‘Resaca do deus río’ vs ‘123456789’

Man. BAMBI WILLOW/FLICKR.

En cuartos de final, Carlos Vega fronte a Marcos López Concepción. Tema: ‘Resaca’.

Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez

O meu pai era da opinión de que o que apodrentaba tamén era familia, por iso, logo de marchar mamá, deixou que a casa balorecese no verán como a froita pasada. Cos ollos como pedras miraba os reloxos e para min. Eu tiña catorce anos, ningún amigo e unha gata sen nome que preñou. Pousou tres crías ao final dun burato no palleiro. Tentei entrar por aquel orificio en espira para ver o paridoiro. Os días interminables converteron aquel sucedido nunha distracción. Quería meterme polo oco que non era máis ancho que o meu puño. Apalpaba ás cegas coa man, ata que nunha tarde, o que imaxinaba dentro apareceu deitado aos meus pés. O máis pequecho tiña o sangue reseco pegado polo pelo. Outro estaba teso e sen orellas. O terceiro, que aínda gardaba un latexo, convulsionaba unha pata como dicindo chao. Cando vin os tres miquiños berrei e apegueime no chan de onde me ergueu o papá. O instinto. Algún macho, explicou, quería que a gata entrase en celo.

As bagullas a caer era o que eu podía contestarlle. Levoume á cociña onde adoitaba atar as súas mans grosas co fume do tabaco, facendo nada e escoitando a Roberto Carlos nun casete. Cheiraba a suor e ovo cocido. Eu non paraba de saloucar. Había nos andeis botes de Nescafé reenchidos de augardente doce e guindas a macerar, que como se as cores puidesen murchar, tinguiran o alcohol dun marrón enfermo que papá vertía un pouco cada día nunha cunca estampada con flores. Encheuna para min e fíxome beber duro.

Apareceu a canción do gato triste para envolvernos en papel de regalo. Dei un impo como unha nota musical. El riu, bicoume na meixela, outro bico, e outro máis na boca. Conduciume da man polo corredor e atrapallada polo licor sentín as mans grosas, o peso, vin unha mosca camiñando pola súa testa. A cada empuxón sobre a cama, eu na miña nube, imaxinei que se encollía, que perdía tamaño, que o meu pai pasaba a ser menos, logo un anano, e máis tarde por fin un ser minúsculo que podía atrapar na palma da miña man para introducilo pola vaxina. Disolvelo, facelo desaparecer alí dentro como un terrón de azucre.

A mañá bourou no ventre e na cabeza. Doíame por dentro. Había sabor metálico na boca. Acubillei o corpo nas sabas. Odiei a mamá por non estar. Quizais el entraría na habitación como tal cousa. Enroscaríame no noxo e no medo, diríalle que me deixase en paz, que ía vomitar, e el coas mans atadas polo fume do tabaco respondería que era a resaca. Que durmise e estivese calada.

Non chegou a entrar nin o escoitei trebellar pola casa. Pasaba do mediodía cando sentín miañar a gata como se a ela tamén estivese doente. Vestín unha camiseta. Tiña grumos de sangue nas coxas. Pensei en contar ata dez. Se non aparecía antes de rematar a conta talvez fose certo que o conseguira disolver. Contei rápido.

…………………………………..

Resaca do deus do río

«O Pilcomayo sempre enferma nos mesmos meses», pensaba Ismael mentres arrastraba a barca polo leito soterrado entre cascallos. El Chaco, como o chamaban os da fronteira, gañaba a vida uliscando entre os edificios que arrasaba o rio nas temporadas de chuvia. Agardaba o traballo nas semanas de seca, cando coas primeiras chuvias a riada mallaba ata nos ranchos máis grandes. Nunca trouxera o seu fillo antes pero coa última temporada puidera comprar un par de botas de máis. Aquela mañá o piollo ficaba apoiado no bordo, sinalando os primeiros restos que comezaban a despuntar pola beira da esquerda.

Os berros do neno espertárona. Non estaba na súa árbore senón enriba dunha táboa moito máis arriscada. Saca a lingua e todo o que lle rodea atópao húmido e pegañento. Está boca baixo e apenas consegue recollerse sobre si mesma.

Elas saben cando se aveciña unha enchente. Está na calor que se pega nas árbores. Ao escoitar o río, enróscanse nas pólas máis fortes e déixanse levar, pero aquela vez non deu chegado. Concentrada no seu corpo, sente os músculos ríxidos ao intentar moverse e dóese por mor duns dentes que lle atravesan o lombo, mancándoa ao respirar. Limítase abrindo a boca e deixando que o aire entre e saia sen axitarlle os pulmóns.

O raparigo é o primeiro en baixar en canto tocan terra e o pai síguelle coa pala e os sacos. Só buscan cousas que brillen. Dividen a zona e empezan a fedellar entre caixas e taboleiros podres.

É o fillo quen se fixa na serpe que treme sobre madeiras. Está atravesada por ferros e enchoupada en sangue, as escamas negras brillan ao sol e lanzan reflexos valiosísimos aos ollos do cativo. Acércase a ela tanto como pode, pero as botas afúndeno no barro. Sen pensalo estírase ata que saca os pes e chega a carón do animal, que ao notar a presenza balancea a cabeza e abre os ollos.

A primeira vista parécelle unha cría de home. Intenta fuxir ata que recae nos peciños do cativo. Acurrálana contra si mesa, pero parecen distintos sen a pel negra na que nunca consegue afundir os cairos.

Cando o Chaco dáse conta do mesmo, a serpe xa está a estirarse paseniño, abaneando sen querer a cabeza, cos dentes apoiados nas pedras e a boca seca.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

22 comentarios en “‘Resaca do deus río’ vs ‘123456789’

  1. Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez

    o título do relato non coincide co do post (falta o 10).

    A primeira frase é un pouco rara, costoume varias lecturas saber que quería dicir. Un bo inicio, cambiaría algunha cousiña, poría algunha coma, pero destacan máis as cousas positivas, hai frases boas que van facendo relato.
    O miolo do relato conta algo moi duro e faino con solvencia. Ademais enlaza ben o tema duelo e inda tivo tempo de facer un paralelismo da historia da nena coa dos gatiños mortos. Un bo traballo.

    Resaca do deus do río

    O relato está moi ben narrado, pero o cambio de perspectiva do humanos á serpe non me convence. De feito na primeira entrada da serpe hai tempos en pasado e presente sen moita xustificacion. A partir dese punto o relato pasa a narrarse presente. Foi un cambio de criterio non moi ponderado.
    As partes da serpe poderían quitarse e o relato non cambiaría nada. Iso nunca é bo sinal. Creo que sería mellor ter narrado todo desde un unico punto de vista e baixo un unico tempo verbal.

    É curioso como varios relatos coincidiron nalguns aspectos da historia que nada teñen que ver co tema. Aqui temos un pai, un descendente e un animal. Noutro duelo, unha infidelidade kilometrica e ata un home peixe que sae do mar. Ata o outro duelo ten en comun a aparicion dunha disgresion esteril (a cantiga de B e o monologo do tolo).

    Voto por 12345678910. O seu rival non o fixo mal, pero este outro é mais perfecto.

  2. Curiosas coincidencias que atopamos nestes dous relatos que son, porén, tan diferentes entre si. Ninguén dixo que había que meter o horror, a dureza, a podremia e os animais por medio, non?

    «Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez»
    Non vos imaxinades a cantidade de xente que ten como contrasinal 123456789. Mesmo en computadores da empresa, con programas da empresa, con información privada… Niso pensei cando o lin.
    A primeira frase é longa e está súper ben construída. Nótase que hai tras ela unha calidade narrativa bastante impecábel. Ten o tinguido poético, o tinguido de antonimia… É unha frase boísima. Súper coidada, ademais. «Froita pasada», non podre porque se non sería repetitivo con «apodrentaba»… Vaia frasaza. O que si é que eu poría mellor un punto e vírgula antes do «por iso»: mellora a pausa e divide a oración de mellor maneira, xa que hai outras comas despois, moi ben postas, para separar de xeito máis áxil.
    Vemos que o texto está coidadísimo aínda ao seguir lendo, pero nada volve a estar á altura da primeira frase desde o punto de vista da construción técnica oracional. O mellor do tratamenteo do texto é que parece que non está tan coidado e medido, porque é fluído e nada rechamante (o que o fai aínda mellor), pero si que o está. Porén, eu variaría o «encheuna para min» porque xa aparece o «reenchidos». Pódese usar algún outro verbo («embuchar»?) ou expresión e penso que quedaría mellor.
    O de «dicindo chao» non o vin nunca escrito así. Non me gusta, pero entendo a escolla (do mesmo xeito que chego a entender outras que se fixeron desde o panorama léxico…). Tampouco me gusta a frase que comeza con «Disolvelo»; corta demasiado co anterior dun xeito que coido que non funciona.
    Non vou dicir nada das vírgulas antes das conxuncións «e»…
    A historia engánchame desde a fabulosa frase do principio. Despois pérdome un pouco porque me descoloca e non entendo por onde está indo, pero gáñame a dureza do final, aínda que pufh… Non sei por que non se che dá mellor por escribir un relato de risa. Pásoo mal con estas cousas. Na terceira lectura, comecei a pensar que a historia do gato cos tres gatiños non era necesaria para o que continuou sendo o texto.

    «Resaca do deus do río»
    Non comprendo o título. Pode que non comprenda o relato enteiro.
    Hai gralliñas… Esqueceuse o acento gráfico no «río» da terceira liña. Debería ser «o pai séguelle», no exiguo cuarto parágrafo. Supoño que «saca os pés e chega a carón do animal». E «peciños»? Peíños? «Acurrálana [quen a quen?] contra si mesma», supoño. Despois, do mesmo xeito que o dixen no relato de arriba, teño que dicir que farei por entender certas escollas léxicas, aínda que non o consigo en casos como «temporada» –que me parece incomprensibelmente en contra do étimo lóxico da derivación da palabra–, por mencionar só un. E falando disto…, Ismael? Insisto en que se se poñen nomes ás personaxes en relatos tan curtos debería ser por algo. Eu procuro significados nos nomes e neste caso, novamente, non o atopo que eu considere que poida casar co que se conta.
    En xeral, penso que a persoa que escribiu este relato debeu de facer uso da súa prórroga (se a tiña, que non o sei porque non sei quen pediu e quen non) porque a precisaba. E non pasa nada porque eu entendo que isto é un exercicio e como exercicio está ben, sempre que poidas volver a el e atopar moitos erros para mellorar e mellorar. Pero para iso precísase tempo, que é o que non abonda. Hai moitas cousas mellorábeis se o texto fose revisado, que parece (polo resultado que aprecio eu) que non foi así. Ademais, como sempre, se se deixase repousar, gañaría.

    O meu voto vai para «Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez».

  3. A min o nome de Ismael trouxome ecos do narrador de Moby Dick, o que á súa vez ven acompañado de certas referencias bíblicas que incumben á relacion entre fillos e pais. Pareceume ben elexido, só faltou que a personaxe (algunha delas) tivera algo máis de peso na historia. En Ourense (e seguro que en outras moitas partes) decimos “peciños”. A primeira ver que oín “peíños” tamén me sonou rarísimo.

    • Non sabía se se referiría a iso. Entendo que debe de ser unha variante, entón. Ben.
      Sobre Herman Melville, teño unha explicación para non entender a referencia coma ti que xa darei nun futuro se resulta oportuno.
      Grazas!

      • Eu tamén entendín o de Ismael como referencia a Moby Dick, non pensara nas connotacións bíblicas, mellora aínda a escolla. Sobre o de peciños, eu tamén o dixen sempre así, pero lin “Peíños”, por exemplo en Otero Pedrato, no libro no que conta a peregrinación de Ourense ata Santo André, moitas moitas veces lle doían os “peíños”. A min descolócame porque por algunha conexión de dislexia solta, sóname sen querelo a diminutivo de peitos e non de pés, o que facía a historia oteriana moito máis perturbadora.

      • A ver, eu non digo que lle chamase así por Moby Dick nin, ainda que fose así, o paralelismo está moi claro. Pero é un nome con personalidade e unha mochila de significado detrás que penso que lle acae ben. Do que non cabe dúbida é de que se chaman Ismael os dous, que é o único que me levou a pensar niso, independentemente de como entendamos as referencias.

  4. O meu voto vai para “Undoustrescatrocincoseisseteuitonovedez”. É un relato moi cru pero ben escrito e nótase que moi traballado. Gustoume moito.

    “Resaca do deus río” é un bo relato pero non acabo de collerlle o punto. Noraboa aos dous autores, un dos mellores duelos do torneo.

  5. Están moi ben as dúas historias. Parabéns aos dous autores.
    A 12345678910 apenas lle vexo fendas, seméllame ben metida na pel da pobre rapaza e lese dunha tirada.
    Á resaca do deus río, con ser unha boa historia, fáltalle un pouco de edición. Na miña votación perde aos puntos porque me fai deter en cada erro e polo paso do pasado ao presente.
    O meu voto é para 12345678910.

  6. O meu voto vai para Undoustrescatrocincoseisseteuitonovedez. Pouco que engadir ao de arriba. De verdade, un dos mellores relatos que lin neste certame. Sobrecolledor.
    Non acabei de comprender “Á resaca do deus río”. Ten bos detalles, pero ese cambio de narrador nun relato tan curto e con tantos detalles fai que nos perdamos. Noutro duelo, se cadra, pero neste, o rival é mastodóntico. Con todo, animo ao autor a editalo e darlle unha volta.

  7. Parecéronme dous relatos moi bos, pero non acabei de entender nin entrar en “Resaca do deus río”. Ademais, o cambio de tempo verbal paréceme un erro grande. Seguro que cunha volta é perfecto, pero o rival é de armas tomar. “12345678910” paréceme terrible… no bo sentido. A historia é horrible, o que sucede é máis horrible aínda e está tan ben contado que o horror cala fondo. Vai o meu voto para “12345678910”.

    P.S.- Na miña terra dise “peuíños”.

  8. “Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez” deixoume sen palabras, literalmente. Que duro e que xeito brillante de contalo! “Resaca do deus río” non o fixo mal, obviando o cambio de tempo verbal; pero era case imposible superar ao seu contrincante.
    O meu voto é para “Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez”.

  9. “Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez” gustoume moito na forma e no fondo. Ese primeiro parágrafo que anticipa a historia que está a piques de suceder pareceume un gran acerto.
    A lectura de “A resaca do deus río” fíxoseme difícil polo continuo cambio de puntos de vista narrativos (o pai, o fillo, a bicha). Apreciei moito o símil construido entre os obxectos brillantes que buscan pai e fillo e as escamas da serpe.
    Voto por “Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez”.

  10. Vaia dous relatos que saíron de resaca, ningún cae polo esperado, boa cousa.

    Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez
    Unha pequena errata en “espira” que supoño que sería “espiral”. Aparte diso, pouco se pode criticar do relato. Marca uns ritmos moi complicados de dominar, monta frases longas cun temple digno de admirar, sabe cando quere ir en curto e cando lanzarse, cando ser poético e cando describir accións máis en frío. O estilo está moi depurado, as escollas léxicas revisadas. Excelente. Destacaban por aí arriba a frase inicial, pero eu creo que a que máis me chama a atención e a dos botes de Nescafé cheos de licor. “Había nos andeis botes de Nescafé reenchidos de augardente doce e guindas a macerar, que como se as cores puidesen murchar, tinguiran o alcohol dun marrón enfermo que papá vertía un pouco cada día nunha cunca estampada con flores”. Unha frase para apuntar e imitar os demais que queiramos escribir algo.
    A nivel de fondo tamén moi ben, a sucesión de horrores que lle van acontecendo á pobre rapaza aparecen nunha especie de clímax que porén non é claro o que consigue que ao relato non se lle vexa unha estrutura manida. A historia do gato mesturada coa da rapaza desde o principio ata o final, nunha comparación que apunta ao macabro, como todo o conto, pero sen mostralo de todo, en xeral toda a narración permítenos asomarnos á porta do terror sen deixar ver todo. Outro acerto.
    A imaxe do home esfarelado dentro da vaxina, recordoume a unha escena de American Gods, de Neil Gaiman, onde a raíña de Saba como deusa atrapa homes cun mecanismo parecido para manterse eternamente nova. Hai algo extremadamente perturbador nese sexo carnívoro.
    Pensando no conto, e por comentar algo, quedei matinando estes días no uso da primeira persoa para este conto. Na primeira lectura non me renxeu para nada, pero pensando despois no conto, sempre mo imaxino narrado en terceira persoa e non en primeira. Supoño que en parte porque o narrador fía cunha mestría que non me imaxino nunha rapaza, que tería quizais outros xiros no seu propio discurso. Quizais tamén precisamente pola maneira de colocar o foco da información, que nunca é visceral e directa, sempre aparece de esguello. Isto é a cerna do relato e o que o fai tan potente, pero tamén me cadra máis cun narrador en terceira en non en primeira. Supoño que fala tamén ben do autor que a pesares de estar en primeira persoa o narrador, non me aparecese este conflito ata varias lecturas e pensadas despois. Aínda así, non sei se pensa o autor que quizais tamén funcionaría aínda mellor o conto en terceira persoa, a ver que comenta.

    Resaca do deus do río
    Unha magoa este conto, podía ser moito máis do que é. Creo que faltou revisión e pulido, supoño que problemas de falta de tempo, varias grallas que correxir, pero hai potencial no conto.
    A nivel de forma, penso que todos os comentaristas estamos de acordo en que hai un problema con todos os cambios de perspectivas. Hai demasiados para un conto tan pequeno e ademais non están o suficientemente marcados a nivel de discurso, custa saber quen está a falar en cada momento, hai ferramentas para solcionar isto as máis preguiceiras incluso tipográficas. Pero tampouco sei se realmente a mensaxe do relato precisa de tantas voces. Persoalmente penso que o mellor sería apostar por un narrador clásico en terceira persoa, e contar unha historia clásica do home contra a natureza. Ou quizais ir a tope cunha narración máis elidida, collendo á serpe como narradora única. O conto quedou así nun punto intermedio que resta forza as súas imaxes, fai difícil seguir a narración e empatizar con ningunha das personaxes.

    Voto por Undoustrescatrocincoseisseteoitonovedez

    • Eu non tomei espira como erro. De feito, encantoume que fose espira e non espiral, para logo falar dos días interminábeis. Paréceme que a imaxe poética créase grazas a ir volta tras volta nesa curva infinita que coido que á explicación lle acae moi ben.
      Penso que o autor deste texto non deixou nada sen revisar… Non creo que sexa un erro, aínda que claro que os pode haber sempre.

    • É certo que o 12345 funcionaría en 3º tan ben como en primeira (cousa pouco frecuente). Non sei que fará o autor respecto a isyo, pero quero dicir algo sobre o da forma de expresarse da nena. Eu creo que, como norma xeral, cando unha personaxe narra a través do seu pensamento pode expresarse de calquera forma que se lle ocorra ó autor. Para min a traduccion a palabras dunha narracion de pensamento é unha interpretacion libre. Ninguén pensa na linguaxe na que está escrita ese relato, nin unha nena de 12 anos nin unha poeta en plena madureza. Incluso nos relatos en 1º persoa existe un intermediario invisible entre a personaxe que se narra a si mesma e o lector. Se un animal ou mesmo un obxecto inanimado pode narrar o seu pensamento sen que cuestionemos o seu nivel cultural, unha nena (ou un bebé) tamén. Por iso eu deixaría o relato así. Que a nena se dirixa a nós en 1º persoa con esas palabras é parte da forza do relato.

      • Hum, é interesante ese comentario Lois. O meu primeiro instinto foi darche a razón, pero se o penso ben creo que en realidade é unha cousa que o pacto de ficción non aturaría. Está claro que ninguén pensa como se narra un fluxo de pensamento, pero a cousa é como case sempre, que resulte verosímil. Penso que o relato de 123456789 funciona porque se dan nel algunhas circunstancias que permiten manter esa verosimilitude. En primeiro lugar a propia brillanteza da narración e o terrible dos feitos contado, que deslumbra e aturde ao lector. En segundo lugar, porque polo xeito en que se aproxima aos feitos, hai unha pequeno desfase de comprensión, sabemos que o conto está narrado en primeira persoa, pero eu sempre estou imaxinando unha voz intermedia, un narrador. É iso que dis ti de que o relato funcionaría ben en 1º e en 3º, a certo nivel creo que está xogando nos dous terreos. De feito non sei se me imaxino incluso a esa nena máis adulta relembrando a historia. Penso que algo da maxia do relato vai precisamente por aí. E terceiro, creo que funciona esa tensión entre 1º e 3º porque o relato é curto. Pensas que se isto fose unha novela xa non digo longa, pero de 30 páxinas, seríamos quen de crer a unha nena que está razonando así?

        Falas dos animais ou os bebés, pero tamén neses casos habería límites verdade? Se o animal é novo non se narran os seus pensamentos que igual que se é vello, a antropomorfia é un mecanismo complexo. E se narrásemos o fluxo de pensamento dun bebé, sería moi raro que de súpeto se puxese a pensar en Descartes non? hahahaaha. É un tema interesante.

      • Tes razón que ó estar escrita en pasado temos ese punto de fuga que nos permite imaxinar que quen conta iso non é a nena de 14 anos (ó que xa digo que eu non llle vexo problema), senon unha muller adulta.

        Eu non creo nunha regra que diga que cada idade ten unha forma de narrar. Penso que iso é un tópico aprendido, como o de que en francia os franceses falan entre eles en ingles/castelán con acento francés. No que eu creo é en manter unha lóxica interna. Este relato fixo iso por exemplo eludindo os dialogos no texto. Nunha novela sería mais dificil manter unha lóxica interna complexa como a que sostén a 12345.
        Estaría ben o reto de narrar unha historia cun bebé en 1º persoa pero cun rexistro adulto e ver o que pasa. Que importaría aí a verosimilitude se esa caracteristica que supostamente a rompe é unha das bases/prospostas do relato? Por que ten que ser mais verosimil que un bebé narre “infantil” que que narre “adulto”? A verosimilitude, para min, ten mais que ver con seguir as regras autoimpostas do teu relato ó crear o universo que o envolve. Como é imposible que un bebé narre nada, non podes dar por feito que os bebés-animais-robots-monstros pouco intelixentes narren con voz infantil.
        12345 creou unha forma narrativa moi sólida, intuitiva e coherente ata o final.
        Penso que unha das cousas que mais confunde nestes casos é o uso dos dialogos, porque se tende a identificar pensamento con dialogo. Unha frase dita en voz alta ten moitas mais restriccion en canto a verosimilitude, porque dicir algo é unha “accion”. Unha personaxe pode pensar na maneira en que o autor decida, pero terá que falar conforme a unhas regras mais rixidas, por iso digo que o autor evitou activamente incluir dialogos en 12345, porque poderían supor unha fractura no universo creado.

  11. “123456..” é, como xa se apuntou, un relato case perfecto. Sabe o que quere contar e cóntao fantasticamente. aparte de iso ten unha calidade sensitiva moi forte, métete de cheo nesa depresión. Eu coñezo algún que outro borracho de guindas, poida que fose iso o que me fixera empatizar tanto con ese escenario ermo e devastador.

    “Resaca do deus serpe” tamén ten boas calidades, un toque onírico e irreal moi conseguido. Mais non está tan traballado coma o do seu rival.

    O meu VOTO vai para 12345… porque penso que é un dos mellores relatos deste torneo. Poida que o mellor.

  12. Esta semana non teño moito tempo para comentar.

    ‘123…’. É un relato moi ben construído, escrito con elegancia e con potencia. O autor encontrouse moi cómodo e xogou coas frases con moita mestría. Cando un relato se escribe con tanta seguridade é difícil competir contra el.

    ‘Resaca…’: é un relato que se resiste a unha primeira lectura. É máis arriscado na estrutura e na escolla da voz narrativa. Quizais lle falta algo de precisión. Seguro que unha reescritura consciente vai axudalo moito.

    Voto por ‘12345…’

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s