Rolda exprés por un posto na segunda fase

O logo de The Pirate Bay.

No grupo D, durante a fase de clasificación regular, produciuse un triplo empate entre David Botana, Clara Vidal e Fran Castiñeira na segunda posición. Para coñecer quen pasará á segunda rolda acompañando a Guillermo Rodicio presentamos este duelo a tres bandas, baixo o tema ‘Pirata’.

A canción

—Podes levar os cedés que queiras. Penso que che devolvín todos os teus pero se cadra esquecín algún.

—Non, só ese, ten que ser ese en concreto –teimou María.

María buscaba na extensa colección de discos do seu ex.

—Cal buscas? –inquiriu Goio.

—O de Drake, o daquela canción.

—Teño un disco de Drake? En serio?

—É meu, xa cho dixen –Había anos que Goio non escoitaba discos compactos. Tíñao todo pasado a arquivos dixitais no seu ordenador, e o que non, escoitábao nunha plataforma da internet.

—Non é que me moleste a túa visita pero non entendo por que non descargas a canción directamente, por un euro aforrabas a viaxe…

—Sempre é un pracer visitarte, e calquera escusa é boa –apuxo ela, sarcástica–. Non lembro o título nin da canción nin do álbum para buscala. É aquela que bailabamos xuntos. E preciso o disco, eu non me amaño con eses chintófanos dixitais, xa o sabes.

—E como o vas atopar?

—Se o vexo, coñézoo. Paréceme incrible que non lembres a canción.

—Ti tampouco…

—Pero ti lembras todas, porque es un maniático. Pero esa, que significaba algo para os dous, esa non.

—Mira…

El reprimiu a resposta. Tiña gañas de rematar con esa leria. Estaba claro, ela só viñera a facer reproches e a rifar, por unha banda, e para recuperar aquela música que lle relembraba aos dous, pola outra. Típica contradición de María. Pero el non ía caer. Deixárano había un ano, e el, máis mal que ben, comezaba a saír adiante.

María compuxo o xesto e deu a volta. O seu ton de voz suavizouse.

—Perdoa, Goio. Non vin para rifar. Non ten sentido. Vin polo disco, porque significa moito para min, e agradézoche que me deixes buscar por el. En serio –gardaron silencio e ela volveu virarse para o moble pero non por moito tempo–. É este! Atopeino!

Sacou un compacto do estante e amosoullo ao seu ex. Tiña a portada escrita a rotulador, co nome das cancións.

—Se é un CD pirata… Esa é a miña letra –mirou Goio–. Deus, xa lembro.

Había polo menos unha década. A María encantáballe esa canción e el gravoulla do orixinal que tiña un amigo. Bailábana en casa, ben achegados…

—Era o terceiro tema –dixo Goio, máis para si que para ela.

María deu un paso.

—Podo levalo?

—Claro, xa cho dixen. É teu.

—Teño que marchar.

Déronse unha longa aperta en silencio. María despediuse e saíu. Todo ese teatro por un cedé pirata. Ou non só por iso. Goio comezou a buscar no móbil por esa canción para descargala.

María salaiou de alivio no portal, que desagradable fora todo. Abriu a caixiña do disco e sacou o papel da capa, abriuno. Aí estaba: o número da conta online que abrira en segredo, para a voda que non acontecera. Precisaba eses cartiños. Pensou en tirar o disco pero gardouno.

……………………………

Carafio!

Os ganchos morden a madeira da Sodoma. A fragata Lucía aférrase ao tenebroso galeón nun baile a morte. O capitán Falete toma a cuberta inimiga guiando os seus homes, desafiando coa pirola ergueita os sorprendidos piratas que emerxen das profundidades da mole mariña. Os golpes de gaita sucédense de proa a popa nunha loita a pixa tesa sen cuartel. Cando a tripulación da Lucía leva as de gañar un berro detén o tempo. Provén do alto da verga maior. Alí, Carafio, o capitán da Sodoma, reclama atención. Porta dous ganchos: un no coteno da man, o outro márcalle as menos dez desde a entreperna. O xigante negro agarra un adival e guíndase á contenda mentres berra: «Falete!» .

As tripulacións deixan sitio en cuberta para que os dous homes se midan os aparellos. O alfanxón de Carafio supera en moito o sabre de Falete, no entanto, o máis rápido destes mares. O pirata ri seguro, o seu rival súa sabendo o que se xoga. Carafio carga de improviso cun chimpo pelviano tentando enxergar a Falete co seu mastronco. Este resposta cunha áxil finta e un contra-vergallazo que o pirata negro esquiva coma se nada. Frenéticos chis-chas de carne dura dan paso a calmos bailes en garda coas húmidas puntas pegadas.

—Es meu.

—Antes queimo a nave!

Carafio xira o cimbrel mentres avanza cun estraño movemento de cadeiras. Falete axiña se ve desbordado pola treboada de zorregadas e fica acurralado. Ao tentar unha última aguilloada desesperada perde o pé e o rival gáñalle as costas. A súa cara morde a varanda, o ferro da man do pirata encáixaselle na boca mentres o de abaixo lle fai cóxegas nos melindres.

—Viñeches a por isto, non?

Antonio

—Nonf, malditopf… pfara!

O capitán lembra as sabias palabras de seu pai: «Fillo… o cu é pa cagar», mentres o pirata lle esputa na entre-cacha. A Lucía fica enfronte súa mirándoo con tristura. O negro refrégalle a trapallada toda rindo sen control.

Antooonio…

A Lucía abre as lombardas e por elas aparecen os canóns-pene-xigantes. A cobra de Carafio comeza a buscar acubillo. Falete sente como o seu sabre se tempera. O artilleiro da fragata mira para el acariñándolle os collóns á artillería, disposto a mandar as dúas naves ao inferno a unha sinal do seu capitán.

Antonio, hostia!

Uns dentes negros no colo, fedor a ron, a punta dentro, os canóns a esbourar. Falete morde o gancho e aperta o cu forte, xunto coas ganas de dar o sinal.

—Antonio! Foder! Que chegamos tarde!

—Que?

—Que espertes, cona. Que temos que recoller a miña nai.

—Lucía? Eu… que?

—Manda carallo! Pero que tes aí? Vaia se che prestou a sesta!

—Eu…

—E se lle tardamos a Sabela unha chisca? Xa hai tempo… pirata…

—Deixa, deixa. Eu… é moi tarde.

—Non sei que hostia tes, Antonio… pero xa me farta.

O golpe da porta pecha a discusión. Antonio abre unha conversa do Whatsapp. «Que carafio teño..?», matina ao tempo que medra unha foto.

……………………………………….

Mecanismos da vida

O día do enterro de papá había moita xente na misa. O funeral foi rápido, para favorecer a axilidade da sepultura e non perder o tempo nos pormenores da cerimonia. Eu estaba todo o desfeito que se pode estar cando perdes un pai tolo que levas anos agardando que morra para poder vivir en paz. Sentindo unha mestura de sosego e aflición pouco equilibrada. O peor estaba por vir. A herdanza deixábame nadando na precariedade cunha morea de cousas inútiles ocupando a casa.

Papá gardaba todo tipo de obxectos inservíbeis que por aí atopaba porque, ademais de chalado, tiña diso que chaman síndrome de Dióxenes. Eu carretei desde rapaz coa enfermidade, no improdutivo intento de botar ao lixo o que ía traendo de fóra mentres as montañas de merda non paraban de medrar. Entre toda a porcallada, puiden armar varios computadores que me permitiron converterme nun pirata informático co pouco coñecemento que acadara grazas ao Wi-Fi roubado dos veciños ou do bar de abaixo. Cada vez con máis tino, souben penetrar axeitadamente nos sistemas informáticos alleos e gañar cartos que nos permitían subsistir pero aínda non lograra acceder a entidades grandes coma un banco. Coa morte de papá e sen a pensión de viuvez, eu ficaba sen ingresos fixos, con montes de merda no piso e sen case tempo para aprender máis e mellor a introducirme nos sistemas de cómputos para conseguir cartos rápidos e seguros.

Sumido na investigación de redes, apenas xestionara a cochada que papá me legara. Ao volver dos pésames con cheiros florais, pechei a porta do piso e deixei ás miñas costas esvarar paseniño ata que aterrei co cu no chan. Apertei forte os ollos, recoñecendo o fedor que xa asimilara como fogar e que a partir de agora podería acomodar para que ulise a piñeiro, a candeas aromáticas ou a computadores botando fume por estar 24 horas prendidos. Suspirei e abrín as pálpebras. Á miña dereita, na mesa onde teoricamente se pousaban as chaves ao entrar, penduraba o reloxo Enicar de papá cunha nota amarrada. Adiviñei o que escribira naquela factura vella que nin sequera era nosa. Entre as frases, chorreaban líquidos desprendidos do cúmulo de lixo superposto amontoado durante anos ata case o teito. Papá deixárame o obxecto ao que máis valor outorgara sempre e ademais escribira unha explicación do porqué. Estaba demente pero sabía como axudarme ao marchar. Ese mesmo día desmontei o reloxo e atopei un labirinto no seu mecanismo interno que me inspirou para comezar a aprendizaxe profesional das tripas das máquinas e das linguaxes de programación avanzada. Ao final, era o tempo o que marcaba a vida. A exactitude precisa alcanzaría o pan peza a peza, como quen constrúe un virus, unha familia ou unha historia de trastenda.

Advertisements

43 comentarios en “Rolda exprés por un posto na segunda fase

  1. O que máis me convenceu foi o primeiro, ‘A Canción’ (todos temos unha), relato que se leva o meu voto. Atopo ‘Carafio’ demasiado caótico na súa narrativa, e o final de ‘Mecanismos da vida’ é moi mellorable. As tres foron propostas interesantes.

  2. Canción

    Xa que se trata de case todo diálogo, eu tentaría reducir os cortes de ritmo. P.e., transformar isto:

    —Non, só ese, ten que ser ese en concreto –teimou María.
    María buscaba na extensa colección de discos do seu ex.

    Nisto:
    —Non, só ese, ten que ser ese en concreto –María buscaba na extensa colección de discos do seu ex.

    O matiz da teima non se perde porque a propia situacion o indica, é a segunda vez que di que ten que ser ese disco en concreto.

    “—É meu, xa cho dixen –Había anos que Goio non escoitaba discos compactos. Tíñao todo pasado a arquivos dixitais no seu ordenador, e o que non, escoitábao nunha plataforma da internet.”

    Aqui temos outro problema. Non é boa idea introducir os pensamentos/acotacions de Goio nunha linea de dialogo de María. Semella que María nos explica que Goio non oe CDs, e iso queda raro, aparte de que xa era innecesario de antemán.

    “E preciso o disco, eu non me amaño con eses chintófanos dixitais, xa o sabes.”
    De novo o autor nos da explicacions que o lector non necesita. Ela quere o disco porque é seu. Se non é que o autor queira meter outro motivo que sexa importante para a trama, non é necesario dicir mais.

    O final é interesante e dalle moita forza ó resto do relato, pero paréceme que quedou a medio gas. Tan a medio gas como a ultima frase. Se non o tirou era mellor xa nin mencionar iso, porque abres unha porta falsa.
    Creo que ó relato lle viría ben un narrador máis neutral/frio e cun pto de vista mais centrado. Todo o tempo semella estar na cabeza de Goio pero logo iso non lle vale para contar o final e ten que poñerse na cabeza de María. Claro, non podía estar na cabeza de María desde o inicio porque daquela xa saberíamos o que buscaba realmente María, pero é literariamente pouco elegante cambiar o foco ó final desa maneira. Se narras desde Goio, faino ata o final. Se iso non che vale, busca un pto de vista equidistante e manteno todo durante todo o relato.

    Carafio!

    “Antonio! Foder!”
    Foder? De verdade se usa así?

    O relato é chamativo, pero ten un problema importante de falta de progresión. Ó rematar o primeiro parágrafo xa quedamos totalmente vacunados para afrontar o que se aveciña. No primeiro parágrafo había que meter algunhas cousiñas (xa chegaba cos nomes dos capitáns) e logo, pouco a pouco, ir convertendo unha suposta abordaxe nun inesperado esperpento fálico. O autor comezou demasiado arriba e o que veu só foi unha repetición do mesmo estímulo. Medio relato pode resumirse en que Falete e Carafio pelexan a pirola descuberta. Iso non pode ser. Non podes reducir o teu relato a unha frase, por moito que pormenorices o combate (tardase mais en lelo que o tempo que transcurriu no relato). Tes que ir subindo a aposta frase a frase. E se queres comezar como comezaches, daquela non narres a pelexa, porque xa é trivial: segundo as regras dese mundo semella algo normal. É que se podía aproveitar que era un soño precisamente para ir transformando o argumento en algo cada vez máis inverosimil.

    Tampouco vexo necesario contratar a un narrador a ultima hora só por incluir o parágrafo do final. Non era necesario.

    Mecanismos da vida

    “Eu estaba todo o desfeito que se pode estar cando…”
    Esta expresion non foi moi afortunada. Se non queres dicir como estaba, pois non o digas. De feito dilo na frase seguinte, entón, para que meterlle este espazo en branco ó lector no relato?

    “Entre toda a porcallada, puiden armar varios computadores que me permitiron converterme nun pirata informático co pouco coñecemento que acadara grazas ao Wi-Fi roubado dos veciños ou do bar de abaixo.”
    Frase moi longa. O de “que me permitiron converterme” soa a linguaxe notarial ou de redaccion.

    O inicio prometía, porque nos poñia nunha situacion especial que semellaba estar en marcha. O pai acaba de morrer, ese é un bo punto de inflexion para calquera personaxe. Sen embargo, no segundo parágrafo vense todo abaixo. En lugar de turrar da historia para adiante o protagonista ponse a divagar sobre o seu pasado como se lle estivese contando as seuas penas a alguén na barra dun bar (que non está). Poñer un cebo no presente e logo ir contar o que pasou 6 meses antes nunca me pareceu un bo recurso. A última frase do 2º parágrafo é un bo resumo do que acontece, poderíase borrar todo menos iso (por salvar algo dese parágrafo) e pasar ó importante.
    Aconséllolle tamén ó autor usar menos a coma. Ou vai sen ela, ou inda mellor sustituila por un punto e formar frases independentes. Hai frases longuísimas que compre acurtar.

    O final fai un guiño ó Enicar pero o relato sacrifícase a si mesmo, porque deixa sen significado o comezo. Non é doado identificar a razon pola que o narrador relata esta historia, por que recordou estes feitos? Non hai unha direccion clara nos feitos narrados. Eu polo menos non a vexo. Parece que o corazón do relato está contido nas ultimas frases e o resto era recheo.

    O voto vouno pensar ata a noite.

    • Moi boas anotacións. Moitos erros denotan a falta de traballo sobre o texto, por motivos obvios. Só quería puntualizar:
      María tiña motivos para ir por ese CD a casa do seu ex (era seu e logo a razón exposta no final), pero non podía dicirllos a Goio. Non sei vós, pero prefiro comprar outro CD idéntico por 20 euros ou descargalo que ir por el a casa da miña ex. Goio tamén, por iso a “innecesaria” explicación de como ten el almacenada a súa música (agora escollería outras palabras, certo). Pero tamén é esa a causa de por que María explica que “non se amaña con eses chintófanos dixitais”, para reducir as sospeitas de Goio, como o de que non lembraba o título da canción, etc., e acadar o disco físico.
      Triste explicar aquí o que non puiden explicar mellor no propio relato. En todo caso, grazas a ti e ao resto dos comentadores polas críticas e apuntamentos!

      • Eu quedei só no de Drake.

        Todas esas cousas que dis terian mais sentido se non fose porque a ninguen lle fai falta o nº de conta para sacar cartos da súa conta. Vas co DNI e xa está.

      • É máis sinxelo pensar que ela crera que o necesitaba inda que non fose así. A min non é que iso me molestara moito porque o importante non era iso, pero postos a cambiar cousas..

      • Buff… honestamente. Se puidera cambiar cousas, non creo que o escribise. Foi un relato de urxencia. E sei que fai augas cando se raña un pouco. Non terei tanta sorte na vindeira rolda. 😉

  3. A canción

    Os relatos baseados en diálogos son ben máis difíciles do que semella. Para min, os que menos palabras teñen que usar. Ou, mellor dito, os que teñen que usar máis precisamente as palabras para dar só a información relevante. A historia está ben, cun final inesperado (eu non o esperaba). Pero, xa postos, podería ser un pouco máis tolo e incidir máis na necesidade da María de recuperar o CD. Por exemplo, póndoa a remexer todos os CD’s de xeito neurótico no canto de atopar o que buscaba só cunha ollada case que de esguello. Coido que tería máis importancia de cara ao final que facernos saber se fai un ano ou cinco que están separados ou que Goio «Tíñao todo pasado a arquivos dixitais no seu ordenador, e o que non, escoitábao nunha plataforma da internet», unha frase que me semella moi fea e prescindíbel. Tamén penso que, no canto de que o Goio xustifique rapidamente a visita coa «Típica contradición de María», podía recear do verdadeiro motivo polo que María quere recuperar o CD. Se cadra, sen chegar a ningunha conclusión. Pero unha sospeita reforzaría máis o efecto final.
    Penso que borrando un montón de cousas e incidindo nas verdadeiramente importantes, o relato, que xa me parece bo, gañará un montón.

    Carafio!

    Se non vou errado, xa é o terceiro relato de coitus interruptus (ou de coitus non encetatus). Un deles o meu da primeira rolda. Pero iso non é o importante 😛 Gústame o dominio dos sinónimos priápicos e a axilidade que desprende a descrición da batalla. O «Foder!» tamén me tirou a cabeza para atrás. Pero, alén diso, o que menos me gustou foi que se trate dun soño. Por que non narrar unha batalla pirata tola e caralluda? Bo, non son quen de me meter nas intencións da autora. O caso é que fiquei a medias, xustamente como nun coitus interruptus.
    Quedoume o dominio da linguaxe e a mestría (de dez) para narrar batallas ou escenas dinámicas (que non é pouco).

    Mecanismos da vida

    Cando cheguei á «pensión de viuvez» tiven que volver ler o relato desde o comezo. Eu pensaba nun rapaz, máis ben novo. Pero de sexo masculino. E, que eu saiba, os homes non teñen «pensión de viuvez» cando lles morre o pai. Podíaa ter de orfandade, en todo caso. Chocoume e fíxome sentir perdido na historia (ou perdín algún detalle polo camiño?). En todo caso, penso que un pirata informático, fillo dun enfermo de Síndrome de Dióxenes, espelido como para aprender só a ser un hacker, tería que usar outra linguaxe. Frases máis curtas e menos acartonadas. Algo (pouco) de argot. E un estilo máis directo nun personaxe que semella ter os obxectivos tan claros.
    O que máis me gusta son as dúas derradeiras frases. Seméllanme o mellor do relato. O camiño para chegar a elas non tanto. É a opinión dun que paga as facturas usando as «linguaxes de programación avanzada» 😛

    O meu voto vai para A canción.

  4. Ten moita razón Amador, de feito viñen adrede a postear iso mesmo: o segundo relato non debeu ser un soño. Por que non darlle vida propia a ese mundo no que se pelexa cos pirolos?

    Sobre o porta de Mecanismo, é un rapaz (refírese a si mesmo como rapaz). O da pensión sería o pai, que era viúvo.

    Voto por Canción.

  5. Moi bo tema que dá moito xogo: CD pirata, barco pirata e pirata informático. “Chapó” a quen se lle ocorreu o tema.

    O meu voto vai para “A canción”. A pesar dos errores xa sinalados polos compañeiros arriba, pareceume una historia coherente e ben escrita, aínda que non entendo por que ela tarda un ano en ir buscar o CD co número da conta (quizais non había moitos carotos nela).

    “Carafio” está ben escrito e pareceume una aposta valente. Se eu fose un productor de cine español dos anos do destape, contrataríache como guionista.

    “Mecanismos da vida” quere contar moito e deixoume a medias… tres veces. A min paréceme que son tres microrrelatos nun: a historia do pai co síndrome de Dióxenes, a de como se fixo hacker o protagonista e a segunda parte do reloxio Enicar. Gústame o relato, pero non me chega a convencer.

  6. Primeiro de todo, graciñas aos tres contricantes polo esforzo extra de escribir un cuarto relato para pasar a cuartos.
    En “A canción” tamén a min me pareceu que o personaxe de María tería gañado cun comportamento máis neurótico e nervioso, considerando a importancia dese cd que busca. O final é inesperado e dalle un xiro de 180° á historia, iso está moi ben.
    “Carafio!” é demencial. Disfrutei moito esa reinterpretación da típica abordaxe pirata en clave homoerótica. Coincido en parte co que apuntaron Lois e Amador sobre ese final no que “ todo era un soño”. Creo que non funciona mal de todo no desenvolvemento da historia, porque nos dá un contexto para entender mellor a Antonio e os seus desexos profundos, pero tamén é certo que, xa metidx en materia, o autor ou autora podería ter seguido por esa senda de excesos.
    “Mecanismos” quixo xogar con demasiados elementos argumentais e creo que se perdeu no camiño. Cal é a verdadeira historia do relato? A min só me quedou medianamente claro.
    Voto por “Carafio!”. Parabéns aos tres, non debeu de ser sinxelo escribir o relato do desempate.

  7. Encantáronme os tres, para o pouco prazo que tiveron están moi ben. Era un tema que parecía difícil de tomar.
    A canción semelloume un relato conseguido, con diálogos ben tomados e un desenrolo sinxelo. En xeneral paréceme que consegue contar unha historia e considero iso con moito gusto.
    De Carafio admiro a proposta do mundo pirata de soños e o ben que esta escrito, sen dúbida, o meu voto vai para el.
    En Mecanismos da vida sentinme un pouco perdido, pero gustoume o camiño que toma, sen dubida pode chegar a ser unha gran obra cunha revisión.
    Como sempre moi bo rato lendo os relatos e concordo coa inconveniencia desta rolda¡

  8. De Mecanismos da vida: sendo unha pequena xoia o personaxe do hacker autodidacta, que aprende o oficio entre o lixo da casa paterna, quedoume a sensación dun final moi forzado co recurso do reloxo, ou moi acelerado. Creo, así a ollo, que o autor tiña espazo para que o arco argumental non quedase tan apertado ao final, aproveitando as palabras que lle quedarían para as 500 (ou quizais limando a parte intermedia).
    Carafio: é un desfase… hehehe… o que o escribiu ben se ve que o pasou de carafio redactando toda esa parte do soño. Gustoume o que ten de escritura sen filtros, non tanto que teña o soño un protagonismo excesivo. semella que o que hai que contar logo de que Antonio esperte precisa de máis espazo. Quedo coa dúbida se o relato non quedaría mellor indo a por todas rematando a historia da abordaxe sen empregar o recurso do soño.
    A canción: un ano creo que é moito tempo para recuperar esa conta. pero quitando ese detalle, creo que é o conto máis redondo dos tres. Os diálogos son bos. As situacións cribles. O que se lle oculta o lector o mesmo tempo que a un dos personaxes está feito con tino.
    Voto por A Canción.

  9. Desfrutei dos tres, cada un no seu estilo e usos do concepto “pirata”, grazas!
    “Carafio!” é a máis orixinal, pero non me acaba de chegar o final, polo xeral, os desenlaces que resultan ser soños non funcionan, e para min este é un bo exemplo. “Mecanismos da vida” tampouco me convenceu de todo, malia ser interesante a proposta.
    O meu voto é para “A canción”, gustoume a situación plantexada, o diálogo, e o xiro do final.

  10. Tres relatos ben distintos saíndo deses “piratas”. Ten un mérito extra escribir para esta ronda express seguindo o ritmo frenético do concurso.

    A canción
    Gústame este conto, moi redondiño. Ten claro o que quere construír e non se perde en lerias. É certo que quizais hai algúns detalliños de ritmo dos diálogos que se podería mellorar. Tamén penso que se debería dar unha voltiña ao final, refírome tamén á feitura das frases máis ben, porque eses dous últimos parágrafos facendo o esquema das dúas persoas da parella é un colofón moi potente. Pódese criticar quizais do relato que non toma moitos riscos, a idea non é complexa (máis alá do xiriño final), a dinámica das dúas personaxes non é tampouco a máis orixinal. Pero co que traballa consegue un bo resultado, non será o relato máis orixinal ou innovador, pero manexa as súas posibilidades con suficiencia e ofrece un bo resultado.

    Carafio!
    Vaia desfase de relato hahaha. Ten unhas ideas moi divertidas e admito que me rin sobre todo con ese principio, pero o conto ten algunhas eivas. Seguramente por non ter tempo para atoparse a si mesmo, o relato queda en terra de ninguén e pivotar máis cara algúns dos seus extremos funcionaría mellor.

    Penso que o problema fundamental foi o que comenta Lois sobre o tema da xestión de información. O máis novidoso e delirante dese mundo, a loita de sables pirola, está revelado desde o principio. Sería máis divertido xogar a finxir que é un mundo de piratas habitual, tópico incluso, e que vaiamos descubrindo as reglas máis absurdas en forma de clímax cara o final. Con este formato, é certo que non cadra moi ben o final en soño, porque claro as tensións homoeróticas do soño necesitan ser constantes para afianzar a personaxe de Antonio. Por iso moitos comentan que eliminarían o soño. Sen ese final e se facemos un relato de piratas delirantes, esa estrutura en clímax funcionaría mellor.

    Ah, pero a min o xiro do soño quizais é o que máis me presta do relato, dota de sentido ao delirio e lanza un final de posibilidades abertas moi suxerente. Pero é certo que cun soño tan longo, no que se repite unha e outra vez a información esencial, non funciona. A miña proposta sería manter o soño, pero cambiar todo o conto a un relato moito máis breve. Sintetizar unha imaxe tolísima de piratas coa polla fóra nun par de parágrafos como máximo, en imaxes máis soltas, máis oníricas e tan desfasadas como están no conto, e que Antonio apareza igual de desconcertado, pero resolvendo tamén ese final nun par de intervencións de contestación. Un relato de non sei, quizais 100 palabras. O mellor que ten este conto é a idea do soño homoerótico para min, quitarlle todo o demais e que esa idea luza, penso que sería ideal.

    Mecanismos da vida
    Gústame pensar que este relato ten un pouco do Dióxenes do pai, faime graza pensar que o fillo narrador herdou en parte esa enfermidade e podemos albiscarmos un pouco dela na maneira de narrar. Non estou certo de se isto foi vontade do autor/a, pero a verdade e que me parece unha interpretación do conto moi suxestiva. Todas as ideas caben dentro, non se cortou nada nin se desbotou nada, como un Dióxenes. A estrutura xeral da historia, coa volta atrás e adiante, sen forma, como unha pila de trastos vellos. A idea de que o fillo acabará quizais sendo un Dióxenes dixital, onde o seu pai acumulaba basura física, el farao na rede e na súa cabeza. As frases longas, moi longas por momentos, unidas por comas sen unha conexión forte, as ideas apiladas sen xeito. A propia frase final, cunha listaxe de imaxes de tramas, tamén informes, como se fose un coleccionista absurdo da última páxina de novelas. Entendo as críticas dos meus compañeiros, porque a min o relato tamén me deixa unha sensación de estrañeza, como se non tivese dirección clara, como se fose un cúmulo de cousas sen xeito. Pero en cambio, eu o que cambiaría do relato sería aínda máis esaxerar esa sensación, facelo aínda máis inconexo e carente de cohesión ou finalidade. Levaría a idea que está apuntada a un límite máis extremo, que resultase aínda máis difícil de ler para o lector.
    Creo que nunca lin unha narración onde se intentase reproducir o discurso dunha persoa con Dióxenes, ou neste caso, quizais cun principio de Dióxenes. Sei que probablemente quixen ver no relato cousas que non están aí, pero a verdade é que pensando no conto nestes termos resúltame moi atraente. O conto (para min), melloraría se abrazase e intentase explotar ese sentido.

    Difícil votación, os tres contos me parecen un pouco eivados, pero por razóns moi distintas, e nos tres vexo valor e posibilidades. Vou votar por “Mecanismos da vida”.

  11. Que putadón, un desempate! Parabéns aos tres!

    CANCIÓN
    Un relato que conta moito e está ben levado, aínda que concordo cos compañeiros en que os diálogos son algo complexo que debe ser máis preciso e transmitir coa linguaxe, non esperar á aclaración para engadir ruído. O caso é que ultimamente ando procurando que as cousas teñan sentido, polo que con este relato quedei algo decepcionada. Unha conta secreta anotada só no papel dun CD e que é para unha voda? Nomelocreo. E tan sobrada ibas de pasta que só che importa agora? Non sei, ao principio caíame ben María e ao final xa non.

    CARAFIO
    Paréceme maxistral o uso de tanto sinónimo de pirola e como está contada a acción da “loita de sabres”. Encantoume. Cando vai espertando (e eu entendendo por que estaba todo en cursiva) foime decepcionando. O “Foder, Antonio” matoume. Quen di iso? Penso que ás veces hai que usar a diglosia como vantaxe fronte á ultracorrección. A fala, como nos complica a cousa… O caso é que non entendín o final. Eu máis que coitus interruptus vexo moita parella que non se fala nin se entende, moito segredo, en case que todos os relatos.

    MECANISMOS
    Meh. O certo é que me parece ben narrado e hai partes que por aí non convenceron e a min si que me gustaron (e.g. a descrición de “todo o desfeito”…, a min non me sobra). Pero logo paréceme que se perde, que, unha vez máis, é pouco crible en moitas cousas. Entendo que non hai tempo de se documentar, pero paréceme mal vendido o de que é un “pirata”. Un pirata que aprende programación despois de desmontar un reloxo, como raio chegou a ser pirata? Logo, por outra banda, para min fíxolle un feo ao reloxo Enicar e o seu reloxeiro, trocoume os protagonistas e non me chistou.

    Vaia decisión difícil… A pesar dos pesares, vou votar por “Carafio!”, pero vou rematar o relato á metade na miña cabeza.

  12. ‘A canción’: A pesar de que algunhas liñas de diálogo non están ben traballadas e soan pouco “orais”, o conxunto é bastante satisfactorio. Hai ritmo e están ben definidas ambas personalidades a través de como se expresan. Incluso se consegue ben diferenciar as arelas masculina e feminina. Entendo o final sorpresivo pero igual que sucede con outros comentaristas, rénxeme. Non me parece ben aquelada a verosimilitude. Un ano despois acordas que tes un diñeiro oculto non sei onde? Tan mal acabaron que todo ha ser feito así pola calada? Non me acaba de convencer.

    ‘Carafio’: É un relato que perde non por ser un soño senón polo final un tanto abrupto. A muller que quere aproveitar a erección e o Antonio con dúbidas sobre a súa heterosexualidade. O mellor do texto é en efecto como o autor’a lle saca partido a unha secencia simple: pelexa de pirolas. Este tópico da expresividade masculina coido que nunca fora tan explotado coma neste relato.

    ‘Mecanismos…’: Coincido cos comentarios que lle critican certa inconsistencia interna. A narración non flúe demasiado ben e hai demasiadas ideas que se queren incorporar. Coido que a necesidade que tivo o autor/a por entrar no universo do Enicar acabou pexando toda a obra. Iso si, neste relato temos un autor/a con gran capacidade para desenvolver prosa. Só lle falta un puntiño de seguridade para chegar ao obxectivo do que quere contar.

    Voto por ‘Carafio’.

  13. Pingback: Torneo Punto e Coma de Duelistas – Francisco Castiñeira

  14. Vaia inferno foi o desempate! Escribir un relato con opcións case sen tempo nin a pensalo! A pesar do esixente do asunto penso que isto se debería deixar así, mola ver como cambia un autor cando ten un tempo extremo para xestar algo. Iso si, igual se debería aumentar o rango das votacións para que, sendo tres, a cousa non quede tan binaria ao final.

    Dos meu rivais podo dicir varias cousas. Este grupo foi peor que Vietnam. Había balas por todos os lados, moito nivel narrativo. Un milagre saír vivo, vamos.

    Os meus parabéns a Fran por pelexar ata o último momento tal se fora o mangallón do seu relato “Desquite”. En canto a “A canción” só podo dicir o que xa se comentou da verosimilitude (eu sonche un nazi da lóxica) un número de conta só vale para, como moito, meter cartos. Eu cando chego aí o resto xa non me sabe (por iso non consigo desfrutar o cine de Nolan…). O relato polo demais está moi ben e penso que se deixas ese CD como un gran mcgufin ao final, pode estar moito mellor. Que o narrador solte algo como: “María salaiou de alivio no portal, que desagradable fora todo. Abriu a caixiña do disco e sacou aquel maldito erro da súa vida que podería destruíla por completo se se soubese”, así xa se encarga o lector de darlle coherencia interna. Fas unha dobre xogada: aforras o choio de escribilo ti e aparte integras ao lector na historia. Penso que aquí, coma en Desquite, explicaches demasiado.

    O relato de Clara deixoume unha sensación agridoce. Porque realmente aí dentro hai un cento de cousiñas que por si soas poden funcionar moi ben. Xa comentou Marcos a forza da personaxe central. Comentábasme onte que ti viñas da poesía, onde cada palabra conta. A prosa é algo distinto, aquí o importante é a idea central do relato que ti, narrando, te encargas de levar en volandas a través de cincocentas palabras ata o final. Pouco importa se un ladrillo está escachado mentres a parede aguante un empurrón. Penso que se colles unha das moitas ideas que aí tes e te adicas a ila estendendo pouco a pouco a cousa iría mellor. (Está claro que teño máis de paleta ca de poeta…)

    En canto ao meu… penso que vos deu a vos máis magoa que ao pobre Antonio que rematase o soño… hehehe…

    O relato ten un problema de estrutura, está claro. Supoño que, como me estaba a divertir moito escribíndoa, empalmeime (valga a rebuznancia) demasiado coa batalla piroleira. Da igual, penso que rir ristes. En canto teña tempo e o deixe repousar algo penso que tirarei dos consellos de Guillermo, pero poida que aumentando o relato no canto de disminuilo, porque o recheo aquí importa, de feito foi o que vos gustou. Teño un montón de sinónimos máis de piroliña por meter. Os que me recomendades seguir co conto pirata… non sei como escribides vos, pero eu primeiro atopo unha idea e despois dou voltas arredor. No Zani-zani, a lotaría negra da violencia; en Arcade, o egoísmo do amor; na Zani-gramatical, como ligar con cento oitenta millóns no peto dunha forma absurdamente ética. Aquí (a pesar da pompa do duelo de nabizas) para min o importante é o desconcerto de un home na súa madurez sexual que esperta empalmado porque soñou con pichas. Non me podo cargar ao bo de Antonio por non ser quen de transmitirvos iso con exactitude. Como quería acentuar a sensación de estupor a transición foi algo a machete e igual pensastes que era un final a lo Resines (o relato gañador do anterior torneo tiña unha estrutura similar pero Pablo debeuno facer mellor porque a el si que lle colou). Por desgraza non teño unha idea demasiado forte para o orgasmo final do tándem Falete-Carafio e tampouco vou deixar un relato sen a súa idea nai, meu pobre.

    Por certo, eu si que teño escoitado “foder, tío” nin que fose un unicornio ou o vídeo de Ricky Martin.

    Ata aquí pois o meu concurso. Prometo seguirvos e, agora que non teño a presión do tema, apoiarvos cos comentarios.

    Pd: se queredes rematar a batalla naval vos por min non hai fallo… de feito en semis está o tema “Anal intruder”… aí lo dejo.

      • Boas, meu. Graciñas.

        En canto ao dos votos en duelos de tres comentoume o outro día Lois que igual era boa idea que os comentaristas votasen a 2 relatos. Eu penso que a un con 2 ptos e a outro con 1. Ao final ía dar máis ou menos o mesmo pero o proceso podía coller máis emoción evitando xa de paso que o resultado sexa tan polar. O concepto do duelo a tres, molar mola (Carafio opina o mesmo).

  15. Desde a primeira semana, eu quería que do grupo D pasasen Guillermo e Fran. Fran non quixo espertar ata o final, pero aquí o tedes, vencedor.
    Destes tres contos, o seu relato era o mellor, aínda tendo eivas que xa lle comentei noutra conversa. Xa cando lin os comentarios e antes de que comezasen as votacións, decidín que ía gañar el, como eu quería. Non errei. Parabéns para el e apoio nas seguintes fases!
    Agora podo centrarme máis nos comentarios (gostedes ou non), aínda que quedo cunha pedra no zapato (o _scrupulus_, xa sabedes os filólogos do fío) con dous relatos que tiña xa na manga… Mágoa, pero moito mellor así, deixando lugar para os que saben relatar historias.
    Sobre o meu relato (ou como se lle poda chamar a isto), só podo dicir que penso que o medio-entenderon Marcos e Guillermo (por esa orde), pero o resto non. E non lle boto a culpa a ninguén en absoluto; máis ben, todo o contrario: asumo e afirmo novamente que son negada nisto da narrativa e fun eu que non o souben contar axeitadamente. A idea foi previa ao relato. Xa pensaba en converter en Dióxenes ao señor do reloxo cando lin o conto do Enicar por primeira vez.
    Respecto ao relato de David Botana e ás súas ganas de retomar o conto empirolado, a máxima aportación que lle podo ofrecer eu neste tema, que é sen dúbida mellor que o que eu poida escribir, aí vai en forma de ligazón externa: https://www.youtube.com/watch?v=HCTZkKQRRf8 .

    • Que querías contar no teu relato, Clara? Relin o comentario de Marcos e o único que explica el é “o hacker autodidacta, que aprende o oficio entre o lixo da casa paterna”, cousa que é facil de ver no relato.

    • «asumo e afirmo novamente que son negada nisto da narrativa e fun eu que non o souben contar axeitadamente».
      O teu comentario transpira tristura. E podo ser capaz de entendelo. Pero de aí a autoflaxelarte vai un mundo. Se calquera dos que estamos aquí pensa que é un mestre do relato, teno claro, Clara.
      Está claro 😛 que esta competición deixa feridas. Máis das que deixaría se só votásemos, sen comentar. Porque hai comentarios que doen. É unha realidade. Senón non habería abandonos. Pero tamén é certo que é un bo entrenamento para cando cheguen as críticas de verdade. Por exemplo, cando saia a miña segunda novela e, se certa que cae en mans dos críticos e alguén se entera de que foi publicada, me destripen e deixen o meu corpo na area para os voitres. Entón valerá de moito, para a miña autoestima, todo o que aquí se dixo das palabras que encadeei formando frases máis ou menos con sentido.
      Fixen un pouco de voyeur dos teus poemas (co teu permiso, pois o teu nome enlaza a eles) e son dunha beleza que eu son incapaz de transmitir. A túa capacidade de escritora está máis que demostrada. Se lle dedicas horas a un verso para atopar a palabra idónea, podes facer o mesmo cun relato. Non é o mesmo ter 48 horas para presentar algo que ceibarte do corpiño do tempo. Podes deixar o conto nunha carpeta dixital (ou física) e retomalo ao cabo dun tempo para relelo con outros ollos; retallar, borrar, desfacer, reconstruír… até o resultado final. O único que compre é que sintas a necesidade de escribilos. Terás o teu público. Estou seguro.
      Para min, o máis difícil desta competición é comentar. Sempre me queda a sensación de ser inxusto. Teria que votar o público soberano e nós a velas vir. Que unha anomalía coma min, que falo catalán no día a día, que me custa un mundo escribir en galego e nunca chegarei a dominar a lingua coma vós, pase a cuartos, non é normal. É un accidente.
      E xa non digo nada máis. Abonda de «Amador con ton de avó amansando netos» XD

      • Prezadísimo Amador, non quería eu transpirar tristura! =( Ves que ata os comentarios se me dan mal? Mellor sería comentar en verso. 😛
        No meu caso, a competición, por chamalo dalgunha maneira, non deixa feridas. Eu non estou triste polos vosos comentarios nin por non continuar escribindo, porque continuarei comentando e iso é o que máis me gustou desde o principio deste certame. Desta idea de certame-exercicio colaborativo. E creo que é o que mellor podo facer aquí, o que mellor fago e, sobre todo, co que máis aporto. Neste senso, cos meus comentarios o que pretendín sempre foi iso: aportar, axudar, ofrecer visións… En ningún momento faltar o respecto ás vosas obras ou menosprezalas (e moito menos ás persoas que hai detrás, causando dano). Si que é certo que houbo unha semana na que tiven moi pouco tempo e non me parei tanto a explicar por que comentaba o que comentaba, mais creo que fun rápida e seca, se cadra, pero non faltona. Desde logo, se o fun con algún relato, para nada foi a intención.
        Eu creo que este formato de certame só funciona se se comenta e moito. Como deixándonos penetrar nos cerebros e nos ollos, para ver realmente como funcionou todo desde a persoa alea. O premio é unha mochila, non un cruceiro de seis meses. O concurso baséase na axuda prestada entre persoas que escriben. Está ben (considero) facer posíbel esa formulación. Iso pretendín,intentei e intento. Eu de verdade que non me sentín doída en ningún momento e agradézovos moito todo o que dixestes sobre os meus textos (e sobre os dos demais, porque tamén aprendín dos vosos ollos mirando o que eu tamén miraba de xeito alleo e vós tan diferente a min), pero si é certo que certos comentarios podían doer. Quero dicir, que parece que estaban construídos para iso e non para axudar á persoa que escribira. E non creo que teña sentido iso dentro deste formato. Nalgunhas ocasións (e algunha en particular que non era nin por algo escrito por min) quedei pensando: «non, é que non hai por onde coller este comentario, como lle escribe isto? Buah, cando o lea…». Pero agardo que a persoa que escribiu ese relato, cando o leu fixo coma eu fago en modo pasota: aproveito o que me convén e desboto o que non vou saber/querer aproveitar. E pista. Non me vai doer un comentario sobre un escrito ficción. Aínda se o escrito fose unha biografía e o comentario que por que estudei nun colexio de monxas levando un pendente no nariz, pois mira, non deixa de ser a miña vida. Pero en ficción? Doída eu? _Não._
        Por desgraza, creo que si que hai xente de aquí que considera que é un mestre do relato, Amador. Porén, non considero a esa xente autora dos mellores relatos que eu lin aquí. Para nada, de feito. E con todo, si que creo que é autora dos comentarios aos que refires que fan dano e que agardo que non sexa certo que foron causa de baixas. Quero pensar que a xente non abandonou por iso. Pero supoño que eses si son os comentarios inxustos dos que falas ao final do teu comentario. Ningún dos teus comentarios me pareceron inxustos. A min, vaia. Desde a miña perspectiva. Que podes ter dito máis ou comentado máis ou salientado máis algo? Claro. Os comentarios son limitados e non o podemos dicir todo. Pero ti inxusto? Ti inxusto nadiña… Así que dos teus non podes falar así porque non o foron.
        Cando a crítica mire a túa novela, se decide criticala (iso xa será bo, aínda que sexa só para botarlle merda enriba, porque pensa que pasan tempo no proceso), estará ben que lle fagas caso sempre que a crítica a comente con argumentos que se sosteñan e que realmente aparezan no libro. Só así podes aprender. Se realmente pode ser factíbel o que critican. Tamén é certo que a crítica non deixa de ser subxectiva, teña ou non elementos técnicos que a sosteñan. Outra crítica tirará pola borda esa e así sucesivamente. Por iso é bo ensinar os textos á xente, pero tamén saber en que queres facer caso e polo que non pasas (non paso por sacar esta palabra, non paso por prescindir desta personaxe, etc.). Iso tamén o terás que facer e é parte do post-libro. Ti es o filtro. Aínda que unha vez publicada unha obra, en certo sentido, deixa de ser do autor… Para ben ou para mal.
        Acabo de ver o que dis do meu nome que ten ligazón a poemas. Non sabía! Eu cando premía levábame ao meu perfil no Gravatar (que non sei moi ben nin o que é, dito sexa de paso)! Pídesme permiso despois de lelos? HAHAHAHAHAHA. Veña, vale. Déixoche que o fagas, pero só por onte. Eses poemas non son os mellores que teño escrito, pero si que son mellores que os relatos que escribín para este certame (segundo a miña opinión). E precisamente diso falo: non é que me auto-flaxele, é que son negada en relato e recoñezo ese feito. Non me importa (demasiado) que iso sexa así. Considérome moitísimo mellor en poesía (que non boa, pero si mellor, o que tampouco é moi difícil na miña opinión).
        A un verso non lle dedico horas, Amador. A certos versos dedícolle anos. Estes relatos escribíaos pois nunha hora ou menos. Despois deixábao, aos dous días líao un par de veces e xa. Nin se me dá ben, nin sei mellorar os textos narrativos (cando os toco, aínda os empeoro), nin me gustan como para dedicarlle tanto tempo. Probabelmente porque son tan incapaz de facer algo bo que xa nin me molesto demasiado porque, para que? Prefiro facer algo no que teña máis posibilidades de conseguir algo que: 1) me guste; 2) sexa mellor. Por iso tendo á poesía. Porque levo desde os seis anos escribindo e non me importa mellorar aínda hoxe un poema de hai 15 anos. Non me parece perder o tempo. O amor irracional é así, aínda que os poemas non me respondan agarimos, eu doulles a vida. Por iso eu fago e creo moito na fase de depuración. Vouno facer con estes relatos? Pode, pero probablemente non. Non porque non os poda mellorar en dous meses ou un ano, senón porque non me gustan como para facelo e porque probabelmente os empeore. Na poesía sei que os melloraría (polo menos para o meu gusto) e si volvería a eles. Sempre volvería a eles. Sempre. E adoraría ter as vosas críticas, de canta máis xente mellor. Para volver a eles. Volver sempre.
        Con sinceridade dígoche que considero que hai cousas interesantes que eu escribín na vida, que poderían ter un público, si. Pero esas cousas, en ningún caso están en formato conto. É o que quixen aquí expresar. Eu cando escribo un relato, a xente dime que parece un ensaio ou prosa poética. Sonche así. Levo a obsesión poética moi dentro da entraña. Tamén moitas veces falando no día a día dinme que se iso que digo é un poema, porque ás veces «falo en verso». Insisto, sonche así. Pero non me auto-flaxelo para nada. Só que creo que non teño o meu oco nin a miña mecánica de crear interese ningún desde a narrativa. Oxalá soubera (sen deixar a poesía) ser un todoterreo das letras e moverme en calquera formato, pero considero que no meu caso estou bastante limitada. Case todo o mundo é así. Hai pouca xente que o mesmo che escribe un poema que un relato que unha crítica xornalística. Todo é adestramento, tamén opino. Eu levo escribindo poesía desde os seis aniños, pero do relato pasei sempre. Nunca me interesou. De feito, o meu conto preferido é probabelmente _Casa tomada_, de Cortázar, e moi probabelmente porque adoro unha edición en planos de arquitectura ao que cheguei e namorei. Porque a miña obsesión poética é a arquitectura (iso tamén é outro tema). Como ves, levo todo á poesía ou non o levo. A pasiónnnn!
        Sorprenderíate saber que non es o único que vive noutra lingua fóra disto, meu querido Amador. Eu son neo-falante en galego. Iso de que nunca chegarás a dominar a lingua «coma nós»… Mmmmm… Que é dominar a lingua? Sería outro debate no que mellor non afondar. Non creo que ti domines mal a lingua (na escrita, polo menos) en absoluto. Nin nada ten que envexar o teu dominio (escrito) do idioma aos outros duelistas.
        Un accidente que chegases a cuartos? Non sabes o que dis. Pero ti leste?! Eu falei sobre este certame a moita xente e a todo o mundo lle falei de ti. Es á única persoa participante que lle nomeei a todo o mundo. Considero que es amábel do verbo «amar» (non de «amabilidade», que tamén). Amador é un nome moi acertado que che puxo alguén dun moi afortunado xeito. Pasas a cuartos porque es capaz de escribir cunha linguaxe potente, cunhas imaxes moi medidas e ternas que realmente funcionan e fan eco e cun dominio exquisito do ritmo que suma no léxico e nas cadencias (repeticións, etc.). Por iso pasas, non por accidente. E non sabes o que me fode (non sabes o que me fode!) que esteas de parella con quen estás esta semana. Nin imaxinas o fodida que estou co asunto. Ídesme romper o corazón, pasedes o que pasedes.
        E teño esa imaxe de ti, do avó amansando netos, por aquel comentario que… En fin, agardo que non tomes a mal a imaxe. Non me cortei con ese comentario que agora re-lembras, pero non era con mala intención para nadísima. Todo o contrario, Amador. Téñote así xa asentado na cabeza e así lle falo á xente de ti cando falo deste certame e dos meus incondicionais favoritos. Para min es ese avó tenro e dócil que posúe a sensibilidade oportuna para escribir dun xeito doce sobre calquera conflito e que, ademais, ten un nome no DNI que me parece amor total e que axuda a establecer o amansamento. E sabes o mellor? Que se foses un rapaz de 20 anos hiper besta fóra de como eu leo os comentarios (porque se cadra eu os leo como ti non o dis, pero que todos vós tedes voz e todo na miña cabeza a esta alturas, obviamente) daríame igual, porque o meu conto xa está armado e ti es así para min, Amador. Sei contarme contos na cabeza, polo menos; pero ti xa estás armado. Non te me desbancas nin coa Helena sen agá. Xa estás feito! 😉
        PD: mola que nos comentarios non haxa límite de palabras.

    • Uf! Que preciosidade de comentario. Agora xa non caibo polo USB O_ô
      Tranquila que eu non tomo nada a mal. O do avó fíxome graza 😛
      E tamén teño a edición con planos da Casa tomada 🙂 Inmenso Cortázar!!!
      Graciñas por todo. A ver o que tardo en desinflarme XDDDD

  16. Eu digo que estas cousas fálanse mellor con comida viño e mais mesa. Cando queirades, que ando a sacar o carné.

  17. Eu paso por Allariz esta finde, pero ha ser apurado! XD

    As batallas ata o momento foron memorables, pero aínda nos queda que comentar!

    Certo é o que se comenta de que as críticas doen, e son a primeira que sei que meto moito o dedo pero non concreto, así que tendo a non ser todo o construtiva que me gustaría que fosen comigo; pero, si, como dixo Amador, as críticas certamente fan coiraza e axudan a ver con outros ollos os comentarios que lle fan a un/ha das súas obras.
    Non se pode valer para todo e moito menos escribir unha marabilla tras outra co tempo a roer nas cachas. Non sei a vós, pero a mín estes concursos énchenme polo que me animan e me empurran a facer, a saír da zona de confort, a probar e, sobre todo, a aprender do que fan e comentan outros.

    Apertas!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s