‘O ‘casting’ da terceira’

Boneca Nancy.

Xornada 3. Grupo B. Gabriel Fuentes retirouse do torneo. Tema: ‘O Quixote existiu’. Automaticamente Marcos López gaña o duelo.

Marcos López Concepción.

Hai que esperar nun caótico vestíbulo tapizado de rosa ocupado por un gran número de personaxes de ficción.

Vedes o sofá isabelino? A rapaza con coleta e traxe clásico? Non? Agardade a que se aparte o montañeiro dos bíceps hawaianos. Agora si? Esa son eu.

Paso o tempo mordendo as uñas. A miña esquerda teño unha ánima da Santa que come torta de queixo lambendo as falanxes. Pola dereita hai un barbudo en calzóns longos que me interroga. Quere saber se son representante literaria de personaxes. Precisa dun consello. Está doído porque o seu papel protagonista nun conto sobre o Quixote, sufriu tantos cambios de última hora, que agora nin sequera ten frase no guión.

Cando vou responder que non, que eu tamén vin polo casting, unha vaca bota un cagallón na moqueta. Uns rapaces corren co ánimo de fotografar cos móbiles a merda fumegante. Empuxan a un grupo de seminaristas asasinos, que lles recriminan os empurróns a uns urdos defuntos, que se enrabechan porque estarán mortos pero non parvos para apandar coas culpas dos demais. Observo todo, temendo que se arme unha enleada multitudinaria na que unha ducia de mulleres malencaradas, vestidas de nenas, portando bonecas e bebendo cervexa, apupan a un home elefante que intenta poñer orde no medio da tormenta. Manda calar. Pouco a pouco todos van pechando a boca menos as mulleres das bonecas.

–Pero vós de quen vides sendo? –di o home elefante remexendo papeis nunha carpeta. Ben se lle ve que ten todo controlado agás a presenza das mulleres malencaradas.

–Buah, neno, somos as neonancys –di unha delas empuñando unha boneca vella como unha pistola.

–Ai, señor… –di o home elefante, coa voz cansa, fretando nas tempas–. A ver, pedimos neonazis, e no peor dos casos neozanis. Para que queremos neonancys?

–Xa estamos discriminando –dille a muller, sacando a lingua grampada cun piercing.

–Debeu ser un erro subconsciente pero quedade aí que igual sae algunha cousiña. Agora vai o número 15. Quen é o 15, por favor?

Son eu. Sigo o coxapelear daquel home ata a sala da audición onde está o autor da obra. Son cuspidos. Semellan xemelgos. Preguntan se me considero boa xente. Dígolles que si. “Escribes poesía?”. Respondo si.

–Creo que é ela! Imos ver se funciona –dille un ao outro–. Simpatizas con algún partido político?  –preguntan de novo dirixíndose a min.

–Tedes que perdoar, eh? –contesto, pensando que por aí non paso–. Gustaríame demostrar que merezo o papel por riba das ideoloxías ou opinións persoais de cada quen.

Falan entre eles, baixiño, e danme indicacións para a proba: Teño que mostrar a miña reacción cando a personaxe que interpreto descobre que é a versión adulta e imaxinada, dun feto abortado sete días atrás polos seus pais Rosalía e Breogán.

–Que coincidencia! –digo rindo a gargalladas–. Os meus pais chámanse Rosalía e Breogán!

Os dous quedan mirándome fixamente, se mover as súas caras deformes, como preguntándose se xa estou dentro do papel ou non.

20 comentarios en “‘O ‘casting’ da terceira’

  1. Hahaha, Marcos (ui, escapoume o nome) lánzoche a proposta de converter este relato nunha obra de teatro. Tristan Tzara estaría orgulloso de ti. O meu voto vai para… Claro que si!

  2. “Está doído porque o seu papel protagonista nun conto sobre o Quixote, sufriu tantos cambios de última hora, que agora nin sequera ten frase no guión.”
    Creo que non pintna nada aí esas comas.

    “neonancys”
    joer, inda vin onte no wasap a foto da pintada esa.

    O relato é entretido, creo que tanto para os que recoñecemos os guiños como para os que non. Si, penso que me gustaría tamén no caso de chegar a el sen saber nada dos outros relatos. O caos e o absurdo están moi ben levados. Ademais é metaliterario, iso tamén lle aporta valor.

    DIvertinme lendoo.

  3. Gosto da imaxe de lamber as falanxes pola torta de queixo. Si que vos fixo a moitos relambervos ese conto, eh?! Que bo que algo fique así ao longo dos días e teña tantas repercusións e referencias en tantos textos desta semana.
    «Xa estamos discriminando». HAHAHAHAHA. Gústame o cerebro pensante da persoa que escribiu este relato.
    Na última frase, supoño que é «sen mover». Falta o ene.

    Non voto porque xa hai gañador do duelo por ausencia da outra persoa…

  4. Non entendo nin me gusta nada que se poida gañar automaticamente, síntoo. Non podemos comprometernos ao que nos comprometimos?
    É que non afecta só a quen se retira, afecta ao resto do grupo. Marcos escribiu unha marabilliña e de seguro o meu voto iría para el porque ese cásting metaliterario me encantou, pero se escribira unha merda gañaría igual. Ou se tivesemos en conta que ten 501 palabras e non o votasemos por iso (si, eu son capaz, síntoo).
    Para min así desprézase o esforzo do resto. É a miña opinión, sen máis, e quería compartila.
    Dito isto, encantoume!

    • xa, sabela, pero non hai alternativa. Se o rival se retira do torneo ou non entrega relato, que facemos? É que parece que lle botas unha bronca ó pobre do Marcos!

      • Non lle boto a bronca a Marcos! Xa vou vendo que non se me entende nin nos comentarios nin nos relatos a mitá das veces… Vou ter que replantexarme o hobby este de escribir, hehe. É só que así a cousa non me parece tan xusta. Ora ben, solución tampouco se me ocurre, non. :*

  5. Sabela. no meu contador dáme 497 palabras. 501 se sumas o título pero se non me equivoco, o título non conta. Polo miña parte sempre fago por quedar por debaixo das 500

    • Flipa, Marcos: Word dá o que dis ti, OpenOffice, co mesmo texto, dá as 501 que dixen eu. O texto é marabilloso, non pretendía que soase a iso, pilloume a traspés a cousa, desculpade.

      • A min pasoume o mesmo co Word o outro día pero ao revés. Borrei tres palabras dunha frase e seguía dándome 501. Poñía e quitaba e dáballe igual. No LIbreOffice si que as descontaba. O caso era que quedara un coma-espazo-punto e o Word toleaba. Non sei se será moi de fiar á hora de contar palabras, pero non as vou contar “a man” (é mellor cambiar de editor de texto) XD

      • hehehe… non pasa nada. Por min non hai problema. Só quería aclarar o do reconto, non vaia ser que lle quites un voto a un que ten 501 no Openoffice e logo resulta que contadas a man, como di Amador, dá 500 xustas 🙂 Eu contei no Libreoffice as 497

  6. Boísimo! Encántanme os guiños aos outros relatos, sempre se corre o risco de metelos con calzador, pero aquí encaixan con naturalidade.
    Non pensemos en quen se reitra do torneo, senón nos que quedan e os bos relatos que nos achegan. Estou segura de que este casting tería moitas opcións fronte a un hipotético oponente.
    Parabéns, Marcos!

  7. Que pena un abandono, queda o duelo como tristeiro, de aí a reacción de Sabela.
    Sobre o conto, encántame a idea final, en particular a última frase, deixando pairar esa dúbida tan propia da imaxinación deixa un sabor final perfecto. Penso que empregar esta premisa de relato nunha xornada coma esta, na que hai que usar os relatos dos demais, foi un grande acerto. Algunha vez eu mesmo quixen escribir algo parecido a este relato, cunha sala de espera, un zoolóxico, ou calquera lugar onde se acumulan personaxes ou animais imaxinarios. O problema de facer algo así nun formato pequeno é que queres marabillar ao lector, pero tampouco demasiado ata un punto onde sexa incapaz de imaxinar o que describes, ou se convirta todo nunha listaxe inconexa.
    Neste caso, empregando imaxes doutros contos, sobre todo para nós evítase esa sensación de lista, porque todos as personaxes son moito máis que apenas un recuncho desa sala, lánzase a potencia das historias que se poden contar con eles. Non sei se funcionaría igual de ben con alguén que non tivese lido esas historias previamente. Supoño que non tanto, pero aínda así creo que funcionaría o conto, hai un aquel en todos os personaxes, nos que pareces querer asomarte a ver por que son así. Ese era o maior reto deste formato e penso que se consigue con suficiencia.
    Parabéns!

  8. Outravolta unha macedonia de historias. Desta volta non hai que votar e dáme pena. Iso si, o Marcos non ten culpa dos abandonos ou incomparecencias dos demais 🙂 O Marcos sabe moito de narrativa e sae con acerto deste enredo que el mesmo deseñara. Aínda así, non vai quedar este relato na miña memoria.

    • Xa, oh, non ten culpa ningunha, faltaría máis… Non che digo que me pillou do revés! E agora teño que votar no resto á carreira e entendo moi ben os abandonos, de verdá ¬¬ Un luxo de texto! Máis parabéns a Marcos!

  9. Penso que Marcos, con esta delicia metaliteraria, foi o único quen de facer un relato hiper-referenciado con moito xeito. Este festival de humor (máis que torneo) Biosbardiano está a dar moito gusto. Parabéns, estou case seguro que ía levar o meu VOTO se fixese falla.

  10. Creo que a sobredose de referencias nesta xornada tivo unha sinerxia negativa entre os relatos. Se alguén alleo ó concurso os lera poderían gustarlle mais ou menos, pero nunca podería dicir que non lle gustan por ter demasiadas referencias ou ser un catálogo. En cambio, nós, tras ler os orixinais e logo 2 ou 3 con varias referencias rematamos saturados diso, porque xa case non somos capaces de valorar a historia, só nos fixamos as referencias.
    E claro, como é imposible facer iso na xornada 1 e moi dificil facelo 2 (hai que escribir o relato da 2 mentres les os da 1), sempre vai ser a 3º xornada a que esté a full de spinoffs.
    O que veño dicir, en resumo, é que as opinions de quen non recoñezan as referencias serían mais fundadas e lúcidas que as nosas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s