaba ese “unhos”, e ese “no” do principio). Ese é o seu punto forte, xunto co humor que deixa pairando o relato en xeral. O seu problema fundamental creo que é o que comenta Lois. Dá a sensación de que todo o conto é unha única idea un tanto estirada de máis. Mantendo ese contido eu creo que funcionaría mellor coa metade de palabras, sobre todo sobran do primeiro diálogo. Pero en realidade eu creo que o relato pide é algo máis de arco, quizais algo de sorpresa final, que non quede todo só nunha anecdota, senón que as contraposicións dos personaxes estourasen dalgunha maneira divertida. Destaco tamén os mesmo detalles que Clara, eses detalliños de señores querendo fachendear no spa son do mellor.

    Kübler-Ross
    Moi bo relato, dos mellores da xornada. Partido xa do título, que eu tamén fun buscar e que ten moita forza evocadora. Penso que é dos relatos que souberon introducirse moi ben no mundo dos relatos anteriores, non só por medio da súa forma de emails, senón traendo a un personaxe tan curioso como o famoso Julian H. Moi divertido que neste caso volvamos ter unha conversación cunha das partes silenciadas, pero xusto de parte contraria, outro acerto. A nivel estislístico, encántame como consegue humor xogando coa linguaxe administrativa e formal da inmobiliaria (lembro un pouco o humor en “A rifa”), e como se racha ao final con esa frase lapidaria do cónsul de Teo: deixe de mandarnos cartas. Hahahaha, xenial. Nesa carta no particular, tamén me gustou moito a referencia á Ferrín na rúa Tagen Ata, coidando os pequenos detalles. Ah, e non sei se foi a posta, pero o xurista en min ten que comentar que a lei de costas é do ano 88, a lei 2/2013 se a memoria non me falla é de aproveitamento do litoral ou algo así. Non mal empregada xa que modifica nese contido a lei de costas, pero non é o seu nome (xa ves, moi importante para o relato hehe)

    O meu voto é para “Kubler-Ross”.

  13. Rematado o prazo, grazas polos votos e os comentarios críticos.

    Contestando a Clara e a Francisco, sí, Kubler-Ross referencia as famosas fases do duelo. Cando vin que igual o tema do relato quedaba algo disipado (interpretándose coma unha negociación entre o mundo literario e a realidade), introducín a idea de que esas conversacións fosen, á vez, a reacción de Julian (que na miña visión e coma unha especie de Don Quixote) ante a morte das súas fantasías.

  14. Grazas a tutti! A verdade é que tantas visións e interpretacións axudan a darlle a volta aos textos e ao que unha pensa…

    Pero quero que saibades que na miña zona dicimos “unhos”. E “faigo” e “poido” e “mau” e outras expresións que teño mesmo discutido cos revisores dos meus libros, hehe.

    Cando se reflicte a fala nun texto temos licenza para empregar formas non aceptadas, dado que se pretende reflictir unha proveniencia distinta, un estatus distinto, etc. O “correcto” sería poñelo en cursiva, pero no caso dos diálogos o debate segue aberto: un texto literario que pretende reflectir a naturalidade da fala non só se afea senón que ve afectado o seu ritmo e o lector non o asimila do mesmo xeito. Remítovos ao meu PFC (unha cacola visto ahora,hahaha) que trata sobre como reflictir a linguaxe malsoante nas traducións inglés-galego de novelas chicklit. Sigo mantendo a teoría que defendín nel, hai case 15 anos (glups) de que a cursiva entorpece a asimilación do texto cunha naturalidade asimilable á que ten lugar na lingua de orixe.

    Por outra banda, teño que dicir que, persoalmente, penso que non tería sentido que chuscasen ao final do relato. Para min a graza tena a importancia que el lle dá a amortizar a piscina (e calquera que fora a un spa sabe que despois de amolecer na auga custa un huevo sacar forzas para triscar…) e ela a amortizar o tempo sen pícaros.

    Clara, cando un/ha ten nenos, estar sen eles mesmo só 2 horas e poder botar un canivete sabe a unha semana nas Canarias… 😀

    Xenial ter participado con textos tan marabillosos como os que se leron nesta primeira fase. Sinto as présas de votación dos últimos duelos pola miña banda e espero esmerarme máis nas fases que quedan.

    • O dos diálogos, xa dixera que entendía o de que estaba plasmando a fala, a oralidade, pero iso de «unhos» superoume bastante. Non concordo co teu estudo sobre as cursivas. Para min non entorpece. Pero claro, entendo que no diálogo non se poña e por iso non o quixen dicir e, obviamente, tampouco teño un PFC sobre o asunto.
      Con respecto ao de botar un canivete (hahahahahaha), a verdade é que eu imaxinei a unha parella nova, sen apenas ingresos, que tiveron que aforrar moito para poder ir ás piscinas esas con chorros. Non imaxinaba a unha parella con nenos. Talvez, tiñas que ter explicado mellor iso. Ou talvez eu non o entendín ben, pero está.
      Sexa como for, ten partes que me gustaron e coido que a todos, pero (como sempre nestes relatos exprés) hai moito que mellorar.

    • Na miña zona tamén se di mau, unhos e moitas outras perralladas. Non entendo por que “ripitir” sería literariamente aceptable e ata simpático e “unhos” non.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s