‘Maleta’

Incendio.

Xornada 3. Grupo C. Natalia Lema non se presentou á rolda. Tema: ‘Casa queimada’. Automaticamente César Lorenzo gaña o duelo.

Maleta

César Lorenzo Gil.

Cando cheguei xa apenas cheiraba ao fume. Quedara no entanto aquel regusto na gorxa de caldo de cinzas, pucharcas escuras onde antes houbera tarima. Cráteres nos enchufes. Fiquei un momento eu só no medio daquela capela sixtina de sarrio e plástico requichado. Morreu alguén, feriuse alguén?, preguntei. Non. Escoitei ao fondo. A casa era tan pequena que non daba nin para facer eco. Vívelle aquí unha vella pero esta mañá saíra pedir esmola. Témola aí fóra, por se quere interrogala.

A vella non era ben. Faloume todo o tempo dunha maleta. Unha maleta dunha cariña de anxo. Pero vostede vivía soa?, pregunteille. Nin sempre. Tiven home, sabe? Marchoume unha noite; despois de ir ver o Celta. Fala o tempo todo da maleta, explicoume Domínguez. Preguntade polo barrio se viron esta señora cargando unha maleta, ordenei.

O caso xa me estaba a importar nada. Que se matase o seguro. A vella iría para unha residencia. Deixeina coa asistenta social e collín camiño dunha clínica de reprodución asistida con denuncias de euxenesia. Aínda me quedaba unha tirada até o centro, aquel barrio era practicamente un arrabaldo; a pouco que rabuñases no asfalto había pura terra fértil.

Mais cando fun coller o coche reparei na tenda de maletas da esquina. Entrei por rutina. Non, nunca vimos a vella cunha maleta, contestoume a despachanta. E sóalle algo dunha cariña de anxo?, porfiei. A muller sorriu: Cariña de anxo é como lle chamamos a Marinela, a nena xota que estivo á tenza nosa, do barrio, até que cansou e voltou para a casa, lonxe. Comprou a moza algunha maleta? Non, ho. Ela tiña a súa propia maleta, negra e aparatosa. Xa non se fan pezas desa categoría. Era ben máis vella a maleta que Cariña de Anxo.

Dúas semanas despois funlle á casa a Marinela. No día libre, por simple curiosidade. O incendio quedou como cousa de ioncarras e a vella aínda había papar unha indemnización. Ninguén saíra mancado. Os pais deixáronme a soas coa rapaza. Ola, Marinela. A rapaza en efecto era das que gardan a baba no papo e vana soltando conforme se lles agranda o sorriso de parviña. Ola, señor, díxome. Fede ao chamusco. Sabe… Miña tía púxome porta fóra o primeiro día. Non podía voltar para a casa. Tiña o billete para de alí a unha semana. Con que plantaches o lume, Marinela? Con fotos e roupa vella. Aquilo non lle era vida para a señora Inocencia, respondeume coa mirada perdida nas serras. Fora recollendo durante anos canta peza de roupa e retrato lle lembraban ao home que a abandonara. E falaba con aquela espantallada o tempo todo. Se puider, traíaa comigo para a casa. Mais ela non tiña billete.

 

14 comentarios en “‘Maleta’

  1. «Maleta»
    Encántame o de saír pedir esmola.
    Canta obsesión hai coas maletas e os ecos.
    Entendo que os diálogos introducidos no parágrafo están intencionadamente feitos así, como inxeridos, polo que non me pronuncio máis.
    Admiro moito as expresións da oralidade que se introducen dun xeito orgánico no texto, que flúe moito máis que noutras ocasións escribiu a persoa que escribe este texto.Para o meu ver. Este texto ten un ritmo harmonioso, áxil, envexábel.

    Non voto porque xa está decidido o voto este duelo.

  2. O inicio engancha moito. Coma sempre, funciona o de dar info nova con cada frase e ir abrindo a vista do lector. Para mais inri o relato resulta ser de corte policíaco. É moi facil poñerse ó lado do inspector e seguirlle os pasos ata a casa de Marinela e descubrimos que sucedeu na súa viaxe que a desencantou tanto. Parece ser que non foi moi ben recibida pola tía. Non entendo por que pregunta “con quen” lle plantou lume.

    Paréceme un bo xiro para o relato de Marinela e ademais está narrado de forma atractiva.

    PD: Vanme pechar a clínica!

  3. A vella non era ben? Tomo nota. Hai que ver canto estou aprendendo de todas vós.
    Que marabilla de relato. Que dominio da lingua (o oposto a min que fun socializado en castelán e catalán e o único galego que ouvía era o dos pais, onde se incluen cousas como “jueves” ou “rojo”). Eu de maior quero dominar o galego como o César.
    Voto pola maleta tres veces XD

  4. Un conto no que o misterio dun parágrafo vai levando o seguinte. Pois si. O estilo requintado e a linguaxe coidada de César acáelle moi ben o relato policial. Mágoa de non ter un contrincante enfronte para ver como vai de musculatura enriba do ring. En todo caso un peso pesado. Parabéns

  5. Voume repetir co que xa dixeron os compañeiros, pero, que envexable dominio da lingua! Moi bo relato, que de seguro, de ter un contrincante conta con moitas opcións de gañar: trama, narración e ambiente logrados.
    Parabéns, César!

  6. Vaia relato máis bo, que pena que quedase tolleito o duelo.
    Os méritos do relato creo que son evidentes e xa foron comentados polos compañeiros. En primeiro lugar, o uso da lingua, xirando entre o literario e o oral, o formal e o informal, entre as descricións e os diálogos, moi logrado. Tardei un bo minuto pensando que sería ioncarras (admito que o busquei na RAG e ata en google onde saía este mesmo relato como terceiro resultado hahaha), gústame esa palabra bastarda que queda como resultado, ata visualmente é atrativa.
    Quedei pensando tamén en como se relaciona este conto co de Georg Elser da primeira ronda. Que distinto en realidade o xénero negro policíaco clásico, fronte a unha descrición moito máis fría do traballo policial. Curiosamente en ambos casos empatizamos co autor do delito, pero o que cambia sobre todo é a perspectiva do policía, en ambos casos narrador, pero tan diferente na súa aproximación.
    Como comentario particular, encantoume a imaxe da frase “aquel barrio era practicamente un arrabaldo; a pouco que rabuñases no asfalto había pura terra fértil.” Que poderosa.

  7. Que pena que este duelo quedase coxo!
    Dá gusto ler “Maleta”. Hai moitas historias enfiadas unhas nas outras neste relato, fanse evidentes na lectura pero de maneira sempre controlada, despuntan sin facerse co protagonismo absoluto do relato. Conquistoume o significado que se lle dá a maleta (ou maletas) no conto como obxecto que, máis que liberar, lastra.

  8. Que relato máis ben tirado, que dominio da linguaxe. Na miña casa tamén se di iso de “non es ben”, moito máis da metade das veces mirando pa min, hehehe… eu tamén flipei coa frase do arrabaldo, Guillermo. Os diálogos así inxeridos fan a lectura moi áxil. Hai moitas cousas boas que dicir deste relato. A min Marinela xa me tiña coa mosca detrás da orella, viaxeira do demo, a saber que leva dentro da maleta… Non hai VOTO, pero si parabéns.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s