‘Tempo roubado’ vs ‘Eabeca e as sete cidades de Europa’

Monumento a Europa en Vigo.

Nos cuartos de final, Guillermo Rodicio fronte a Amador Castro. Tema: ‘Cidades de Europa’.

Eabeca e as sete cidades de Europa

Ganímedes desaparece do ceo e marca a fin da quenda. Os mineiros en procesión enfían cara á taberna de Brandomil. Piden cervexa e viño, afrouxan os escafandros, ata a segunda rolda vanse acomodando á presión. Co baleirar dos vasos, a propia luz parece aumentar no furancho. No fondo pódese ver agora unha velliña sentada soa, lentes escuras e sintetizador sobre os xeonllos.

—Bran, ponlle aí un grolo de auga á Briseida, a ver se se anima a cantar algo.

—Hasme dar auga como se fose unha mendiga da Terra? Se saco o cofre das palabras, se solto un nó da madeixa, ben podiades ofrecer un pan de centeo e unha boa cervexa. Cantarei, que outra cousa non sei facer, mais con este zume de mar agardade só unha gorxa frouxa e un canto saudoso. Achegádevos todos, mineiros das ondas, que vos hei contar a historia de Eabeca e as sete cidades de Europa.

Era a Europa galileana unha infinda planicie de xeo cando os primeiros sabios chegaron. Unha cúpula colocaron, como deuses que levantan o ceo, e baixo ela admiraron o Xúpiter egrexio. Mais a Terra, cada vez máis seca e máis sedenta, pronto reclamou augas europeas. Mandaron os mineiros, entre eles mil galegos, mesturáronse cos sabios e fundaron Eabeca, cidade dos portentos. Dos prodixios que alí se fixeron aínda nos chegan ecos. Dominaron gravidades, inventaron linguaxes, perfeccionaron artes. Ah, pero por toda a súa ciencia, pagaron inmensa peaxe.

Europa enteira queceu desmedida coa luz das marabillas de Eabeca. O xeo baixo os seus pés fundiu sen aviso, foron rotas as fontes dos abismos, afundiu a cidade e os seus tesouros, o satélite enteiro mutou nun xigantesco océano sen beiras nin fondo. Case todos pereceron, apenas perduraron uns poucos.

Mais de entre os europeos ergueuse unha galega, Briga coraxosa, que aínda lembraba en soños caracochas dos castiñeiros. No seu xenio enxergou a forma das sete longas cidades de Europa, que como enormes plataformas alborexaron sobre as ondas. De lonxe, lanzais linguas de ferro atravesando os mares; de preto, intricadas contornas de ocos e recantos, por onde trepan as augas para que vós os mineiros, traiades luz e sustento.

Coñecedes os seus nomes: Kaerlud, Venéxia, Mokum, Holmia, Väinö, Ènneci e Auria, as sete fillas de Eabeca. Nelas naceron os vosos avós, nacestes vós, virá a este mundo a vosa proxenie. Nelas prosperamos, atopamos simetrías e riquezas, nelas nos convertemos na envexa da Terra. Nas sete cidades nárranse estes eventos, mais en ningunha con tanto fundamento como na Auria dourada, pois é o lar dos galegos, de Briga os herdeiros, que sen ter visto un río aínda lembramos os nomes do Miño, do Sar, do Sil e do Eo.

Non esquezades, mineiros, o fado de Eabeca. Que ninguén pode chegar a Europa sen penitencia. Por iso de cada dez polisóns terrícolas que aparezan nos cargueiros, sete haberán de ser entregados ao mar en ofrenda. Farémolo sen desfrute, pagaremos ese prezo. Polos sete agasallos que nos fixo, a urbe asolagada sempre reclamará tributo.

…………………………………..

Tempo roubado

Sei que me chaman tolo. Que o borboriñan cando son imprudente e me deixo ver. Pero non é certo. O único certo é que son un nowhere man dun país inexistente e que hai catro anos que non saio da casa (un ano; dous anos; tres anos; catro anos). Ti sábelo.

Sabes que na miña casa todo o mundo é benvido. Polas súas portas de entrada e de saída (catro veces catro), pasan cada día centos de persoas ignorando quen deseñou o teito que as acolle. Portas xiratorias, sen anverso nin reverso, que lle ceden o paso ao banqueiro de Xenebra, á artista de Venecia, á violinista de Viena ou ao lidador de Sevilla: unha humanidade breve e atafegada que só se detén, o mínimo imprescindíbel, nos cadros luminosos espallados por todas partes.

Eu ocupo un breve espazo da casa. Un apousento reducido e descoñecido entre as portas 63B e 64B (o número de portas da miña casa é de catro elevado a catro). Só é visíbel dende fóra, a través da gran fachada de vidro. E aínda así, habería que escalar pola romboidal estrutura metálica. Ou saber voar. Pois, como podes ver, estou no segundo piso (a dúas veces catro metros de altura).

Para chegar ao meu recuncho percorreches un dos catro longos corredores que saen, en forma radial, dende o círculo ao que eles chaman punto de encontro. Antes, tiveches que sortear os gardas. Custodian a miña casa co único obxectivo de impedirme saír. Até que recupere o tempo que non é de ninguén, que é de todos, e foi meu hai catro anos (un ano; dous anos; tres anos; catro anos).

Un día de cada catro, despois de comer restos nalgunha das (catro veces catro) cociñas da miña casa, teño torzóns de estómago e remato no meu recanto feito un nobelo, soportando a dor e os calafríos, até que a miña resistencia interna vence ao veleno que eles me puxeron.

Ás veces (unha de cada catro), penso que vou morrer aquí. Entón ti, que tes a face que eu tiña hai catro anos, vésme visitar. Reconfórtame. Sei que non vai vir un redentor porque son un nowhere man dun país inexistente. Mais coa túa axuda poderei destecer as redes de vidro e de metal que me impiden recuperar o tempo roubado.

Despois, cando a dor remite, durmo e ti marchas.

****

Os raios do abrente rebotan contra as ás de metal dos avións durmidos, creando rosetóns de cores laranxas nos paneis apagados dos corredores.

A rapaza con bata azul ceo sinala cun trapallo o vulto estirado entre a porta 63B, destino Atenas, e a 64B, destino Heraclión.

—E isto?

O home con uniforme marrón detén a máquina de puír o chan.

—Seica lle roubaron a documentación o día que chegou. Pero toleou de todo cando alguén lle quitou o reloxo mentres durmía.

 

Advertisements

30 comentarios en “‘Tempo roubado’ vs ‘Eabeca e as sete cidades de Europa’

  1. Eabeca e as sete cidades de Europa

    Vaia, Europa tomada como unha das lúas de Xúpiter. Mola.
    Disfrutei o primeiro parágrafo. E a primeira liña de diálogo tamén. Tras iso o relato desaparece e é sustituido polo fado de Eabeca, que podería ser escrito e cantado nunha taberna de Pontevedra na actualidade en lugar de en Europa, lúa de Xúpiter. Vale, suponse que son feitos reais e tal, pero se o importante era iso non me contes como a Briseida o canta, contame directamente o relato deses feitos. Non sei, a min as historias en diferido nunca me entraron polo ollo. Só logro ver a Briseida cantando como accion principal do relato.
    A idea de que en Europa houbese unha colonia galega debeu ser a ambientacion, non o argumento, do relato.

    Tempo roubado

    Relato en 2 tempos, un monólogo en primeira persoa e logo entra un narrador clásico. Non comprendo ben a razon deste deseño. Se o monólogo precisa do narrador, é que algo falla ou falta nel, e se a escena do final é importante, sobra o monólogo, pois xa se di que o tipo toleu, cando, por que e onde se atopan as personaxes.
    O monólogo semella unha adiviña. Non sei se a obsesión polo número 4 indica algo importante, como é mais ben descriptivo penso que non, que é só parte dos seus delirios (é o arquitecto do aeroporto?). Realmente non logro sacar nada en limpo do texto, quitando a última parte.
    Vou agardar uns días antes de votar. Talvez outro comentarista vexa algo (en calquera dos 2 relatos) que eu non.

  2. O meu voto vai Eabeca e as sete cidades de Europa.
    Para empezar, paréceme que non acabei de coller o sentido de Tempo roubado, aínda que creo que afonda no que quere aínda que non son quen de seguir algunhas referencias. Eu tampouco sei que pensar sobre o numero catro, tomalo coma outro delirio ou algo máis importante.
    Abeaca e as sete cidades de Europa collino con mellor pé, gústame o principio e o imaxinario do relato,moi fresco. Unha imaxinación como a destes relatos ben pode gañar soa. Dende logo unha idea así é difícil de concretar. Chócame onde se comeza a cantar, non acabo lle atoparlle o gusto a esa exposición, quizais era demasiado para as 500 palabras, pero agradecería un enfoque máis directo. De todas formas, o contido de Eabeca e as sete cidades de Europa atopeino máis sólido, por riso meu voto.

  3. «Eabeca e as sete cidades de Europa»
    Guau co título xa. Quero dicir, a ver: Eabeca e as sete cidades faime viaxar á arquitectura, pero é que ademais as sete cidades de Europa que se aveciñan lévanme a un estadio serodio e atemporal. Entón, comezo a ler e a primeira palabra destrúe os muros (pétreos) que tiña construídos. Porque son eu un pouquiño seareira da astronomía e ler esa verba no comezo e pensar nun micro-segundo como troca toda a historia que agardo ler é unha cousa moi tola. Porque con ese título eu xa tiña o conto montado… Entón, ao rematar a primeira frase, entendo que a segunda historia que eu me montei é máis plausíbel e penso que a persoa que escribiu isto sabe que están todas as esperanzas da astrofísica postas agora mesmo en Europa. Por se algún non o sabía, coméntoo. Sempre aprendemos cousas e eu teño a sorte de que mo explicaron con paciencia hai ben pouco. A aparición de metano na atmosfera da superficie, coñecendo o núcleo férreo e as vetas no xeo que aveciñan auga líquida, fan pensar que neses mares de Europa hai organismos vivos. Unicelulares, dá igual. É vida! Non vos parece fascinante? Con todo, o salientábel para o caso é que con só o título, eu montei unha historia e coa primeira frase xa montei outra. É dicir: a persoa que escribiu isto sabe xogar con quen le.
    Aprecio moito o paradigma léxico escollido e coidado: os «escafandros» encántanme, pero pérdese por completo a simboloxía astronómica pouco despois. Ademais, isto lémbrame a un conto que escribín eu hai non tanto sobre uns astronáuticas que se ían poñendo (coa dificultade propia) o seu traxe. Encáixame todo tal como está, despois de ter estudada cada frase. Porén, creo que ás veces o relato peca de ser demasiado difícil de ler. Moi difícil de ler. Quero dicir, eu penso que o relato curto ten que ser conciso, concreto e moi contido. Insisto sempre na importancia que para min ten que ter cada cousa que apareza. Pero aquí ás veces parece que todo está tan tan tan tan procurado pola súa exactitude que o esforzo de lectura non é un esforzo propio de estar a ler un conto, senón un ensaio. Con todo, un ensaio de alguén que os escribe con frases longas e que tes que re-ler para ter que darlle a razón e comprender que ten todo o sentido do mundo e que está perfectamente escrita. É como a materialización dese «cofre de palabras», que vai abrindo e quere usar todas as que hai dentro no seu lugar exacto, como se as persoas puidésemos saber onde vai concretamente cada palabra para cada cousa que queremos expresar. Talvez, as palabras moitas veces non nos chegan porque as persoas precisamente sentimos as carencias da ignorancia, que é necesaria tamén. Non todos ignoramos o mesmo, claro está; pero aquí parece que ninguén pode ignorar nada se quere entender algo. Nese punto de non-relato atopo eu este texto.
    Cantas personaxes diriades vós (lectores) que hai no «Rapto de Europa» de Rembrandt? Cantas na copia de Rubens de Tiziano, versión da mesma obra? Mmmm… Só as persoas que coñecen a copia de Rubens poden ver o que realmente agocha atrás «As fiadoras» de Velázquez. A escusa da historia que se ve é só unha escusa: o que importa é o que hai sempre na trastenda. Que se ve no fondo («unha velliña sentada soa»)? A formación terrestre. A historia que é disfrace no relato non é a historia do relato. Por isto creo que hai máis técnica de ensaio que de conto. Non pode ser que porque eu, de causalidade, saiba o que significa a historia de Aracne que se agocha como escusa para-plástica nun cadro que en realidade realza o poder artístico da pintura teña que ver (quero dicir, estea obrigada desde o punto de vista de lectora de contos) que un texto para-textualiza o poder da historia. Quero dicir, pode ser e é (e iso é fascinante); pero a historia pódese perder por incomprendida, que é algo que non sucedería se eu estou a ler este texto nun libro de artigos de corte ensaística que se titule «Contos para historiadores da arte fracasados». Porque eu son historiador da arte e xa sei o que collo con ese libro, pero é que non é o caso co conto. De feito, despois da intervención dos diálogos, o ton cambia drasticamente e semella a narrativa propia de alguén que sabe moi ben manexar este tipo de historias. O cambio tamén vén da man da incorporación dunha fantasía que deixa xa pouco oco á función do texto para-texto que enxalza o poder do texto en si. Ou talvez inventei eu todo iso? Porque para min as referencias pictóricas son obvias (a velliña, o achegamento, a planicie, a consecución de sabios…), pero se ninguén o dixo, se cadra estou eu tola. Pero é que para min é tan obvio constantemente… Como se as pistas foran deixadas no vieiro que nos retorna para saber o camiño de volta. Pero é que ademais o final parece que me encaixa máis aínda na miña interpretación: de cada dez, sete van fóra; isto é, quedan tres. Temos a loita da arte en si mesma na eliminación de rivais. Que, ademais, se entregan ao mar, que borra as probas da súa eficacia ao fiar (ao escribir) a confección que gaña coa súa historia mellor contada. É que é obvio que está contando isto, non? Máis o leo, máis o veo. Mais menos vexo que o ledes, menos o veo. Estou bipolar.
    Na narración hai algunhas partes máis poéticas que me renxen por teren rima. Isto é indicador de que outra vez me leva a fóra do cerebro narrativo. A miña mente di que non estou a ler un conto.
    O ton chegando ao final volve a cambiar, pero dun xeito diferente. Penso que para que este conto funcione mellor, debería coidar moito máis a quen se dirixe a voz narrativa. Persoa que escribiu, a ver: contextualizas, despois hai diálogo, despois contas unha historia, despois involucras a persoas que escoitan, despois apelas directamente aos mineiros para que non esquezan… Por que xogas con nós? Ademais, por que tanto tempo? O relato é demasiado longo para intentar manter tan tenso ao lector ao longo de todas as palabras.
    E quen son os mineiros? Pois obviamente nós, os lectores, que estamos cavando na historia. Por iso hai unha historia detrás e por iso isto fala de Velázquez. Quen escribiu vai fiando a historia para perdernos e o fondo está oculto, pero en realidade está todo o tempo e é o relevante para o que fique na humanidade (logo da habitabilidade de Europa, que se logrará con certos descubrimentos en non moito tempo). Quero dicir, quen o fai mellor, continúa: a historia de Aracne.
    Quen escribiu: se fodín completamente a túa historia e creei outra… Pois mira, iso que queda aí porque para min está escrito. Hale.

    «Tempo roubado»
    O título faime pensar no «tempus fugit» e en que pasei escribindo o comentario do conto de arriba horas. Agardo que con xeito, porque como non teña nada que ver… SOOOOOOOOCORRO, que non sei se cortar as veas ou deixalas longas. Pero vou con este relato que ten tamén cousas para comentar e parece que lle roubo o tempo (chiscadela-chiscadela).
    Namoro con «borboriñar». Que bonito verbo, por favor! Encántame.
    Tamén me gusta descubrir ao ler este relato (despois do outro) que se fala de arte dun xeito explícito. É curioso porque non lera este conto antes de facer o comentario do anterior, así que non hai trampa no meu cerebro sobre ver cadros no outro, nin moito menos.
    Con este relato fixen un exercicio de investigación profunda en Google na procura de números que me casen coa historia, de informacións sobre certos edificios ou prazas… Toleo.
    Mentres o lía, estaba convencidísima de que estabas a falar deste torneo de duelistas (dun cubo de catro por catro): os anos serían semanas que levas (catro); catro por catro = dezaseis concursantes; as artes de diferentes tipos de concursantes que veñen con historias variadas… Ía casando todo, pero despois cheguei ás portas. 256 son catro elevado a catro. Automaticamente, todo coincidía cunha praza de Europa que coñezo, pero non pode ser porque dis que son catro saídas… Así que entendo que é certo que non existe. Porque, ademais, e se catro veces catro non son 16 senón 4444?
    O «ti sábelo» ese do final do primeiro parágrafo reta ao lector. É como que son parva de todo se digo: non, mira, tío, eu non sei, non teño nin idea de que falas? 
    Entendería todo máis ou menos se non falases do número de cociñas. Porque iso xa me dá que pensar…, pero leva fóra de Europa e iso non pode ser.
    Eu sei sumar apenas, así que comecei a tirar máis polos planos, porque a arquitectura si que me vai. Pensei no pais inexistente… Procurei planos da Sagrada Familia e do aeroporto do Prat. Non me convencen as teoría que podería apuntar sobre o tema. Vergoña a amosalas xa non teño, despois do que dixen do conto anterior, como comprenderedes… Hahahaha. Así que teño que decidir mellor que se cadra no existe en serio.
    Con todo, quedo con que é o aeroporto do Prat (que ten unha «gran fachada de vidro») por varias pistas, non só polo do país. O Prat está a 4 metros de altura con respecto ao nivel do mar. Ten catro andares. Ten dúas terminais-edificios, pero unha está dividida en tres, así que son catro edificios. A torre de control nova é unha «romboidal estrutura metálica» de 44 metros de altura. As pantallas das saídas son os «cadros luminosos», entendo.
    Meu deus, pero por que «eles» está en cursiva?!
    Roubáronlle o reloxo (o tempo) sen ser consciente porque durmía e entón cando esperta non pode contabilizar a vida e ten que armar o deseño todo outra vez?
    Levo moitas horas con este duelo. Vou descansar e xa volverei sobre este segundo conto, dado que o outro si que o acabei entendendo (aínda que creo que nada que ver co que se pretendía, hahaha), pero este está moi misterioso aínda para min.
    Deixo todo isto que fun pensando por se axuda a saber máis do conto, polo comentario que puxo Lois. Velaquí eu esbardallando e investigando.
    Con todo e aínda que cos días no consiga saber máis, quero pór en destaque que a historia me prende realmente, mesmo sen saber con certeza de que vai. Creo que hai unha historia coherente e estou na súa procura e talvez ficar coa idea sería máis próximo ao orixinal (non o sei), pero creo que está súper ben contada e que sexa o que sexa que hai detrás, as repeticións están por algo. Si que significa algo o catro.

    • Creo que na madrugada lin «Tempo roubado» demasiado contaminada pola complexidade innecesaria do texto anterior.
      Agora vexo unha sinxela narración dunha persoa nun aeroporto que non pode nin entrar nin saír porque non está identificada, simplemente. Por suposto, metáfora que trata o tema da entrada ás cidades de Europa por miles de persoas emigrantes.
      Neste cruel caso, é unha persoa que non ten nada, porque quedou sen patria, sen identificación e, como se fose pouco, roubáronlle o tempo. Xa non lle queda nada de nada, máis que describir o que lle arrodea (ese aeroporto de ningunha parte) que acolle a xente de todas partes.

  4. Tamén hai unha canción dos Beatles (que eran 4) que se chama “Nowhere Man”. A referencia a que haia 4 anos que non saia da casa descolócame algo, porque o ano anterior foron 3 e o seguinte serían 5. Enton, que ten de especial que sexan 4 agora?

    Voto por “Eabeca”, dándolle o mesmo valor a ambos monólogos, o 1º paragráfo deste relato dame mais que o último do seu rival.

  5. Vale. Xa o entendín. Cambio de aeroporto e as cifras cásanme igual de ben, só que agora non teño que facer tantos números para que cadren como cando me emperrei en xustificar que era o Prat. É o aeroporto de Palma de Mallorca e a personaxe é René Becker (non arquitecto exactamente, pero como se o fose) tres anos antes de morrer. Pola súa formación, non só é educado coa xente que é benvida ao que el chama a súa casa, senón que se fixa na estrutura arquitectónica do edificio. Xa sei, por fin, quen son eles. Obviamente, obsesiónase co número catro porque é os anos que leva sen saír da súa casa. Claro que é unha obsesión. Lóxico que así sexa. E xa entendo, por fin, o único que non entendía, que era o das cociñas. Hahahahaha. Fantástico. ❤️
    O autor deste relato queríame poñer a proba e sacarme horas de sono. De feito, creo que neste duelo ambos intentaron isto mesmo. Vaia par de duelistas. No canto de premio, talvez un castigo non viña tampouco mal de todo.
    A historia, agora que xa a entendo (e se a inventei completamente, como coas fiandeiras, pois síntese, pero xa armei o conto na cabeza), continúa a parecerme moi ben contada, poética, coas repeticións súper ben medidas, con todo o necesario que antes non lograba entender… Aprecio tantísimo traballo detrás… Pero non se percibe só un traballo para este relato, percíbese traballo de escribir. De controlar á perfección que é acaído ou non en cada frase. Traballo de tempo, de profesión. E, ademais, tamén se nota que o texto foi revisado, non mandado así sen revisar, como xa atopei algún (que lle faltaba revisión, non que non tiña ningunha, quero pensar) nesta rolda.
    Con todo, se ben penso que a historia funciona e transmite, tamén que as pistas para comprendela eran demasiado escasas. E mira que eu son de non poñer as cousas doadas, deixar pingas polo camiño pero non dixestións, etc. Cada palabra conta e hai que tela en conta no texto. O lector ten que ser activo e estar pendente de que se din as cousas por algo, pero… Tense que entender algo. Talvez, no título? Algunha referencia no título? Non sei…
    Xa me gustaba o ritmo e a sensación que percibía na historia e agora gosto moitísimo máis, claro. Por iso, o meu voto vai para «Tempo roubado», que non leva ningún voto por dúas razóns: 1) porque non foi entendido a pesar de que é un bo conto e ten unha técnica moi ben medida; 2) porque ninguén se obsesionou coma min e agardou a entre-ler entre o palleiro no que si que se pode agochar unha agulla cando se sabe ver o que brilla entre o vulto.

    O meu voto vai para «Tempo roubado».

  6. Estiven buscando info sobre o tal René e é un caso bastante curioso. Como fuches dar con el?
    De todas formas non creo que “sexa el”, mais ben que está inspirado no seu caso, porque nos periodicos din que a orixe foi unha ruptura sentimental e que quedou sen cartos alí, non falan de que quedara atrapado no aeroporto, de feito el dicía que estaba ben alí e que quería estar só. O tipo, por certo, morreu ós 5 ou 6 anos de estar vivindo no aeroporto (con 61 anos).
    Por outra banda eu creo que se a xente di que non entende este relato (ou relatos similares a este) non está/estamos dicindo que un non se entere do que sucede nel (un tipo que leva 4 anos vivindo nun aeroporto e está xa perdendo a cabeza, da igual que sexa René ou cal sexa o aeroporto), senón que non entende o sentido ou o por que da historia, ou dalgun aspecto da historia. O do nº4 p.e. Dis que está obsesionado con ese nº porque leva 4 anos alí. Vale, entón cando levou 3 estaría obsesionado co 3, e o ano que ven, pois co 5. Enton, o 4 é circunstancial, accesorio, o importante é que delira, e no seu delirio, por desgraza, o tipo non fala case nada del. E non entendo “por que” o corpo do relato é esa peculiar descricion do aeroporto. Ti mesma dis que o relato é todo palla e que a agulla está nas páxinas dun periodico dixital de Mallorca, nin sequera no interior relato.

    • Non, non, non. Non dixen iso. Dixen que dei con el grazas a que sei ver a agulla no palleiro. Entre o montón de palabras que estaban aí (nun aí que non é aquí exactamente), souben ler a palabra clave que me levou á historia. Iso pretendía dicir, coido que a persoa que escribiu a clave vai entender o porqué.
      E estou dacordo en case todo, agás que para min é importante determinar por que se din certas cousas. Nunha novela non me importaría, en 500 palabras si. A obsesión non é circunstancial, na miña opinión. Aos catro anos saíu do aeroporto, pero el quixo volver a vivir a el (tres anos máis, ata que morreu cando levaba sete alí). Neses tres anos, saía de cando en vez coa súa filla, pero volvía a durmir á súa casa (ao aeroporto). Pero nos catro anteriores (que é o que se conta no relato) non saíu para absolutamente nada do lugar. Por iso a clave son os catro anos, ben para a súa obsesión desta historia, ben para que unha obsesionada coma min puidese chegar a el (é dicir, sendo só elemento-clave para a comprensión do texto). Se cadra só é importante para que o lector consiga saber que acontece, mais creo que como o conto está situado no punto de catro anos, a obsesión vai alén diso.
      A min desde que me obsesionei esta madrugada con que era o Prat rosmábame o filme «The Terminal» na cabeza, pero non atopaba o nome do filme nin me lembraba do director ou nome de actor para procurala. Busquei nomes ao chou en Google que se me ían ocorrendo, pero non dera co filme. Primeiro tiven que saber a personaxe deste conto para chegar ao que me pitaba na cabeza, pois foi unha persoa clave para que o filme fose unha realidade na pantalla.

  7. O meu voto vai para “Eabeca e as sete ciudades de Europa”, máis que nada por crear mitoloxía con só 500 palabras. Para min este relato é o mellor do torneo ata agora.

    “Tempo roubado” é un precioso relato. Moi ben escrito, traballado e pensado. Cando o lin pensei que tanta referencia ao número 4 era pola T4 de Barajas. Despois de ler os comentarios de Clara, o mesmo estou trabucado. É igual, desfrutei moito deste duelo. Cando propuxen o tema, nin se me pasou pola cabeza que ía ser o mellor duelo do torneo. Quito o sombreiro ante os dous autores.

  8. Eabeca: Moi orixinal o xeito de afrontar o tema. Tirando da Europa de Xúpiter para crear unha nova mitoloxía fundacional. O comezo é dos de inmersión. Con ideas forza que nos sitúan non espazo recoñecible e estraño ao mesmo tempo e que tiran da lectura. Un acerto o do sintetizador en troques da zanfona je! Logo ábrese o cofre das palabras. O relato da cega Briseida serve para acabar de situarnos. Aí é onde boto en falta un chisco máis de chicha. Empregando economía de medios o autor usa esa historia dentro da historia para contextualizar, e cando ese canto de cego vai entrar nos verdadeiros feitos dignos de merecer un grolo dunha boa cervexa, upss, semella que o espazo das 500 palabras quedou pequeno. Porén creo que a pesares desa sensación de conto inconcluso, é certo que con mestría a historia non nos deixa ir (atrapa) mentres lemos.
    Tempo roubado: A pexa deste relato é que quizais se demorou o autor demasiado nos pensamentos do tolo, que como tolo que é, non pode ofrecer ás claras o que está acontecendo, co risco que ao final non entendamos o que sucede. Precisamos desa intervención final dos limpadores da terminal para recolocar as pezas, pero algunhas quedan sen encaixar, moi encriptadas. O gran acerto deste relato creo que é o de empregar a ese home perdido nun gran aeroporto, como símbolo dos tempos que corren na Europa de hoxe en día.
    O meu voto vai para Eabeca.

  9. Que difícil escolla, parabéns aos dous autores.
    Entendín pouco de “Tempo roubado” roubado na primeira lectura ata o parágrafo final. Así que a relectura foi obrigada -e agradecida. Moi boa idea. Parecida (non igual) á da peli “A Terminal”, pero neste caso, mellor executada. Clara e Lois comentan por aí que puido haber un caso real, iso engádelle sal á historia, pero tampouco é precisa: o relato sostense por si só.
    “Eabeca…” encantoume, por un lado ciencia ficción, por outro escoller a Europa de Xúpiter. De todos xeitos, unha idea afouta que puido naufragar, pero non. Tamén pide máis de 500 palabras.
    Escolla moi complicada, pero votarei a “Eabeca…”.

  10. Lin varias veces os dous relatos e repasei cada un dos comentarios dxs compañeirxs. Deixástesme a cabeza coma un bombo, en plan ben, pero coma un bombo! Así que terei que ser breve porque non dou para moito. De “Eabeca” aprecio moito a mestura de ciencia-ficción e mitoloxía que nos leva do microuniverso galego ao macrouniverso planetario. É certo que a abundancia de referencias, motivos, topónimos e demais que se concentran nunha extensión tan curta produce un certo mareo que a min, en troques de tirarme fóra da lectura, me mete nela.
    A segunda lectura de “Tempo roubado” foi reveladora e moi necesaria para poñer cada peza no seu sitio. Os comentarios anteriores, ademais, axudáronme a apreciar a complexidade das referencias que contén. Non deixa de sorprenderme que os aeroportos, sendo estructuras arquitectónicas reais postas en lugares identificables, se poidan convertir en non-lugares, en limbos nos que calquera persoa sen documentación pode quedar atrapada de por vida. Creo que este relato recolle ben esa sensación de estar e non estar nun sitio (estar e non estar no territorio, na cabeciña e na propia vida).
    Gústame a forma e o estilo de “Eabeca”, mais prefiro a mensaxe de “Tempo roubado”. Antes de votar, dareille unha volta máis.

  11. Os dous son moi bos relatos. “Eabeca e as sete cidades de Europa” ten un moi bo plantexamento e arranque, pero o relato dentro do relato chirríame. “Tempo roubado” non me pareceu tan críptico, malia non sabermos ata o final cal é a situación. Ao non entender de todo o que acontece, créase no lector a sensación de confusión que debe sentir a personaxe, e a expectación por esa revelación final.
    O meu voto é para “Tempo roubado”.

  12. Vai o meu voto para “Eabeca e as sete cidades”. Aínda que me gustaría que o cantar estivese marcado de xeito distinto no texto e non son amiga de cancións (morre, Bombadil, morre!), a historia, a mitoloxía… todo o que se crea con tan poucas palabras encantoume, ademais, nesa Europa celeste. Brutal!
    “Tempo roubado” está ben escrito e é correcto, pero a min tampouco me encantou o cambio de narrador, penso que cunha volta máis se pode entender a situación sen ter que desmerecer ao monologador.

    • Matar a Tom Bombadil non é en realidade matar a Tolkien? Pero é tan odioso o tipo… que dilema ético! hahahaha

  13. “Eabeca e as sete cidade de Europa”. Por fin “algo” de ciencia ficción en Bisobardia, só algo… eu sonche algo máis de cify dura e o do furancho en Europa (que se agradece a referencia e tal) faime rechiar os dentes. Penso nesas colonias espaciais de mineiros cheas de carestía e falta de osíxeno e non consigo atopar viño nin cervexa. Pero é algo menor, vamos. O resto está moi ben, un microcosmos aí nu fado. Que sendo fado ben podía ser un fado, xa postos. Darlle aire de canción. Porque así non a ten, non hai ritmo nin cadencia. Penso que apostando por este formato se se consegue (cousa moi difícil) darlle xa o toque cantado melloraría moito como relato.

    “Tempo roubado”. Xa valeu a pena por ver o que vos comestes o tarro coa valoración. Eu son bastante de reler e tamén intento entender absolutamente todo o que encerra un relato. O que pasa é que as veces… pois tampouco compensa. O misterio tralo número catro non se achega nin de lonxe ás mans presas do fume do pai de 123456… aí está a gracia da literatura, imaxino. Neste relato hai potencial, sobre todo no protagonista, pero falta algo de chispa que prenda. Por certo, eu penso que o reloxo do final é o Énicar… xa podedes seguir a darlle voltas a todo de novo. Eu vou pasar o aspirador.

    O meu VOTO vai por “Eabeca” animando ao autor a tentar un fado.

  14. Pido desculpas pola concisión. Teño pouco tempo esta semana.

    ‘Eabeca’ está construído como un mito retrofuturista ou como universo simbólico? Son vías habituais na literatura fantástica que se practica hoxe en día en Galicia. Eu, que levo dous anos sendo xurado do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, encontrei moitos textos con este estilo. Non teño nada en contra pero penso que é un camiño algo complicado para tirarlle zume nun relato tan curto. E se ademais o autor utiliza a técnica de relato dentro de relato, considero que non houbo coidado na economía dos recursos literarios. A prosa non me acabou de chistar, pareceume algo antiga.

    ‘Tempo roubado’ nótase que está escrito por alguén que ten andado moito nos aeroportos. Supoño que as chaves que deixaron intrigada a audiencia teñen a ver con esta familiaridade. Paréceme difícil conseguir tirar algo de rédito literario dun tema que tamén está bastante usado como é o illamento da terminal. Hai intriga, hai imaxinación e quizais o autor non foi valente abondo como para non explicarnos todo no derradeiro parágrafo. E aínda así recoñezo que esa resolución está feita con sutileza e elegancia.

    Voto por ‘Tempo roubado’.

  15. Mimá! Cantos ríos de tinta vertestes por un conto!

    Se hai que explicar o sentido dunha historia, imos mal. Cando un relato é tan gótico (case mellor barroco) que consegue que as lectoras se perdan nas circunvolucións dos seus capiteis (impedíndolles ver o conxunto da obra), algo fallou na execución. Tempo roubado é todas as cousas que aquí se dixeron e algunha outra máis que non se dixo.
    O protagonista, (pode ser o arquitecto, ou crer que o é, ou todo o contrario), atrapado no labirinto que el mesmo deseñou, non é quen de destecer as redes de vidro e metal que o obrigan a vivir entre as portas que levan a Atenas e a Creta (capital, e aeroporto, Heraclión). Heraclión era, en efecto, unha das chaves do conto.
    O relato fala dos labirintos que constrúe a propia soidade, arredor e dentro de nós, mesmo rodeados de cantidades de persoas en tránsito, indiferentes as unhas ás outras, que circulan polo (outro) labirinto do aeroporto (a outredade, o de fóra de nós). É o aeroporto de Palma, o do Prat e todos os aeroportos. A historia de René Becker (adaptada moi libremente na película de Tom Hanks), serve como punto de partida e como escusa para tecer o diálogo (que non monólogo) sen respostas co que o protagonista atopa alivio á súa soidade amosando a casa que deseñou ao seu eu visitante (ti que tes a face que eu tiña hai catro anos) co fondo musical da canción dos Beatles (he’s a real nowhere man, sitting in a nowhere land…).
    En canto ao número catro, o Lois ten razón (parcialmente) en que podía ser o tres (un ano antes) ou o cinco (un ano despois). O caso é que a acción sitúase no ano catro, en parte pola historia do René Becker, pero sobre todo porque os aeroportos (e as construcións en xeral) non deixan de ser paralelepípedos rectángulos. E, en todo caso, porque cada un escribe como quere, algún número había que poñer e tiña que situar a acción nun intre concreto. Se non estivese ese elemento perturbador e repetitivo, coido que non tería transmitido a obsesión arquitectónica e labiríntica do protagonista. A obsesión que o mantén con vida. O número catro é o fío de Ariadna ao que se aferra o protagonista. Pensade por un intre en como quedaría o relato se lle quitamos os números catro e as súas repeticións…
    O cambio de foco do final considéroo obrigado. Por moitas voltas que se lle dea, o protagonista non pode dicir el mesmo que o tempo roubado é o reloxo roubado. Non pode ser, loxicamente, porque non sabe explicar que o tempo é o reloxo. Tampouco é posíbel, fisicamente, porque está durmindo despois dunha indixestión a causa de comer restos da vasoira dos «restaurantes» do aeroporto (as catro cociñas que hai en cada unha das terminais). Indixestión que case o mata ou pode que o matase xa… Se queredes, convídovos a propor solucións ao problema, neste mesmo fío de comentarios, inserindo no diálogo do protagonista o tema do reloxo roubado. Que era a outra historia que eu quería contar. Outro caso real. Coñecín un rapaz, ingresado en psiquiatría que cada día tentaba escapar en pixama. Tiña que recuperar o tempo. Perdín o tempo. Fáltame o tempo. Non sei que facer sen o tempo… Co “tempo” puiden atar cabos e cheguei á conclusión de que lle quedara o reloxo pechado nunha taquilla cando o foron buscar para ingresalo. Aquí xuntei as dúas historias (a do René e a do reloxo) para amosar a fraxilidade da mente humana, dependente dun obxecto que simboliza o tempo; un concepto inventado por nós do que temos unha dependencia absoluta.
    En realidade, Tempo roubado tería que se chamar Texto roubado pois chegou a ter perto de 700 palabras. Coido que perdeu referencias ao retallar parágrafos enteiros. Aínda así non hai escusa. Recoñezo que é un conto algo denso. Tanto que levou á Clara a obsesionarse coas pistas. Sinto todo o traballo que lle din para nada :(. Só agardo que a procura lle reportase algún tipo de pracer e que a tomase como a resolución dos puzzles dun xogo de Room Escape.
    Escusas, explicacións e desculpas aparte, o único certo aquí é que o relato do Guillermo é unha máis que boa historia e que pasou de rolda merecidamente. É o que ten a Champions: por moito xogo bonito que fagas, non pasas de fase se non metes ningún gol 😉. Ademais, ceibástesme do tema do Anal intruder que me tiña mareado XD . Graciñas a todas polos votos (a favor e en contra; comentados e sen comentar; de todo se aprende, incluso do silencio). Paseino moi ben nesta competición. Mágoa que non se achegue por aquí xente de fóra que universalice os comentarios. Creo que este certame merece máis proxección en tódalas cidades da Europa 😉.

    • Un bo torneo e un gran duelo, Amador. O meu voto queda reflexado un pouco nisto que contas ao final. Recoñezo o artificio enseñoso do catro…pero se me chegas a contar a historia do mozo que buscaba o tempo dentro do seu reloxo… aí xa me tiñas. Foron agora dúas liñas no teu comentario. Por iso che dicía que aí falta o foco na persoaxe. Agora sen cortapisas xa vas poder darlle todo o aire preciso ao relato. (Eu inda sigo a tallar nos do primeiro torneo…)

      Pd: Estou a disfrutar moito o voso medo e odio a “Anal Intruder” muahahahaha…

      • hahahah parecerache normal o do Anal Intruder macho. Hai xente que só quere ver o mundo arder…

      • Eu estou aquí só como excusa para ver como dúas persoas se enfrontan a un relato literario co tema “Anal Intruder” de “tras-fondo” o resto foron artificios para gañar tempo… Non me defraudes Guillermo… Hehehehehe

  16. Pasada xa a romería, veño aquí dar a grazas a todos os que me votastes. Foi este un conto que me custou a vida sacar de min, e iso que xa tiña claro desde un principio que o quería ambientar na Europa de Xúpiter. Como comentaba noutro sitio, o máis difícil para min das 500 palabras é buscar un formato que poida funcionar nesa lonxitude coas ideas que se me veñen. Neste caso, barallei bastantes historias, pero en todas elas sentía que ía gastar un montón de palabras facendo ambientación e contando a historia da colonia de galegos e o cambio climático en Europa. Así que decidín que a ambientación ía ser precisamente a historia, hahaha xusto o que me criticou Lois, pero non fun quen de argallar un formato no que contar algunha desas posibles tramas en tan poucas palabras e que se entendese a localización. De feito nesta mesma, a primeira versión que ensinei a miña irmá, nin sequera entendeu que pasaba todo nun satélite de Xúpiter, e tiven que colocar aínda máis pistas. É unha tensión curiosa entre o que un imaxina, o corsé onde o ten que meter, e a maneira en que os demais o poderán percibir. En todo caso, moi divertido.
    Só quería comentar que a pesar da tolada incrible que se marcou Clara para interpretar o relato en clave pictórica, non era a miña intención. O que non significa que o relato non poida funcionar en esos termos, xa que si que era a miña vontade falar da historia dentro dunha historia, e como esa se deforma, e o feito de que o rapto de Europa vivise en si mesma esa historia é unha preciosa coincidencia literaria.
    De feito, todo o asunto do canto de cego (hahaha Marcos viu como a zanfona se viraba sintetizador) ía un pouco na liña de colocar un narrador intermedio e que vos cuestionasedes canto había de certo nesa lenda, igual que nos cuestionamos canto hai de certo nas lendas galegas das cidades asolagadas (Brandomil en Corrubedo), ou no diluvio universal da biblia, da que fusilei unha frase directamente para describir o afundimento de Eabeca. Fíxome graza do comentario de Lois que dixese “Vale, suponse que son feitos reais e tal”, hahaha as lendas nunca son reais de todo, non?
    En cando ao comentario de David, probei a facer o relato en forma máis de canción, cheguei a colocalo en verso. Pero a verdade, non me atrevín, creo que non teño tanta maña para facer iso, polo menos nunha semana hahaha. Que conste que o intentei e creo que se notan as rimas internas e os xogos de ritmos no cantar de Briseida, non sei se chega.
    Por certo, quédame a dúbida de se alguén buscou o nome das cidades de Europa, que igual que Auria, non son inventadas.
    Paseino moi ben escribíndoo e iso que me costou.

    Parabéns tamén a Amador que se marcou un conto moi interesante. Foi unha pasada ver a Clara sacando o zume do relato, aínda que concordo en que funciona igualmente sen coñecer a historia de René. De feito, lendo o teu comentario, quédame bailando na cabeza tamén esa historia do pobre rapaz que perdeu o reloxo. Dous referentes moi interesantes que mesturar nun conto, e penso que o resultado foi algo con moita capacidade de evocar, incluso sendo algo críptico. Todo un pracer competir contra rivais de altura.

    • Pois dalle tempo e dalle formato poético. Dándolle hoxe voltas penso que é como mellor lle vai quedar. Desmarcas e xustificada o narrador intermedio e acudes a un recurso moi de idade media, os cantares de xesta. Para min así quedaría mallado.

    • Mágoa non pasar porque xa tiña preparado un anal intruder chulísimo. Sorte co tema XD Vala necesitar, aínda que confío na túa capacidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s