‘SYNTAGMA_files’ vs ‘No canto das sereas’

Mar. ANASTASIA R/FLICKR.

Nos cuartos de final, Érica Couto fronte a Adrián Feijoo. Tema: ‘No fondo do mar’.

SYNTAGMA_files

SYNTAGMA087_MEGIDDO_003

[CATEGORÍA: MEGIDDO-POTENCIAL PERIGO]

-A actividade dos ordenadores monitorízase para revisións. O acceso a documentos dunha categoría superior, sen permiso certificado de catro supervisores, castigarase cunha sanción 43/87 sen posibilidade de apelación.-

Usuario: ********

Contrasinal:  **************

Cargando…

Petición aceptada.

SYNTAGMA087_MEGIDDO_003____ACCESO___PERMITIDO

LOCALIZACIÓN: XQ-38  43º03’32”N  9º18’37.1”W

STATUS: CONTROLADO [15-05-2018]

  1. A) Precedentes.

A anomalía 087 localizouse na posición XQ-38, a 20 quilómetros de PUNTA GAIVOTEIRA [CABO TOURIÑÁN]. O primeiro reporte de actividades deuno un veciño da zona, Xosé M., cando no transcurso dunha xornada de pesca furtiva na madrugada do 28/03/2011, atacárono unhas estrañas criaturas, descritas coma peixes con forma humana, as cales intentaron botalo á auga e devoralo. Puido fuxir a un pequeno peirao nos Forniños onde chamou por teléfono a emerxencias para notificar a súa incidencia. Seguindo os procedementos habituais, efectivos de SYNTAGMA interceptaron a chamada e chegaron a tempo para evitar a expansión do seu testemuño. Inmediatamente impúxose unha zona de exclusión ás autoridades locais.

Criaturas coma as descritas no anterior reporte son as mesmas que figuran nos documentos miskatónicos baixo control da organización: o Kitab Al-Azif e o De Vermis Mysteriis. De feito, coñecíanse a existencia de posibles comunidades da Antiga Raza (no sucesivo, Profundos) en diferentes sectores das Rías Baixas pero ata o momento a súa presenza ó norte de Finisterre era algo en principio descartado pola dirección. Por iso CÓNCLAVE 5 ordenou unha investigación do leito mariño de XQ-38, co fin de aclarar a situación e ver se precisábanse medidas adicionais.

  1. B) Investigación.

A sonda revelou unha frenética actividade de Profundos a 400 metros baixo a superficie, dirixíndose a zonas fóra do noso alcance. Unha análise máis completa das imaxes revelou que algúns transportaban diferentes obxectos, dende alimentos a grandes rochas. Outros nadaban en formacións simétricas, con formas cambiantes e complexas. No minuto 23:18 unha das criaturas repara na presenza da cámara e esmágaa xunto con outros conxéneres, con gran violencia.

O seguinte paso era a fotografía satélite mediante o sistema MAGI. As súas revelacións proporcionáronnos unha información moito máis reveladora da situación, ata o punto de que a anomalía fose inmediatamente clasificada coma MEGIDDO e ficara secreta para os niveis inferiores.

Os infravermellos revelaron unha figura de aproximadamente dous quilómetros de lonxitude, coas formas delineadas e perfectamente recoñecibles, iguais ás descricións nas profecías de Innsmouth. O ente está en repouso, posiblemente en estado de hibernación ou cataléptico, nun conxunto rochoso a 2.760 metros.

As consecuencias do seu posible espertar, xunto co aumento da presenza de Profundos a pouco máis de unha hora en barco de terra firme, é un perigo potencial para a vida humana na zona e da estabilidade do Pacto de Segredo.

  1. C) Medidas.

CÓNCLAVE 5 estipulou:

1) Vixilancia permanente da zona XQ-38 mediante o MAGI.

2) Eliminación inmediata de calquera Profundo ó norte da posición 42º52’47.9”N  9º16’22.8”W, sen excepcións de ningún tipo.

3) En caso de sinais claros de cambio catastrófico, aplicación do protocolo Shiva.

Directrices de obrigado cumprimento para todos os axentes de rangos 1-5.

……………………………..

No canto das sereas

O mar, coma pintado alá lonxe onde acaba o mundo, reflectíase no anel que lle pechaba o sobriño, e cando Estrela facía xirar entre os dedos o aro de metal, tamén o océano ondeaba dentro del. Polo día, Estrela sentaba nos bancos do peirao. Pola noite, esquecida do mundo e abafada por un sono nervioso, falaba con el facendo rodar no dedo o círculo dourado. «Onde estás?», repetía sempre.

Lonxe, no fondo do mar, víao camiñar atravesando os fondais co paso lastrado pola forza das correntes. Os cabelos coroábanlle a cabeza crechos coma os brazos inquedos das medusas, mentres as mans, que colleran a pátina das estatuas de bronce, ían cortando as augas con brazadas lentas. Diante da fronte levaba unha luz que lle iluminaba os camiños da noite oceánica. E cando descubría a Estrela mirándoo desde as fronteiras do sono, sorríalle.

Co pasar dos días e o chover das noites, Estrela pareceu animarse un algo. Tornárase faladeira cos veciños que, feridos pola traxedia, buscaban tamén consolar. «Estás a coller cor na cariña. Xa voltas sorrir», dicían. «É que el está a chegar», e fregando o anular encoiro anunciaba contenta: «Deille o anel para que non perda a vía da casa».

El avanzaba rompendo os torrentes de auga. Na longa viaxe deixouse peteirar polos peixes miúdos; cruzou as portas derrubadas dunha cidade sepulta desde as que os outros afogados lle facían cenos e lle ofrecían bandexas cheas de ouro; refuxiouse entre os mastros partidos dun galeón cando pasou marcial o gran Neptuno asubiando dentro da súa buguina.

E chegou o día no que a terra se lle apareceu diante.

A enseada abriulle os brazos. Con dedos agarimosos de nai tiroulle do corpo mol os restos da roupa esfarelada e case disolta, peitoulle os cabelos cos dedos de escuma e púxolle estrelas nas bocas negras dos ollos para que a Estrela que o agardaba na costa se puidese reflectir neles.

Cando case despuntaba o sol, atopárono afundido na lama, cos brazos estirados coma quen se esforza por tirar o corpo fóra da auga. As campás tocaron a morto polos vieiros feridos da aldea, mais para Estrela repenicaron como un anuncio de festa. Era el que chegara! Saíu correndo á praia cos pés descalzos. Os veciños arrodeaban o regalo da resaca en silencio. Déranlle a volta ao corpo. Ao vela baixar pola area, abriron un espazo pola que entrou coma o vento nas velas. Afondou os xeonllos no limo, percorreu coas mans trementes os restos daquel corpo, rindo e saloucando. Buscoulle os brazos, prendeulle os pulsos, repasou un a un os tocos dos dedos.

«Non é el! Non é el!», gritou desesperada. «Non leva o meu anel, non é el! Aínda está alá, no fondo do mar! Baixádeme para que poida traelo de volta!». Quixo correr dentro e afundirse no mar, pero as augas estaban lonxe e fartas de corpos. Alguén a colleu dos brazos e a levou de volta á area. As campás calaron.

Advertisements

18 comentarios en “‘SYNTAGMA_files’ vs ‘No canto das sereas’

  1. SYNTAGMA_files

    Mágoa que o autor/a non acertara na súa execución do relato.
    A idea de presentar un “informe” como relato ten o seu atractivo (xa aconteceu neste mesmo torneo con “peza a peza”). Un relato-informe, na miña opinion, ten 2 posibles vías básicas de ataque. Ou ben é minucioso, honesto e claro no que conta (lemos as palabras de alguen que sabe perfectamente do que fala, seguramente porque foi testemuña do acontecido, inda que non comprenda a natureza deses feitos) ou ben recolle uns feitos en bruto (case sempre redactados por un “axente” non involucrado directamente neles).

    O que sucede neste relato é que a persoa que redacta o informe, en lugar de adoptar unha postura natural, se esforza demasiado por narrar unha historia. Da detalles que non indican minuciosidade na tarefa realizada, senón adorno innecesario.

    Un exemplo:
    “atacárono unhas estrañas criaturas, descritas coma peixes con forma humana, as cales intentaron botalo á auga e devoralo.”

    debeu ser:
    “atacárono uns “peixes con forma humana”, que intentaron botalo á auga.”
    entre comillas o da forma humana porque son palabras do pescador.

    Logo hai outras expresions que non casan nada ben co caracter do informe. Como todas as perifrasis “poder + infinitivo” (non digas que “puido fuxir”, di que “fuxiu”), ou cousas como “en principio”.

    Mais:
    “Unha análise máis completa das imaxes revelou que algúns transportaban diferentes obxectos, dende alimentos a grandes rochas. Outros nadaban en formacións simétricas, con formas cambiantes e complexas. No minuto 23:18 unha das criaturas repara na presenza da cámara e esmágaa xunto con outros conxéneres, con gran violencia.”

    debeu ser (na miña opinion):
    “Unha análise máis completa das imaxes revelou que transportaban alimentos e grandes rochas. Unha das criaturas reparou na presenza da cámara e esmagouna.”

    Outra:
    “O seguinte paso era a fotografía satélite mediante o sistema MAGI. As súas revelacións proporcionáronnos unha información moito máis reveladora da situación, ata o punto de que a anomalía fose inmediatamente clasificada coma MEGIDDO e ficara secreta para os niveis inferiores.”

    por:
    “A fotografía satélite mediante o sistema MAGI revelaron (e aqui dicir o que revelaron, non esperar ó seguinte parágrafo, de forma que tiveches que usar derivados de “revelar” 3 veces)…”

    Quedaría algo así:
    A fotografía satélite mediante o sistema MAGI revelou unha figura de aproximadamente dous quilómetros de lonxitude, semellante á da descrición na profecías de Innsmouth. O ente (ente?, por que ente?) está en repouso nun conxunto rochoso a 2.760 metros. A anomalía foi clasificada coma MEGIDDO e ficara secreta para os niveis inferiores.

    Non podes especular dicindo que está hibernando ou cataleptico se non dis claramente o que é. Tampouco podes falar do seu “posible” despertar como se ti non souberas o que é pero o lector si. Non se pode xogar con esas regras trucadas.

    E por ultimo, se non hai excepcions, non digas que non hai excepcions. As excepcions remárcanse cando as hai.

    Que conste que se digo todo isto é porque lle vexo potencial ó relato como fan dos mitos que son.

    No canto das sereas

    “repetía sempre”
    se xa o repetía non fai falla dicir que era sempre.

    O segundo parágrafo é moi bo. Tanto, que case fería mais curto o 1º. Un punto a favor deste relato (entre outros) é que para cando chegamos á metade xa sucedeu algo, a chegada do corpo a terra. Non é todo exposición ata un movemento final que se tenta ocultar ata a ultima liña (o seu rival tamén fai iso ben).

    Pensei que o final ía ser máis ambiguo, pero non é así, e paréceme outro acerto. O único que cambiaría é a ultima frase, que a quitaría.

    Quedou un relato bastante redondo. Un intro breve, unha evolucion da trama áxil e un final cun xiro coherente (e que afecta á prota, non ó lector).

    O meu voto vai para No canto das sereas.

  2. Ambos relatos encantáronme, o primeiro ten un formato que debeu custar morea de traballo acadar. O segundo atópoo moi pulido. Penso que ambos se apoian na proposta perfectamente.
    SYNTAGMA_files sorprendeume na forma, e o tema goceino moito. o longo do relato cheguei a puntos que me pareceron un chisco forzado para un informe oficial. Con algo de traballo en darlle neutralidade ao texto creo que pode ser unha obra que lle gustaría ao Mestre. Ese é o único aspecto que me freou un pouco.
    No canto das sereas é un relato moi redondo, os parágrafos están na xusta medida e o final é perfecto, non lle atopo máis fallo que algunha palabra e penso que non podo ofrecer maior cumprido.
    O meu voto vai para No canto das sereas.
    Moitas grazas aos autores, o tema e as obras foron un pracer.

  3. Gústame moitísimo o tema porque son unha namorada do mar. Porén, non me entusiasmaron ningunha das dúas historias para este tema que se puxo tan lindo… Non é por mal porque de ambos autores lin relatos dos que vin moitas cousas boas nas anteriores semanas (e non digo que nestes non as haxa). Pero é que con este tema… Terían que ser contos lindísimos! Con todo, penso que está ben aproveitado e paso a explicar os porqués.

    «SYNTAGMA_files»
    Son a única que procurou como unha tola as coordenadas e marchou de viaxe á punta de Sualba (faro Touriñán) no Google Maps antes de comprobar que xa estaban localizadas no texto?
    Este conto paréceme, en resumidas contas, unha movida moi tola. Aprecio moito a ocorrencia da exposición da historia e da confección do formato.

    « No canto das sereas»
    Gústame como se describe o anel, ao comezo. Sempre amei a palabra «pátina», que me lembra a un poema que adoro. Paréceme cruel e preciso o dos «tocos dos dedos» (moi ben escollido).
    Sóame un pouco isto a «En el muelle de San Blas» de Maná… Mmmm… Non me convence moito o relato, pero si que entendo unha dozura narrativa que resulta acolledora. Ademais, percibo moita revisión sobre o texto e ata podo adiviñar algúns cambios en palabras. Como noutros contos, pásame que non estou de acordo con certas escollas léxicas, mais non se pode todo.
    «E ai Deus!, se verra cedo!».

    O meu voto vai para: «No canto das sereas».

  4. SYNTAGMA_files seméllame unha proposta valente que podía caer con estrondo ao mínimo despiste. En troques, deixouse ler moi ben e coido que saiu con nota do reto.
    No canto das sereas é a historia dun drama, ben narrada e cunha linguaxe preciosa. Con todo, custoume máis lela. O conto non se deixou levar (para min) e tiven que volver comezar algún parágrafo. Iso non ten que ser un erro. Ao contrario. Pode que me deixase levar polo fondo do mar, influído por estar estes días no paraíso (Menorca) gozando do sol e da praia.
    Parabéns ás autoras.
    Como teño que votar, vouno facer por SYNTAGMA_files pola afouteza da proposta.

  5. O meu voto vai para “No canto das sereas”. Un relato moi poético (e triste). Encantoume. Moi ben narrado e escrito.

    “SYNTAGMA_files” é un estupendo relato, interesante e atrevido. Gústame o formato no que está escrito. Un inciso… Finisterre? Non debería ser “Fisterra”?

    Outro dos temas que eu propuxen. Niso si que fun bo XD

  6. Un voto moi subxectivo, porque me gusta moito a opción narrativa do primeiro e non me chista moito a do segundo. Non entro en calidades literarias, senón no que me gusta a min.
    “No canto das sereas” ten un estilo e unha temática que me aburre bastante, pero con todo está moi ben escrito. Cando lle toque a hora da reedición (espero que non quede nun caixón) a “SYNTAGMA_files”, ou ben se lle quita palla ou ben se estende máis, pero a idea é ben orixinal e o formato encántame. E insisto, isto é algo moi personal. Voto para “SYNTAGMA_files”.

  7. Gran tema, si señor, e sorprendentes propostas, para min.
    “Syntagma” gustoume polo tema e a proposta de historia (teño unhas ganas locas de ver “Siren”, recordoume moitísimo), pero o formato psé-psé.
    “No canto das sereas” pareceume ben narrado pero a historia non me chistou tanto.
    Teño moitas dúbidas porque onde me coxea un, gáñalle o outro e viceversa… Con todo, vou premiar o atrevemento, por chamarlle dalgún xeito, de “Syntagma” e VOTO por el. Imaxino esas criaturas e teño ganas de máis, sinceramente.

  8. Un duelo de moi bo nivel, levo uns días pensando en cal dos dous votar porque non o teño nada claro.

    SYNTAGMA_files
    Eu tamén fun buscar as coordenadas nada máis velas! Haha e iso que estaba resolta a situación un par de liñas por debaixo, somos uns ansias xeográficos.
    Hai un par de cousas que correxir a nivel puramente gramatical. “Finisterre por Fisterra” como comentaban por aí arriba. “E ver se precisábanse”, o condicional antepón o pronome sería “e ver se se precisaban”. A un nivel máis de sintaxe, hai algunhas frase ás que eu tamén lles daría unha volta para melloralas.
    A nivel de fondo o relato encantoume. É verdade que non podo ser moi obxectivo con Lovecraft, pero as referencias e a temática parécenme introducidas de xeito moi adecuado, aquí e acolá, de maneira sutil e non invasiva. O relato funciona igual de ben se non coñecedes nada da obra do mestre porque colle a súa imaxinería pero sabe manexala con soltura para facer al propio. Nesta semana un par de veces achegueime ata a costa e pensei no Profundo durmindo nas profundidades. É unha idea moi potente.

    A nivel de forma penso que o formato de informe é un acerto para este relato, disfraza o texto para darlle unha verosimilitude aos datos achegados que fan aínda máis perturbador todo o asunto. Pero estou dacordo con todo o que comenta Lois, non se acaba de levar o formato ás últimas consecuencias. Un informe ten que ser obxectivamente frío, exacto en todas as palabras, sen ningún tipo de valoración. Que falen os datos. O relato funciona e ten a forza suficiente como para poder sen medo afundirse nesa linguaxe administrativa. Fai o máis difícil, que é convencer e montar o aparato formal onde funcionar, se conseguise manterse friamente nese punto, sería aínda mellor. Concordo con todas as correccións de Lois, e mesmo cambiaría algunha cousa máis, de tipo léxico.

    No canto das sereas
    Gran relato. O segundo e o cuarto parágrafo, onde se narra a travesía submarina, son realmente bos, cheos de imaxes e imaxinación. Neles tamén se ve o gran acerto de chamar Estrela á protagonista. Estes dous parágrafos recordáronme as imaxes de Miguel Anxo Prado na novela gráfica Ardalén, coas imaxes etéreas do fondo do mar mesturándose coa realidade.
    Tamén querería destacar a frase “. Ao vela baixar pola area, abriron un espazo pola que entrou coma o vento nas velas.” Aparte da pequena errata (“polo que entrou”), é moi difícil con tan poucas palabras evocar unha escena con acción como neste caso. A nivel de lingua ten un gran traballo este relato, moi traballo, con recursos e bo gusto. Moi ben.
    Onde teño algún problemiña con este conto é co fondo. Comentaba Clara que lle recordaba a “El muelle de San Blas” eu non lle vou botar tal insulto (hehe), pero si que me recordou ás poesías das viúvas de vivos de Rosalía, ou mesmo as cantigas de amor que tamén comenta Clara. Isto podería parecer bo, menudos referentes, pero o problema é que non vexo que o relato engada nada novo. Colle unha imaxinería que xa coñecemos e desfruta xogando a reproducila coas súas propias palabras. E faino moi ben, por iso é un bo conto. Pero penso en Estrela e non lle coñezo máis que un sentimento. Non se achega nada novedoso, un xiro de ningún tipo á idea xa vista da muller que espera que so seu marido volte do mar. Quizais o tropo do anel e o parágrafo final, pero a min non me é abondo.

    Moi difícil votación, os dous contos son bastante bastante bos, pero cada un destaca e falla en cousas diferentes. Despois de darlle moitas voltas creo que vou votar por SYNTAGMA_files e o terror durmindo nas profundidades. Parabéns aos dous autores de tódolos xeitos.

  9. “SYNTAGMA_files” é unha proposta moi arriscada, e penso que ben resolta, se ben é certo que algunhas frases son impropias dun informe oficial, deulle crédito. Tamén me gustou en canto a temática. En comparación, “No canto das sereas”, sendo un bo relato ben levado, non ten tanto mérito coma o seu contrincante.
    Voto por “SYNTAGMA_files“

  10. Pasoume con Syntagme como con “Peza a Peza”. Son relatos nos que o esforzo para darlles forma ten moito valor, pero que no xeito de redactar o informe non se empregan todos os xiros necesarios para facelo máis “oficial” ou máis “administrativo”. Tamén acontece que ese final chungo do ameazante protocolo Shiva, podo precisar de facer o perigo máis visible e inmediato. Como parte positiva esta o mundo submarino apuntado e eses seres que o habitan. Chama por saber máis de el.

    O canto das sereas está moi ben escrito. É redondiño quitando quizais o tema do anel que non queda moi claro como Estrela se desfixo de el. Ou iso me pareceu. Pode dar a sensación de que o autor/a camiña por un sendeiro trillado pero aínda así consegue imaxes potentes e ese encontro/non encontro final creo que está ben encaixado. Voto por este segundo relato.

  11. “SYNTAGMA_files” está claro que os mitos de Lovecrafth son a panceta da literatura. Se un prato non acaba de chistar, uns poucos profundos ben chiscantes por enriba e vai coma a seda (e na Galiza, máis). É certo que o informe non é todo o informe que debera ser, pero como axente encuberto de Delta Green que son nos meus ratos libres só podo dicir que narrar acerca deses horrores insondables sempre cha fai saír a vea “profunda”. A min pequenas cousas soltas coma a estabilidade do Pacto Segredo e mesmo a ameaza de Shiva fixéronme voar por enriba das grallas formais.
    “No canto das sereas” é un relato moi redondo cheo de imaxes fermosas e potentes. O malo é que teño a sensación de telas moi vistas todas xa. Non me lembrarei deste relato porque ao ilo lendo xa me lembrei de outro cento deles.

    Para min gañan os mitos de “SYNTAGMA” e por iso levan o meu VOTO.

  12. Teño pouco tempo esta semana. Pídolles desculpas aos meus compañeiros pola concisión.

    ‘Syntagma’. Eu non son quen de entrar neste tipo de textos. Supérame o intento de querer empatar a gana de acomodarse a un rexistro determinado coa vontade literaturizante. Cando lemos ‘Os mortos daquel verán’, de Carlos Casares, vemos como o autor consegue colocar o rexistro no seu sitio sen fuxir nin unha coma. O escribán é escribán, non escritor. Este texto non logra esa coherencia e fíxoseme petelo na boca, síntoo.

    ‘No canto…’ ten un gran problema: o tema está moi utilizado e cando se parte dese escenario é ben difícil atraer. O autor ou autora intentou o camiño da evocación lírica, da construción de imaxes con poder. Recordoume un tantiño ao relato ‘12345…’ nesa vontade de estilo. De feito, o camiño de ambos relatos neses termos é parecido, ao meu ver. Pero quizais a escena deste relato é pechada de máis como para que se fuxa deste tópico literario (e musical) tan evidente. Cando lin o conto primeiro pensei na canción de Mecano https://www.youtube.com/watch?v=E6EAUWaSylo (coa que chorei moito cando era neno) e de aí pasei a esta outra, que é unha das miñas cancións favoritas: https://www.youtube.com/watch?v=OlCSYlDWH8A

    Voto por ‘No canto…’

  13. Vale, xa rematou o prazo, e podo facer uns comentarios. En primeiro lugar, moitas grazas polos votos e os comentarios, o verdadeiro valor desta competencia. E por suposto, grazas á miña rival por un relato tan bonito; xa vou precavido para o desempate.

    Tamén quero ‘defenderme’, ou polo menos matizar, os comentarios de @cequelinhos. A miña intención non era repetir o formato, e creo sinceramente que non se parece en nada á miña anterior proposta. Un informe é algo frío, deshumanizado, e en Kübler-Ross florecen as diferentes personalidades detrás dunha débil formalidade burocrática. Outra cousa é o que din Lois et al, que non logrei levar o formato do informe ás últimas consecuencias, cousa sobre a que reflexionei, e concordo.

    En honra á verdade, este relato deume moitos problemas. Ao ver o tema, pensei inmediatamente en algo lovecraftiano, porque son un incorrixible admirador dese escritor e o seu universo. O problema é que se queres facer un verdadeiro relato dos Mitos, hai que recorrer a descricións moi extensas. E iso, nun formato de 500 palabras, é difícil. De feito, reescribín o relato tres veces, con diferentes estilos, ata un que tampouco me convenceu ao 100%.

    Por tanto, Syntagma é diferente en intencións, estilo, e temas. Unha regra que me autoimpuxen é a de non facer dous relatos iguais, e creo que ata agora a cumprín. Outra cousa é que me apetecese experimentar cunha fórmula parecida, pero non calcado.

    Como curiosidade, o 50% do relato é Lovecraft, e o outro 50% son unhas historias da internet (creepypastas) chamadas SCP, supostos informes dunha organización dedicada contención de obxectos ou seres paranormales. A inmensa maioría son unha merda, pero hai unhas cantas que son moi entretidas, e convidan á imaxinación. Ah, e o becho das profundidades non é o noso querido Cthulhu, é Dagón.

    Un saúdo.

    Iä! Shub-Niggurath!

    • Pido perdón por non ter escrito un comentario antes. Gustei moitísimo de “SYNTAGMA_files” (tamén eu son unha fanática de Lovecraft, e xa non digo nada se falamos dos Profundos que andan de festa polas rías), e penso que merecía gañar. De feito, estaba convencida de que “No canto” non pasaría esta rolda e, se pasou, foi por un pelo. Gracias, Adrián, por este texto (e polos demais tamén), e gracias a todxs polos comentarios e as suxerencias. Agora quen ten o lío son eu e máis o anal intruder.

  14. Para o desempate: Aínda que valoro positivamente a valentía do experimento “SYNTAGMA_files”, o meu voto é para “No canto das sereas”. Certo que o tema non me conmove, pero engaioloume a lixeireza da narración.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s