‘Teoría sobre animais domésticos’ vs ‘Na cidade, un 15 de agosto’

‘O rapto das sabinas’, de Nicola Ricci.

Xornada 3. Grupo C. Érica Couto fronte a Carlos Vega Tema: ‘Festa’.

Na cidade, un 15 de agosto

Coa fiestra aberta e un xerro cheo até o borde de té xeado, Martiño sentou as carnes no sillón e puxo os pés en alto. O ático convertíase nun asadoiro no verán mais os mosquitos, que por reacción se volveran langráns co ritmo da cidade, non se atrevían a rubir aquelas alturas.

Era 15 de agosto, ese día máxico no que a xente desaparecía das rúas, os coches se desmaterializaban e o tráfico alcanzaba o nivel cero. Martiño colleu a primeira das revistas da pila e empezou a ler: “Haarmann, o carniceiro de Hannover”. Aquela lectura sen presas íalle saber a gloria.

Cando faltaba pouco para chegar ao caso de asasinato de Friedel Rothe, o telefonillo chiou e Martiño sentiu unha navallada no peito. O aparello rinchou de novo tirando bocados ao aire. Ergueuse.

–Quen é?

Voces ao outro lado, dúas persoas que besbellaban e o estrondo dun algo ao caer no chan.

–Que queredes?

–É día de festa, fillo. Traemos tripas! –gritaron ao outro lado.

Martiño aprestouse a atrancar o pasador da porta e parapetouse no sillón. A través da fiestra aberta chegoulle un eco lavado do portal que se pechaba. E logo, o grallar do ascensor que subía ata o último piso. Puxo a orella, oíu sons de conversa e pasos. Apretou os puños. Parou o respiro no peito. Estaban alí, fóra da porta, e Pai alongaba a man para chamar o…

Gargalladas e voces revoltas retumbaron no piso, e soaban fortes coma se estivesen alí mesmo, na cociña. Avoa que afiaba o coitelo coa pedra e Avó que contaba o conto do can e a xirafa. Nai que ría, todos rían. Martiño bebeu media xerra de té dunha sentada. Tentou esfollar as revistas, mais as fotos agoniábanlle o estómago. E as voces que non calaban nunca, e a Avoa que chantaba o coitelo contra a táboa de cortar, e o son das potas que fervían enriba do lume.

–Limpaches as tripas, fillo?

Martiño alzouse arrepiado. Foi á porta, saíu fóra, peiteou o relanzo. Había alí un silencio fresco libre do trafego da cociña. Arfando baixou a pé os dez pisos que o separaban do nivel da rúa, e unha vez abaixo acolleuse á caridade do ascensor para volver subir. No cubículo deixaran uns cartóns mollados que fedían ao fresquío. Martiño tapou o nariz coa man e saltou fóra do ascensor nada máis chegar ao último piso.

Cando entrou na casa, enriba da súa cabeza o volume da conversa inflárase coma o papo dunha ra: era un croar distorsionado e barullento no que non se distinguían as falas do borboteo das olas. E por riba del, o cheiro vivo da tripa que cocía.

–Martiño, a comer!

Alzouse un mastegar continuo, un sorber de caldo gorentoso e de culleres que batían no fondo dos pratos. O caso é que tamén a el lle entrara a fame.

–Xa vou. Deixádeme un prato cheo.

……………………………………..

Teoría sobre animais domésticos

O renxido das portas ao arrastrarse sobre as bisagras pareceulle a maior exaxeración que o seu aniversario provocara no mundo. Antes retirara as toallas que improvisara como pechaduras e agora miraba entrar o aire enchoupado de cor laranxa cobizoso, arrastrándose sobre o seu propio bandullo. Rachou as portas de par en par e o gas mareouno, ondulando todo arredor.

Aquela maña unhas pingas de sangue medraban no queixo do rapaz, que decidira afeitarse por primeira vez en vinte anos, naquel día especial. Dubidou en ser demasiado obvio pero acabou secándose cun trapo improvisado coa marxe do Rapto das Sabinas. El e seu pai, alí escondidos, necesitaran hixiene e entre os dous acordaran que a arte neoclásica xa non tiña nada máis que ofrecer .

Foi buscar o vello, a el tamén lle faría falta. Non o atopou no almacén, onde situaran os sacos de durmir e as provisións, nin no salón romántico. Atopouse a si mesmo alixeirando o paso, co trapo e a navalla. Quería de veras crer que o seu pai se acordaría de felicitalo este ano, que ao ser os únicos que sobreviviran á nova peste os dous terían que estar xuntos, que aprenderían a falarse o un ao outro.

Estaba seguro de que andaría na primeira planta, xa andaba vello e as pernas empezábanselle a pór grises. Ao rapaz non lle gustaba velo e o pai intentaba ocultalo todo o que podía. Iso empeorara os últimos días nos que lle dera por pensar que se aquel home tan alto non sobrevivía a iso, El?.

Levaban unha semana alí dentro, sen saber moi ben a que agardar. Mentres sobrevivían coas máquinas expendedoras acostumarase a matar as horas coma un cego, resgando os cadros ou envorcando esculturas. O equipo de radioafeccionado que atoparan os primeiros días nunca funcionara pero alí, no museo, era a obra de arte máis solicitada. Ao vello ilumináranselle os ollos. Fora enviado especial, e sempre levaba un traste parecido, pregado nunha maleta. Todo isto fora dias antes de que caesen as primeiras bombas, cando unha mañá o rapaz atopou nos libros do seu pai A carta roubada de Poe.

Non está o máis valioso de París no Louvre? Preguntoulle o fillo dous días antes do seu aniversario, como cando era pequeno, pedindo disimuladamente o seu agasallo.

Perdido como andaba en medio deses pasos escoitou tusir a súa esquerda e ao entrar viu ao pai estaba sentado diante do cadro de Leónidas nas Termópilas e o fillo odiou con tanto corazón aquela imaxe que retrocedeu sen ningún ruído ata as portas principais.

Podía imaxinar o pai recoñecéndose naquela pintura, rei e rexente, pero todo fora grazas ao seu esforzo. El buscara refuxio, quixera mentir tantas veces ao servirlle comida de máis e decidir o que estaban a agardar. Aquel, de todos os días, tiña que haber alguén fora, agardándoos pero a pouca luz que deu entrado só alumeou un rapaz que perdera seu pai había días, quedo coma unha escultura de cobre quente.

 

14 comentarios en “‘Teoría sobre animais domésticos’ vs ‘Na cidade, un 15 de agosto’

  1. «Na cidade, un 15 de agosto»
    O título dá boa conta do ben que se tratou o tema desde o comezo, poñendo como protagonista principal o día da festa. Mais coido que sería máis rechamante que fose só: «Un 15 de agosto». Entenderíase o da cidade polo contido que atopamos despois e o título gañaría forza.
    Gústame a reflexión sobre os mosquitos, sobre todo porque estou algo farta de que agora (andarán tolos co cambio climático e as calefaccións?) estean pululando nos doce meses do ano (polo menos esa é a miña experiencia duns anos a esta parte).
    Non me gusta «rinchou» despois de «chiou». Sinto un esforzo retorcido nos repasos que fixo a persoa que escribiu o texto sobre el. Non queda natural. Pola contra, neste esforzo innecesario que percibo nalgunhas partes, despois vólvese a falar da fiestra, no canto de empregar ventá ou xanela (é unha suxestión, non porque estea ma nin moito menos).
    Isto creo que está mal expresado: «Voces ao outro lado, dúas persoas que besbellaban e o estrondo dun algo ao caer no chan».
    Non entendo o do «eco lavado».
    O recurso de, desde o punto de narrador, empregar puntos suspensivos para amosar unha interrupción non me parece ben. O narrador non está interrompido. Debería expresarse dalgunha maneira mediante palabras. Os puntos suspensivos empréganse para outra cousa e así denota falta de palabra no tratamento de narrador (na miña opinión). Nas transcricións de conversas empréganse corchetes, pero sendo este o caso nin sería necesario. Penso que cun deses verbos que tanto foron procurados noutras partes co significado de ‘interrupción’ chegaba mellor e lucía moito máis o texto. De feito, a partir deste momento o relato comeza a ser… incompleto. Faltábanche palabras? Parece información telegráfica o que segue…
    O da «caridade do ascensor» mátame. Hahahaha.
    Penso que hai parágrafos demasiado curtos, que hai que revisar a ortotipografía e que hai que darlle varias voltas ao léxico e ás conxuncións (tres «mais», cero «pero»). Nun texto tan curto, todas estas cousas chaman a atención.

    «Teoría sobre animais domésticos»
    Non me gusta o título, penso que co texto que se nos presenta o título debería ir por outra parte e, ademais, trátase moito menos o tema proposto (ou polo menos dun xeito moito menos intenso).
    Destacan os adxectivos coidadosamente elixidos e medidos, non chegan a sobrar, mais sobre todo non faltan. Por outra parte, poño tamén en destaque que introduza un episodio mitolóxico da forma que o fai.
    «Quería de veras crer»? Mellor «quería crer de veras» ou «de veras quería crer».
    O de «EI» ou El» non o entendo. E hai unha interrogación e un punto.
    «Mentres sobrevivían coas máquinas expendedoras» VÍRGULA + futuro de indicativo? Non entendo. Non sera «acostumara [el] a matar»?
    Gústame «envorcar».
    Penso que hai parágrafos demasiado curtos, que hai que revisar a ortotipografía e a ortografía (un dos «dias», «tiña que haber alguén fóra»). Este relato parece que non tivo revisións e foi escrito con moita présa. Pola contra, con respecto ao outro, penso que mantén a mesma liña dese o comezo ao final, sen atropelarse polo camiño e cortar con machete oracións, que é o que sentín no outro. E aínda que non me acabou de gustar o relato e as eivas que fun atopando nel, penso que isto decido o meu voto, confiando que a persoa que o escribiu dedique máis tempo á revisión en próximas ocasións.

    Voto por «Teoría sobre animais domésticos».

  2. A primeira vez que lin o 15 de agosto non o entendín. Non entendín que era o que facía estrondo ao caer ao chan; non entendín que entrase a xente na casa coa porta atrancada; non entendín que facía o Martiño detrás do sofá e non entendín, en xeral cal era a proposta da autora. Na segunda lectura entendín máis cousas, agás que era o que caera ao chan. Dáme mágoa ter que dicir que non me atrapou nin un chisco, malia ser unha boa recreación do conto das tripas. Pode que a historia quedase lastrada pola obriga de usar outro conto ou que a autora o escribise como por encargo por ese mesmo motivo. Cando rematen as votacións, se queres, poderíasmo responder?
    Da teoría dos animáis domésticos gustoume a recreación dun interior decadente nun mundo postapocalíptico. Creo que a consegue. Pero custoume ver a festa por ningures. Claro, é un aniversario, tería que ser unha festa, mais non o é. Con todo, voto pola “teoría dos animáis domésticos”.

  3. Na cidade, un 15 de agosto

    A primeira vez non entendín ben o relato. A segunda creo que a medias. Martiño non quere festas, ven a sua familia a pasar o dia grande e el atranca a porta. Logo parace que xa están dentro e el, bueno, acomodase. Non sei ben por que baixa e sobe no ascensor. Se no relato “orixinal” podía facerse unha lectura perfectamente “branca” do asunto, aqui xa é mais complicado. As revistas sobre asasinos en serie danlle un aire tenebroso ó que acontece. Están cocendo un cadaver? Pode que si, pode que non. Non importa moito. O relato vai sobre o conflito de Martiño, que inda que é escuro está ben reflexado.

    Teoría sobre animais domésticos

    Un relato de corte similar a moitos do torneo. Ben redactado, con pasaxes boas e que deixa en mans do lector todo o peso do seu sentido mentres o autor/a se agocha tralas palabras. Este soportou peor a relectura que o seu rival. Neste relato vexo o escenario e pouco mais. Non acabo de entender o que lles pasa pola cabeza ás personaxes.

    Voto por “15 de agosto”, sen moita convicción. O seu pouso foi mais solido.

  4. Nos dous casos teño a sensación de que quedaron cousas no tinteiro. Máis no primeiro relato (en forma de buracos) que no segundo (fíos soltos). Doulle voltas a algunha das cousas que lle acontecen a Martiño e non me encaixan as pezas. Iso si, meterlle man ao conto das tripas (que creo que era bastante redondo), ten mérito.

    Atópolle máis consistencia a “Teoría dos animais” xa que aínda que hai frases que son como camiños sen saída, hai unha vía principal mellor definida.

    Outra cousa é o da recreación dos contos anteriores. Eu adoito ter en conta o mellor ou peor encaixe da historia no tema principal para desempatar dous relatos que vexo parellos, pero o da valoración de si hai recreación ou non e en que medida (hai moito que rozar nese terreo) xa se me escapa.

    O meu voto vai para “Teoría dos animais”.

  5. Segundo o que lle entendín a Cesar no seu mail, se un relato non contén as obligatorias referencias será penalizado con -4 votos. Así que nós non temos porque valorar negativamente iso nos relatos ou estariamolos sometendo a un dobre castigo.

  6. Vaia dúas festas! Penso que “Na cidade, un 15 de agosto” é máis fiel ao tema proposto: hai unha festa, está claro, e todo o texto xira arredor de Martiño, que non quere ser partícipe. Rexeita o fastío das reunións familiares ou hai algo máis? Non me queda de todo claro, e certos detalles da historia confundíronme máis aínda.
    “Teoría dos animais domésticos” presenta unha ambientación interesante, na que, dende logo, non pensamos ao falar dunha festa. Pero máis alá dese mundo decadente e a boa redacción, non me chamou para nada.
    Voto por “Na cidade, un 15 de agosto”.

  7. Por desgraza, non me enganchou moito ningún dos dous. “Na cidade…” ten demasiadas incongruencias argumentais, e creo que se inspira demasiado no conto das tripas, parece unha versión do mesmo con outro narrador.
    O outro ten unha idea interesante, a distopía de infectados e refuxiados no museo (que ben que non é un centro comercial, coma sempre), pero non atina a darnos a información ao principio (menciónase a peste no 3º parágrafo) e entramos na historia descarrilados. Require unha revisión, pero “Teoría sobre animais domésticos” leva o meu voto. Malia non comprender o do título. Malia non ver a inspiración noutro relato por ningures, pero iso, como apuntou Lois, que o decida o xurado.

  8. O meu voto vai para “Teoría sobre animais domésticos”. Atrapoume a historia, está moi ben contada e ben escrita.

    “Na cidade un 15 de agosto” pareceume unha proposta interesante e por anacos ata divertida.

  9. Comento.

    ‘Na cidade…’: Gústame a atmosfera, a calma do autor/a á hora de describir a situación e os personaxes. Esa inquedanza da cotidianidade está moi ben conseguida. Hai dominio da frase, do ritmo, da pausa, do rexistro. Un gran relato!

    ‘Teoría sobre…’: Custoume un mundo entrar no relato. Hai demasiados adxectivos, demasiadas palabras para poñernos en situación. O relato está lastrado por ese permanente rodeo narrativo.

    Voto por ‘Na cidade…’

  10. Vaia, os dous relatos máis misteriosos da xornada foron xusto a enfrentarse un ao outro. E baixo o tema Festa, quen o ía dicir.

    Na cidade, un 15 de agosto
    Ten un bo comezo, os primeiros parágrafos describe moi ben o ambiente que desexa o pobre Martiño, os artigos sobre asasinos colocan un preludio de historia escura. De feito teño a sensación de que o resto do relato non é máis que unha interpretación dese momento inicial, dun momento moi ordinario que se vai enleando, escurecendo, volvéndose críptico. É certo que este relato non se pode ler sen sacar o orixinal das “tripas” da cabeza, e bebe moito del. Pero trátase dunha reinvención interesante, xa que neste caso non está todo vestido cunha máscara de fábula que non cae en ningún momento, senón que aparece vestido inicialmente de relato costumista para ir introducindo o tenebroso pouco a pouco pero de xeito moito máis unívoco. É certo que resulta confuso, quizais un pouco de máis, pero tamén é probable que o seu maior valor estea precisamente nesa capacidade para suxerir sen concretar, como quen fala de reglas moi específicas dun xogo que nós non coñecemos. Non me parece un conto redondo de todo, poderíanse mellorar ao meu ver algunhas cuestión de lingua (apunta varias Clara) e tamén de ritmo, para deixar un relato moi moi bo. Imaxínome unha antoloxía das tripas, como idea de volume colectivo sería moi interesante.

    Teoría sobre animais domésticos
    Ten este relato moito elementos que me gustan. Un título suxerente. Unha premisa con moito potencial de museo postapocalítpico. Tamén me gusta moito a idea de tratar o tema da festa dun xeito tan escuro. E a forma de mesturar a trama co museo, en particular esas Termópilas que se viñeron con moita forza á miña imaxinación. Ten uns mimbres fantásticos, pero creo que fallaron varias cousas da execución, estou convencido que por facelo un pouco as presas (algúns erros gramaticais denotan isto tamén). En xeral, como comenta César, creo que sobra rodeo narrativo para chegar ás ideas forza, e que as relacións entre elas quedan desdibuxadas sen que esa indeterminación engada nada ao conto. Sinto que este conto ten a suficiente forza no exótico dos seus elementos como para ter que ser tan críptico, réstalle forza a unha historia que podería golpear moito máis forte. Animo ao autor a que volva a este conto a facerlle algúns arranxos, porque vexo material para algo realmente bo. No particular quédome con “Non está o máis valioso de París no Louvre? Preguntoulle o fillo dous días antes do seu aniversario, como cando era pequeno, pedindo disimuladamente o seu agasallo.” Que momento.

    Difícil voto o deste duelo, gústanme por cousas diferentes os dous contos. Creo que vou quedar con “Na cidade, un 15 de agosto”, pero foi moi moi xusto.

  11. Vaia relatos máis misteriosos e tenebrosos. Semella que os autores se puxeron de acordo para darlle un aire críptico que lles acae moi ben aos dous. Semella que todo está moi no aire en ambos casos, poida que demais. Os relatos son coma cebolas, sacas algo en cada pasada, inda que custa. Penso que me gustou máis “Na cidade…” empata moi ben coas tripas, dunha forma inquietante e elegante. “Teoría sobre animais domésticos” ten un título que vai moi acorde co desconcerto xeral. Penso que se o seguise a reler acabaría gañando. Pero esta semana ando moi mal de tempo. Vaia pois o meu VOTO a “Na cidade…”

  12. Ola a todxs! Perdoade se non respondín aos vosos comentarios antes. O primeiro que me toca facer é pedirlle desculpas a Adrián por meterlle man ao seu relato. Eu tamén fun unha das que non se enterara que na terceira xornada tocaba recrear o universo creado por algún dxs autorxs participantes. A cousa colleume cando xa tiña montado o relato e tiven que adaptalo como puiden. “Tripas” é un conto que, aínda que non votei por el no duelo correspondente, quedou aí dentro, dando voltas e crecendo, e ademais parecíame que encaixaba ben coa miña historia, así que decidín usalo. O caso é que me precipitei e fíxeno todo ás présas (non me preguntades por que non pedín prórroga, nin se me pasou pola cachola). Creo que dándolle unhas voltas podería mellorar o resultado final (gracias a todxs polos comentarios neste senso). Mil perdóns a Adrián polo desacato cometido.
    Amador, o que cae no chan é, ou debería ser, un saco coa mercancía (as tripas, para entendérmonos).
    Por certo, a familia de Martiño non entra na casa en ningún momento. O ruido do xantar escóitase enriba, no teito. Visto que Martiño vive nun ático (é dicir, no último piso do edificio) a cousa debería ter creado unha atmósfera de estrañeza. Son consciente de que se teño que explicar isto significa que non conseguín o que quería. Nada, toca aplicarse máis nos duelos vindeiros.
    Graciñas a todxs polos comentarios!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s