‘Os fillos do lume’, un trato xusto

Pedro Feixoo (xesticulando, no centro da imaxe) dirixe un roteiro literario en Vigo. XERAIS.

César Lorenzo Gil.

Pedro Feixoo é un dos varios escritores en lingua galega que procura superar o nivel medio de vendas en cada unha das súas novelas. Ao contrario da maioría dos seus colegas, el consegue o seu obxectivo e conta cada publicación como un “éxito” comercial, relativizando este termo nun mercado cativo e marxinado coma o galego. Nese espazo da procura do best-seller no noso idioma, onde outros fracasan, el acerta. Nun momento no que xa non hai unha identificación clara entre narrativa galega e unha pequena presada de nomes, Feixoo conseguiu crear a súa propia marca. Os fillos do lume (Xerais) é un claro manifesto do modelo de ficción que o vigués ofrece e que o seu público pide.

Os fillos do lume é unha novela convencional, accesible e moi facilmente resumible. Durante a festa da Reconquista de Vigo, alguén asasina o “napoleónico” alcalde da cidade. Simón e Mariña, protagonistas da primeira novela da serie, Os fillos do mar, deben investigar o crime e acabarán enredados nunha conxura cuxo pano de fondo son as vicisitudes históricas da localidade.

Entre a intriga, a aventura, o wikipedismo e o humor define Feixoo as coordenadas deste libro. Nútrese da tradición do folletín pasado pola evolución da ficción narrativa, especialmente a través do guión televisivo. O autor non agocha as costuras da súa inspiración. O relevante de libros coma este non é o texto senón o contexto, procura máis unha sensación ca unha mensaxe. É un libro que busca que o lector o devore a cada páxina, un pasatempo con máis prestixio ca un encrucillado no xornal ou unha partida a calquera xoguiño do móbil. Un libro que, como todos os da súa caste, precisa que o comprador o perciba como un bo investimento na ratio de número de páxinas que paga cos seus 21 euros e a súa equivalencia en horas de lecer.

A trama é moi básica e pon a proba o fígado da verosimilitude desde o primeiro capítulo. Ao lector non lle chega con suspender a incredulidade, debe amordazala e metela nunha cámara frigorífica insonorizada.

A novela faise costa arriba para lectores que procuran un mínimo de coidado literario. Non é que estea mal escrito. Ao contrario, Feixoo é, nesta obra, ben menos edulcorado ca outros escritores galegos actuais cos mesmos obxectivos e fai un esforzo por conter a tendencia habitual por sobreadxectivar. Mais en ningún momento se permite a liberdade de deixar unha pegada estilística, de modernizar o xénero aínda que sexa unha migalla.

Seguramente porque Feixoo considera que o seu estilo está nos diálogos. O autor gústase cando deseña liñas de diálogos, ensaia un rexistro humorístico e áxil que se nota seguro. O diálogo é a vía que o propio autor ten para amosarse tal e como lle gustaría que o lector o percibise. A marca persoal que consegue que unha novela de Pedro Feixoo se lea porque é de Pedro Feixoo.

Cando digo que o contexto interesa máis ca o texto nesta novela, cómpre valorar a naturalidade de Feixoo para ofrecer produtos estándares na literatura comercial tomando referentes propios. Afeitos aos escenarios simbólicos alleos (especialmente os localizados nos EUA, a través da súa acoirazada industria cultural) sempre dá gusto ver que se pode plasmar (con éxito) ideas imaxinativas coma o asasinato do alter ego de Abel Caballero ou converter a microhistoria de Vigo en algo tan substancioso que alicerza unha novela. O tópico di que a literatura serve para explicar a sociedade na que se crea dun xeito máis auténtico que calquera outra ciencia. A literatura como aplicación práctica da historia. Facendo unha paráfrase, a narrativa de Feixoo é unha aplicación práctica da teoría do Turismo. Non en van, Feixoo acaba de publicar Camiñar o Vigo vello (Xerais) e engade para cada un dos seus libros un roteiro literario.

N’Os fillos do lume Feixoo conseguiu o equilibrio entre a súa proposta e as expectativas dos seus lectores. Foille máis doado que en anteriores traballos porque volveu á orixe pero ten mérito igual porque ninguén vai quedar decepcionado se xa era lector seu. Mais hai que recoñecerlle que segue a ser fiel á lingua propia e a unha visión simbólica xenuinamente galega e autónoma. Feixoo non necesitou renunciar a nada para ser publicado en castelán. A súa é unha narrativa popular non literaria que non só conecta cun público estable e fiel senón que logra que determinado tipo de lector se sinta a gusto e recunque. Nun momento no que seguimos en perigo de confundir a literatura galega cun xénero literario máis na mente do comprador de libros, esta fenda para rachar tópicos e preconceptos é unha gran noticia.

♦Os fillos do lume, de Pedro Feixoo, Xerais, 2017. 504 páxinas. ♠21€

Advertisements

3 comentarios en “‘Os fillos do lume’, un trato xusto

  1. Xa que hai tempo que os tiros van por renunciar á literatura, polo menos tirar polo entretemento, cousa que, licencias ficticias a un lado, non significa tratar o lector coma se padecese algún tipo de tara intelectual.
    Ben por el.

  2. “A súa é unha narrativa popular non literaria que non só conecta cun público estable e fiel senón que logra que determinado tipo de lector se sinta a gusto e recunque. Nun momento no que seguimos en perigo de confundir a literatura galega cun xénero literario máis na mente do comprador de libros, esta fenda para rachar tópicos e preconceptos é unha gran noticia.” (Cequelinhos)

    Todo o que teño lido do Pedro Feixoo é mais ben sobre o Pedro Feixoo, sobre os seus libros; é dicer, algúns artigos de crítica literaria na liña mais ou menos que nos propón o Cequelinhos. Polo tanto, pouco ou nada teño que dicer. Libros para maiorías, libros para minorías; libros para o consumo masivo, libros para paladares esquisitos ou requintados. Un debate que xa me colle un pouco pasado de anos e de debates.

    O caso é que estou lendo un libriño do Josep Maria Espinàs (1927, 91 anos, aínda en activo) publicado no ano 2000, cuando tiña 73 anos, e reeditado no 2017. TEMPS AFEGIT. Como pon na contraportada: “TEMPS AFEGIT és un recull de pensaments, una tria de moments salvats. Escrits amb tanta brevetat com intensitat, aconsegueixen que les idees i els sentiments quedin tensats al màxim. Si Miró deia que per ser universal s’ha de ser local, Espinàs demostra que per arribar a l’essència de la vida només li cal aturar un moment quotidià i donar-li una dimensió que reflecteix la condició humana.” Creo que estas liñas definen mui ben a esencia do personaxe e do seu estilo. Logo ven un anaquiño do Joan Josep Isern (Avui, 2001) que tamén insiste no mesmo: “UN LLIBRE ESSENCIAL EN QUÈ TOT HI ÉS EN LA SEVA JUSTA MESURA. EXEMPLAR. EL LLIBRE ON L´ESPINÀS S´HA BUIDAT AMB MÉS GENEROSITAT. BELL EXERCICI DE TENDRESA, DE CLARIVIDÈNCIA I DE LLIBERTAT.” (as maiúsculas son miñas). Etc.

    Ven isto a conto porque duas das reflexións ou pensamentos do libriño pode que teñan a ver coas palabras finais do Cequeliños sobre o Pedro Feixoo. A primeira titúlase LA FATALITAT DE L´ESCRIPTOR. Cópiovos a parte final:

    “Però la majoria no accepten aquesta fatalitat, i estan segurs que escriuen allò que volen escriure i que ho fan d´acord amb un plantejament que han elegit. Aquesta convicció els proporciona, com es comprèn, una íntima satisfacció. I a més els permet jutjar els altres -els que reben bones crítiques si ells no les reben, els que tenen bones vendes si ells no les tenen- com si ho haguessin aconseguit per astúcia o planificació. SENSE ENTENDRE QUE UN ESCRIPTOR NOMÉS POT PRODUIR VINS DE LA SEVA DENOMINACIÓ D´ORIGEN. Si això es veiés clar, la pau literària seria un fet.”

    A segunda, L´HIBRIDISME, e é a segue no libriño á anterior:

    “He continuat pensant en la incapacitat que té un escriptor per decidir que serà majoritari o minoritari. Partint de la fatalitat en la qual crec, tinc la impressió que jo no escric per a una majoria ni per a una minoria, i això és una limitació com les altres, no una tria, encertada o desencertada. Simplement, les coses surten com surten. Penso que, sense proposar-m´ho, escric per a algunes persones que pertanyen a un d´aquests dos àmbits diferents, el minoritari i el majoritari. I ho penso perquè algunes persones d´una mena i algunes de l´altra em diuen que m´han llegit. I si això és així, POTSER ÉS PERQUÈ JO SÓC, com tanta gent, encara que no ho siguin tots els escriptors, MAJORIA I MINORIA ALHORA, I EM MOC LITERÀRIAMENT, per tant, EN UN TERRENY IRREGULARMENT SEMBRAT, QUE NO ÉS APTE PERQUÈ HI CREIXI LA FLOR DEL NOBEL NI LA COLLITA DELS BESTSELLERS. AQUEST HIBRIDISME POTSER PROPORCIONA, COM A COMPENSACIÓ, UN CERT RELATIVISME HIGIÈNIC -MENTAL, VITAL.”

    Saúdos.

  3. Na portada deste libro, RELACIONS PARTICULARS (http://www.llegirencasdincendi.cat/2018/01/relacions-particulars-josep-maria-espinas/), podedes ver ao Espinàs ao cavaliño do CJC.

    “Cal recordar que Espinàs i Cela van compartir una caminada pel Pirineu, excursió sobre la que escriurien un llibre cadascú (Viaje al Pirineo de Lérida un, i Viatge al Pirineu de Lleida l’altre). Es veu que mentre Espinàs ho anotava tot, en Cela era més poc organitzat, no escoltava la gent i al final preguntava què havien vist i s’inventava els diàlegs.”

    Como xa sabedes, o Espinàs tamén escrebeu A PEU PER GALÍCIA. DE LA ULLOA A VAL DE CAMBA (http://lacampanaeditorial.com/llibre-199/) e A PEU PER LA COSTA DA MORTE (http://lacampanaeditorial.com/llibre-231/). Non sei se están traducidos ao galego.

    Saúdos, outra volta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s