‘Memorias dun orfeo’ vs ‘O zani da gramática’

Billete de 500 pesetas dedicado a Rosalía de Castro.

Xornada 3. Grupo D. Guillermo Rodicio fronte a David Botana. Tema: ‘Poeta millonario’.

‘Memorias dun Orfeo’ de Darío Emilio Gurriarán

Sabemos moi poucas cousas da vida de Darío Emilio Gurriarán. Durante anos, algúns dubidaron da súa propia existencia ou afirmaron que se trataba dun grupo de persoas baixo pseudónimo. O libro Memorias dun Orfeo, presentado este mes tras a suposta morte do autor, aclara algunhas desas dúbidas. Sempre, claro está, que atribuamos veracidade a calquera cousa relacionada cun home tan controvertido como Gurriarán.

Achéganse nas Memorias documentos que parecen confirmar que naceu en Sobradelo de Valdeorras en 1994, no seo dunha familia de canteiros da lousa. Nada se comenta no libro acerca da súa infancia nin sobre a orixe da súa fortuna, que en todo caso non aparenta provir de herdanza familiar. O que está claro é que Darío Emilio contaba xa cun importante patrimonio no ano 2018, pois con apenas 24 anos permitiuse comprar un iate de 24 metros de eslora e abandonalo no medio dunha parroquia rural da chaira luguesa. Facéndose pasar por secretario xudicial, convenceu a todos os veciños de que o barco, ao carecer de titular, podía ser sorteado entre os propietarios das terras lindeiras, e acabou exercendo de árbitro nunha rifa autenticamente surrealista. Gurriarán recolleu esta experiencia en Os corenta e oito nomes da bosta, novela-poemario onde ademais de relatar a historia, dedicou un soneto a cada un dos 48 participantes.

Se ben esa primeira obra suscitou interese mediático, a fama imparable aínda estaba por chegar. As Memorias detallan a adquisición por parte de Gurriarán do pazo de Meirás en 2024, a través dunha empresa intermediaria que o converteu en hotel. Ese mesmo ano, co gallo do inicio do quinto mandato de Feijoo, o PP de Galicia organizou un congreso no pazo. Amenizando os actos protocolarios, os asistentes puideron desfrutar durante a cea da representación dunha obra teatral de Gurriarán. Aparentaba unha inocente comedia bizantina, pero o presidente non puido soportala, marchou antes de que rematase e á mañá seguinte presentou a súa dimisión. Todos os eventos dese congreso (agás o texto teatral, que nunca foi desvelado), foron narrados por Gurriarán na novela Unha bágoa de incerto señor, éxito incontestable galego e internacional.

Memorias dun Orfeo achega detalles dos episodios máis coñecidos da vida do poeta valdeorrés, pero hai sitio tamén para os proxectos esquecidos. Conta Gurriarán por exemplo, como un amigo seu da Coruña que visitaba Edimburgo periodicamente acabou na súa vellez obsesionado con que estivera en contacto coa inmortalidade nunha reloxaría daquela cidade. En realidade todo foi un dos xogos de Gurriarán, que comprara a citada reloxaría e colocou ao longo dos anos como reloxeiros anciáns moi parecidos entre si, creando a ilusión de atemporalidade. Antes de publicar esta recensión contactei co fillo dese amigo coruñés, que confirmou parte da historia.

Cando rematamos as páxinas de Memorias dun Orfeo, non podemos senón dubidar se todos os acontecementos estraños deste século non serían máis que ocorrencias do noso particular poeta millonario. O volume crea máis incógnitas das que resolve, pero convértese en fundamental para achegarnos á obra dun dos grandes renovadores das nosas letras.

 

♦ Memorias dun Orfeo, de Darío Emilio Gurriarán, 2078, DEG Edicións. 924 páxinas. ♠37€

………………………………………

O zani da gramática

Riing, riing…

—Ola?

—Boas. Rosalía Pondal?

—Pois, si… e vostede é?

—Pois, o mellor poeta de Galicia. Se me botas unha man, claro.

—Que?

***

Cara ou cruz exponencial,

o exaculador extasis do caos ordenado, e imposible

cento oitenta millóns de oportunidades,

en vez da caricia dun tres eixos desbocado,

que sorte, carallo!

—Que opinas?

—A vírgula diante do e sobra. De feito, aí sobran todas.

—O que?

—As comas, home. Mira: esta, esta, esta e esta. A última pode quedar.

—Ahhh…

—Ese extasis… meu deus! Vánseme desprender as retinas. Hai que darlle un bo repaso á orto-tipografía.

—A que?

—Ás normas da escrita. Non dás unha nin querendo.

—Estás feita unha nazi.

—Por iso é que me pagas, non?

—Si, pero tamén para o estilo e a mensaxe.

—Sen ladrillos non hai paredes. A pintura vai ao final, Víctor.

—Pero os planos ao principio, non?

—Cando tes razón hai que darcha. Aquí falas do que sentiches cando che tocou o premio?

—Ese mesmo día morreu un veciño atropelado por un camión. E vou eu e acerto cinco números e dúas estrelas.

—Vaia, síntoo.

—Nah. Era un fillo de puta. Todos din que ese día o Euromillón tocounos a min e á súa muller.

***

Que dicir?

Escribindo síntome coma

un galego mudo

nun estadio en arxentina

—Non está mal de todo.

—Gustouche, Rosiña?

—Rosa… como moito.

—Perdoa.

—Custa escribir, non si? A que vén esa teima coa poesía? Por que non algo máis…?

—Ao meu nivel?

—Non quixen dicir iso. Pensaba que podías collerlle a man á deusa literatura antes de querer bicala. Escribir un contiño ou algo.

—Igual ata estou a facer iso. Cando saia a crítica do libro en Biosbardia heiche contar o porqué, vale?

—Meu deus. Vante esnaquizar.

***

Tatata tatata ta…

—Ei! Boas, Rosalía! Dime?

—Xa saíu a crítica. “O poeta afouto” di o titular. Podo ver o redactor suando en cada parágrafo coa metáfora mentireira. Canto lles deches?

—Rosa… por quen me tomas?

—Víctor…

—Un deles ata falaba dun iate… supoño que de coña. Pero ao final fixemos un trato e aceptaron portarse medio ben. Pilláchesme.

—Si. Xa me debes un par de explicacións.

—A ver… o certo é que eu… xa te coñecía. Dunha lectura.

—Espera… Nas Crechas?

—Pois si. Estaba alí tomando algo cuns colegas e empezastes co sarao.

—Todo este tempo pensando de que me soaba a túa cara… Pedíchesme unha sinatura. Tiñas cara de apampado. Hehe…

—Quedei pampo co que liches, bueno e cos Beefeters. Hehe…

—Por iso quixeches ser poeta?

—Nunha entrevista dixeches que estabas casada coa poesía… e eu…

—Ai! Víctor…

—Inda non son o maior poeta de Galicia, non?

—Non, ho… téñoche moito que tallar, Victorino.

—E eu que o vexa, Rosiña.

25 comentarios en “‘Memorias dun orfeo’ vs ‘O zani da gramática’

  1. Vaia duelo! Un relato de tintes borgianos fronte a toda unha parodia do torneo (Meu deus. Vante esnaquizar 🙂 ) na que é imposíbel non recoñecer aos protagonistas. Iso di moito de como os perfila o autor só coa axuda do diálogo. “Memorias…” entra até o meu estómago cunha historia clásica, ocorrente, ben fiada, sen ser encorsetada, “O zani…” (errata?) entra tamén cun diálogo que explica perfectamente a historia sen precisar da axuda do narrador.
    Puxéstesmo difícil. A verdade é que nestes casos non quero votar. Non se pode dar empate? Grrrrrr…
    Como fixen noutro relato, vou deixar pousar os dous relatos e pasarei pola urna máis adiante.
    Noraboa aos dous!!!

  2. Gústame o tema. Real como a vida mesma. XD Que poeta hoxe non é millonario? Fantástica idea de quen propuxo este concepto para darlle voltas e escribir relatos. Mais en fin, imos coas propostas resultantes.

    «”Memorias dun Orfeo” de Darío Emilio Gurriarán»
    O título parece o que o texto é. Quero dicir, non engana. Está ben escollido para o que contén: unha recensión pseudo-xornalística. Coido que moitas persoas non serán capaces de ver o relato aquí, mais un relato é –por definición– unha exposición (oral ou escrita) de sucesos que, por certo, nin sequera teñen que ser irreais. Aquí xógase cantadísimamente coa ficción, pero podería non ser así e continuaría a ser un relato. Podo escribir ou contar un relato sobre o meu proceso de lectura deste relato e sería un relato, escrito ou contado en forma de diario, talvez, mais un relato. Do mesmo xeito que se aceptou e loou con gusto formatos novos como as mensaxes por enderezos electrónicos ou este semana os catro capítulos das catro partes do miocardio, por que non saber apreciar o que se conta nun relato con aparencia de crónica xornalística?
    E a pesar de pensar isto, creo que o tema aquí está tratado dun xeito moi tanxencial. E non porque se traten demasiados temas (que coido que sucede), senón porque o millonario non é o poeta, o millonario é unha personaxe todoterreo que escribiu de todo e que, de rebote, tamén poesía.
    En canto ao contido, penso que está moi revisado e coidado. Vese que a persoa que o escribiu tivo tempo de darlle voltas antes de envialo. As frases, con poucas excepcións, funcionan en lonxitude á perfección. Os anos están consultados, as palabras varían para non amolar… É dicir, a persoa que escribiu isto fíxoo así porque quixo. Quería experimentar con este formato e decidiu escribilo así por decisión propia.
    Encántame a mestura de tres personaxes que adiviño no nome do protagonista. Dario, Emilio e Gurriarán. O nome é como unha simbiose medida que me dá (a min, pero supoño que non a todos os lectores) moita información de tres persoas diferentes a confluír nunha soa, desta vez ficticia.
    En «podía ser soterrado» non será «podería»? Pregunto. Nesa mesma frase, o «e» sen vírgula precedida (a paréntese oracional é «ao carecer de titular» e está ben marcada, pero a seguinte é sucesión da frase principal). Con todo, esta frase é demasiado longa. Eu cortaría en dúas e fluiría mellor.
    Fálase de Feijoo (como aquí Adrián), non do Alberte «narigón» Núñez Feijóo do actual PP. Son dous apelidos diferentes e quero pór en destaque isto para os próximos lectores, por se non se decatan. E se a persoa que o escribiu foi quen non se decatou, paréceme un erro correcto (provocación sutil) para non entrar en debates de comentarios de comentarios das faltas de respecto da ficción, etc. Estamos, neste punto, no ano 2024. Quinto mandato ficticio dunha personaxe ficticia: Feijoo.
    O «por exemplo» de «Conta Gurriarán, por exemplo» entre vírgulas.
    Curiosa inflación do prezo da literatura, parece que aínda en papel, no ano 2078. Aínda en euros.
    Aproveito este peche para darlle os parabéns á persoa que coidadosamente selecciona para cada entrada unha foto que ten que resumir, dun xeito tan complicado, o que suxire a mestura dos textos en duelo.

    «O nazi da gramática»
    A ver, sen faltar. Que título é ese? Alguén que escribise algo semellante pódese sentir aludido e anoxarse. Un pouco de tino ao titular. Hahahaha.
    Non entendo «o exaculador extasis». Éxtase? Non entendo. Logo vólvese a falar eludindo á ortotipografía. Non creo que Rosalía non saiba do que fala, así que definitivamente non entendo moi ben o que quere dicir iso. Enténdese, con todo, o ton e a graza do asunto.
    Ai, por favor: «A vírgula diante do e sobra. De feito, aí sobran todas». HAHAHAHAHAHA. Mi madriña, que repugnantiña a Rosalía! Hahahahaha. ❤️
    Gústame que a persoa que escribiu isto sexa quen de dicir que está a contar un conto, dentro da súa proposta en diálogo e, ademais, coa vista enfocada no futuro que o vai criticar. Claro que estás a contar un conto! Explica o que queiras cando saia a crítica, pero claro que si!
    Por certo, perdinme un pouco con Rosa.
    Gústame a proposta desde a brincadeira continua e que todo estea relacionado coa poesía, sen fuxir a outros temas (por exemplo, o primeiro relato está en demasiados temas, no canto de centrarse, como comentaba arriba). Tamén gosto da incorporación de versos (mellorábeis) no conto. E aínda así, non vexo que o poeta sexa moi millonario, mais ben vexo algunhas carencias despuntando… Hahaha.

    O meu voto vai para: «”Memorias dun Orfeo” de Darío Emilio Gurriarán».

  3. Gustáronme as dúas propostas (arredor do mundo biosbardia). Se ben “Memorias dun orfeo” como simulación dunha crítica biosbarda non é realista, falta punch, non fala da querenza de Darío Emilio polos rutas literarias nas que se poden merendar empanadillas ou dos clubs de lectura da obra de Gurriarán onde se poden papar empanadas… hehehe…

    Paseino divertido lendo as historias. Quizais nos dous casos tiven a sensación de que os relatos ían pisando o freo chegando ó final. como teño que quedarme con un, VOTO por “O Zani”. Hai moita axilidade nos diálogos acedos e a técnica de artellar o relato con eles pareceume un punto a favor.

  4. Pareceume dos mellores enfrontamentos. Os dous relatos son moi orixinais. Encantoume léelos.
    O meu voto vai para ”Memorias dun Orfeo” de Darío Emilio Gurriarán, creo que atina máis co tema, sen desmerecer o outro. Gocei moito coas referencias, e ambos semellan ter unha gran cantidade de tempo detrás.
    Dous grandes relatos¡

  5. Gustei moito dos dous relatos, paréceme que souberon aproveitar moi ben os relatos nos que se inspiraron. “Memorias dun Orfeo” está moi traballado no expresivo, mentres “O zani da gramática” resultoume un pouco confuso nalgúns puntos concretos dos diálogos. Iso si, “O zani” fíxome rir, e porriba é unha chiscada de ollo moi simpática a todxs nós que nos enleamos neste duelo mortal.
    O meu voto vai para “O zani”.

  6. ‘Memorias dun Orfeo’ de Darío Emilio Gurriarán

    A idea de presentar un relato que sexa unha crítica (de Biosbardia) é xenial. Se o duelo se ganase pola idea proposta, este relato tería o meu voto. Ata puxo a nota ó pé coa referencia e o prezo e todo!

    “algúns dubidaron da súa propia existencia”
    “propia” sobra.

    O problema é que analizando o texto eu non vexo que sexa unha crítica. Incluso abstraéndose diso o relato é unha lectura algo agreste. O primeiro parágrafo, por exemplo, é tan inconcreto que ó lelo quedei igual que estaba. E hai moitas frases feitas, como se o crítico copiase a linguaxe dos telexornais en vez de usar a súa propia voz para falar do libro.
    O relato semella máis ben un resumo da (suposta) biografía do tal Darío, e nin estou seguro diso porque menciona outras obras anteriores como contedoras dalgunhas das anécdotas contadas.

    Penso que o autor debeu aforntar esta idea doutra maneira ou ben renunciar a darlle forma de crítica ó relato.

    O zani da gramática

    Pensei que o segundo diálogo era tamén por teléfono, pero non pode ser.
    Os dialogos están moi ben levados. Conseguen plasmar de forma entretida as escenas narradas e mostrar tamén, secundariamente, como é Victor e que pretende.
    A mente colmea ataca de novo. Ambos relatos falan das críticas de BB! Pena que non se chamen igual os protagonistas.
    A Victor, cos seus 180 millons, seica non lle costa moito mercar unha boa crítica en BB. O do iate tivo que ser César porque a min a auga así en tan grandes cantidades non me vai.
    A primeira vez non entendin o final. Agora creo que Victor quixo ser poeta para achegarse sentimentalmente a Rosalía, porque xa a coñecía de antes. Non é un xiro espectacular pero é algo.

    O zani da gramática vai moi polo aire, o título tampouco lle presta (a quen se refire? non sería mellor “o zani da poesía”?). Vale debe facer referencia ás faltas do tipo, pero iso é algo anecdotico no relato.
    As referencias en “Memorias” quedaron chulas, pero como o relato deixoume insatisfeito, talvez porque fago critica a aquí.

    Vai o meu voto polo “Zani”. Se me castigaran a ter que reler un deles, elexiría este.

      • A idea de facer algo non sempre resulta na consecucion desa idea. Neste caso o autor pretendeu facer unha crítica pero escribiu outra cousa. Tampouco é algo do que avergoñarse, pásalle a case todos os recensionistas que podemos ler por aí adiante na rede. A fun xeneroso co “case”.

      • Creo que está bastante claro que pretendía facer unha crítica. Se hai parodia de algo é do libro criticado (ou máis ben do seu autor), non do crítico, nin ca crítica nin do acto de recensionar un libro.

      • Só era para entender o teu punto de vista. A crítica é utilizada como excusa para trazar a biografía apócrifa (a través dunha autobiografía non confiable) do personaxe. Ao meu ver, ao autor (o real, o do relato) non lle interesaba seguir o esquema dunha crítica normal, como ben apuntas, non é unha parodia. Boa idea.

    • Seguramente non é necesario, pero sinto que teño que explicar un pouco a xénese deste conto.
      A idea inicial era a de contar a falsa biografía dun escritor, que tivese montado as historias doutros relatos do torneo. Foi no momento de ir xuntando ideas e imaxinando os títulos dos seus libros, que se me ocurriu a idea de disfrazalo de recensión de Biosbardía. Gustoume tanto que non puiden evitar incluíla ao final, aínda que era consicente de que había esa tensión no formato.

      A cousa é que o primeiro guión que fixen preparaba un conto demasiado longo, había máis escenas incluso e tiña moito máis de comentario literario. A cousa é que para metelo en 500 palabras sentín que tiña que contar os feitos para facer un conto atractivo e foron caendo case na súa totalidade os restos do que sería máis puramente recensión e comentario literario. O final foi este resultado, que é sobre todo falsa biografía, con algúns pedazos de comentario biosbardía para manter un pouco en pé a idea do formato. Probablemente o mellor tería sido eliminar a idea de recensión e deixalo como relato biográfico máis ao uso.

      Aínda así, paseino moi moi ben escribindo o conto, e a verdade e que penso que hai nel moito potencial, explotando de todo a combinación entre eses dous xéneros. Cando remate o concurso, creo que volverei a este conto e engadirei todo o que se me quedou no tinteiro, expandindo as palabras no necesario. Xa me destes algunhas indicacións de cales serían requisitos de crítica digna de Biosbardia hehehe

      (Por certo, non o comentou ninguén, pero non sei se se pillou a referencia a Hamlet e a Cunqueiro, quizais demasiado escura, quen sabe).

  7. Moi peludo escoller entre os dous, baseado en cadansúa idea moi boa e moi orixinal (a estas alturas). Voto pola “Zani”, que me lembra a alguén, pero non caio. Diálogos moi ben levados, concisos e precisos.
    Por décimas, porque me encantan os relatos do tipo “falsa biografía” e o “Orfeo” arrincoume máis dun sorriso. O meu voto podía ser para el perfectamente. Se puidera votar un empate ou inhibirme, faríao.

  8. Pois a min non teñen que me castigar O_ô. Paseino ben léndoos e reléndoos. Voto, porque teño que votar, por “Memorias…“, só polo estilo borgiano, malia quedarme estes días (de reflexión) a frase “meu deus! Vánseme desprender as retinas” ^_^

    • Despois de enviar o comentario, cando baixei á cociña quentar as lentellas para xantar e metin un anaco de chourizo entre duas rebandas de pan de molde integral caducado, pensei que fora un pouco basto ó dicir iso do castigo. Pero xa estaba dito, e cando me din conta estaba cortando o segundo anaco de chourizo porque se me fixera moito o pan e pouca a chicha, e non aturo que se me desproporcionen os compangos.

      • XD vaite con coidado co pan caducado pois, ao final, cada un ten que aturar os seus compangos 😛

  9. Ah, que complicado! Os dous son moi bos, orixinais nas propostas e diferentes entre si. Argh!
    Por pouco, voume decantar polo “Zani”. Eses guiños ao Torneo en xeral e os diálogos gañáronme dende a primeira liña.

  10. O meu voto vai para “”Memorias dun Orfeo” de Darío Emilio Gurriarán”. Pareceume moi orixinal, está ben narrado e cautívame a historia desde o comezo.

    “O zani da gramática” está moi ben escrito e divertinme léndoo.

  11. Comento:

    ‘Memorias…’ é, en efecto, unha especie de falsa crítica de ‘Biosbardia’. E como dixo o Lois, iso está moi ben pero ao quedar só niso a nivel de continente e non de contido, para min perde moito. Non hai máis risco ca o formato escollido para presentar a historia. Non conseguiu quedar na miña memoria nin un minuto.

    ‘O zani…’ é un relato ben fiado, con graza. Recórdame un pouco a outros que foron pola vía humorística. De feito, coido que esta primeira fase do torneo se caracteriza polo interese no relato humoristico. O que me parece ben, xa hai ben drama no mundo, así que o enxeño e a coña son ingredientes fantásticos. O diálogo está construido con enxeño e hai un mundo subterráneo que me interesou moito imaxinar como lector.

    Voto por ‘O zani…’

  12. Voto neste duelo tamén porque mo pediu César para o desempate. Paréceme interesante que os dous autores se centrasen en facer remedos de Biosbardia nos seus relatos e non acaba de convencerme, penso que en ambos casos o relato queda un pouco reducido a chiste privado entre amigotes (aclaro que ben sei que se pode facer literatura de pretensións universais partindo dunha anécdota ou dun contexto ben persoal, pero seguramente isto requira unhas circunstancias, un traballo, que as características do concurso non permiten). “Memorias dun orfeo” gústame porque entra nos xénero das “biografías imaxinadas”, que sempre me prestou, e coido que o autor o resolve ben, coa cantidade suficiente de detalle pintoresco que nos aguilloa a imaxinación. Puido haber algo máis de incisividade na linguaxe, os que escribimos críticas en Biosbardia somos máis malos e temos máis ironía que o que aparece aquí. D'”O zani da gramática” gustoume como empeza, con diálogos directos e sen complexos, como a base de trallazos. Sen embargo pareceume que a concisión e forza do diálogo ía perdendo efervescencia a medida que avanzaba. Voto entón por “Memorias dun orfeo”.

  13. A graza deste torneo está un pouco en ver o distintos que somos todos á hora de valorar un texto. Tiña unha idea bastante ben definida con este relato. Quería usar o título do meu primeiro relato, o do Zani, derrotado precisamente pola nazi da gramática. A idea consistía en retratar a un tipo corrente que lle toca o Euromillón e decide converterse nun afamado poeta, todo isto como pretexto para achegarse a unha rapaza, doutra forma para el inaccesible. Como neste torneo houbo moita chicha co tema da orto-tipografía nos comentarios (gracias Clara, agardo que non che molestase), apropieime dalgunha cousiña para tentar facervos rir. Por alusións os poemas son malos porque eu son mal poeta e, sobre todo, porque o tipo é un muñón, hehehe… Non foi difícil facer un mal poema para dar verosimilitude. A verdade é que cando rematei non me gustou nadiña… pero xa non había moito tempo a nada e tampouco atopaba moita forma de melloralo. Cal sería a miña sorpresa ao ver que gustou bastante…

    Porque cando lin “Memorias dun orfeo” pensei que xa estaba fóra do torneo. A idea é maxistral inda que, como xa explicou Guillermo, non se presta demasiado para o formato de cincocentas palabras. Sobre todo ao ser a recensión dunha vida… penso que igual centrándote nunha obra do tipo a cousa mellorase. É certo, como dixo Eva, que os dous relatos sen o trasfondo do concurso perden moito. Intentade ler o meu sen pillar as chiscadelas e entenderedes porque me sinto algo decepcionado co que fixen. O orfeo aguanta mellor o tirón fóra destas catro paredes dixitais. Inda así agradezo que alguén vise cousas salvables nel e me votase.

    Cando o refagas avisa, Guillermo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s