‘Poesía mínima’, un diálogo sobre a delicadeza

Helena Villar Janeiro.

César Lorenzo Gil.

Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) publica Poesía mínima na colección ‘Libros do Sarela’, da editorial Alvarellos. É unha edición coidada, con certo luxo, en galego, castelán e inglés, de 50 fotopoemas loxicamente conformados non só polos versos senón por imaxes a toda cor.

Villar Janeiro elabora 50 haikus, poemas compostos por tres versos nos que o primeiro e o segundo dos cales debe ter cinco sílabas e tres o do medio, segundo o costume. A poeta galega constrúe así lixeiras filigranas nas que son protagonistas absolutos o ritmo (a música do breve canto) e, sobre todo, a imaxe que evoca.

O xogo de imaxes é o máis interesante deste libriño. Nunha páxina, a fotografía que escolle a escritora para pórlle “música”; enfronte unha primeira interpretación desa imaxe, unha depuración do intelecto posterior á primeira impresión como artista. Podemos dicir que Villar Janeiro realiza en Poesía mínima un traballo de decantación en varias fases a respecto dunha idea que se concreta nunha posta en escena que dá como primeiro resultado unha foto e logo a seguir unha lectura: o haiku.

Podemos dicilo pero non aseguralo porque non coñecemos exactamente o método de traballo da autora. Puido ser que primeiro nacese o verso e logo se buscase a imaxe que o representase… En realidade dá igual porque o acerto desta obra é que ambas as linguaxes: a poética, a visual e incluso a intelectual (a que decide como ver o que se ve) están perfectamente incardinadas e crean un universo coherente entre si.

Villar Janeiro non fotografa calquera cousa. Neste libro a protagonista é a natureza. A natureza xeolóxica (as paisaxes, a erosión do mar sobre o mineral); a natureza viva (os paxaros, as flores, as árbores…) e a natureza posthumana (as ruínas, os obxectos creados e abandonados). A fotografía e a poesía como pouso (outra vez a decantación) do pulso e do decorrer da vida. A escritora é unha coleccionista de experiencias que se nos presentan estáticas, cadros perfectos nos que intentar ordenar o caos do mundo.

Esa vontade de ordenación, de catalogación non pelexan cunha fonda carga de movemento na escolla das imaxes. Os verbos en moitas ocasións definen accións pero tamén en moitos outros casos, a súa propia natureza dános esa sensación de pausa (durmir, soñar, abrazar…). A poeta reflexiona (a arte de pensar), ve e fala (canta).

Poesía mínima, coido, é un libro sobre o paso do tempo, sobre a perda (as casas destruídas, os belos paxaros mortos), sobre a capacidade de adaptación (as portas remendadas), sobre o absoluto (as paixases mariñas, as arboredas), sobre a beleza, efémera sempre, tamén esquiva (as flores).

Villar Janeiro consegue resultados óptimos nalgúns felices haikus, imaxes que non só se presentan aos nosos ollos coma un relampo senón que provocan que nós, como lectores, na nosa quenda, tamén exploremos as evocacións que nos provocan imaxe e versos por xunto. “Calquera rocha / que mora vendo o mar / faise serea”; “Seo de mármol (sic), / en que xardín escondes / tanta beleza?”; “As carballeiras / cando van vellas xogan / a se abrazaren”. Mais é inútil reproducir só a metade do poema, é como ver o mundo cun só ollo. Nin cabe tampouco describir minuciosamente as imaxes que acompañan estes poemas.

Aínda que o fotopoema non é unha técnica nova, esta obra de Villar Janeiro pódese encadrar no cambio que supuxo para a fotografía a revolución dixital. Moitos expertos advirten da banalización da imaxe, da fin da arte fotográfica consumida pola banalidade de fotografalo todo, de compartilo todo, de acumulalo todo (sen edición nin miramento) no fondo dos discos duro desa memoria “sólida” que se contrapón á nosa memoria “líquida” que todo o esquece e se pon a outra cousa cada dez minutos.

Este libro poderiámolo case considerar un contra-Instagram usando as súas propias armas. Un contra-Instagram que fai nacer no lector a vontade, non de ver e non “gravar” senón xustamente do contrario: ver, fixar, evocar, poemar, compartir, pór un croio máis no milladoiro colectivo da beleza.

♦Poesía mínima, de Helena Villar Janeiro. Versión inglesa de Paul Baker, Alvarellos, 2018. 106 páxinas. ♠16€

Advertisements

Un comentario en “‘Poesía mínima’, un diálogo sobre a delicadeza

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s