San Simón deixa de ser a capital dos Premios Xerais

Unha festa dos Xerais en San Simón.

Este ano non se coñecerán as obras premiadas coas tres modalidades do Xerais na illa de San Simón. A festa da editorial viguesa víñase celebrando sen interrupción na insua da ría de Vigo desde o 2005. Hai máis novidades neste ano, non na contía nin na categorización dos textos senón na presenza da propia editorial en cada un dos tres xurados. Xurado que, na categoría do Premio Xerais de Novela, incorpora por primeira vez o gañador da edición anterior.

A cultura galega dáse habitualmente ás tradicións. Témolas antigas, clásicas (o Día das Letras, que vai camiño dos 60 anos) e modernas. Unha destas tradicións modernas era a festa literaria que Xerais celebraba cada mes de xuño (case sempre o segundo sábado do mes) na illa de San Simón, un dos símbolos xeográficos, literarios e históricos de Galicia. Tradición feliz que vincula a cultura galega co escenario da cantiga de Mendiño desde o 2005. En realidade a primeira festa insular ía celebrarse un ano antes. Mais os gañadores do 2004, Manuel Veiga Taboada en novela e Xesús Manuel Marcos co Merlín, recibiron o premio en Vigo tras suspenderse a festa prevista tras o naufraxio do buque Bahía, que tiña base en Cesantes, xusto enfronte da illa.

O ano seguinte empezou unha tradición en San Simón que case sempre tivo catro elementos principais: as viaxes no catamarán, a figura dun mantedor literario, cada ano distinto, con discursos memorables e moi emocionantes, a merenda ao aire libre amenizada con música do país e os fogos artificiais que lles indicaban aos asistentes a hora de voltar á terra firme e esquecer a concentración de alegría, diseminada loxicamente polos, nun caso dous nun caso tres gañadores dos máis famosos premios das letras galegas actuais. Tradición cuxa mestra de cerimonias, Celia Torres, mantivo sempre a un altísimo nivel organizativo.

Mais a tradición chega á súa fin. Dentro da etapa de cambios que vive Edicións Xerais de Galicia, no 2018 desvincúlase a noticia dos premios da festa para celebralos. O nome dos gañadores do Xerais, Jules Verne e Merlín coñecerase tras a decisión dos xurados o 2 de xuño. E será en outubro, cando se publiquen os tres libros gañadores, cando a editorial organizará unha festa literaria da que aínda non deu detalles. Pola época do ano parece improbable que a editora pense en organizar tal acto en San Simón. Na súa nota oficial, Xerais non explica se a decisión é de carácter económico ou comercial aínda que todo parece indicar que a reestruturación interna ten moito a ver con este cambio.

Tamén hai cambios na definición dos equipos dos xurados. Xerais cambia os secretarios (con voz e sen voto) das tres categorías. A partir de agora non son persoas da propia editorial quen desenvolvan esta función. O profesor e crítico Ramón Nicolás será o secretario do Xerais; a profesora e crítica Isabel Mociño, o Jules Verne, e o profesor e escritor Miguel Vázquez Freire, o Merlín. Até agora desenvolvían esas funcións Fran Alonso, Noli Moo e Helena Pérez. O relevo máis sorpresivo foi o de Helena Pérez no Merlín. A identificación entre a editora e o premio era plena e moitos aspirantes que enviaron orixinais ao premio ficaron sorprendidos ao saber que ela non estará, como xa foi de costume durante tantos anos, coordinando o xurado. Pérez foi secretaria desde a creación do certame. Pérez, posteriormente, foi relevada da dirección da colección Merlín pero o cambio na secretaría dos xurados foi previo a esta remuda.

Nos xurados haberá tamén novidades. No xurado do Xerais de novela estará o último gañador do certame, o escritor Santiago Lopo. É a primeira vez que ocorre. De feito, Xerais sempre intentara fuxir do xurado “literario” e abrira o arco a profesionais doutras áreas. Mais si é certo que nos últimos anos foise consolidando un deseño de xurados relacionados coa comunicación e a lectura nalgunha das súas facetas. Tamén se experimentou con abrir unha convocatoria pública para escoller un dos membros do xurado. Mais o resultado non debeu gustar na editorial, vendo que se consolida un xurado onde o gusto pola lectura é o ingrediente común a todos os membros.

Onde non houbo cambios foi no equilibrio na dotación dos premios: 10.000 para cada categoría. Aínda así, como de costume, hai máis aspirantes ao Xerais de novela (37) ca ao Merlín (32). O Verne é o estatisticamente máis doado de gañar, con só 22 obras aspirantes. Tamén se demostra ano tras ano que a trascendencia da obra gañadora nesta categoría é ben menor que nas outras dúas, a teor da atención da crítica e dos lectores dunhas ou doutras categorías.  O ano pasado presentáranse 42 novelas ao Xerais, 35 no Merlín e 19 no Jules Verne.

Xustamente o cambio no calendario da festa dos Xerais pode procurar unha maior inmediatez entre a repercusión da gala de entrega dos galardóns e a posibilidade de comprar os propios libros, algo que co actual sistema non se podía lograr; cando os Xerais saían ao mercado xa había tempo que se apagaran os (modestos) ecos da gran festa de San Simón.

Advertisements

2 comentarios en “San Simón deixa de ser a capital dos Premios Xerais

  1. A min sorprendeume moitísimo que se faga público o nome dos compoñentes do xurado antes de que saia o ditame. Non pode iso xerar (potencialmente) presións cara o xurado por parte dalgún do participantes? Eu, como parte do meu traballo participo en numerosas avaliacións de proxectos (non literarios) e o segredo sobre a identidade dos avaliadores é a regra número 1.

    Como este é o meu primeiro comentaripo en biosbardia, aproveito para felicitar os seus responsabeis. Ofrecedes unha información ben útil sobre que libros paga a pena ler.

    • Moitas grazas, Daniel. Publicar o nome do xurado é anómalo nesta altura, é certo. Habitualmente sempre se fixo público coincidindo coa publicación dos finalistas de cada categoría. Oxalá volvas comentar moitas veces. Apertas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s